Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 13 de decembro de 2019 Páx. 53001

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se fan públicas as puntuacións definitivas obtidas polas persoas participantes no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e se convoca o acto público de elección.

Mediante Resolución do 2 de xullo de 2018, esta secretaría xeral técnica convocou o concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia. O punto segundo da citada resolución establece que a súa tramitación se rexerá polo disposto nos artigos 22 e seguintes do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia, sendo de aplicación o baremo específico de méritos e criterios de valoración establecido no dito decreto, así como no anexo II da citada resolución.

Por medio de Acordo do 5 de novembro de 2018 fíxose pública a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas no citado concurso público, ao mesmo tempo que se requiriron todas as persoas concursantes admitidas definitivamente para a presentación dos documentos acreditativos dos méritos indicados no anexo IV, presentado xunto coa súa solicitude de participación no concurso.

Unha vez achegada a documentación acreditativa dos méritos alegados, a comisión de valoración constituída para o efecto procedeu, de acordo co sinalado no artigo 23 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, á valoración provisional dos distintos méritos, consonte co disposto no baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración, aprobou por Resolución do 1 de marzo de 2019 a lista provisional de puntuacións e outorgou un prazo de 15 días hábiles para formular as oportunas reclamacións.

Unha vez analizadas todas as reclamacións, o resultado da dita valoración definitiva recolleuse nunha proposta da comisión, a cal foi posteriormente aprobada por esta secretaría xeral técnica por medio da Resolución do 18 de xullo de 2019 pola que se aprobaba a lista definitiva de puntuacións e se convocaba o acto público de elección para o día 14 de setembro de 2019.

Contra citada resolución recorreron en alzada varias das persoas concursantes, algunhas das cales solicitaron a suspensión da eficacia do acto de elección. Á vista do anterior, e de conformidade co sinalado no artigo 117 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o 9 de setembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 4 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se deixa sen efecto a Resolución do 18 de xullo de 2019 pola que se convocaban todas as persoas participantes no concurso público de adxudicación de novas oficinas de farmacia para o acto público de elección o sábado 14 de setembro de 2019, con base nos motivos expostos no corpo do texto e ata que se resolvesen e notificasen os recursos de alzada presentados.

Dado que os recursos de alzada interpostos foron xa resoltos e debidamente notificados e se realizaron nas listaxes de puntuacións definitivas as modificacións resultantes daqueles, cómpre agora continuar co procedemento iniciado, consonte os trámites sinalados no Decreto 146/2001, do 7 de xuño.

Xa que logo, á vista da proposta formulada pola Comisión de Valoración, e de conformidade co disposto no artigo 25 do referido decreto, esta secretaría xeral técnica

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a lista definitiva de puntuacións obtidas polas persoas participantes no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia.

A citada lista, que contén tamén a orde de prelación das persoas participantes, poderá ser consultada na páxina web oficial da Consellería de Sanidade (www.sergas.es) desde o mesmo día da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Convocar todas as persoas participantes no concurso que figuran na lista definitiva ao acto público de elección de oficinas de farmacia, que terá lugar o sábado 18 de xaneiro de 2020, a partir das 9.00 horas, no salón de actos da Consellería de Sanidade, sita no Edificio Administrativo San Lázaro, s/n (Santiago de Compostela).

O citado acto desenvolverase consonte o previsto no artigo 25 bis do Decreto 146/2001, do 7 de xuño.

No caso de que dous/dúas ou máis aspirantes obtivesen a mesma puntuación definitiva total e fose necesario aplicar a cuarta regra de desempate recollida na alínea 1.f) da epígrafe de criterios sobre a valoración dos méritos do anexo II da Resolución do 2 de xullo de 2018, realizarase un sorteo mediante acto público para determinar a letra a partir da cal se iniciará a orde de prioridade dos/das aspirantes.

Toda a información de relevancia relativa a esta fase do concurso, así como a correspondente aos aspectos organizativos do acto público de elección e requisitos para asistir a el, figurará recollida na páxina web oficial da Consellería de Sanidade (www.sergas.es).

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade