Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 4 de novembro de 2019 Páx. 47445

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 24 de outubro de 2019 pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2019 para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades (código de procedemento MR553C).

BDNS (Identif.): 426998.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer a segunda convocatoria do ano 2019 para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

2. O procedemento de Indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades atópase recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código MR553C.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras desta convocatoria son as que se recollen na Orde do 13 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2019 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2019).

Terceiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

d) De aves sacrificadas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle.

e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana.

f) De animais que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

g) De animais que morresen como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.

Cuarto. Financiamento

As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais, tanto as xeradas durante o ano 2019 (as da primeira convocatoria e as desta segunda convocatoria) como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2018, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.0 (proxecto 2012 00748) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019. Esta aplicación dótase para a segunda convocatoria cun crédito de douscentos mil euros (200.000 €).

Quinto. Disposicións para as solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentadas ao abeiro da presente orde axustaranse ao establecido nas bases reguladoras (Orde do 13 de decembro de 2018, publicada no DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2019 ), sen prexuízo do disposto no punto 2 da disposición transitoria única e na disposición adicional terceira desta orde.

2. Para presentar unha solicitude de indemnización empregarase o formulario que se recolle como anexo I desta orde (código de procedemento MR553C).

3. O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 29 de novembro de 2019, incluíndo ambas as datas no cómputo do prazo.

Sexto. Outros datos

De conformidade coa dfisposición transitoria única da orde:

1. En cumprimento do artigo 6 da presente orde, desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, todas as solicitudes de indemnizacións (anexo I-procedemento MR553C) se presentarán conforme esta convocatoria.

2. Todas as solicitudes de indemnizacións presentadas en tempo e forma por persoas/entidades interesadas, así como os informes para proposta de resolución das indemnizacións emitidos polos servizos de gandaría provinciais, en calquera data anterior ou na mesma data de publicación desta orde, ao abeiro da Orde do 13 de decembro de 2018 e da Orde do 8 de xullo de 2019, da Consellería do Medio Rural, e pendentes de resolución, serán admitidas/os e continuarán coa súa tramitación ao abeiro da presente orde.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias