Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 5 de novembro de 2019 Páx. 47507

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 138/2019, do 24 de outubro, polo que se modifica o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, foi aprobado como desenvolvemento do compromiso do Goberno galego, asentado en criterios de máxima eficacia e economía, optimización dos recursos públicos e racionalización na súa actuación e organización administrativa.

O Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, supuxo un marco de estabilidade con respecto á estrutura da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dado o bo funcionamento e os resultados acadados por esta.

Non obstante, a necesidade de reformar a Administración de xustiza converteuse nun obxectivo crucial e inaprazable. A cidadanía ten dereito a un servizo público de xustiza áxil, transparente, responsable e plenamente conforme cos valores constitucionais. Un dos medios esenciais para conseguilo é a implantación da nova Oficina Xudicial, cuxo obxectivo é a racionalización e optimización dos recursos destinados ao funcionamento da Administración de xustiza, a través dunha reorganización integral, así como da incorporación das novas tecnoloxías.

Deste xeito, co fin de facer fronte a este proceso de implantación da nova Oficina Xudicial, é preciso reforzar a estrutura da Dirección Xeral de Xustiza coa creación dun novo servizo denominado Servizo de Modernización da Administración de Xustiza, que depende directamente da persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza, polo carácter transversal das funcións que debe desempeñar no ámbito das competencias que exerce o dito órgano directivo. Esta creación supón, ademais, unha redistribución de funcións entre os servizos da referida dirección xeral.

Así pois, a modificación da estrutura plasmada neste decreto xorde como consecuencia da necesidade de afondar na mellora continua das estruturas administrativas iniciada polo actual Goberno, co fin de acadar o máximo nivel de calidade na prestación dos servizos públicos, dentro dun marco de estabilidade orzamentaria.

De conformidade co exposto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

O Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, queda modificado como segue:

Un. O artigo 18 queda redactado do seguinte xeito:

«Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Xustiza estrutúrase nos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Persoal da Administración de Xustiza.

b) Subdirección Xeral de Medios da Administración de Xustiza.

c) Servizo de Coordinación Técnico-Administrativa.

d) Servizo de Modernización da Administración de Xustiza».

Dous. O artigo 20 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 20. Subdirección Xeral de Medios da Administración de Xustiza

1. A Subdirección Xeral de Medios da Administración de Xustiza exercerá as seguintes funcións:

a) A planificación da actividade económica e orzamentaria da Dirección Xeral de Xustiza, coa preparación do anteproxecto de orzamento de gastos da Dirección Xeral, a confección da documentación para impulsar a tramitación das modificacións do orzamento de gastos e o impulso da contratación centralizada das subministracións, servizos e consultorías, coordinando a xestión descentralizada do gasto corrente nas delegacións territoriais, así como o asesoramento nas referidas materias á persoa titular da Dirección Xeral.

b) A presentación de propostas e a execución de actuacións de mellora dos equipamentos e dotación mobiliaria que a consellería pon á disposición da Administración de xustiza, especialmente a xestión dos arquivos e dos depósitos xudiciais na implantación e no funcionamento da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial, así como a coordinación da dotación dos medios precisos para o adecuado funcionamento de todos eles.

c) A xestión das axudas económicas e subvencións, e especialmente as compensacións económicas á avogacía e á procuradoría polo funcionamento das quendas de asistencia xurídica gratuíta.

d) A organización, xestión e avaliación do funcionamento dos servizos de peritaxe e dos servizos de tradución e interpretación.

e) A xestión da asistencia xurídica gratuíta.

f) A confección de documentación e borradores para os expedientes sobre aprobación de normativa regulamentaria que nas súas materias corresponda iniciar á Dirección Xeral de Xustiza.

g) A coordinación da actuación das xefaturas territoriais en materia de medios ao servizo da Administración de xustiza, así como das unidades técnico-administrativas reguladas no Decreto 148/2010, do 2 de setembro.

h) Aqueloutras que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Medios da Administración de Xustiza contará cos seguintes órganos:

2.1. Servizo de Xestión Económica e Administrativa.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A programación, coordinación e xestión económico-administrativa derivadas das funcións atribuídas á Dirección Xeral de Xustiza, incluídas as axudas e subvencións, así como as compensacións económicas en materia de xustiza gratuíta.

b) A tramitación das solicitudes de asistencia pericial á Administración de xustiza cuxo aboamento poida corresponder á Administración autonómica.

c) A confección de documentación e borradores para os expedientes de modificacións orzamentarias do orzamento de gasto.

d) As colaboracións administrativas para a tramitación e o desenvolvemento dos convenios asinados pola Xunta de Galicia e demais institucións, en relación coas materias de competencia da Dirección Xeral, cando estes teñan o carácter de subvencións.

e) A confección de documentación e borradores para os expedientes de contratación administrativa, en relación coas materias cuxa competencia sexa da Dirección Xeral.

f) Aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Estudos e Asistencia Xurídica Gratuíta.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión administrativa das funcións atribuídas á Dirección Xeral en materia de asistencia xurídica gratuíta.

b) As colaboracións administrativas para a tramitación e o desenvolvemento dos convenios asinados pola Xunta de Galicia co Consello Xeral do Poder Xudicial, Ministerio de Xustiza e demais institucións en relación coas materias de competencia da Dirección Xeral.

c) A tramitación dos expedientes de nomeamento das persoas titulares de notarías e de rexistros da propiedade.

d) A colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística nos programas de implantación do uso do galego na Administración de xustiza.

e) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Tres. O artigo 21 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 21. Servizo de Coordinación Técnico-Administrativa

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) As funcións de apoio técnico-xurídico e administrativo á Dirección Xeral nas diferentes materias que sexan competencia dese centro directivo.

b) A asistencia á Dirección Xeral no estudo e na preparación de documentación e informes que lle encomende a Dirección Xeral en materias da súa competencia.

c) O soporte técnico-administrativo ás distintas comisións en que a persoa titular da Dirección Xeral sexa membro.

d) O soporte administrativo, a coordinación e o seguimento da implantación dos programas e medidas no ámbito da atención ás vítimas, da mediación e resolución extraxudicial de conflitos.

e) O soporte administrativo das funcións que corresponden á Dirección Xeral de Xustiza en relación co rexistro de parellas de feito.

f) A preparación dos informes relativos ás queixas e inspeccións realizadas respecto de materias competencia da Dirección Xeral.

g) Aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Catro. Engádese un novo artigo 21 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 21 bis. Servizo de Modernización da Administración de Xustiza

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión e coordinación do cambio organizativo na implantación dos novos modelos de oficina xudicial e fiscal.

b) A elaboración de proxectos, propostas, manuais, protocolos e guías de organización.

c) O seguimento e a análise das estatísticas xudiciais e rexistrais, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial, co Ministerio de Xustiza e co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

d) A coordinación dos grupos de traballo e grupos técnicos para o despregamento dos novos modelos organizativos.

e) O deseño e a xestión de medidas tendentes á racionalización na utilización dos medios humanos e materiais e á mellora da calidade dos servizos.

f) A proposta e articulación de accións e medidas de fomento da utilización das novas ferramentas de traballo postas á disposición na Administración de xustiza, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos ou administracións.

g) O deseño e a execución de actuacións de capacitación do persoal aliñadas co órgano competente en materia de novas tecnoloxías e outros responsables en materia de formación.

h) A presentación de propostas de programas de actuación que teña por obxecto mellorar a calidade da Administración de xustiza no ámbito competencial propio.

i) Aquelas que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Disposición derradeira primeira. Modificación da relación de postos de traballo

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proporá á Consellería de Facenda, para a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia, as modificacións que procedan na relación de postos de traballo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Mentres non se aprobe a relación de postos de traballo, facúltase a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarias para a adaptación ou, de ser o caso, asignación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada del, así como as que procedan para o seu desenvolvemento e execución.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza