Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 3 de decembro de 2019 Páx. 51522

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de novembro de 2019 pola que se clasifica de interese de promoción e de atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas ou sociais a Fundación Inserta.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Inserta con domicilio na avenida Marqués de Figueroa, número 1-3, en Fene (A Coruña).

Feitos:

1. O 8 de novembro de 2018, Manuel Amil Lago, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Inserta constituíse en escritura pública outorgada en Narón (A Coruña) o 25 de setembro de 2019, ante o notario Juan de la Riva López-Riobóo, co número de protocolo 1.812, por Manuel Amil Lago, María Antonia Blanco Bermejo e José Pablo Paredes Rodríguez que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a Fundación determina como os seus obxectivos ou fins fundacionais os seguintes:

– A promoción da plena integración laboral das persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

– A promoción da cualificación profesional e competencias laborais como factores determinantes para a integración laboral de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

– A promoción, mantemento e xestión de centros especiais de emprego.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Manuel Amil Lago como presidente; María Antonia Blanco Bermejo como vicepresidenta, e José Pablo Paredes Rodríguez como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese de promoción e de atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas ou sociais da Fundación Inserta, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese de promoción e de atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas ou sociais e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 18 de novembro de 2019.

DISPOÑO:

Clasificar de interese de promoción e de atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas ou sociais a Fundación Inserta, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza