Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 19 de novembro de 2019 Páx. 49207

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2019 pola que se convoca un curso de Intervención policial en binomios, dirixido a persoal das forzas e corpos de seguridade con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a convocatoria dun curso de Intervención policial en binomios, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Intervención policial en binomios.

Tipo: curso.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivo: coñecemento teórico e práctico dos protocolos policiais en traballo de binomios.

Contidos:

– A patrulla urbana.

– A intervención policial.

– A identificación.

– A detención.

– Resolución ante agresións.

– A redución de persoas violentas por un binomio.

– A intervención policial no interior de inmobles.

– O bastón policial e a súa operativa básica na patrulla.

– Equipación básica de seguridade.

2. Desenvolvemento da actividade.

Destinatarios/as.

Persoal dos corpos e forzas de seguridade que teñan destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán participar neste curso os/as policías locais, gardas civís, policías nacionais, policías da unidade adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares. A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata, no caso de non facelo, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito. Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Prazas ofertadas: 80.

Lugar: Agasp.

Avenida da Cultura, s/n, A Estrada.

Datas: 13, 14 e 15 de decembro de 2019.

Horario:

– Día 13: das 15.00 ás 20.00 horas.

– Día 14: das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.00 ás 20.00 horas.

– Día 15: das 9.00 ás 14.00 horas.

Materiais.

O persoal admitido deberá presentarse a este curso provisto de roupa deportiva e do seguinte material:

– Lazos e bridas de seguridade.

– Bastón policial/dous kalis ou dous bastóns policiais.

– Coitelo simulado.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación finalizará o día 10 de decembro de 2019.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden atopar no enderezo da internet: http://agasp.xunta.gal.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección.

Os criterios de selección son os que a seguir se indican:

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean a gozar ou gozasen, nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 11 de decembro de 2018 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.gal, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Certificado de asistencia.

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada ao curso e superen a proba que se celebrará ao final do curso.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidentes.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 11 de novembro de 2019

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública