Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 21 de novembro de 2019 Páx. 49561

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2019, conxunta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

En desenvolvemento da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, o artigo 42 do Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo regula o Rexistro de persoas prohibidas, onde se poden inscribir, de forma voluntaria, as persoas que sofren adicción ao xogo ou que consideran que están en risco de padecela, para que se lles prohiba o acceso a salóns de xogo, casinos e bingos, así como o Decreto 162/2012, do 7 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 37/2016, do 17 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes de autoprohibición para o acceso a unha sala de bingo, a un casino ou a unha tenda ou espazo de apostas teñen unha duración mínima dun ano e terán carácter reservado, e comunicaranse ás empresas titulares dos salóns de xogo, tendas de apostas, casinos e bingos. O levantamento da prohibición requirirá da tramitación previa do oportuno expediente por solicitude da persoa interesada.

Por outra banda, o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, regula o rexistro de modelos de máquinas de xogo onde constan todos aqueles modelos de máquinas que foron homologados por cumpriren os requisitos técnicos previstos na normativa de xogo.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no punto 3.4 do seu protocolo, determina que a creación de selos electrónicos se realizará mediante resolución das secretarías xerais, secretarías xerais técnicas, direccións xerais ou persoa titular da dirección da entidade pública instrumental competente, que deberá ser publicada en sede electrónica.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito dos seguintes decretos: Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo; Decreto 162/2012, do 7 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, e Decreto 37/2016, do 17 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

a) A comunicación da inscrición, comunicación da certificación de estar inscrito, comunicación da cancelación da inscrición e comunicación da imposibilidade de tramitar a cancelación no Rexistro de persoas prohibidas para os establecementos con obrigados a control de acceso.

Segundo. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

a) Certificación de autorizacións de explotacións de máquinas.

Terceiro. Os órganos responsables en relación coa actuación administrativa automatizada relacionada no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «Dirección Xeral de Emerxencias e Interior» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e a realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte as actuacións e procedementos mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «Dirección Xeral de Emerxencias e Interior», sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2019

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para
a Modernización Tecnolóxica
de Galicia