Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 22 de outubro de 2019 Páx. 46269

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2019 pola que se convoca un curso de iniciación e un curso de formación avanzada nas tecnoloxías e recursos topográficos.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación,

RESOLVO:

Convocar dous cursos, un de iniciación e outro de formación avanzada nas tecnoloxías e recursos topográficos xeorreferenciados, que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderán participar na acción formativa convocada nesta resolución os/as arqueólogos/as, arquitectas/os con responsabilidades no ámbito de protección e xestión do patrimonio na Consellería de Cultura e Turismo que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de cinco días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitir á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 xaneiro). Terán preferencia na inscrición aquelas persoas solicitantes que realicen funcións directamente relacionadas coa materia impartida.

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo).

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas horas presenciais da actividade formativa non poderán superar o 10 % da duración desta. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade.

d) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia a un mínimo do 90 % da duración da actividade.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A falta de superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito ao certificado de participación na actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado das tarefas e cuestionarios propostos.

Non se expedirán certificados de asistencia sen a superación do curso.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Consellería de Cultura e Turismo poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa e, no suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Consellería de Cultura e Turismo reservan para si o dereito a suspender ou cancelar as actividades, todo o cal será notificado ás persoas interesadas a través dos medios de notificación previstos na normativa vixente.

2. A EGAP e a Consellería de Cultura e Turismo resolverán todas as continxencias que poidan xurdir no desenvolvemento e na xestión das actividades. Corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

3. A EGAP e a Consellería de Cultura e Turismo garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

– Código: CV19061.

Área de coñecemento: Tecnoloxías de información e comunicación (TIC).

Nome do curso: Iniciación ás tecnoloxías e recursos topográficos xeorreferenciados.

1. Obxectivos.

• Coñecer as principais tecnoloxías SIX (sistemas de información xeográfica), obtendo unha perspectiva destas ferramentas de análise e as posibilidades que ofrece esta tecnoloxía.

• Experimentar os rudimentos da súa aplicación en casos reais sinxelos procedentes da súa práctica diaria.

• Valorar as posibilidades de introdución destas tecnoloxías e recursos no seu fluxo de traballo.

2. Destinatarios/as.

Arqueólogas/os e arquitectas/os con responsabilidades no ámbito de protección e xestión do patrimonio na Consellería de Cultura e Turismo.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Núm. de edicións: 1.

Duración: 12 horas.

Datas: 4, 5, 8, 11, 12 e 15 de novembro na aula Amtega en San Caetano en Santiago de Compostela das 9.00 ás 11.00 horas.

– Código: CV19060.

Área de coñecemento: Tecnoloxías de información e comunicación (TIC).

Nome do curso: Formación avanzada en tecnoloxías e recursos topográficos xeorreferenciados.

1. Obxectivos.

• Dominar a nivel usuario básico as tecnoloxías SIX (sistemas de información xeográfica) implementadas nas ferramenta TIC de xestión de procedementos vinculados ao patrimonio.

• Experimentar extensivamente a súa aplicación en casos reais sinxelos procedentes da súa práctica diaria.

2. Destinatarios/as.

Arqueólogas/os e arquitectas/os con responsabilidades no ámbito de protección e xestión do patrimonio na Consellería de Cultura e Turismo.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial

Núm. de edicións: 1.

Duración: 12 horas.

Datas: 18, 20, 22, 25, 27 e 29 de novembro na aula Amtega en San Caetano en Santiago de Compostela das 9:00 ás 11.00 horas.