Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 4 de novembro de 2019 Páx. 47448

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2019 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa das subvencións, previsto na Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual (código do procedemento VI422E).

No Diario Oficial de Galicia núm. 204, do 25 de outubro de 2019, publicouse a Resolución do 18 de outubro de 2019 pola que se modifica a Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual (código do procedemento VI422E).

De conformidade coa citada resolución, modificouse a redacción do punto 6 do ordinal vixésimo terceiro, Xustificación da subvención, no que se establece que «en ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data. Non obstante, cando concorran circunstancias que así o xustifiquen, poderase demorar a citada data mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Tendo en conta que o amplo número de solicitudes presentadas imposibilitan a resolución de concesión dos correspondentes expedientes destes programas coa debida antelación ao 30 de novembro de 2019, procede a ampliación do referido prazo.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o punto 6 do ordinal vixésimo terceiro na redacción realizada pola citada Resolución do 18 de outubro de 2019,

RESOLVO:

Único. Ampliar o prazo de presentación da documentación xustificativa, parcial ou final, das subvencións ata o 13 de decembro de 2019, para o caso de expedientes que teñan anualidade neste exercicio.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo