Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 5 de decembro de 2019 Páx. 51972

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XI Manuel María de literatura dramática infantil e XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2020 (código de procedemento CT214A).

BDNS (Identif.): 483889.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3 b) e 20.8 a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index.

Primeiro. Persoas beneficiarias

Requisitos de participación:

– Poderán optar aos premios as persoas físicas maiores de idade que presenten textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias.

– Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios.

– Non se poderán presentar textos de teatro de monicreques aos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.

– Os ganadores da edición inmediatamente anterior non se poderán presentar ao mesmo premio (modalidade, no caso do Barriga Verde) no cal resultaron galardoados.

– Non se poderá presentar o persoal da Agadic.

– Non poderán acceder a estes premios os participantes que estean afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Durante o proceso de resolución desta convocatoria, os participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Segundo. Finalidade

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria para o ano 2020, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXV edición do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da XI edición do Premio Manuel María de literatura dramática infantil e da XIV edición do Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades: para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos (código de procedemento CT214A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XI Manuel María de literatura dramática infantil e XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2020 (código de procedemento CT214A).

Cuarto. Importe

Existirá un único galardoado por premio e, no caso do Premio Barriga Verde, un por cada modalidade, coa seguinte dotación económica:

– Álvaro Cunqueiro: 8.000 €.

– Manuel María: 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para rapaces): 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2020, con cargo á aplicación orzamentaria da Axencia Galega das Industrias Culturais 11.A1.432B.480.0, e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo comezará ao día seguinte da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 4 de maio de 2020.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais