Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 29 de novembro de 2019 Páx. 51177

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2019 pola que se modifica a Resolución do 2 de agosto de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

Mediante Resolución do 2 de agosto de 2019 déuselle publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 154, do 14 de agosto).

No punto segundo logo do «Resolvo:» establécese que o prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 29 de novembro de 2019, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

No parágrafo terceiro do punto cuarto logo do «Resolvo:» establécese que o prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de outubro de 2020, e o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento, como máis tarde, o 17 de novembro de 2020.

Tendo en conta que se prevé que estes prazos non serán suficientes para acadar o orzamento asignado a este programa e, coa finalidade de poñer á disposición das pemes galegas que carecen da infraestrutura necesaria para acometer un proceso de internacionalización, un xestor de internacionalización faise aconsellable prorrogar ata o 30 de decembro de 2019 o prazo de presentación de solicitudes, e igualmente faise necesario ampliar o prazo de xustificación da axuda como un maior período de execución.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1

Ampliar ata o 31 de decembro de 2019 o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto segundo do «Resolvo:» da Resolución do 2 de agosto de 2019, pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2

Ampliar ata o 11 de decembro de 2020 o prazo máximo de execución dos proxectos, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento, como máis tarde, o 21 de decembro de 2020.

Artigo 3

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica