Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 4 de decembro de 2019 Páx. 51743

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde 21 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR440D).

BDNS (Identif.): 484275.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Empresas vinícolas, considerando como tales aquelas empresas privadas nas que máis do 50 % da súa facturación proveña do sector do viño ou cuxa produción supere os 1.000 hl, de acordo co seu último exercicio fiscal pechado.

b) Organizacións de produtores vitivinícolas e asociacións de organizacións de produtores vitivinícolas, definidas de acordo cos artigos 152 e 156 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

c) Organizacións interprofesionais definidas e recoñecidas no ámbito nacional de acordo cos artigos 157 e 158 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e recoñecidas por España segundo o disposto na Lei 38/1994, do 30 de decembro, reguladora das organizacións interprofesionais agroalimentarias.

d) Organizacións profesionais: entenderanse como organizacións profesionais aquelas que exerzan a súa actividade maioritariamente no sector do viño, que estean recoñecidas no ámbito nacional de acordo coa normativa vixente e que teñan entre os seus fins estatutarios a realización de actividades de promoción.

e) Órganos de xestión e de representación das indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe protexidas vínicas, así como as súas asociacións.

f) As asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño. Entenderanse como tales as agrupacións de viticultores e/ou produtores, persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos ou actividades para os cales se agruparon. Actuarán de conformidade co artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.

h) As entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e realizar a convocatoria para o ano 2020.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR440D).

Cuarto. Importe

Para a concesión das axudas convocadas destinarase un crédito máximo total de 2.100.000 € dos orzamentos de 2020 e 2021. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 14 de xaneiro de 2020.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias