Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 24 de outubro de 2019 Páx. 46603

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO de convocatoria de comisión de servizos para bombeiros.

Pola Resolución da tenente de alcalde e concelleira delegada da Área de Empresa, Economía, Seguridade e Organización Municipal do 10 de outubro de 2019, disponse o seguinte:

«Primeiro. Ordenar que, conforme a orde de inicio de expediente de data de sinatura electrónica, se aprobe a convocatoria para a provisión temporal, en réxime de comisión de servizos, dos postos de traballo de 15 bombeiros e 4 condutores bombeiros, asociados ás prazas vacantes incluídas nas ofertas de emprego público 2017, 2018 e 2019, coas características seguintes:

– Requisitos do posto de traballo segundo a relación de postos de traballo do Concello de Vigo:

• Bombeiro:

Réxime: funcionario de carreira.

Subgrupo: C2.

Escala: Administración especial.

Subescala: servizos especiais.

Titulación: graduado escolar, FP I ou equivalente.

Complemento específico: 1.473,47 € brutos/mes.

• Condutor-bombeiro:

Réxime: funcionario de carreira.

Subgrupo: C2.

Escala: Administración especial.

Subescala: servizos especiais.

Titulación: graduado escolar, FP I ou equivalente. Deberán estar en posesión do carné de conducir da clase C+E.

Complemento específico: 1.473,47 € brutos/mes.

– As funcións do posto de bombeiro e condutor bombeiro serán as establecidas respectivamente nos artigos 19 e 20 do Regulamento do Servizo de Extinción de Incendios (Pleno do 2.3.1998, BOP do 7 de abril).

Segundo. As solicitudes dirixiranse á Alcaldía Presidencia do Concello de Vigo e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, ou por calquera medio previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e normativa de concordante aplicación, durante un prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

No caso de presentar as instancias en Administración distinta, e co obxecto de axilizar o procedemento, o/a interesado/a comunicarao por correo electrónico ao enderezo ofi.persoal@vigo.org, dentro do prazo establecido para a presentación de instancias. As solicitudes que se presenten na oficina de Correos deberán entregarse nun sobre aberto para seren seladas e datadas polo funcionario correspondente antes de seren certificadas.

A solicitude conterá, polo menos, os datos persoais do/da solicitante, enderezo, número de teléfono fixo/móbil, enderezo de correo electrónico, xunto cunha copia simple do DNI en vigor e a indicación de se opta ao posto de bombeiro ou de condutor-bombeiro.

Coas solicitudes deberán achegarse ademais, as certificacións e os documentos xustificativos dos requisitos exixidos na presente convocatoria, que son os seguintes:

• Certificación expedida polo Concello de procedencia acreditativa de que o aspirante en cuestión é funcionario de carreira pertencente ao corpo de bombeiros coa categoría de bombeiro ou condutor bombeiro e que reúne os requisitos establecidos para o desenvolvemento do posto de traballo, nos termos da normativa vixente e segundo a vixente relación de postos de traballo do Concello de Vigo (punto primeiro da resolución).

• Curriculum vitae que conteña relación individualizada de méritos, formación e traxectoria profesional que se alegan.

• Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin permanecer en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala correspondente.

• Declaración xurada ou promesa de posuír a capacidade funcional para o desenvolvemento das tarefas propias do posto de traballo.

Terceiro. A duración da comisión de servizos será a necesaria para cubrir as vacantes respectivas con carácter definitivo e, como máximo, un ano prorrogable por outro, nos termos do marco normativo de aplicación.

Cuarto. Ordenar a urxente publicación da resolución no Boletín Oficial del Estado, Diario Oficial de Galicia e Boletín Oficial da provincia de Pontevedra».

Contra a presente resolución, e de conformidade co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Vigo no prazo de 2 meses, nos supostos, termos e condicións do disposto nos artigos 8, 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Se se interpuxo o primeiro, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Vigo, 11 de outubro de 2019

O alcalde
P.D. (Decretos do 18.6.2019, 26.6.2019 e 2.9.2019
e acordos da XGL do 20.6.2019, 4.7.2019 e 5.9.2019)
Elena Espinosa Mangana
Tenente de alcalde e concelleira delegada da Área de Empresa,
Economía, Seguridade e Organización Municipal