Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 29 de outubro de 2019 Páx. 46993

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 10 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico experimental NED (2 MW) e da súa liña eléctrica de evacuación, no concello da Pastoriza (Lugo), promovido por Norvento Tecnología, S.L.

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da Resolución do 10 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico experimental NED (2 MW) e da súa liña eléctrica de evacuación, no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido por Norvento Tecnología, S.L.

Contido da resolución e condicións que a acompañan:

a) Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico experimental NED (2 MW) e da súa liña eléctrica de evacuación, sito no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido por Norvento Tecnología, S.L., cunha potencia de 2 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento Tecnología, S.L. constituirá con carácter previo ao inicio das obras unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 18.772 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

5. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 28.12.2017 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal da TDT directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento Tecnología, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 2, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a entrada en vigor desta, para obter a correspondente autorización administrativa de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación da mencionada autorización nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que lle resulten de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderá dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data do 22.2.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas emitiu resolución pola que se recoñece a condición de parque eólico experimental con alto compoñente en I+D+i ao parque eólico experimental NED (2 MW).

2. Por Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sometéronse a información pública para autorización administrativa previa e a aprobación do estudo de impacto ambiental as instalacións do parque eólico experimental NED (2 MW) e da súa liña eléctrica de evacuación.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.6.2017, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 9.5.2017 e no xornal El Progreso do 11.5.2017. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado da Pastoriza, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

3. Durante o procedemento tramitouse a obtención dos condicionados técnicos dos seguintes organismos e empresas de servizo público: Deputación Provincial de Lugo, Retevisión I, S.A., Retegal, S.A., Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Concello da Pastoriza.

4. O 20.9.2017 o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co documento Anteproxecto do parque eólico experimental NED (2 MW) y liña de evacuación (decembro 2016).

5. O 28.12.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico e á súa liña eléctrica de evacuación, que fixo pública por Anuncio do 29 de decembro de 2017 (DOG núm. 33, do 15 de febreiro de 2018).

Durante o procedemento consultáronse as seguintes administracións públicas afectadas e persoas interesadas: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Pública, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Instituto de Estudos do Territorio e Concello da Pastoriza.

6. O 31.5.2019 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou de que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

7. O parque eólico conta cos permisos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 2 MW, segundo informe do xestor de rede.

8. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos no Decreto 30/2011, do 17 de febreiro, polo que se establece o procedemento para a autorización de parques eólicos experimentais con alto compoñente de I+D+i na Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas