Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 13 de novembro de 2019 Páx. 48638

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2019 pola que se abre novo prazo para que as empresas e outros operadores económicos envíen propostas de desenvolvemento de solucións de cara ao programa piloto Maquinaria 4.0.

Con data do 26 de setembro de 2019, o Igape publicou unha convocatoria pola que se invitaba ás empresas e outros operadores económicos a enviar propostas de desenvolvemento de solucións cara ao programa piloto Maquinaria 4.0.

O prazo de presentación de solicitudes abarcaba ata o 22 de outubro de 2019. Recibíronse dentro deste prazo 3 solicitudes válidas para un máximo de 5 propostas.

O Igape considera que a novidade do programa, xunto co reducido prazo de presentación puido levar a que non se presentasen máis candidaturas, e que a apertura dun novo prazo restrinxido ás dúas prazas restantes non prexudica a terceiros.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Abrir un novo prazo de presentación para propostas de desenvolvemento de solucións de cara ao programa piloto Maquinaria 4.0, que se estenderá ata o 30 de novembro de 2019.

Segundo. As condicións de selección serán idénticas ás expostas na Resolución do 4 de setembro de 2019 pola que se invita ás empresas e outros operadores económicos para que envíen propostas de desenvolvemento de solucións de cara ao programa piloto Maquinaria 4.0 (DOG núm. 183, do 26 de setembro de 2019), salvo os seguintes aspectos:

1. O Igape seleccionará un máximo de 2 propostas adicionais, de xeito que as solicitudes presentadas no primeiro prazo non serán prexudicadas por esta nova convocatoria.

2. O resto de proxectos poderán formar parte dunha lista de reserva para o caso de que algunha proposta preseleccionada desista ou non poida ser utilizada.

3. As datas previstas no punto terceiro da resolución quedan como segue:

– Epígrafe 2: publicación das propostas seleccionadas: 12.12.2019.

– Epígrafe 3: publicación dos documentos de especificación de requirimentos básicos: 26.12.2019.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica