A Orde do 23 de setembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 191, do 8 de outubro, crea a Rede de Comercios e Mercados no Camiño, establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para fomentar a adhesión a ela, e procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300F).
No artigo 1.3, parágrafo segundo do anexo I das bases reguladoras, establécese a consideración de actuacións subvencionables sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2019 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19.
O artigo 19.1 do anexo I das bases reguladoras establece que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 30 de novembro de 2019, do anexo X debidamente cuberto xunto cos orixinais ou copias da documentación especificada no citado artigo 19.
Tendo en conta o número de solicitudes presentadas, os seus prazos de emenda e a posterior concesión das subvencións, e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 19.1 do anexo I da orde e ampliar o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte dos beneficiarios, concretamente ata o 16 de decembro de 2019.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do artigo 19.1 do anexo I da Orde do 23 de setembro de 2019 pola que se crea a Rede de Comercios e Mercados no Camiño, se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para fomentar a adhesión a ela, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300F)
O primeiro parágrafo do artigo 19.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:
«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, e ata o 16 de decembro de 2019, do anexo X debidamente cuberto xunto cos orixinais ou copias da seguinte documentación:».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2019
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria