Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 23 de outubro de 2019 Páx. 46426

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 16 de outubro de 2019 pola que se modifica a Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

No Diario Oficial de Galicia núm. 126, do 4 de xullo de 2019, publicouse a Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

No artigo 17, no seu primeiro número establécese que «1. Unha vez notificado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación é o día 8 de novembro de 2019. A persoa interesada deberá presentar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión».

A tardía data de publicación da convocatoria determina que a fase de instrución e a resolución dos expedientes finalizará máis alá das datas inicialmente previstas, polo que, co fin de garantir a maior eficacia posible no desenvolvemento dos proxectos de intervención subvencionados, considérase recomendable modificar o prazo de finalización da xustificación, inicialmente previsto.

En consecuencia, no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019

O primeiro número do artigo 17 da Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, queda redactado como segue:

«1. Unha vez notificado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación é o día 30 de novembro de 2019. A persoa interesada deberá presentar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social