Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 2 de decembro de 2019 Páx. 51271

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de novembro de 2019 pola que se establece a compensación económica aos colexios de avogados polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta durante o cuarto trimestre de 2019 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2020.

O artigo 24 da nosa Constitución garántelles o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, e así mesmo á defensa e á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta Magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei, e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, esta materia foi obxecto dunha fonda reforma, e como consecuencia do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, polo que lle foron transferidas pola Administración do Estado a Galicia os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os cales se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, a Comunidade Autónoma galega realizou o desenvolvemento normativo da dita Lei 1/1996, nun primeiro momento a través do Decreto 146/1997 e, posteriormente, coa pertinente reforma deste para a súa necesaria adaptación ao contexto actual, mediante o vixente Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño.

Por outra banda, con data do 20 de outubro de 2017, a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega asinaron un acordo para establecer o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta destes profesionais, cun ámbito temporal que abarca desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2021. O dito acordo establece que, para o período comprendido estre o 1 de outubro de 2019 re o 30 de setembro de 2021, as bases e módulos de compensación se actualizarán conforme co IPC galego do ano anterior, que no ano 2018 foi do 1 %.

Así mesmo, a Orde 2 de agosto de 2012 desenvolve a regulación das certificacións e xustificacións trimestrais establecidas no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Durante o cuarto trimestre do ano 2019 e durante o primeiro, segundo e terceiro trimestre de 2020, as cantidades do baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta serán as especificadas no anexo da presente orde. Estas cantidades deberán ser certificadas trimestralmente polos colexios de avogados, seguindo estritamente a ordenación de tipoloxías recollidas no modelo que figura no anexo da presente orde, de acordo cos artigos 38.3 e 44 do Decreto 269/2008, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, e tendo en conta o disposto nos apartados primeiro, segundo e terceiro da Orde do 2 de agosto de 2012.

Segundo. Os avogados percibirán o 100 % da compensación económica correspondente á súa actuación profesional cando acrediten a realización dalgún dos seguintes trámites procesuais:

a) En materia de asistencia letrada ao detido ou preso, unha vez finalizada a intervención profesional e que o avogado presente o parte selado polo órgano xudicial ou policial onde se levou a cabo a asistencia e no cal se recollan os seguintes datos como mínimo:

– Nome e número de colexiado do avogado.

– Nome e DNI do asistido ou asistidos. No caso de estranxeiros, número de pasaporte ou de tarxeta de residencia.

– Motivo polo cal o asiste e, se for o caso, da detención, e número de dilixencias policiais ou xudiciais.

Cando o colexio de avogados teña establecida unha quenda de garda, pagarase unha única compensación por cada quenda de garda. Se o número de asistencias realizadas a persoas diferentes é superior a cinco dentro dunha mesma garda, o avogado percibirá unha compensación equivalente ao dobre do módulo establecido, sexa cal sexa o número de asistencias realizadas.

b) Nos procesos penais, a presentación da copia da dilixencia ou solicitude da actuación procesual en que interveña o letrado, ou a apertura do xuízo oral.

c) Nos procesos civís, a presentación da copia da resolución xudicial de admisión da demanda ou de ter por formulada a contestación dela.

d) Nos demais procesos, a presentación da copia da dilixencia xudicial acreditativa da intervención do avogado.

e) Nas apelacións civís, a presentación da copia da resolución xudicial pola que se admite a trámite o recurso ou, se procede, a comparecencia ante a sala.

f) Nas apelacións penais, a presentación da copia da resolución xudicial en que se teña por formalizado ou impugnado o recurso ou o sinalamento para a vista.

g) Nos recursos de casación formalizados, a presentación da copia da resolución xudicial pola que se teña por interposto o recurso.

h) Nos anuncios de recurso de casación que non chegan a ser formalizados, a presentación da copia do anuncio do recurso, debidamente xustificada.

i) Nas transaccións extraxudiciais e informe de insostibilidade da pretensión, a presentación do documento de transacción subscrito polos interesados ou do informe da insostibilidade dirixido ao colexio.

j) Nas desistencias extraxudiciais por pasividade do interesado, a presentación de xustificación escrita do letrado.

k) Nas execucións de sentenzas que se produzan transcorridos máis de dous anos despois de ditada resolución xudicial, a presentación da copia de petición de execución, debidamente acreditada.

Os documentos referidos poderán ser substituídos por copia selada polo órgano xudicial da primeira folla do escrito presentado.

Terceiro. En cumprimento do establecido no artigo 44.1 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e do disposto na Orde do 2 de agosto de 2012, dentro do mes natural seguinte ao da finalización de cada trimestre, o colexio de avogados remitirá á Dirección Xeral de Xustiza unha certificación que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos profesionais durante ese período nas cales exista recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta, así como a relación desagregada a que fai referencia a Orde do 2 de agosto de 2012.

Cuarto. En cumprimento do establecido no artigo 48 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e segundo o disposto na Orde do 2 de agosto de 2012, os colexios de avogados deberán remitir a xustificación trimestral dos fondos percibidos a que se refire o artigo 47 do devandito Decreto 269/2008.

Disposición adicional

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001), e a súa eficacia queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito suficiente para financiar as obrigas derivadas dela.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Módulos e bases da indemnización pola prestación do servizo

Baremos para o cuarto trimestre do ano 2019 e o primeiro,
segundo e terceiro trimestres de 2020

Avogados/tipoloxía

Asistencia ao detido ou preso.

Código

Denominación

Módulo

101

Asistencia individualizada

113,12 €

Xurisdición penal.

Código

Denominación

Módulo

201

Procedemento ante o tribunal do xurado

505,00 €

202

Asistencia diaria á vista ante o tribunal do xurado a partir do segundo día

120,19 €

203

Procedemento ordinario por delito

479,75 €

204

Procedemento abreviado de especial complexidade (causa de máis de 1.000 folios)

479,75 €

206

Procedemento penal abreviado

348,45 €

207

Procedemento de axuizamento rápido de delitos sen conformidade

358,55 €

208

Procedemento de axuizamento rápido de delitos con conformidade

237,35 €

209

Procedemento para o xuízo sobre delito leve

156,55 €

2010

Menores. Proceso terminado con sentenza

242,40 €

2011

Menores. Proceso con outras formas de terminación

181,80 €

2012

Recurso ante o xulgado de vixilancia penitenciaria con intervención preceptiva ou designación de avogado por requirimento xudicial, conforme o artigo 21 da Lei de asistencia xurídica gratuíta

161,60 €

2015

Recursos de apelación a sentenzas e autos finais. Proceso por delito

161,60 €

2016

Recursos de apelación. Procedemento sobre delitos leves

131,30 €

2017

Defensa xurídica inmediata da muller en dilixencias policiais, tramitación da orde de protección e procedementos administrativos que traian causa directa ou indirecta de violencia doméstica

113,12 €

2018

Defensa xurídica do presunto agresor na comparecencia xudicial da orde de protección

95,95 €

Xurisdición civil.

Código

Denominación

Módulo

301

Procedemento ordinario

363,60 €

302

Xuízo verbal

242,40 €

303

Proceso contencioso de familia completo

358,55 €

304

Proceso de familia de mutuo acordo

242,40 €

305

Medidas provisionais previas e coetáneas en procesos de familia

95,95 €

306

Modificación de medidas definitivas en procesos de familia

333,30 €

307

Proceso sobre filiación ou capacidade, agás os internamentos do artigo 763 da Lei de axuizamento civil

242,40 €

308

Monitorio

120,19 €

309

Actuación nun proceso como contador partidor

262,60 €

3010

Proceso de división xudicial de patrimonios completo

242,40 €

3011

Execucións de títulos xudiciais con oposición e posteriores a dous anos

181,80 €

3012

Cambiario e execución de títulos non xudiciais

181,80 €

3013

Expedientes de xurisdición voluntaria e internamento non voluntario por razón de trastorno psíquico

181,80 €

3014

Recursos de apelación

161,60 €

Xurisdición contencioso-administrativa.

Código

Denominación

Módulo

401

Recurso contencioso-administrativo. Procedemento ordinario

363,60 €

402

Recurso contencioso-administrativo. Procedemento abreviado

242,40 €

403

Vía administrativa (estranxeiría e asilo)

120,19 €

404

Recursos de apelación

161,60 €

405

Entrada en domicilio

113,12 €

Xurisdición social.

Código

Denominación

Módulo

501

Procesos da xurisdición social (ordinarios e especiais)

267,65 €

502

Recursos de suplicación

161,60 €

Xurisdición militar.

Código

Denominación

Módulo

601

Proceso íntegro

227,25 €

Recursos de casación e amparo.

Código

Denominación

Módulo

701

Recurso de casación

363,60 €

702

Recurso de casación cando non se formaliza e hai só anuncio

111,10 €

703

Recurso de amparo

363,60 €

Actuacións extraprocesuais.

Código

Denominación

Módulo

801

Transaccións extraxudiciais

(*) 75 %

802

Informe motivado da insostibilidade da pretensión

80,80 €

803

Desistencia previa ao proceso por pasividade da persoa axuizable, estudo e preparación do asunto previos á presentación da demanda

(*) 30 %

Normas xerais.

Código

Denominación

Módulo

901

Achantamento

(*) 30 %

902

Execución de sentenza posterior aos dous anos de ditada a resolución xudicial, agás na xurisdición civil

(*) 30 %

903

Saídas a centros de prisión e centros de internamento de menores en réxime pechado (máximo de dúas saídas por proceso)

30,30 €

904

Desprazamentos para a asistencia a xuízo oral (avogados con despacho oficial nun partido xudicial distinto ao da sede do xulgado do penal ou da audiencia provincial)

41,41 €

905

Medidas cautelares e dilixencias preliminares

101,00 €

906

Reconvención

120,19 €

(*) Sobre o módulo aplicable ao procedemento.