O artigo 47 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que o exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el se lle imputarán os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período a que correspondan, e as obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servizos ou outro tipo de gastos realizados con cargo aos créditos respectivos dentro do correspondente ano natural.
Na presente orde procédese á regulación dos prazos e os procedementos para a realización das operacións contables de pechamento da contabilidade dos gastos e dos ingresos públicos do ano 2019.
Regúlanse tamén os procedementos e prazos para a realización das operacións contables propias da apertura da contabilidade do ano 2020.
Por iso, e en virtude das competencias atribuídas polo artigo 110 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ámbito de aplicación
1.1. Esta orde será de aplicación:
a) Á Administración xeral da Xunta de Galicia.
b) Aos organismos autónomos.
c) Ás axencias públicas autonómicas.
d) A aquelas outras entidades que con carácter específico determine a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
1.2. O resto de entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, están obrigadas a remitir á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a información da liquidación provisional das súas contas nos termos regulados no artigo 16 desta orde e a formar e remitir as súas contas anuais nos termos regulados no artigo 18 desta orde.
1.3. As entidades que, en virtude do previsto no artigo 2 da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, formen parte do sector administracións públicas e que non figuren incluídas entre as entidades a que se refiren os puntos 1.1 e 1.2 están obrigadas a remitir á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a información da liquidación provisional das súas contas nos termos regulados no artigo 16 desta orde.
Artigo 2. Sinalamento de haberes no mes de decembro
2.1. As nóminas elaboradas polo Cixtec para a percepción de haberes do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 13 do dito mes e remitiranse o día 18 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e á tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 20 do mesmo mes; para isto, os partes do mes de decembro deberán recibirse no dito centro antes do día 12 de decembro.
2.2. Os haberes correspondentes ao mes de decembro satisfaranse a partir do día 20 do mesmo mes.
Artigo 3. Modificacións orzamentarias
3.1. Os expedientes de modificacións orzamentarias que afecten o orzamento de 2019 terán como data límite de entrada na Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos o día 3 de decembro de 2019.
3.2. O prazo previsto no punto anterior deste artigo non será aplicable nas modificacións que afecten créditos do capítulo I «Gastos de persoal» e ás seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.
3.3. Os expedientes de modificacións orzamentarias deberán estar completos. En ningún caso se admitirán expedientes non enviados en tempo e forma.
Artigo 4. Recepción e tramitación de documentos contables
4.1. Os documentos contables, relativos aos capítulos II e IV, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:
a) O día 3 de decembro: documentos en fase RC para A, documentos A e documentos AD de exercicios correntes e futuros.
b) O día 5 de decembro: documentos D de exercicios correntes e futuros.
c) O día 30 de decembro: resto de documentos contables.
Excepcionalmente naquelas obrigas de capítulo II xeradas polo cumprimento de prestacións ou servizos continuados e de devindicación periódica nas cales non sexa posible a determinación exacta do seu importe antes do 31 de decembro e co obxecto da súa correcta imputación ao exercicio 2019, admitirase a entrada dos documentos contables OK nas intervencións con data límite do 8 de xaneiro do 2020.
4.2. Os documentos contables, relativos aos capítulos VI e VII, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:
a) O día 3 de decembro: documentos en fase RC para A, documentos A, documentos AD de exercicios correntes e futuros e documentos DOK e ADOK.
b) O día 5 de decembro: documentos D de exercicios correntes e futuros.
c) O día 30 de decembro: resto de documentos contables.
4.3. Quedarán exceptuados do disposto nos puntos anteriores:
a) Os gastos que correspondan a expedientes que teñan a súa orixe en sentenzas xudiciais.
b) As achegas financiadas con cargo ao capítulo IV e VII previstas no Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia.
c) Os expedientes de gasto con cargo ás partidas correspondentes á dependencia, renda de integración, pensións non contributivas e axudas de emerxencia social. Inclúense neste punto as transferencias a corporacións locais en materia de dependencia.
d) Os expedientes de gasto correspondentes ás axudas económicas do Programa de apoio á natalidade xestionadas a través da «tarxeta benvida» e do «bono concilia».
e) Os expedientes de gasto correspondentes a comedores escolares, transporte escolar, gastos de funcionamento dos centros e subvencións a centros concertados. Cando estes expedientes sexan tramitados mediante pagamentos a xustificar, tampouco lles será de aplicación a limitación que establece o artigo 8.1 desta orde.
f) Os expedientes de gasto correspondentes ao pagamento da prestación periódica establecida no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, así como a indemnización prevista no artigo 43 da mesma lei.
g) Os expedientes correspondentes a farmacia hospitalaria e receitas médicas.
h) Os expedientes de gasto correspondentes á asistencia xurídica gratuíta.
i) Os expedientes de gasto correspondentes a prórrogas de contratos.
j) Os expedientes financiados polo Feaga e polo Feader.
k) Os documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D e documentos AD con cargo aos créditos do capítulo IV financiados por transferencias finalistas do Estado.
l) Os documentos contables necesarios para reaxustar as anualidades dando cumprimento ao disposto no punto 1 do artigo 11 desta orde.
m) Os gastos correspondentes ás seccións 01, 02 e 21 do orzamento de gastos.
n) Os expedientes de gasto que teñan a consideración de investimento financeiramente sustentable nos termos da disposición adicional 116ª da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018.
A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais para estes expedientes será o 30 de decembro.
4.4. Os documentos contables relativos aos capítulos III, VIII e IX e os do capítulo I non incluídos no artigo 2 desta orde terán como data límite de entrada o 30 de decembro.
4.5. Os documentos contables positivos cando formen parte dunha formalización e veñan acompañados polo documento contable negativo correspondente terán como data límite de entrada o 10 de xaneiro de 2020.
4.6. Con carácter excepcional, poderán ter entrada nas intervencións delegadas ata o 31 de xaneiro de 2020 os seguintes documentos:
a) Os documentos contables relativos ás transferencias de financiamento previstas no artigo 47 da Lei 2/2018, de orzamentos para o 2019, cando se realicen entre as entidades incluídas no artigo 1.1 desta orde.
b) Os documentos contables negativos.
c) Os documentos contables relativos ao pagamento das cotas de Seguridade Social do mes de decembro.
A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá ampliar o prazo fixado neste punto 4.6 cando as circunstancias propias das operacións de peche do exercicio así o aconsellen.
4.7. Os documentos contables de expedientes tramitados en réxime de tramitación anticipada terán como data límite de entrada o 19 de decembro.
4.8. Nos organismos autónomos e nas axencias autonómicas non sometidos a función interventora, as datas a que fan referencia os puntos anteriores entenderanse referidas ao momento da contabilización dos expedientes pola oficina contable da dita entidade.
4.9. As intervencións delegadas e as demais oficinas contables absteranse de tramitar calquera documento recibido con posterioridade ás datas límite que se establecen neste artigo, coa única excepción daqueles documentos aos cales se xunte a autorización a que se refire a disposición adicional desta orde.
Artigo 5. Xustificación das operacións
5.1. Os documentos e os expedientes a que se refire o artigo 4 deberán remitirse ás intervencións acompañados da totalidade da documentación que preceptúe a normativa que hai que aplicar en cada caso e que acredite a necesidade de contabilizar a operación con cargo ao orzamento do ano 2019.
No suposto de remisión de documentos contables que incumpran o anteriormente sinalado, a intervención delegada procederá á súa devolución ao órgano xestor sen contabilizar e absteranse de contabilizalos no caso de que volvan entrar unha vez transcorrida a data límite establecida.
As intervencións delegadas e territoriais velarán moi especialmente polo cumprimento desta norma.
5.2. En particular, aplicaranse as seguintes normas:
a) Nos expedientes plurianuais de contratos de obras, servizos e subministracións, e de subvencións e convenios, a intervención comprobará que a imputación ao exercicio 2019 se realice pola parte que proceda, segundo o programa de traballo ou o plan de investimentos.
b) Aboamentos á conta por operacións preparatorias dos contratos: serán excepcionais, e requirirán autorización da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, os aboamentos de anticipos ás empresas adxudicatarias dos contratos; o órgano de contratación deberá xustificar a súa necesidade de acordo co programa de execución do investimento.
Artigo 6. Actos de recepción
Para os efectos de realizar as comprobacións materiais de aplicación dos fondos públicos en datas compatibles co peche do exercicio contable, as solicitudes de designación de representante deberán recibirse na Intervención antes do 5 de decembro de 2019.
Artigo 7. Tramitación conxunta de obrigas recoñecidas e propostas de pagamento
A tramitación de expedientes que impliquen o recoñecemento de obrigas realizarase conxuntamente coa correspondente proposta de pagamento. Os interventores delegados e territoriais velarán especialmente polo cumprimento deste artigo.
Artigo 8. Pagamentos que hai que xustificar
8.1. A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais dos documentos con fase OK a xustificar será o 3 de decembro e a data límite para que as intervencións delegadas e territoriais os tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos será o día 9 de decembro.
8.2. As cantidades libradas a xustificar só poderán atender as obrigas adquiridas no ano 2019, e deberanse reintegrar ao Tesouro da Comunidade Autónoma os importes non aplicados e presentar as contas xustificativas e os documentos contables de formalización antes do día 10 de xaneiro de 2020.
Artigo 9. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro
9.1. O último día do exercicio 2019 en que a Tesouraría da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos poderá satisfacer pagamentos será o 31 de decembro.
9.2. Ata que as intervencións delegadas e territoriais deixen de tramitar propostas de pagamento con imputación ao exercicio de 2019, manterase aberta a contabilidade de recepción de tales propostas.
9.3. As ditas dependencias reiniciarán o pagamento dos libramentos pendentes de satisfacer o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2020.
Artigo 10. Ingresos procedentes de dereitos liquidados
Os órganos xestores con competencia en materia de ingresos velarán especialmente para que o día 8 de xaneiro estean realizadas todas as actuacións necesarias para a imputación ao exercicio 2019 dos dereitos e recadación que corresponda. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma coidará moi especialmente do cumprimento do disposto no artigo 80 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que respecta aos dereitos liquidados que non sexan exixibles no momento do peche do exercicio orzamentario en virtude do aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realizar o ingreso en período voluntario exceda o 31 de decembro.
Artigo 11. Operacións de fin de exercicio
11.1. Con anterioridade ao peche do exercicio, os centros xestores procederán á anulación dos saldos de documentos en fase D que non representen compromisos con terceiros. Tamén deberán axustar os saldos de compromiso coa realidade mediante os oportunos reaxustes de anualidades.
11.2. Unha vez realizadas estas operacións, os centros xestores remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o anexo que figura ao final desta orde no cal se comunicará a finalización da tramitación de operación do exercicio 2019.
11.3. Os créditos que o último día do exercicio non estean afectados ao cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
11.4. Como consecuencia do anterior, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias do ano 2019, dos saldos de autorizacións, así como das retencións de crédito existentes, con excepción das retencións de non dispoñibilidade de crédito (RCnd).
Estas anulacións serán realizadas de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.
11.5 Así mesmo, e con anterioridade ao peche do exercicio, os centros xestores procederán a anular os saldos en fase A e RC da agrupación de exercicios futuros que, de acordo coa normativa de aplicación, non deban manter a súa vixencia no ano 2020.
Artigo 12. Relación de acredores orzamentarios
Co obxecto de que ao fin do exercicio queden regularizados os saldos de obrigas de exercicios pechados, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá aos distintos centros xestores do orzamento de gastos a relación de acredores.
Os centros xestores xustificarán, antes do día 10 de xaneiro de 2020, aqueles saldos que se correspondan coa existencia dunha obriga real. En caso de que non quede acreditada a dita circunstancia, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá dar de baixa en contas estes saldos.
Artigo 13. Propostas de pagamento pendentes de realización
A Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos revisará as propostas de pagamento pendentes con antigüidade igual ou superior a un ano, indicando á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, antes do día 10 de xaneiro de 2020, aquelas cuxo pagamento non sexa procedente, ben por prescrición ou por calquera outra causa, para a súa anulación.
Artigo 14. Relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios
As intervencións delegadas e territoriais e as oficinas contables, con competencias en materia de contabilidade de ingresos, formarán relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios, xustificativas dos saldos contables pendentes de ingreso ou pagamento respectivamente, debidamente conciliadas cos saldos contables.
Estas relacións remitiranse á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que adoptará as medidas necesarias para a depuración dos saldos contables afectados.
Artigo 15. Relación de gastos non imputados ao orzamento do exercicio 2019
Unha vez finalizadas as operacións recollidas nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 11, os centros xestores comunicarán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma as obrigas derivadas de gastos efectivamente realizados ou de bens e servizos efectivamente recibidos que non alcanzasen a fase contable O no orzamento de 2019 con indicación dos motivos que impediron a súa correcta imputación no dito exercicio.
A Intervención Xeral poderá obter de oficio do Sistema electrónico de facturación a información das obrigas a que se refire o parágrafo anterior e que estean soportadas en facturas. Os centros xestores deberán comunicar, con data límite do 10 de xaneiro, a relación de gastos correspondentes a expedientes de subvencións, persoal, expropiacións, responsabilidade patrimonial da Administración e, en xeral, de calquera gasto cuxa xustificación figure en calquera outro tipo de documento.
Artigo 16. Información da liquidación provisional das entidades integradas no sector público
As entidades previstas nos puntos 1.2 e 1.3 do artigo 1 desta orde remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, antes do día 17 de xaneiro, a información contable anual nos modelos normalizados, aprobados para tal efecto polo Consello de Política Fiscal e Financeira.
A información será asinada dixitalmente e remitida á Subdirección Xeral de Contabilidade a través do sistema CODEX.
Artigo 17. Contabilidade financeira
A información derivada da contabilidade financeira deberá conter en dobre columna tanto os resultados correspondentes ao peche do exercicio de 2019 como de 2018.
A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio, que forma parte integrante da Conta Xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100 <<Patrimonio>>.
Mentres non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase con carácter xeral o 2 % para inmobles e o 10 % para o restante inmobilizado amortizable.
Artigo 18. Elaboración e remisión das contas anuais
Todas as entidades incluídas nos puntos 1.1 e 1.2 do artigo 1 desta orde deberán formular e enviar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma as súas contas antes do 31 de marzo de 2020. As contas deberán ser postas á disposición dos auditores antes do 1 de abril de 2020.
Unha vez aprobadas polo órgano competente, as contas serán remitidas á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma antes do 30 de xuño de 2020 para os efectos da súa incorporación á Conta Xeral da Comunidade Autónoma. As contas serán remitidas xunto co informe de auditoría correspondente.
Cando a información incluída nas contas definitivas difira da enviada nos modelos normalizados aprobados polo Consello de Política Fiscal e Financeira, deberanse actualizar os modelos e remitilos á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma coa información correcta antes do 30 de xuño de 2020.
Artigo 19. Peche do exercicio 2019
Sen prexuízo do disposto en normas especiais contidas na presente orde, o día 10 de xaneiro de 2020 pecharase a contabilidade orzamentaria dos centros de gastos e ingresos correspondente ao exercicio de 2019.
As operacións que se imputen ao orzamento de 2019 e que se realicen durante o exercicio 2020 levarán data contable do 31 de decembro de 2019, sen prexuízo de que os actos dos que se deriven teñan data posterior.
Unha vez concluídas as operacións de peche do exercicio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma fixará a data definitiva de peche da contabilidade de 2019. A partir dese momento non se poderá incorporar ás contas ningunha actuación.
Artigo 20. Apertura do exercicio 2020
20.1. Antes do 10 de decembro de 2019, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos deberá elevar á persoa titular da Consellería de Facenda a proposta dos criterios que se aplicarán na incorporación automática de remanentes de crédito de conformidade co disposto na Orde de 20 de decembro de 2007 pola que se regula o procedemento para a incorporación automática de remanentes procedentes de exercicios anteriores.
20.2. Antes do 30 de decembro de 2019, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos remitirá á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma un informe sobre os criterios seguidos, se for o caso, para a transformación dos códigos de aplicación e de proxecto entre os exercicios 2019 e 2020, indicando cando corresponda os códigos de aplicación e proxecto do orzamento de 2020 que son continuidade dos utilizados no exercicio 2019.
20.3. A contabilidade do exercicio 2020 ábrese o día 1 de xaneiro de 2020.
A Subdirección Xeral de Contabilidade contabilizará de oficio os créditos orzamentarios autorizados pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 e os límites de gasto con cargo a exercicios futuros, seguindo os criterios definidos pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos na elaboración dos orzamentos do exercicio 2020.
Calquera modificación dos límites de gasto con cargo a exercicios futuros instrumentarase a través da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos. Tras as oportunas verificacións, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos remitirá os documentos contables debidamente cubertos á Subdirección Xeral de Contabilidade que procederá á súa contabilización.
Desde o día 2 de xaneiro poderanse realizar operacións con cargo ao orzamento de 2020, coas limitacións establecidas nesta orde.
Os documentos contables de expedientes tramitados en réxime de tramitación anticipada que non fosen contabilizados en data 31 de decembro serán devoltos ao xestor para os efectos da súa substitución por documentos contables do exercicio 2020. Todos os actos realizados conservarán a súa vixencia nos termos recollidos na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.
Artigo 21. Traspaso de saldos e remanentes
21.1. Incorporación de remanentes.
Con data límite do 23 de xaneiro de 2020, a Subdirección Xeral de Contabilidade contabilizará de oficio as operacións que correspondan en aplicación do disposto na Orde do 20 de decembro de 2007 pola que se regula o procedemento para a incorporación automática de remanentes procedentes de exercicios anteriores.
A incorporación daqueles remanentes que non se poida realizar ao abeiro da Orde do 20 de decembro de 2007 realizarase por iniciativa do órgano competente para a xestión dos créditos correspondentes. Para estes efectos, os expedientes de tramitación destas incorporacións deben ter entrada na Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos antes do 24 de xaneiro de 2020.
21.2. Traspaso de compromisos firmes de gasto contraídos en exercicios anteriores.
Unha vez pechado o exercicio de 2019, procederase á imputación ao exercicio 2020 dos compromisos firmes de gasto adquiridos en exercicios anteriores e que non alcanzasen a fase de obriga recoñecida. Se os expedientes que hai que traspasar se corresponden con créditos desconcentrados, a Subdirección Xeral de Contabilidade poderá contabilizar de oficio a desconcentración dos créditos necesarios para a correcta imputación dos compromisos.
A imputación realizarase nas mesmas aplicacións e proxectos en que foi contabilizado o gasto no exercicio 2019. No caso de que a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos asignase un novo código de aplicación e/ou proxecto nos orzamentos de 2020, a imputación realizarase nos códigos detallados no informe a que se refire o artigo 20.2 desta orde. Cando, unha vez realizada esta asignación, non haxa nos orzamentos de 2020 crédito adecuado e suficiente para realizar o traspaso, o órgano xestor deberá propoñer a aplicación e/ou o proxecto a que se debe imputar o compromiso de gasto.
Cando no orzamento de 2020 non exista crédito adecuado e suficiente para a imputación destes expedientes, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá contabilizar de oficio noutras partidas da mesma sección orzamentaria RC de non dispoñibilidade polo importe necesario para garantir o financiamento destes expedientes.
No caso de que o crédito dispoñible non fose suficiente para financiar a totalidade dos expedientes procedentes de exercicios anteriores, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma dará traslado desta circunstancia á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e á consellería afectada, con indicación dos compromisos firmes procedentes do exercicio 2019 que por falta de crédito adecuado non puideron ser debidamente contabilizados.
O órgano xestor correspondente en cada caso poderá propoñer a modificación da aplicación e/ou proxecto en que se realizou o RC de non dispoñibilidade por outra aplicación e/ou proxecto, sempre que garanta o correcto financiamento dos gastos comprometidos. Unha vez comprobados estes aspectos, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma realizará as operacións contables correspondentes.
21.3. Traspaso de compromisos firmes de gasto contraídos con cargo a exercicios futuros.
No caso de compromisos firmes de gastos plurianuais traspasarase sempre de forma conxunta a parte que afecta o exercicio 2020 e a que afecta exercicios futuros. Cando por falta de crédito adecuado e suficiente no orzamento de 2020 non se poida imputar o gasto correspondente a este exercicio, deberase resolver a insuficiencia de crédito conforme o disposto no punto 21.2 desta orde antes de imputar os compromisos de gasto.
Naqueles expedientes con compromisos de gasto para exercicios futuros, cando non exista límite adecuado e suficiente para a imputación destes expedientes, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma contabilizará de oficio noutras partidas do mesmo exercicio e da mesma sección orzamentaria RC de non dispoñibilidade polo importe necesario para garantir o financiamento destes expedientes.
No caso de que o límite existente non fose suficiente para financiar a totalidade dos expedientes procedentes de exercicios anteriores, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, logo da contabilización dos compromisos, dará traslado desta circunstancia á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e á consellería afectada.
21.4. Traspaso de actuacións realizadas en réxime de tramitación anticipada.
Unha vez realizado o traspaso dos compromisos de gasto a que se refiren os puntos 21.2 e 21.3 desta orde, realizarase a imputación das actuacións e documentos contables tramitados no ano 2019 ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.
Non obstante, naqueles casos en que quede debidamente asegurada a existencia de crédito adecuado e suficiente para realizar o traspaso dos compromisos firmes de gasto a que se refiren os puntos 21.2 e 21.3 desta orde, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a través das intervencións delegadas, poderá realizar de oficio ou por petición do órgano xestor correspondente a imputación ao ano 2020 das actuacións realizadas en tramitación anticipada sen esperar ao traspaso definitivo dos compromisos firmes de gasto.
Artigo 22. Tramitación de expedientes con cargo ao orzamento de 2020
Mentres non estea garantido o financiamento suficiente para a imputación dos compromisos firmes adquiridos en exercicios anteriores e das actuacións realizadas en tramitación anticipada, non se poderán tramitar expedientes de gasto con cargo ao exercicio 2020.
Non obstante, en casos de urxente e inaprazable necesidade, debidamente xustificada, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a través das intervencións delegadas, poderá autorizar a tramitación de expedientes novos de gasto con cargo ao orzamento do ano 2020 con anterioridade á finalización das operacións de traspaso dos expedientes procedentes de exercicios anteriores.
Cando un órgano xestor solicite da Consellería de Facenda a autorización a que se refire este artigo, deberá xuntar coa solicitude unha certificación acreditativa da existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2020 para financiar tanto o novo expediente como aqueles expedientes derivados do traspaso que estean pendentes de contabilizar.
Os interventores delegados e a persoa titular da Subdirección Xeral de Control Financeiro Permanente e Auditoría do Sector Público, tras verificar que o crédito do exercicio 2020 é suficiente para o financiamento de todos os expedientes derivados do traspaso que estean pendentes de contabilizar, autorizarán a tramitación do expediente sen prexuízo dos posibles reparos que por outros motivos se lle poidan formular.
Artigo 23. Celeridade nas actuacións
Os órganos xestores tramitarán no menor tempo posible as actuacións necesarias para garantir a correcta imputación e contabilización de todos os saldos contables e operacións afectados por esta orde.
Disposición adicional única
Logo de avaliación do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos no caso das modificacións orzamentarias e, para o resto dos casos, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderán autorizar a excepción do cumprimento dos prazos establecidos nesta orde mediante resolución motivada e por petición do centro xestor afectado, na cal se xustifique a urxente e inaprazable necesidade do gasto.
Disposición derradeira primeira
Autorízase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para ditar as instrucións necesarias para o cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda
ANEXO
Ponse en coñecemento da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma que a ............................... concluíu coa tramitación de todos os expedientes con imputación aos orzamentos de 2019.
Santiago de Compostela, ... de ....................... de 2020
O/a director/a xeral O/a secretario/a xeral