Visto o expediente de extinción da Fundación Galicia Empresa, adscrita ao protectorado da Consellería de Economía, Emprego e Industria, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 1 de outubro de 2019, presentouse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo de Pontevedra, a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Galicia Empresa, adoptado polo padroado o 20 de decembro de 2018.
Segundo. A Fundación Galicia Empresa constituíuse en escritura pública o 26 de novembro de 1996, mediante carta fundacional outorgada en Santiago de Compostela, ante o notario Ildefonso Sánchez Mera, co número de protocolo 5.998, sendo clasificada de interese industrial pola Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 16 de abril de 1997 (DOG núm. 80, do 28 de abril) e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Industria e Comercio (actualmente Consellería de Economía, Emprego e Industria) do 9 de febreiro de 1998 (DOG núm. 38, do 25 de febreiro). A devandita fundación figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1998/32.
Terceiro. Os fins da fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, son a promoción, vertebración e divulgación da empresa galega como entidade específica, caracterizada pola súa vinculación á realidade socio-económica e cultural de Galicia. En particular, son obxectivos da fundación:
a) A normalización do uso do galego na empresa, tanto nas súas relaciones internas, como externas, e sen prexuízo do apoio á poliglosía como factor esencial da actividade empresarial.
b) Promoción da investigación das características peculiares da empresa galega e da súa potenciación e desenvolvemento.
c) Apoio á aplicación dunha estética diferenciadora dos seus produtos.
d) Creación e fomento de centros de diálogo e de publicacións relativas á vinculación da empresa coa realidade económica, social e cultural de Galicia.
Cuarto. O padroado da fundación na súa reunión do 20 de decembro de 2018, acordou a extinción da fundación, por non poder realizar o fin fundacional.
Quinto. No expediente tramitado consta a seguinte documentación:
– Certificado do acordo de extinción adoptado polo padroado.
– Memoria xustificativa da causa da extinción.
– As contas da fundación na data de adopción do acordo.
– Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.
Consideracións legais:
Primeiro. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo padroado da fundación en virtude do disposto no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (en diante, Lei 12/2006).
De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante, Decreto 15/2009), corresponde á Consellería de Economía, Emprego e Industria a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza o protectorado.
Segundo. O artigo 44.1.c) e 3 da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece no número 6 que o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, sendo aprobado por acordo do padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida no artigo 44 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (en diante, Decreto 14/2009).
Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, no Decreto 14/2009 e no Decreto 15/2009, e demais normativa de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Galicia Empresa adoptado polo padroado na súa reunión do 20 de decembro de 2018.
Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
P.D. (Orde do 10 de xuño de 2016, DOG núm. 131, do 12 de xullo)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria