Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 23 de outubro de 2019 Páx. 46402

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do fondo de acción social do exercicio económico 2018, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido na norma 6.2 dos criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2018, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia do 1 de agosto de 2019 e publicados pola Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 2 de agosto de 2019 (DOG núm. 165, do 2 de setembro), o anuncio de exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Dado que nas listaxes preceptivas figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos pola Lei orgánica 15/1995, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade dos/as solicitantes ou dos/as causantes das axudas, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Dando cumprimento ao prescrito, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listaxes provisionais das axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do fondo de acción social do exercicio económico 2018 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS.

Para o coñecemento íntegro do acto os solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.

Segundo. Contra a resolución provisional dos expedientes os/as interesados/as poderán presentar reclamación e, de ser o caso, emendar os defectos causantes da exclusión provisional, no prazo de dez díaz hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, en calquera dos rexistros públicos, oficinas de Correos e demais lugares establecidos no artigo 16.4 da devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As reclamacións e achegas de documentos deberán dirixirse ao director xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, no Edificio Administrativo San Caetano, número 1, piso 2º, 15770 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública