Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Luns, 25 de novembro de 2019 Páx. 49936

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2019 por la que se convoca o Taller de contratación pública. Role play xurídico-práctico.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o Taller de contratación pública. Role play xurídico-práctico, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.

Ao abeiro desta iniciativa, co desenvolvemento desta actividade perséguense os seguintes obxectivos:

• Comprender e coñecer todas as fases do procedemento de contratación.

• Ser capaz de redactar os documentos que compoñen o expediente de contratación.

• Alertar sobre as dificultades e principais incidencias da contratación pública.

• Determinar as exixencias de solvencia de forma adecuada.

• Diferenciar os tipos de criterios de adxudicación e coñecer os riscos e posibilidades de elección dos ditos criterios.

• Ser capaz de redactar un prego de condicións e coñecer as posibles vulnerabilidades e os defectos frecuentes.

• Comprender a dificultade de redactar un modificado previsto.

• Comprender como redactar condicións especiais de execución e, en relación con iso, coñecer as novas exixencias do Real decreto lei 14/2019, do 31 de outubro.

• Aprender cal é o contido mínimo dun documento de contrato.

2. Contidos.

Trataranse, dunha forma práctica consistente na realización de distintas tarefas que se propoñerán ao longo da actividade, e no uso de técnicas de dinámica de grupo como o role play (simulación ou xogo de roles), os seguintes temas:

I. A configuración do obxecto do contrato.

II. A elección do procedemento de adxudicación. Breve guía de procedementos. Especialidades.

III. A redacción de criterios de solvencia.

IV. Os criterios de adxudicación de contratos.

V. A redacción de modificados previstos.

VI. A redacción de condicións de execución.

VII. A redacción de penalidades.

VIII. A redacción de actas.

IX. A redacción do documento contractual.

3. Persoas destinatarias.

O taller está dirixido ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes instrumentais e das universidades do Sistema universitario de Galicia, que presten servizo en unidades de contratación e que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I e II do persoal laboral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: martes, 10 de decembro de 2019.

Horario de mañá: 9.00 a 14.30 horas.

Horas lectivas: cinco e media.

5. Número de prazas: 50.

6. Inscrición.

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

Todas as persoas solicitantes deberán enviar, ademais, un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal e achegar un certificado acreditativo de que prestan servizo en unidades de contratación de acordo co establecido no punto 3 desta resolución. Esta certificación será expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que preste os seus servizos.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non acheguen a dita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, o 2 de decembro de 2019.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 2 de decembro de 2019.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39-981 54 62 41.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

9. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar nesta actividade, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas ou se atopan excluídas de acordo co disposto no punto segundo, ordinal 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final da listaxe de reservas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Facultades da EGAP.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, nese caso empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do taller, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública