Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 31 de outubro de 2019 Páx. 47235

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2019 pola que se convoca a xornada Modificación do Código técnico de edificación.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar a xornada Modificación do Código técnico de edificación, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O obxectivo principal desta xornada é informar o persoal técnico responsable de proxectos e obras de edificación sobre as próximas modificacións do Código técnico de edificación (CTE), que afectan algúns dos seus documentos básicos e que supoñen a actualización das referencias normativas destes.

As principais novidades derivan das exixencias das directivas europeas que establecen a obrigación de revisar e actualizar os requisitos mínimos exixibles en materia de eficiencia enerxética dunha forma periódica, polo que se fai necesaria a modificación do documento básico de aforro de enerxía (DB-HEI). Ademais, tendo en conta estas novas exixencias e o seu efecto sobre os cerramentos exteriores, realízanse modificacións no documento básico de seguridade en caso de incendio (DB-SI) para limitar o risco de propagación do incendio polo exterior do edificio. Destaca tamén que para a transposición parcial da Directiva 2013/59/EURATOM, introdúcese unha nova exixencia básica de salubridade de protección fronte ao gas radón (DB- HS6).

Por outra banda, abordarase o estudo do novo código estrutural como marco regulamentario das exixencias que deben cumprir as estruturas de formigón, as de aceiro e as estruturas mixtas formigón-aceiro para satisfacer os requisitos de seguridade estrutural e seguridade en caso de incendio, así como da protección do ambiente e a utilización eficiente de recursos naturais.

2. Contidos.

Nesta xornada trataranse principalmente os seguintes contidos:

– Modificación do CTE:

• Novo documento DB-HE Documento aforro de enerxía.

• Novo documento DB-SI Documento relativo á propagación exterior por fachadas.

• Novo documento DB- HS6 Documento de protección de edificios fronte ao radón.

– O código estrutural. Visión xeral do código estrutural.

3. Persoas destinatarias.

A xornada está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Data: martes, 19 de novembro de 2019.

Horario: de mañá.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Duración: 5 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 14 de novembro de 2019.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

7. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o aforo do local.

8. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou foron excluídas de acordo co disposto na epígrafe segunda, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte de persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como mínimo un día antes do comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública