Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 11 de novembro de 2019 Páx. 48327

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 3 de outubro de 2019 pola que se publica o Acordo sobre as condicións de traballo dos axentes forestais e medioambientais de Galicia.

A participación dos axentes forestais e axentes facultativos medioambientais abrangue todos os ámbitos da loita contra o lume.

O presente acordo pretende, por unha parte, adaptar a prestación de servizos do colectivo ás novas circunstancias dos incendios que, por diversas razóns, se están a producir nun espazo temporal maior do previsto na regulación actual. O maior esforzo que requirirá a nova regulación é necesario compensalo cun incremento da contía que se vén percibindo por produtividade e tamén cunha redución da actividade dos axentes noutros períodos do ano en que non están exixidos polos incendios forestais.

Por outra banda, a actual normativa en materia de protección do patrimonio natural e da biodiversidade establece novas obrigas para a consellería con competencias na materia, sendo o persoal pertencente á escala, como parte dos responsables de exixir o cumprimento da dita normativa.

Por último, o acordo complétase coa previsión de aprobación do regulamento de funcións da nova escala de axentes técnicos en xestión ambiental.

De conformidade co que antecede,

DISPONGO:

Artigo único

Publícase, para xeral coñecemento e efectividade, o Acordo sobre as condicións de traballo dos axentes forestais e medioambientais, asinado con data 11 de outubro de 2018, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de xaneiro de 2019, negociado na Mesa Xeral de Empregados Públicos e aprobado na Comisión Superior de Persoal da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

Acordo sobre as condicións de traballo dos axentes forestais
e medioambientais

Primeiro. Ámbito de aplicación

a) Subxectivo.

O presente acordo é de aplicación aos funcionarios das escalas de axentes forestais, axentes facultativos medioambientais e, tamén, aos que accedan á de axentes técnicos en xestión ambiental.

b)Temporal.

O presente acordo desenvolverase no período comprendido entre os anos 2018 e seguintes, de acordo coa temporalidade nel prevista.

Segundo. Modificación da configuración dos postos de traballo pertencentes ás diferentes categorías de axentes forestais e facultativos medioambientais

a) Os funcionarios das escalas de axentes forestais e facultativos medioambientais verán incrementadas as funcións que teñen encomendadas coa asunción da nova regulación das obrigas de Xestión de Biomasa que resulta da última modificación da Lei de incendios, de participación na caso de que fosen requiridos en operativos de emerxencias (busca e rescates), operativos de extinción de incendios en espazos naturais protexidos así como a realización de actuacións de protección e de conservación do patrimonio natural dentro dos espazos naturais protexidos tales como: toma de datos xeoreferenciados, levantamento de planos, inspección e seguimento de ocupacións, cambios de uso do solo, e, fundamentalmente, a vixilancia da correcta xestión da biomasa en zonas incluídas na rede natura 2000 ou limítrofes a esta. Para este último fin, previo ao comezo de cada período que se defina como época de perigo de incendios, emitirán un informe sobre o estado das zonas das redes de franxas de xestión de biomasa do distrito correspondente. Igualmente, realizarán as funcións inspectoras establecidas na normativa de patrimonio natural.

b) Como contrapartida, increméntase:

1. O nivel de complemento de destino dos postos das diferentes categorías de axentes no período comprendido entre o ano 2019 e o 2020, a razón dun nivel cada una desas anualidades, de tal xeito que:

▪ O 1 de xaneiro de 2019 os complementos de destino 14, 16 e 18 pasarán a incrementarse de forma que quedarán en niveis 16, 17 e 19, respectivamente.

▪ O 1 de xaneiro de 2020 os complementos de destino 16, 17 e 19 pasarán a incrementarse nun grao cada un deles de forma que quedarán en niveis 17, 18 e 20, respectivamente.

▪ O día 1 de xaneiro de 2021 o complemento de destino 17 pasa a incrementarse nun grao de forma que nesta data acada o nivel 18.

▪ O incremento de niveis comporta o incremento de contía correspondente segundo a orde de confección de nóminas no complemento específico asociado.

2. O compoñente singular do complemento específico, a razón de 20 € ao mes en cada unha das anualidades correspondentes aos anos 2019, 2020 e 2021.

Terceiro. Proposta de nova orde de prestación de servizos

Acompáñase mediante anexo.

Cuarto. Pase a outras funcións do persoal

Negociaranse uns principios de pase voluntario a segunda actividade/funcións deste do persoal que teña feitos os 60 anos que conte, ademais, cun período mínimo de 25 anos de actividade desenvolto nesta escala coa mesma finalidade que a dita medida ten no ámbito dos bombeiros forestais. O seu establecemento, dado que afecta funcionarios públicos, debe establecerse mediante lei. Para tal efecto, as partes asinantes presentarán unha proposta para a súa negociación en mesa xeral e a súa posterior inclusión na Lei de acompañamento dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Quinto. Regulamento da nova escala de axentes técnicos en xestión ambiental

Créase un grupo de traballo, con participación das consellerías de Facenda, de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Medio Rural, para elaborar unha proposta de regulamento de funcións da escala de axentes técnicos en xestión ambiental co obxectivo de que se publique no Diario Oficial de Galicia durante o ano 2019 o decreto de aprobación do mencionado regulamento, logo da correspondente negociación.

Sexto. Persoal que presta os seus servizos no Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas

Negociaranse con posterioridade á sinatura do presente acordo as condicións específicas de traballo do persoal que presta os seus servizos no Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas aplicándose en todo o demais o establecido no presente acordo.

Sétimo. Comisión de seguimento

Créase unha comisión de seguimento do disposto neste acordo, que estará integrada por dous representantes de cada unha das organizacións sindicais asinantes e un igual número de representantes das consellerías que conten con efectivos da escala de axentes facultativos medioambientais, designados polas respectivas secretarías xerais.

Estará presidida pola persoa titular la dirección xeral da Función Pública ou empregado público en quen delegue.

As súas funcións son as de vixilancia, interpretación e control do contido no presente acordo.

Constituirase no prazo de tres meses da sinatura do presente acordo e reunirase de forma ordinaria unha vez cada ano natural.

Oitavo. Coeficientes redutores xubilación

A Xunta de Galicia comprométese a instar e colaborar, achegando os datos e documentación que se precise, ante a Administración competente en materia de coeficientes redutores da idade de xubilación deste colectivo.

Disposición adicional primeira. Carreira profesional

Este persoal tamén será beneficiario de todas as melloras que se poidan establecer no acordo polo que se establecen as bases da carreira profesional no ámbito do persoal funcionario da Xunta de Galicia (Mesa Sectorial de Funcionarios Públicos) que actualmente se está a negociar entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais da mesa xeral de empregados públicos.

Disposición adicional segunda. Xornada anual

A xornada efectiva de traballo máxima anual deste colectivo fíxase en 1.665 horas, non obstante, poderá establecerse unha inferior mediante negociación colectiva derivada do Acordo Goberno-Sindicatos para a mellora do emprego público e as condicións de traballo asinado o dia 9 de marzo de 2018.

Disposición transitoria primeira. Medidas orzamentarias

As medidas retributivas que se prevén no presente instrumento están supeditadas á entrada en vigor das normas orzamentarias que habiliten a súa efectividade.