Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 20 de novembro de 2019 Páx. 49400

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 8 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento MR321A).

A Lei 1/2006, de 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, recoñece o papel que as organizacións profesionais agrarias cumpren na vertebración social e profesional do sector primario. A súa achega para artellar mecanismos eficaces de participación directa do sector agrario coa Administración, asegurando a presenza dos intereses dos produtores agrarios nos procesos de avaliación e decisión das políticas agrarias, así como o constante traballo a prol dunha garantía de rendas dignas para os agricultores e da mellora da calidade de vida no medio rural, contribuíron ao recoñecemento por parte dos poderes públicos da súa lexítima representatividade como interlocutores sociais no eido agrario e mesmo tamén pola sociedade civil como entidades representativas do sector agrario de Galicia.

Por outra banda, a Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo, como instrumento de integración na sociedade e de participación nos asuntos públicos. Resulta patente que as asociacións agrarias representan os intereses dos agricultores, desempeñando un papel fundamental no desenvolvemento do sector agrario.

En concordancia con esa función vertebradora da trama social do medio rural, cómpre artellar medidas de apoio institucional ás organizacións profesionais agrarias e ás asociacións agrarias. Esta orde establece o marco regulador das subvencións ás organizacións representativas do sector agrario en Galicia co obxectivo de fortalecer a súa implantación e consolidación.

A Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e dispón no seu artigo 14 que, con carácter previo á disposición dos créditos, os órganos concedentes establecerán as bases reguladoras aplicables ás subvencións. Esta orde adáptase a esa normativa, tendo en conta en todo caso os principios recollidos no artigo 5.2 da devandita lei.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, para a realización de actividades de interese agrario (código de procedemento administrativo MR321A), e convocalas para o exercicio orzamentario 2019.

A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia, e dos agricultores galegos en xeral.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 2. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia polo sistema de rateo.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde as seguintes entidades:

1. As organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia que concorreron ás eleccións ás cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002, segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

2. Asociacións agrarias, con ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade 811, Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca, de acordo co Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

Artigo 4. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Cumprir os requisitos establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As asociacións agrarias non poderán ter ningunha relación de dependencia ou vínculo empresarial entre elas ou con algunha das organizacións profesionais agrarias solicitantes.

3. As asociacións agrarias deberán cumprir, polo menos, dúas das seguintes condicións:

a) Ter representación da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 3 de abril de 2017 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

b) Estar inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia.

c) Ser unha entidade colaboradora da política agrícola común (PAC) e ter tramitado polo menos o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2019.

d) Ser unha entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para prestar servizos de formación agroforestal durante o ano 2019.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán obxecto de subvención os custos derivados das seguintes actividades realizadas ao longo do ano 2019:

a) Funcións e actuacións que lles son propias conforme a normativa legal.

b) Funcións ordinarias de xestión interna das organizacións profesionais agrarias e das asociacións de interese agrario.

c) Representación perante as institucións.

d) Participación nos órganos colexiados, comisións, mesas sectoriais que, para a defensa dos intereses dos seus representantes, foron constituídos pola Administración galega.

e) Formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario.

f) Impulso do asociacionismo agrario.

2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Contía e tipo de axuda

1. Os fondos dispoñibles para o pagamento das subvencións asignaranse para as diferentes entidades do seguinte xeito:

a) O 65 % do total do crédito destinarase a subvencionar as organizacións profesionais agrarias (artigo 3.1).

b) O 35 % restante destinarase a subvencionar asociacións agrarias (artigo 3.2).

2. A repartición das axudas realizarase polo sistema de rateo.

3. O importe das axudas reguladas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que supere o custo das actividades subvencionables.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes, realizando de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Unha vez que o Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario verifique o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, o órgano colexiado, elaborará un informe que elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Medio Rural, quen emitirá a proposta de resolución. Este órgano estará presidido pola persoa titular da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, vista a proposta, ditará a correspondente resolución, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, antes do 31 de decembro de 2019. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas en momento no que se produza o acceso ao seu contido. E entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Recursos administrativos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, en calquera momento a partir do día seguinte desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Artigo 12. Incompatibilidade

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda para os mesmos obxectivos e gastos.

2. As entidades solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

3. Así mesmo, coa xustificación tamén presentarán unha declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 13. Reintegro da axuda

Atendendo ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, procederá o reintegro total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo da concesión da subvención.

d) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos conceptos subvencionados.

e) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos que fundamentan a concesión da subvención.

Artigo 14. Infraccións e sancións

A cada entidade beneficiaria das axudas reguladas nestas bases seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 15. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, as resolucións de concesión da axuda.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Medio Rural, http://mediorural.xunta.gal/

CAPÍTULO II

Convocatoria

Artigo 18. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 19. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).

b) Copia dos estatutos da entidade.

c) Memoria de actuacións indicando as actividades realizadas e os resultados obtidos.

d) Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

i. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento.

ii. As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento. Considéranse documentos xustificativos do pago das facturas os seguintes:

• Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

• No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

• No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e xuntarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

• No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

• No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

• Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

iii. Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

iv. Os documentos acreditativos dos gastos de persoal realizados con medios ou recursos propios (nóminas e xustificante bancario do pagamento desas nóminas).

v. Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento coa Atriga.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Concesión doutras subvencións.

i) Informe de vida laboral da empresa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 21. Xustificación e pagamento das subvencións

Tendo en conta a natureza e fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención por parte do beneficiario, xa que todos os datos necesarios son achegados polo solicitante na súa solicitude de axuda. O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria á conta indicada polo solicitante na súa solicitude de axuda.

Artigo 22. Financiamento das axudas

As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.712C.481.1 (proxecto 2013.00635) por un importe de 287.460 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para que dite os actos necesarios para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file