O Decreto 133/2002, do 11 de abril, polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que foi parcialmente modificado polo Decreto 174/2007, do 6 de setembro, e polo Decreto 45/2009, do 12 de febreiro, habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que con carácter xeral para ese efecto aprobe.
Ao abeiro deste marco regulador, o Igape ten posto en marcha ao longo destes anos diversos programas de préstamos, con recursos do Banco Europeo de Investimentos, con fondos estruturais europeos e con cargo aos seus orzamentos, tanto mediante liñas específicas para emprendedores, sector audiovisual, industria 4.0 e innovación, como con liñas horizontais para facilitar o investimento e o financiamento de circulante para o crecemento, e demostrouse que estes programas constitúen unha ferramenta eficaz para favorecer o acceso ao crédito das empresas galegas, ao complementaren o mercado bancario con produtos de financiamento público axeitados ao desenvolvemento de proxectos.
A redacción actual dos artigos 1 e 3 do Decreto 133/2002, do 11 de abril, unicamente prevé a concesión de préstamos a favor de empresas destinados a atender os gastos e investimentos para a implantación e desenvolvemento do proxecto empresarial, sen prever a concesión de operacións destinadas ao refinanciamento de débedas por préstamos anteriores con impagos que permitan facilitar a súa recuperación polo erario autonómico, e que deberían incluír como potenciais prestameiros os fiadores ou titulares de bens en garantía dos préstamos refinanciados.
Por outra banda, o artigo 6 do Decreto 133/2002, do 11 de abril, establece que o prazo de amortización dos préstamos non poderá superar os 12 anos, e que se adaptarán os prazos de disposición, amortización e carencia das operacións ás características e necesidades de cada proxecto.
A experiencia acadada estes anos na concesión das operacións mostra que este prazo máximo de 12 anos pode resultar insuficiente nalgúns casos para adaptar as amortizacións á capacidade de reembolso das empresas e/ou á vida útil dos bens financiados, o que resulta imprescindible para que as empresas beneficiarias poidan manter unha estrutura financeira equilibrada. Esta insuficiencia de prazo é especialmente significativa no caso de novacións modificativas de operacións de préstamo en vigor, que teñen o obxectivo de axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso dos titulares, de forma que se facilite o reintegro e recuperación dos importes debidos ao erario público autonómico, nos cales o prazo máximo de 12 anos desde a formalización inicial da operación pode resultar insuficiente para o refinanciamento das operacións.
Este decreto configúrase como unha norma necesaria e oportuna, xa que a modificación do Decreto 133/2002, do 11 de abril, permitirá ampliar o prazo máximo permitido para a amortización dos préstamos concedidos polo Igape ata un máximo de 25 anos, e adecuar os prazos de disposición, amortización e carencia das operacións ás características e necesidades de cada tipoloxía de proxectos, dentro deste límite máximo normativo. Así mesmo, resulta necesario prever a posibilidade de destinar os préstamos ao refinanciamento de débedas de préstamos anteriores do Igape, incluíndo como potenciais prestameiros que regularicen a débeda os fiadores ou titulares de bens en garantía dos préstamos refinanciados.
Este decreto estrutúrase nun artigo único, no cal se procede á modificación dos artigos 1, 3 e 6, e unha disposición derradeira.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de novembro de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 133/2002, do 11 de abril, polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica
O Decreto 133/2002, do 11 de abril, polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica, queda modificado como segue:
Un. Engádese un parágrafo terceiro no artigo 1 coa seguinte redacción:
«Así mesmo, poderá conceder préstamos ou créditos a favor de persoas físicas ou xurídicas que, aínda que non cumpran o disposto nos puntos anteriores, teñan a condición de fiadores de préstamos do Igape ou de titulares de bens que garantan préstamos do Igape, sempre que os fondos destes préstamos e/ou créditos se destinen ao refinanciamento de débedas dos préstamos inicialmente garantidos».
Dous. Engádese un parágrafo segundo no artigo 3, coa seguinte redacción:
«As operacións financeiras tamén poderán destinarse ao refinanciamento de débedas derivadas de préstamos do Igape, de acordo cos requisitos e condicións establecidos nos programas que con carácter xeral aprobe para o efecto o Igape».
Tres. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:
«O Consello de Dirección do Igape aprobará as condicións dos préstamos ou créditos do Igape, así como o importe das comisións que, se for o caso, se devindiquen. O prazo de amortización das operacións non poderá superar os 25 anos e o tipo de xuro calcularase sobre o euríbor máis un diferencial. Os prazos de disposición, amortización e carencia das operacións adaptaranse ás características e necesidades de cada proxecto».
Disposición derradeira. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e oito de novembro de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria