Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 5 de novembro de 2019 Páx. 47594

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Sanxenxo

ANUNCIO do convenio urbanístico de planeamento e para a súa execución referido ao sector de solo urbanizable SU-1 do Plan xeral de ordenación municipal.

Tras a aprobación do texto inicial e unha vez finalizado o trámite de información pública (DOG núm. 85, do 6 de maio de 2019), na sesión ordinaria do 29 de xullo de 2019, a Corporación Municipal en Pleno acordou ratificar o texto definitivo do convenio urbanístico de planeamento e para a súa execución, referido ao sector de solo urbanizable SU-1.

En cumprimento do punto terceiro do acordo plenario procédese á publicación do texto íntegro do convenio:

Sanxenxo, 21 de agosto de 2019

Telmo Martín González
Alcalde

Reunidos:

Telmo Martín González, con DNI * e domicilio para efectos de notificacións na rúa de Madrid nº 1, CP 36960 de Sanxenxo, Pontevedra.

Ramón Devesa Morandeira, con DNI * e domicilio para efectos de notificacións na rúa Areal nº 6, CP 36201 de Vigo, Pontevedra.

Interveñen:

Telmo Martín González, na súa condición de alcalde do Concello de Sanxenxo e en representación del.

Ramón Devesa Morandeira, en nome e representación da Xunta de Compensación do Sector de Solo Urbanizable SU-1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sanxenxo (no sucesivo, e de manera indistinta, Xunta de Compensación ou a propiedade). Está especialmente facultado para este acto en virtude de acordo adoptado pola Asemblea Xeral da Xunta de Compensación do 20 de febreiro de 2019. Acompáñase como anexo I a certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 20 de febreiro de 2019, en virtude do cal se faculta o seu presidente para a formalización do presente convenio.

Tendo e recoñecendo, segundo concorren, a capacidade legal necesaria para contratar e obrigarse, formalizan o presente convenio urbanístico para cuxo fin

EXPOÑEN:

I. O Plan Xeral de Ordenación Municipal (en diante, PXOM) de Sanxenxo foi aprobado definitivamente polo Pleno municipal na sesión do día 27 de febreiro de 2003.

Nel delimitáronse trinta sectores de solo urbanizable, indicando as características, os parámetros urbanísticos e as condicións de desenvolvemento de cada un deles.

II. Na actualidade, tres sectores de solo urbanizable (o SU-3, o SU-15 e o SU-28) concluíron o seu desenvolvemento urbanístico, que alcanzaron a condición de solo urbano consolidado e foron recibidas as obras de urbanización dos respectivos ámbitos. A estes sectores debe engadirse o SU-7, cuxas obras de urbanización foron correctamente executadas e recibidas polo Concello de Sanxenxo con data do 1 de marzo de 2019; deste modo, o ámbito acada a condición de solo urbano consolidado.

Outros sectores están nun avanzado estado de execución das súas obras de urbanización, entre eles o sector SU-1.

III. Non obstante, desde a aprobación do vixente PXOM de Sanxenxo (ano 2003), a normativa urbanística aplicable sufriu non poucas alteracións e deu como resultado que o vixente plan xeral de Sanxenxo non se atopa actualmente adaptado a ela.

Un dos documentos normativos que tivo maior repercusión sobre o PXOM de Sanxenxo foi o Plan de ordenación do litoral (en diante, POL), aprobado en virtude do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia do 23 de febreiro de 2011.

IV. O Concello de Sanxenxo iniciou os trámites para a modificación do PXOM, que se tramita como a modificación puntual nº 9 (no sucesivo, modificación puntual nº 9 PXOM), co obxectivo, tal como indica o documento de borrador de modificación puntual sometido a avaliación ambiental estratéxica, de adaptar os solos urbanizables incluídos dentro da área de mellora ambiental e paisaxística do POL aos seus criterios e aos establecidos na presente modificación puntual.

Estas modificacións irán dirixidas a rebaixar a densidade, a aumentar a compactidade das ordenacións, liberar solo, ben como espazo público ou privado, e adaptar as construcións e a urbanización ao relevo coa finalidade de preservar a paisaxe litoral e mellorar a imaxe do bordo costeiro.

V. O POL, ao regular o seu ámbito de aplicación, dispón –artigo 3.2– que non será de aplicación a aqueles solos que no momento da entrada en vigor deste plan finalizasen a tramitación do instrumento de xestión. Engade o mesmo precepto no seu punto 3 que non obstante, en virtude de expedientes de primeira formulación, modificación ou revisión do planeamento urbanístico, será aplicable aos solos que este clasifique de núcleo rural e que se atopen incluídos nas áreas de recualificación identificadas no POL, así como naquelas en que, se é o caso, determine o planeamento urbanístico.

O proxecto de compensación do SU-1 foi aprobado definitivamente antes da entrada en vigor do POL, polo que, de acordo coas previsións sinaladas, o SU-1 quedou excluído do seu ámbito de aplicación. De conformidade cos informes emitidos polo organismo competente na materia durante a tramitación ambiental da modificación puntual nº 9 do PXOM, serán aplicables aqueles criterios de ordenación do POL que resulten viables en función do grao de execución e desenvolvemento de cada ámbito e na medida e co alcance con que o dispoña a modificación puntual nº 9 en tramitación.

En consecuencia, a adaptación do SU-1 ao POL debe ser coherente co grao de execución alcanzado, tendo en consideración que, como se sinalou, é o de realización de gran parte das obras de urbanización, o que significa que se trata dun ámbito próximo a obter a condición de solo urbano consolidado.

VI. En coherencia con este marco legal, o documento de avance da modificación puntual xa dispón que, dado o proceso de transformación a que está sendo sometida xa nestes momentos a zona de mellora ambiental e paisaxística do POL, enténdese que a mellor maneira de acadar os obxectivos fixados é mediante acordos cos propietarios que xa iniciaron o desenvolvemento dos solos, de xeito que os documentos aprobados se modifiquen e se adapten ás novas condicións aquí plasmadas.

O documento de modificación puntual precisa o grao de definición dos seus propios obxectivos e determinacións para poder facilitar estes acordos cos propietarios dos solos en execución. E faino nos seguintes termos: de cara a poder chegar a acordos cos xestores do solo que nestes momentos iniciaron xa o proceso de transformación, as condicións de desenvolvemento impostas no presente documento de avance non pretenden ser pechadas sobre todo no que se refire á diminución da densidade, fixando intervalos de movemento desta variable, de cara a poder axustar o número definitivo no momento en que se acorde unha ordenación pormenorizada para cada ámbito que, independentemente do número de vivendas, cumpra cos criterios de mellor integración paisaxística e menor impacto ambiental, dentro do lóxico equilibrio de ingresos e custos.

VII. O documento de avance ou borrador da modificación puntual nº 9 do PXOM recollía a integración das novas ordenacións, detalladas ou non, na modificación en tramitación.

Non obstante, por razóns de operatividade e axilidade, outorgouse a todos os propietarios dos sectores que quedaron fóra do ámbito de aplicación do POL a posibilidade de articular, de mutuo acordo, a adaptación aos criterios do instrumento de ordenación territorial que en cada caso resultasen viables mediante a modificación puntual dos respectivos instrumentos de planeamento de desenvolvemento e de xestión, sen necesidade de modificar o planeamento xeral.

Neste contexto, ao abeiro da competencia municipal en materia de planificación e xestión urbanística prevista no artigo 25.2.a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, de conformidade co disposto nos artigos 165, 166 e 167 da LSG, e dadas as particularidades que presenta o sector de solo urbanizable SU-1 do PXOM de Sanxenxo –cuxas obras de urbanización, segundo se indicou, se atopan executadas nunha alta porcentaxe–, o Concello de Sanxenxo e a Xunta de Compensación consideran conveniente a sinatura do presente convenio urbanístico, que facilitará o desenvolvemento urbanístico do sector e, ao propio tempo, a consecución dos obxectivos da modificación puntual nº 9 do PXOM.

Con base no anterior, as partes que subscriben este documento subscriben o presente convenio urbanístico de acordo coas seguintes

Estipulacións

Primeira. Obxecto do presente documento

O presente convenio ten por obxecto:

i. Establecer as bases da modificación da ordenación detallada do SU-1, establecida no plan parcial do sector actualmente en vigor, coa finalidade de adaptala aos criterios do POL que resulten viables. Todo isto tendo en consideración o avanzado grao de desenvolvemento e execución alcanzado no ámbito.

ii. Regular a incorporación da nova ordenación detallada do SU-1 ao planeamento municipal mediante a tramitación da modificación do plan parcial en vigor, de xeito tal que permita avaliar a súa compatibilidade e coherencia cos criterios de ordenación da modificación puntual do PXOM en tramitación.

iii. Regular a terminación das obras de urbanización pendentes de execución, particularmente a conexión exterior do ámbito cos sistemas xerais de abastecemento de auga potable e saneamento, que permitirán a recepción das obras de urbanización e que o solo do sector SU-1 alcance a condición de solo urbano consolidado.

iv. Clarificar o réxime de conservación das obras de urbanización.

v. Garantir a viabilidade técnica e económica da actuación, establecendo o adecuado equilibrio entre os beneficios e as cargas derivadas da actuación.

vi. Concretar as obrigas que asumen as partes asinantes no marco da modificación puntual nº 9 do PXOM de Sanxenxo e no seu desenvolvemento no que afecta o sector de solo urbanizable SU-1, de modo que coa formalización deste convenio, o desenvolvemento do sector SU-1 continúe de xeito paralelo e non se vexa interrompido pola tramitación da modificación puntual nº 9 PXOM.

Segunda. Proposta de modificación do Plan parcial do sector SU-1 para a súa adaptación a criterios do POL

i. As alteracións que se incorporarán na ordenación urbanística en vigor do sector SU-1 son as reflectidas na ficha que se xunta como anexo II, na cal se establecen as determinacións de aplicación a este sector.

Son obxecto de modificación, entre outros parámetros, os seguintes:

Parámetros

Plan parcial en vigor

Modificación puntual
do plan parcial

Superficie do sector

102.050 m²

93.870 m²(1)

Edificabilidade

0,506 m²/m²

0,35 m²/m²

Densidade de vivendas

50 viv./ha

30 viv./ha

Número máximo de vivendas

357

281

(1) Superficie aproximada, pendente de confirmación no documento de modificación do plan parcial.

En todo o demais, manterase a ordenación urbanística do plan parcial en vigor e as obras de urbanización xa executadas na medida en que se axusten aos instrumentos vixentes.

ii. Estas novas condicións de desenvolvemento do sector SU-1 materializaranse na ordenación detallada do sector mediante a modificación puntual do plan parcial en vigor, que se tramitará de conformidade co establecido no artigo 185 e seguintes do Regulamento da Lei do solo de Galicia.

Xúntase como anexo III a proposta de ordenación para incluír na modificación puntual do plan parcial, na cal se materializan os novos criterios de desenvolvemento do sector, tendo en conta o grao de execución alcanzado, e coa que se cre que se cumpren no sector SU-1 os obxectivos de mellor integración paisaxística e menor impacto ambiental, dentro do necesario equilibrio de beneficios e cargas. Esta proposta ten o carácter dunha alternativa que, inicialmente, se axusta aos parámetros e criterios da modificación puntual en tramitación, ben que durante a tramitación da modificación puntual do plan parcial poderá ser obxecto de adaptacións ou precisións derivadas do maior grao de desenvolvemento que debe presentar o proxecto da modificación puntual do plan parcial.

Terceira. A xestión do sector SU-1 a partir da formalización do presente convenio

A partir da formalización do presente convenio, o desenvolvemento do sector SU-1 continuará de acordo coas previsións que se indican a seguir:

i. A propiedade executará, ata a súa finalización, as obras de urbanización interior do polígono previstas no proxecto de urbanización actualmente vixente coas modificacións derivadas, de ser o caso, do plan parcial e do proxecto de urbanización modificados. Así mesmo, executará ao seu cargo as actuacións necesarias para conectar os servizos de abastecemento de auga potable e saneamento do sector ás redes públicas de ambos os servizos que transcorren pola PO-308.

Non obstante, se posteriormente, en execución das previsións da modificación puntual nº 9 do PXOM en tramitación, fose preciso reforzar os sistemas exteriores de saneamento ou facer unha nova depuradora para servir aos solos incluídos neste sector SU-1 e nos lindeiros (SU-8 e SU-9), a propiedade asume a obriga de executar e/ou custear as ditas obras, na parte que lle corresponda en función da porcentaxe da edificabilidade dos tres sectores, cun máximo estimado de 300 €/habitante equivalente e considerando 3 habitantes por vivenda.

Se para a execución das conexións ás redes xerais dos servizos de saneamento e abastecemento na forma sinalada no punto anterior, se precisase a ocupación dalgún terreo exterior ao ámbito, o Concello tramitará algún dos procedementos legalmente establecidos para a súa obtención, incluso a súa expropiación forzosa, asumindo a Xunta de Compensación a obriga de pagamento de todos os custos que supoña a obtención dos terreos.

ii. Unha vez executadas as obras de urbanización previstas no punto anterior, o Concello procederá á súa recepción, incorporándoas ao dominio público municipal e pasando a ter o solo do sector SU-1 a partir dese momento a natureza de solo urbano consolidado.

A conservación das obras de urbanización unha vez recibidas corresponde ao Concello de Sanxenxo.

iii. A propiedade presentará, nun prazo máximo de 45 días desde o perfeccionamento deste convenio, o borrador de modificación puntual do plan parcial SU-1 vixente, de acordo coas determinacións establecidas na ficha do sector (anexo II) e coa proposta alternativa da modificación da ordenación do plan parcial (anexo III) que se xuntan a este convenio.

iv. A propiedade poderá solicitar licenzas de edificación naquelas zonas ou parcelas do sector en que sexan coincidentes as determinacións do plan parcial actualmente en vigor e as súas determinacións da modificación puntual. Para poder apreciar esta coincidencia, estas licenzas outorgaranse a partir da aprobación inicial da modificación puntual do plan parcial.

Cuarta. Obrigas asumidas pola Xunta de Compensación do Sector de Solo Urbanizable SU-1

As obrigas que coa sinatura do presente convenio urbanístico asumen os propietarios asinantes do sector SU-1 recondúcense ás seguintes:

1ª. A Xunta de Compensación do Sector SU-1 asume os obxectivos xerais pretendidos pola modificación puntual nº 9 do PXOM de Sanxenxo; isto é, rebaixar a densidade, aumentar a compactidade das ordenacións, liberar solo, ben como espazo público ou privado, e adaptar as construcións e urbanización ao relevo coa finalidade de preservar a paisaxe litoral e mellorar a imaxe do bordo costeiro, nos termos e co alcance que resultan da ficha do sector que se xunta como anexo II e da proposta de modificación del plan parcial en vigor que se xunta como anexo III.

2ª. Nun prazo non superior a 45 días contados desde o perfeccionamento deste convenio, a Xunta de Compensación do Sector SU-1 presentará no Rexistro Municipal do Concello un borrador de modificación del plan parcial do sector, que sexa acorde coas determinacións contidas na documentación anexa II e III.

3ª. No referente ao sistema e ás dotacións de saneamento deste sector SU-1, preverase a súa conexión co sistema xeral de saneamento que discorre ao longo da estrada PO-308.

Se posteriormente, en execución das previsións da modificación puntual nº 9 do PXOM en tramitación, fose preciso reforzar os sistemas exteriores de saneamento ou facer unha nova depuradora para servir aos solos incluídos neste sector SU-1 e nos lindeiros (SU-8 e SU-9), a propiedade asume a obriga de executar e/ou custear as ditas obras na parte que lle corresponda, cun máximo estimado de 300 €/habitante equivalente, considerando 3 habitantes por vivenda.

Con carácter previo á aprobación definitiva da modificación do proxecto de equidistribución, a Xunta de Compensación achegará a correspondente garantía do cumprimento da dita obriga, ben en forma de aval bancario –logo de determinación do importe da actuación– ou ben afectando parcelas de resultado con aproveitamento lucrativo privado ao cumprimento da dita obriga, afección real que será obxecto de inscrición no Rexistro da Propiedade.

4ª. A Xunta de Compensación do Sector SU-1 obrígase, así mesmo, a redactar, impulsar e tramitar pola súa conta a modificación que sexa preciso realizar do proxecto de equidistribución do polígono único do ámbito, como consecuencia da aprobación da modificación puntual do plan parcial a que se refire o presente convenio.

5ª. A Xunta de Compensación do Sector SU-1 –e, en coherencia co acordo adoptado, os propietarios que votaron a favor da sinatura do presente convenio–, renuncian ao exercicio de calquera reclamación de responsabilidade patrimonial contra o Concello de Sanxenxo en relación co acordo de suspensión de licenzas adoptado o 27 de setembro de 2017 ou calquera outro relacionado coa ordenación do ámbito obxecto do presente convenio.

O incumprimento por parte da Xunta de Compensación do SU-1 das obrigas asumidas no presente convenio motivará a modificación das condicións de ordenación do ámbito na modificación puntual nº 9 do PXOM en tramitación ou a través doutra figura de planeamento, sen que a Xunta de Compensación poida reclamar responsabilidade algunha por este concepto.

Quinta. Obrigas asumidas polo Concello de Sanxenxo

Coa sinatura do presente convenio, o Concello de Sanxenxo asume as seguintes obrigas:

1ª. Recibir de forma expresa as obras de urbanización deste sector SU-1, unha vez executadas na súa integridade e sendo acordes coas previsións contidas no proxecto de urbanización no seu día aprobado ou, se é o caso, na súa modificación, e se conclúa a súa execución do modo establecido na estipulación terceira. Sen prexuízo das adaptacións exixidas pola execución material das obras permitida no artigo 96.2 da Lei do solo de Galicia.

2ª. Tramitar coa maior celeridade posible a modificación do Plan parcial del sector SU-1, cuxa proposta deberá ser presentada polos propietarios nos termos expostos na estipulación segunda do presente convenio.

3ª. Coa sinatura do presente convenio e unha vez aprobada definitivamente a modificación do plan parcial del sector SU-1, o Concello dá por cumpridos os criterios de desenvolvemento e os obxectivos pretendidos pola modificación puntual nº 9 do PXOM de Sanxenxo.

4ª. De conformidade co artigo 86.3.c) do Regulamento da Lei do solo de Galicia, o Concello de Sanxenxo asume de forma explícita a súa obriga de outorgar expresamente as licenzas urbanísticas que autoricen os proxectos que cumpran simultaneamente o plan parcial actualmente en vigor e a modificación puntual do plan parcial tras a aprobación inicial deste.

Sexta. Tramitación e perfeccionamento do convenio

De conformidade co disposto nos artigos 168 da Lei do solo de Galicia e 401 do seu regulamento de desenvolvemento, unha vez finalizado o trámite de exposición pública do presente convenio, no caso de que por razón das alegacións presentadas se deban introducir cambios, o Concello de Sanxenxo notificará ás partes a proposta do seu texto definitivo, concedéndolle un prazo de dez (10) días hábiles para manifestar a súa conformidade, reparos ou, se é o caso, renuncia a el, trámite este ao que as partes renuncian para o suposto de que o dito texto fose idéntico ao plasmado no presente documento.

Unha vez aprobado definitivamente o convenio polo órgano municipal competente, deberá ser asinado no prazo máximo de quince (15) días contados desde a notificación do acordo ou resolución correspondente (artigos 168.4 da Lei do solo de Galicia e 402 do seu regulamento de desenvolvemento).

Sétima. Documentación que conforma o convenio

Forma parte deste convenio e, polo tanto, do réxime de reciprocidade obrigacional convido polas partes, a proposta de ficha do sector e a proposta de modificación da ordenación detallada do plan parcial que se incorporan a este convenio como anexos II e III e que se integran polos seguintes documentos:

1. Ficha de determinación do sector nº 1 de solo urbanizable.

2. Plano da alternativa proposta.

Octava. Natureza xurídica e xurisdición competente

O presente documento ten a natureza xurídica de convenio urbanístico de planeamento e de convenio urbanístico para a execución do dito planeamento, nos termos previstos polos artigos 165 e seguintes da LSG e 398 e seguintes do seu regulamento de desenvolvemento.

As previsións establecidas no presente convenio non limitan nin condicionan a potestade municipal de planeamento.

As cuestións relativas á súa subscrición, cumprimento, interpretación, efectos e extinción serán competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

E en proba de conformidade con todo o acordado, asinan o presente documento por duplicado exemplar no lugar e na data indicados no encabezamento.

Polo Concello de Sanxenxo
Telmo Martín González

Pola Xunta de Compensación do Sector SU-1
Ramón Devesa Morandeira

ANEXO I

Certificación do acordo da Asemblea Xeral da Xunta de Compensación
do SU-1 do PXOM de Sanxenxo

O texto da certificación pode consultarse na sede electrónica do Concello de Sanxenxo (http://sede.sanxenxo.es) introducindo o seguinte CSV: 4JSCABOPVOE3BX83.

ANEXO II

Ficha das condicións urbanísticas a que debe adaptarse
o Plan parcial do SU-1

Superficie bruta do sector: 93.870 m².

Superficie de dotación existente e mantida: 806 m².

Superficie neta do sector: 93.064 m².

Coeficiente de edificabilidade: 0,35 m²/m².

Aproveitamento lucrativo máximo: 32.572,4 m²c.

Superficie do solo rústico adscrito: 52.942 m².

(As superficies anteriores son provisionais, pendentes de confirmación na modificación do plan parcial).

Densidade de vivendas: a densidade de vivendas non poderá superar a cifra de 30 viv./ha.

Tipoloxía de edificación: establécese unha tipoloxía de edificación mixta formada por vivenda unifamiliar e vivenda colectiva, sen determinar unha porcentaxe de aproveitamento mínimo para cada unha das tipoloxías edificatorias.

Porcentaxe VPO: 5,55 % ou, de ser superior, a porcentaxe determinada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o Concello de Sanxenxo que resulte de aplicación no momento de aprobación definitiva da modificación do plan parcial.

Altura máxima:

• Vivenda colectiva: B+2.

• Vivenda unifamiliar: B+1.

Criterios de ordenación:

• Fomentarase a compactidade reducindo na medida do posible a ocupación de solo.

• Aumentarase a dotación de espazos libres tanto públicos como privados.

• A rede de espazos libres desenvolverase en continuidade e resolverá corredores visuais entre a costa e o interior.

• Evitarase a edificación nunha franxa de 20 m medidos desde o sistema xeral adscrito nos rueiros C09 e C10 e de 15 m nos rueiros C07 e C08, segundo expresa o plano de ordenación que se xunta.

Condicións específicas da edificación:

• Non se permite o aproveitamento baixo cuberta.

• As cubertas das edificacións serán planas, cun acabamento vexetal en, alomenos, o 60 % da súa superficie. Poderán rematarse cun peto para poder executar correctamente a impermeabilización, cunha altura máxima de 60 cm sobre a cara superior do forxado da cuberta.

• O 40 % da superficie da parcela non ocupada pola edificación na tipoloxía de vivenda plurifamiliar deberá estar axardinada.

ANEXO III

Proposta de ordenación (planos)

missing image file