Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 13 de novembro de 2019 Páx. 48636

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2019 pola que se modifica a Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa primeira convocatoria para os anos 2018-2019, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O día 18 de xullo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa primeira convocatoria para os anos 2018-2019, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020; modificada con posterioridade pola Resolución do 8 de febreiro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia do 14 de febreiro de 2019.

O artigo 37 da Resolución do 9 de xullo de 2018 establece que a execución dos investimentos subvencionables se levará a cabo antes do 15 de novembro de 2019 e que a documentación xustificativa do cumprimento da finalidade da subvención deberá presentarse, en todo caso, antes do 1 de decembro de 2019.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Pola súa banda, o procedemento para a concesión da ampliación réxese polo establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Tendo en conta que a concesión da subvención, logo da correspondente tramitación dos expedientes, se resolveu no presente ano 2019, o que supuxo unha diminución no tempo efectivo dispoñible polas persoas beneficiarias para a execución da actividade subvencionable, procede establecer novos prazos de execución e xustificación destas subvencións.

Con base no anterior, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliar os períodos de execución dos investimentos subvencionables e presentación da documentación xustificativa previstos nos números 1 e 2 do artigo 37 da Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa primeira convocatoria para os anos 2018-2019, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020; que se modifican e quedan redactados da seguinte maneira:

«1. A execución dos investimentos subvencionables levarase a cabo antes do 15 de decembro de 2019.

2. A documentación xustificativa do cumprimento da finalidade da subvención deberá presentarse en todo caso antes do 30 de decembro de 2019».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia