Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 22 de outubro de 2019 Páx. 46280

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.

En virtude da Orde do 31 de marzo de 2017 (DOG núm. 69, do 7 de abril) convocouse o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas. Na dita orde establécese como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.2.2 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á data de publicación da convocatoria, e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que as persoas aspirantes que superen o terceiro exercicio deste proceso selectivo ou estean exentas del poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar o procedemento que hai que seguir para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.

De acordo co establecido na base II.2.2 da convocatoria, os méritos que se baremarán na fase de concurso deberán referirse á data de publicación da convocatoria, que foi o 7 de abril de 2017.

Segundo. No prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación polo tribunal no DOG das notas do terceiro exercicio da fase de oposición ou da resolución pola que se declaren todas as persoas aspirantes exentas deste, as persoas aspirantes actuarán do seguinte xeito:

Deberán acceder á seguinte páxina web: https://www.xunta.gal/funcion-publica/expediente-administrativo na cal poderán comprobar os méritos que teñen rexistrados no seu expediente electrónico.

Para accederen poderá empregar calquera dos seguintes métodos de acceso:

• Certificado electrónico.

• Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

• Usuario/chave do directorio electrónico da Xunta (son as mesmas credenciais con que acceden aos seus ordenadores).

Unha vez dentro xerará o impreso de emenda ou conformidade a partir da súa ficha de persoal.

Comprobados os datos que figuran no impreso electrónico xerado poderá actuar de dúas formas.

No suposto de estar conforme cos datos consultados, validaraos sen facer ningún cambio pechando o impreso e realizando a presentación electrónica automática. O sistema pechará o impreso de conformidade e realizará a presentación electrónica. Posteriormente poderá xerar en formato PDF o seu impreso de conformidade en que se visualizará o número de rexistro e a data de presentación.

No suposto de non estar conforme con algún dos datos porque se considere que son erróneos ou están incompletos, a persoa interesada deberá completar ou corrixir a información rexistrada. Ao finalizar as correccións pechará e imprimirá o impreso de emenda e remitirao á Dirección Xeral da Función Pública, e achegará a documentación válida para xustificar os méritos engadidos ou modificados.

Terceiro. Os datos reflectidos no impreso de conformidade ou no de emenda serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Calquera dato omitido pola persoa interesada non poderá ser invocado por esta para os efectos de futuras reclamacións, nin considerar por tal motivo lesionados os seus intereses e/ou dereitos.

Calquera impreso de conformidade ou de emenda que non reúna os requisitos ou que fose rexistrado fóra do prazo establecido terase por non presentado.

Cuarto. Exclúese deste procedemento a xustificación dos seguintes méritos:

a) O establecido na base II.2.1.b) (grao persoal consolidado e formalizado), que será comprobado de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública.

b) Os establecidos na base II.2.1.f) (exercicio dos dereitos de conciliación). Neste caso, as persoas aspirantes presentarán certificación segundo o modelo que figura como anexo I a esta resolución, que será expedida e debidamente asinada polas unidades seguintes de acordo co destino definitivo de cada aspirante no día de publicación desta resolución no DOG:

– Servizos centrais: secretario/a xeral técnico, subdirector/a xeral ou xefes/as do servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva, ou titulares dos órganos ou unidades equivalentes das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

– Servizos periféricos: xefes/as territoriais ou, de ser o caso, funcionario/a responsable da área de persoal das xefaturas territoriais da consellería respectiva, ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

A documentación a que se refire a alínea b) deste punto cuarto deberá ser presentada polas persoas aspirantes no prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación polo tribunal no DOG das notas do terceiro exercicio da fase de oposición ou da resolución pola que se declaren todas as persoas aspirantes exentas deste. Esta documentación irá dirixida á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2019

José Mª Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Méritos que se fan constar relativos á fase de concurso

Don/Dona

(Nome da persoa funcionaria que certifica)

Cargo

CERTIFICA que, segundo os datos que constan neste centro directivo, Don/Dona ___________________________________________________________, con DNI __________________________, ten acreditados os seguintes méritos:

Base II.2.1.f) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria do proceso selectivo no DOG:

Permiso por parto, adopción, acollemento ou nacemento; ou redución de xornada artigo 106.2.a) e b) da LEPG

Desde

Ata

Excedencia por coidado de familiares

Desde

Ata

O que fago constar para os correspondentes efectos de participación no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 31 de marzo de 2017, publicada no DOG núm. 69, do 7 de abril, e asino esta certificación en __________________________, o ________________________