Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 11 de novembro de 2019 Páx. 48325

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria e o prazo para a formalización dos contratos da Resolución do 6 de setembro de 2019 pola que se procede á segunda convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI461A).

No Diario Oficial de Galicia do 19 de setembro de 2019 publicouse a Resolución do 6 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se procede á segunda convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI461A).

No artigo 3 da antedita resolución establécese que para a concesión destas axudas destínase crédito polo importe de 538.551,68 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.11.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2019.

Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas da antedita axuda e que non poden ser atendidas co crédito asignado, así como as necesidades das potenciais beneficiarias finais (mulleres vítimas da violencia de xénero que serán contratadas), resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a esta axuda. Ademais, dado que o proceso para a selección e contratación das mulleres vítimas da violencia de xénero comporta unha serie de trámites non inmediatos, cómpre ampliar o prazo para a formalización das contratacións por parte das entidades locais que resulten beneficiarias da subvención, de maneira que non se causen prexuízos a terceiros e se optimize o proceso de xestión.

Por todo o exposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión da axuda establecida na Resolución do 6 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se procede á segunda convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI461A), na contía de 353.021,28 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313D.460.1, código de proxecto 2018 00112.

2. Esta ampliación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Artigo 2

Amplíase o prazo para formalización dos contratos por parte da entidade beneficiaria, que deberán formalizarse logo da notificación da resolución de concesión e, en todo caso, antes do 30 de novembro de 2019.

Disposición adicional. Requisitos da contratación

Os requisitos para realizar as contratacións obxecto desta subvención serán os recollidos nos puntos 1 e 2 do artigo 7 das bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 103, do 3 de xuño).

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade