Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 29 de outubro de 2019 Páx. 46983

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico experimental NED (2 MW) e da súa liña eléctrica de evacuación, no concello da Pastoriza (Lugo), promovido por Norvento Tecnología, S.L.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento Tecnología, S.L. (anteriormente Norvento Energía Distribuida, S.L.) en relación coa autorización administrativa previa do parque eólico experimental NED (2MW) e da súa liña eléctrica de evacuación, constan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 23.12.2016 a empresa Norvento Energía Distribuida, S.L. presentou ante esta dirección xeral solicitude de autorización administrativa previa e aprobación do estudo de impacto ambiental do parque eólico experimental NED (2 MW) e a súa liña eléctrica de evacuación, xunto co documento Anteproxecto do parque eólico experimental NED (2MW) e liña de evacuación. Decembro 2016.

Segundo. Con data 24.1.2017 a empresa promotora solicitou ante esta dirección xeral o recoñecemento de parque eólico experimental con alto compoñente en I+D+i para o parque eólico experimental NED (2 MW).

Terceiro. Con data do 22.2.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas emitiu resolución pola que se recoñece a condición de parque eólico experimental con alto compoñente en I+D+i ao parque eólico experimental NED (2 MW).

Cuarto. Por Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e o proxecto das instalacións do parque eólico experimental NED (2 MW) e a súa liña eléctrica de evacuación.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.6.2017, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 9.5.2017 e no xornal El Progreso do 11.5.2017. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado da Pastoriza, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. Durante a tramitación do procedemento, a dirección xeral remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do anteproxecto de execución do parque eólico e a súa liña de evacuación aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Deputación de Lugo, Retevisión I, S.A., Retegal, S.A., Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Concello da Pastoriza.

Sexto. O 4.5.2017 a Deputación de Lugo emitiu o correspondente condicionado técnico, sen prexuízo da necesidade de que a promotora obteña da Deputación de Lugo previamente á execución das obras a correspondente autorización destas. Con data do 28.6.2017 a promotora manifestou a súa conformidade co indicado.

Sétimo. O 17.5.2017 Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do anteproxecto, o correspondente condicionado técnico, onde comunicou que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto en tanto se manteñan as coordenadas do parque e dos aeroxeradores, e solicita que se lles comunique calquera modificación para avaliar as posibles afeccións. Con data do 8.6.2017 a promotora manifestou a súa conformidade.

Octavo. O 18.5.2017 o Concello da Pastoriza informou de que non establecería condicionado técnico en relación coa separata do anteproxecto do parque eólico e coa súa liña de evacuación.

Noveno. O 1.6.2017 Retegal, S.A. emitiu condicionado en que, se ben non se observan obstrucións directas dos sinais de televisión TDT, non se poden descartar totalmente e establece a necesidade de compromiso por parte da promotora de realizar campañas de medición de cobertura e corrección dos defectos futuros. O 28.6.2017 a promotora comunica a súa conformidade coas conclusións do condicionado pero entende que non resulta necesaria a realización por parte do promotor dunha campaña de medidas para comprobar as medidas da cobertura.

Décimo. O 13.6.2017 a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil emitiu informe en que estableceu unha serie de condicións respecto do proxecto e indica a necesidade de autorización por parte deste organismo en relación coa liña eléctrica de evacuación. Con data do 4.8.2017 a promotora deu resposta ao condicionado non opoñéndose ao contido deste.

Décimo primeiro. O 20.9.2017 o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co documento Anteproxecto do parque eólico experimental NED (2 MW) e liña de evacuación (Decembro 2016).

Décimo segundo. O 24.11.2017 Norvento Energía Distribuida, S.L. presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia un escrito en que solicitou a tramitación do proxecto do parque eólico conforme a disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Décimo terceiro. O 28.12.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico e á súa liña eléctrica de evacuación, que fixo pública por Anuncio do 29 de decembro de 2017 (DOG nº 33, do 15 de febreiro de 2018).

Décimo cuarto. O 1.3.2019 Marta Fernández Castro, actuando en nome e representación da sociedade Norvento Tecnología, S.L. comunicou a modificación da denominación social de Norvento Energía Distribuida, S.L. a Norvento Tecnología, S.L.

Décimo quinto. O 31.5.2019 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou de que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo sexto. O parque eólico conta cos permisos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 2 MW, segundo informe do xestor de rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes,

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no artigo 7 do Decreto 30/2011, do 17 de febreiro, polo que se establece o procedemento para a autorización de parques eólicos experimentais con alto compoñente de I+D+i na Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos no Decreto 30/2011, do 17 de febreiro, polo que se establece o procedemento para a autorización de parques eólicos experimentais con alto compoñente de I+D+i na Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Así mesmo, inclúese a información indicada nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico experimental NED (2 MW) e a súa liña eléctrica de evacuación, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 28.12.2017:

a) Na epígrafe 4 da DIA recóllese a proposta de resolución, que literalmente di: «Logo de examinar a documentación que constitúe o expediente ambiental, este Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais das condicións incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, as que se recollen ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre elas, prevalecerá o disposto nesta proposta de DlA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico experimental NED e á súa liña eléctrica de evacuación. As características deste proxecto recóllense no punto primeiro desta resolución.

Na epígrafe 3 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

3.2. Protección da atmosfera.

3.3. Protección das augas e leitos fluviais.

3.4. Protección do solo e infraestruturas.

3.5. Xestión de residuos.

3.6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

3.7. Protección do patrimonio cultural.

3.8. Integración paisaxística e restauración.

3.9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

3.10. Outras condicións

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico experimental NED (2 MW) e a súa liña eléctrica de evacuación de media tensión (20 kV), sito no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido por Norvento Tecnología, S.L., cunha potencia de 2 MW.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Peticionario: Norvento Tecnología, S.L.

Enderezo social: rúa Aller Ulloa, Ramón María, nº 23, 27003 Lugo.

Situación: concello da Pastoriza (Lugo).

Área de desenvolvemento eólico (ADE): I-2-6 (A Pastoriza).

Potencia nominal máxima para instalar: 2 MW.

Produción: 4.900 MWh/ano.

Horas equivalentes: 2.450 heq.

Orzamento de execución material: 2.103.349,16 €.

Orzamento de execución por contrata: 2.502.985,50 €.

Poligonal de delimitación do parque (Datum ETRS89, fuso 29):

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

628.250

4.798.500

2

629.090

4.798.500

3

629.090

4.798.970

4

629.680

4.798.970

5

629.680

4.799.900

6

628.250

4.799.900

Posicións dos aeroxeradores (Datum ETRS89, fuso 29):

Nº aero

UTM-X

UTM-Y

NED01

628.703

4.799.332

NED02

628.833

4.799.255

NED03

628.902

4.799.131

NED04

629.059

4.799.138

NED05

628.515

4.799.471

Posicións das torres meteorolóxicas (Datum ETRS89, fuso 29):

Nº torre

UTM-X

UTM-Y

TM_01

628.765

4.799.301

TM_02

628.986

4.799.033

TM_03

628.593

4.799.380

As características técnicas principais das instalacións de xeración, transformación e interconexión do parque eólico experimental NED e da súa liña eléctrica de evacuación son as seguintes:

Parque eólico experimental NED (2 MW).

– 5 aeroxeradores Norvento Energía Distribuida (NED) de entre 100 kW e 700 kW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de ata 60 metros e cun diámetro de rotor de ata 60 metros.

– Rede colectora en baixa tensión con condutor tipo Al XZ1 0,6/1 kV e en media tensión mediante condutor tipo Al RHZ1 2OL 12/20 kV.

– Centro de interconexión con instalación en baixa e en media tensión, cun transformador trifásico de illamento seco, potencia máxima de 800 kVA e relación de transformación 20/0,4 kV, e cos correspondentes equipamentos de control, comunicacións, servizos auxiliares, medida e protección.

– 3 torres meteorolóxicas.

Liña eléctrica de evacuación de media tensión (20 kV).

• Liña eléctrica de evacuación de 20 kV de tensión e 3.568 m de lonxitude total, ata o punto de interconexión coa rede de distribución eléctrica, dividida en:

1. Un primeiro tramo subterráneo de simple circuíto con orixe no centro de interconexión do P.E. Experimental NED e final no primeiro apoio de paso aéreo a subterráneo (PAS). A lonxitude deste tramo será de 240 m e empregarase cable RHZ1 2OL 12/20 kV tendido baixo tubo.

2. Un segundo tramo aéreo de simple circuíto desde o primeiro apoio PAS ata o último apoio 17 PAS, de 3.088 metros, executado mediante apoios metálicos de celosía monobloque cun condutor por fase tipo LA-56 e illadores de vidro temperado U-70-BS. A configuración dos brazos dos apoios será en triángulo e permitirá o tendido dun cable de fibra óptica tipo AUT NKF 8-16.

3. Un terceiro tramo subterráneo de simple circuíto desde o apoio 17 PAS ata o punto de conexión, de 240 m de lonxitude, con cable RHZ1 2OL 12/20 kV tendido baixo tubo.

• Centro de repartición para o reforzo da rede de distribución e permitir a conexión á rede de distribución no punto de conexión, formado por celas prefabricadas de 20 kV illadas en SF6 con In=400A e Icc=16kA, os relés de protección e control asociados.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento Tecnología, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 18.772 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

5. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 28.12.2017 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal da TDT directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento Tecnología, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. De conformidade coa disposición transitoria cuarta número 2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a entrada en vigor desta, para obter a correspondente autorización administrativa de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación da mencionada autorización nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que lle resulten de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas