Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 9 de decembro de 2019 Páx. 52294

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de novembro de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de novembro de 2019, do mesmo xurado provincial, relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común Testeiro, no concello do Irixo, e montes de Zobra, no concello de Lalín.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC Testeiro, no concello do Irixo, e montes de Zobra, no concello de Lalín, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 25 de abril de 2017 o presidente da xunta reitora da CMVMC de Carballeda, Munín e Subirol presentou un escrito na Oficina Agraria Comarcal do Carballiño (nº 541/rx 1364830) en que comunicou a realización dun deslindamento entre a citada comunidade e a CMVMC da parroquia de Zobra, no concello de Lalín, na provincia de Pontevedra.

Coa citada solicitude achegou unha memoria descritiva con planos topográficos; unha acta do deslindamento practicado; certificados dos acordos das asembleas xerais de comuneiros; unha acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz do Irixo, así como un CD cos arquivos en formato PDF dos documentos e formato SHP dos puntos medidos.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 4 de outubro de 2018 indica que a solicitude foi realizada de acordo co artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro atópase perfectamente definido mediante a acta de deslindamento que consta na documentación e constitúe unha liña poligonal aberta en que o estremo situado no punto nº 6 conflúe co MVMC da Ermida e co MVMC Val de María. Tal e como se recolle na citada acta de deslindamento, a liña poligonal que define o perímetro estremeiro pode considerarse unha mellora da que consta na carpeta-ficha do expediente de clasificación.

De acordo co exposto, o Servizo de Montes emitiu informe favorable ao deslindamento, sen prexuízo da necesidade de que o Servizo de Montes de Pontevedra emitise o correspondente informe favorable, ao estar situado un dos montes veciñais na citada provincia.

Terceiro. O día 14 de decembro de 2018 o Servizo de Montes de Ourense remitiu ao Xurado Provincial o informe favorable emitido polo Servizo de Montes de Pontevedra.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de clasificación de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de xuño de 2019:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Testeiro, no concello do Irixo, e montes de Zobra, no concello de Lalín, de acordo cos informes favorables dos servizos de Montes de Ourense e Pontevedra.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 14 de novembro de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense