Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 16 de decembro de 2019 Páx. 53316

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de novembro de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 12 de novembro de 2019 relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón e Tapada do Crego, Ribadeira e Estremadoiro, no concello de Lobios.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón e Tapada do Crego, Ribadeira e Estremadoiro, no concello de Lobios, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 10 de xullo de 2018, o presidente da xunta reitora da CMVMC de Delás presentou un escrito no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense (nº 3307/rx 1854727) co que achegou documentación dun deslindamento levado a cabo cos veciños de Gustomeao, no concello de Lobios.

Coa citada solicitude achegou copias das actas das asembleas xerais das CMVMC de Delás e a de Gustomeao, A Regada e Sa; unha solicitude de demanda de conciliación e acta de conciliación levantada no xulgado de paz de Lobios; así como un informe e planos.

Posteriormente, o día 12 de novembro de 2018, presentouse a seguinte documentación complementaria: acta de deslindamento asinada polos representantes das comunidades e certificados dos acordos de deslindamento das dúas asembleas.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 21 de decembro de 2018 indica que a solicitude foi realizada de acordo co artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro acordado non afecta outros montes veciñais en man común e, de acordo coa acta de deslindamento e o informe técnico achegados, está perfectamente definido mediante a planimetría e coordenadas UTM de todos os vértices que conforman a liña poligonal aberta que define o límite en cuestión.

A modificación acordada afecta a superficie de ambos os montes, aumentando 2,25 ha a do MVMC Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón, e diminuíndo a mesma superficie do MVMC Tapada do Crego, Ribadeira e Estremadoiro.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de xuño de 2019:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón e Tapada do Crego, Ribadeira e Estremadoiro, no concello de Lobios, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 21 de decembro de 2018.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 13 de novembro de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Presidente del Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense