Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 10 de decembro de 2019 Páx. 52338

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 28 de novembro de 2019 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Mediante a Orde do 30 de xaneiro de 2017 (DOG do 8 de febreiro), fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

A Lei 6/2013, no seu artigo 77.3, establece que a representación dos intereses sociais no Consello Social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do Consello Social, seis membros designados polo Parlamento de Galicia, seis membros designados pola Xunta de Galicia, un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade, un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus, un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

O Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional o nomeamento, con data do 26 de novembro de 2019, de Iago Calderón Soilán como representante de UGT Galicia no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Pastor Fuenteseca Díaz. Xúntase declaración xurada de compatibilidade do novo membro.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a Iago Calderón Soilán como representante de UGT Galicia no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela en substitución de Pastor Fuenteseca Díaz.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional