Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 10 de decembro de 2019 Páx. 52340

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 28 de novembro de 2019 pola que se regula a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Ulla e se fixan o período e as condicións para presentar as solicitudes para o ano 2020.

O Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, atribúen á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

O artigo 8 da Lei 7/1992, de pesca fluvial de Galicia, indica que se deberán establecer os períodos hábiles de pesca para as distintas especies e demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia, e adoptará as medidas excepcionais e os réximes especiais que se consideren pertinentes.

Esta orde ten por obxecto establecer a normativa especial para a pesca da lamprea (Petromyzon marinus) nun ámbito territorial e temporal determinado. A pesca da lamprea presenta aspectos específicos que quedan reflectidos na propia Lei de pesca fluvial de Galicia, que exceptúa esta especie, xunto coa anguía e a angula ou meixón, da prohibición de determinadas artes de pesca e da pesca nocturna. Esta circunstancia xustifica o establecemento dun réxime especial para a pesca destes seres vivos.

A lamprea é unha especie de peixe moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

O Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) establece, no seu artigo 88, os obstáculos, instrumentos, artes e aparellos prohibidos nas augas continentais galegas, coa excepción dos utilizados na pesca de anguías, meixóns, lampreas e especies de esteiro.

Co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Ulla, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2020.

Por todo o anterior, e consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta norma é a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromyzon marinus) nas augas do río Ulla durante o ano 2020 (código do procedemento administrativo: MT823A).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente orde son as pesqueiras tradicionais situadas no río Ulla, detalladas no anexo I.

Artigo 3. Limitacións á pesca

1. A pesca da lamprea só se poderá practicar nas pesqueiras autorizadas e coas limitacións que a seguir se indican:

a) Nas pesqueiras de Areas e As Vellas deberán deixar libre a canle central do río e non poderán traballar na denominada «vea».

b) Deberán empregarse redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

c) Serán devoltos ás augas ou entregados ao persoal da Administración que o solicite todos aqueles exemplares de peixes que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

d) En todo momento deberán colaborar co persoal do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda seguindo as súas instrucións.

2. Estas limitacións obrigan a todas as persoas autorizadas, sexan ou non titulares das pesqueiras.

Artigo 4. Período e horario hábil

1. O período hábil de pesca será:

a) Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 6 de xaneiro ao 28 de marzo.

b) No tramo comprendido desde a pesqueira das Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón), ambas incluídas, do 3 de febreiro ao 25 de abril.

c) No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis) todas incluídas, do 10 de febreiro ao 9 de maio.

O mesmo día en que remate o período autorizado retiraranse as artes de pesca.

2. As redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 horas ata as 8.00 horas.

Prohíbese a realización dos labores de pesca desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns, período en que deberán levantarse as redes das pesqueiras.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. Co obxecto de autorizar a actividade nas pesqueiras, as persoas titulares destas presentarán a súa solicitude polos procedementos que seguen:

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo II desta orde). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o documento que acredite a titularidade das pesqueiras (no caso de ser a primeira vez que presenta a solicitude).

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos do DNI ou NIE da persoa solicitante.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar o documento.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, a competencia para a concesión das autorizacións reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. O prazo máximo para resolver será dun mes contado a partir da data de finalización de presentación de solicitudes.

3. O sentido do silencio será positivo.

4. A resolución que se dite pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e en todo caso cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Permisos

Toda persoa que traballe nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licenza de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e pesqueira, documentos que deberá levar consigo xunto co DNI/NIE durante a práctica desta actividade.

Xunto cos permisos entregarase un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá ser debidamente cuberto e estar sempre á disposición do persoal do Servizo de Patrimonio Natural.

Unha vez rematada a temporada, o libro ou folla de rexistro deberá ser enviado, no prazo de 15 días, ao Servizo de Patrimonio Natural, na avenida María Victoria Moreno, nº 43, 2º, de Pontevedra. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar a permisos da próxima temporada.

No caso de que traballe a pesqueira unha persoa distinta do seu titular, para a obtención dos citados permisos deberá acreditar no Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra que está autorizado polo titular.

Artigo 12. Infraccións e sancións

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial.

Polo uso indebido da pesqueira responderá a persoa titular. Se nun mesmo posto hai varias persoas titulares, responderán solidariamente.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional única. Delegación

Delégase na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Pontevedra a competencia para a concesión da autorización regulada nesta orde.

Disposición transitoria única

Para os efectos do establecido no artigo 11 desta orde, de acordo co disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 130/1997, do 14 de maio, e en tanto non se determinen os requisitos para a obtención da licenza da clase D, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla, expedirase a correspondente licenza das outras clases segundo corresponda, na cal se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira en que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no anexo I desta orde.

Disposición derradeira primeira

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por proposta do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde e adoptar as medidas excepcionais previstas no artigo 48 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file