Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 18 de decembro de 2019 Páx. 53543

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de novembro de 2019 pola que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfírese no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia lei orgánica prevé, tal e como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 74/2018, do 5 de xullo).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración e aprobación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo acordou en Xunta Xeral a aprobación da modificación parcial dos seus estatutos, que foron presentados ante esta administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante orde desta consellería, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación da modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo

Apróbase a modificación parcial da Orde do 25 de novembro de 2005 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo.

A modificación afecta os artigos 1, 2, 3, 4, 6, 9, 13, 15, 22, 35, 36 e 44 bis.

A modificación parcial dos estatutos figura como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e consellerio de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo

O artigo 1 pasa a ter a seguinte redacción:

Artigo 1

O Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo é unha corporación de dereito público, integrante da organización colexial de enfermaría, amparado pola lei e recoñecida polo Estado e pola Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para cumprir cos seus fins.

O acceso e exercicio á profesión de enfermaría rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación, en particular, por razón de orixe racial ou étnico, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, nos termos da sección III, do capítulo III do título II da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais administrativas e da orde social.

É requisito indispensable para o exercicio desta profesión estar incorporado ao colexio correspondente, é suficiente a incorporación a un só colexio, que será o do seu domicilio profesional principal.

Artigo 2

O artigo 2 pasa a ter a seguinte redacción:

1. O colexio regulado nos presentes estatutos denominarase Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo e o seu ámbito de actuación esténdese a todo o territorio da provincia de Lugo, o seu domicilio profesional principal radica na avenida da Coruña, nº 104, entrechán (código postal 27003), da cidade de Lugo. Por acordo da Xunta Xeral poderá variarse ese domicilio, así como establecer delegacións colexiais adicionais no territorio da provincia. Actualmente existen dúas delegacións colexiais, unha para a área norte da provincia de Lugo e outra para a área sur, polo menos estas dúas delegacións deben manterse.

Así mesmo, por acordo da Xunta Xeral, establecerase o escudo, a bandeira e demais distintivos colexiais que terán que respectar, en todo caso, os que sexan establecidos polo Consello Xeral e polo Consello Galego para o conxunto da organización colexial, estatal ou autonómica.

O Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo terá o trato de ilustre e o seu presidente gozará da consideración de autoridade no ámbito corporativo e no exercicio das funcións de presidencia. O/a presidente/a terá o trato de ilustrísimo/a señor/a (ilmo./a. sr./sra.).

2. O colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os/as colexiados/as poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, o colexio fará o necesario para que, a través deste portelo único, os/as colexiados/as poidan de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e as solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña a consideración de interesado/a e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos, e a resolución destes polo colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible recibilos por outros medios.

d) Convocar os/as colexiados/as ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e pór no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio profesional:

O colexio facilitará ao Colexio Xeral de Enfermaría e, de ser o caso, ao Colexio Autonómico de Galicia, a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados/as e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e a anotación nos rexistros centrais de colexiados/as e de sociedades profesionais daquelas.

3. O colexio disporá dun servizo de información e atención aos/ás pacientes, consumidores/as e usuarios/as, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos/das colexiados/as presente calquera consumidor/a ou usuario/a que contrate os servizos profesionais, así como as asociacións e organizacións de pacientes, consumidores/as e usuarios/as na súa representación ou en defensa dos seus intereses, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolucións de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera decisión conforme a dereito.

Este servizo, ao que se poderá acceder a través da páxina web do colexio, para a mellor protección dos intereses e dereitos de consumidores/as e usuarios/as, ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados/as, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, cos seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais dos que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse no caso de conflito entre o/a paciente, consumidor/a ou usuario/a e un/unha colexiado/a ou o colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de pacientes, consumidores/as e usuarios/as ás cales os destinatarios dos servizos profesionais poidan dirixirse para obter asistencia.

4. O colexio adoptará as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo, incorporará para iso as tecnoloxías precisas e creará e manterá as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperatibidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, o colexio e, se é o caso, os colexios xerais e autonómicos poderán poñer en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, inclusive coas corporacións doutras profesións.

Artigo 3

O artigo 3 pasa a ter a seguinte redacción:

Son fins esenciais do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo ordenar o exercicio da profesión de enfermaría e as súas especialidades, representar esta en exclusiva, defender os intereses profesionais dos/das colexiados/as no seu ámbito de actuación e protexer os intereses dos/das pacientes e usuarios/as dos servizos dos seus colexiados; promover constantemente a mellora das prestacións profesionais dos/das colexiados/as a través da formación e do seu perfeccionamento, cooperar coa mellora dos estudos que conduzan a obter o título que habilita a exercer a profesión e as súas especialidades, colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias nos termos previstos nas leis, velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de enfermaría para que a actividade profesional se adecúe aos intereses dos cidadáns, e pola deontoloxía profesional dos seus membros no exercicio das funcións, todos isto sen prexuízo das competencias das administracións públicas nin da representación sindical no ámbito específico das súas funcións.

Artigo 4

O artigo 4 pasa a ter a seguinte redacción:

1. Para conseguir os fins do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, no seu ámbito territorial exercerá as funcións que lle atribúa a lexislación básica estatal, a autonómica e as funcións seguintes:

a) Cantas lle sexan encomendadas pola Administración e en colaboración con esta mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e doutras actividades relacionadas cos seus fins, que poidan serlle solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa.

b) Exercer a representación que establezan as leis para cumprir os seus fins.

c) Participar nos consellos ou órganos consultivos da Administración e universidades en materia da súa competencia e de acordo coa normativa vixente en cada caso.

d) Nos termos previstos na normativa vixente, participar na elaboración de plans de estudo, informar sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á súa profesión e manter permanentemente contacto cos mesmos centros, polo que deben preparar a información necesaria para facilitarlles o acceso á vida laboral dos novos profesionais.

e) Colaborar coas entidades de formación de futuros titulados na mellora da ensinanza nos termos previstos na normativa vixente.

f) Exercer, no seu ámbito, a representación e a defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os interesados profesionais e exercer o dereito de petición, conforme a lei.

g) Facilitarlles aos tribunais, segundo as leis, a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais ou ser designados por estes, segundo proceda.

h) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos/das colexiados/as, velando pola ética, a igualdade, a dignidade profesional e pola conciliación dos seus intereses co interese social e cos dereitos dos/das usuarios/as, así como polo cumprimento das normas deontolóxicas, que terán carácter de cumprimento obrigatorio.

i) Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os/as colexiados/as, tras solicitarllo os/as interesados/as.

j) Adoptar as medidas que conducen a evitar a intrusión profesional e a competencia desleal. Todos os acordos, decisións e recomendacións do colexio observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

k) Exercer funcións arbitrais nos asuntos que lle sexan sometidos, conforme a lexislación xeral de arbitraxe.

l) Facilitarlles aos/ás colexiados/as a máis extensa gama de prestacións e servizos, como ocio, vivendas, seguros, medios técnicos e calquera outro análogo, así como crear, fomentar e, se é o caso, participar en sociedades, cooperativas, fundacións, empresas e colaboracións comerciais.

m) Organizar e promover actividades de carácter profesional, asistencial, de previsión, de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas no exercicio da profesión ou outras actividades de natureza análoga que sexan de interese para os/as colexiados/as.

n) Elaborar e aprobar os seus propios estatutos, así como as modificacións, de acordo coa normativa vixente, comunicándollelo ao Consello Xeral e ao Consello Autonómico.

o) Exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial, nos termos establecidos nos presentes estatutos de acordo coa normativa aplicable e atender as queixas ou reclamacións.

p) Encargarse de cobrar as percepcións e remuneracións ou honorarios profesionais, cando o/a colexiado/a llo solicite, nos casos en que o colexios teñan creados os servizos adecuados e nas condicións que se determinen.

q) Atender ás solicitudes de información sobre os/as seus/súas colexiados/as e sobre as sancións firmes a eles/as impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

r) Elaborar e aprobar os seus orzamentos anuais e gastos, así como as súas contas e liquidacións orzamentarias.

s) Establecer e exixir as contribucións económicas dos/das colexiados/as, exercendo as accións procedentes para reclamar en caso de falta de pagamento.

t) Colaborar e informar dos procedementos xudiciais ou administrativos no ámbito da súa competencia, que afecten os profesionais ou a súa profesión de enfermaría.

u) Informar dos proxectos de normas da Comunidade Autónoma de Galicia que os/as poidan afectar os profesionais que agrupen, ou se refiran aos fins e ás funcións a eles encomendados.

v) Organizar actividades encamiñadas á formación, ao perfeccionamento profesional, ao fomento da investigación e ao desenvolvemento científico profesional entre os/as colexiados/as.

w) Manter regulamente informados os/as colexiados/as das actividades desempeñadas, así como de calquera cuestión que puidese ser do seu interese.

x) Manter con outros colexios profesionais, consellos de colexios autonómicos e co Consello Xeral, as relacións que correspondan segundo a normativa vixente.

y) Cumprir e facerlles cumprir aos/ás colexiados/as as leis xerais, específicas e os presentes estatutos, así como as normas de decisión adoptadas polos órganos colexiados na materia da súa competencia.

z) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos/das colexiados/as e se encamiñen a cumprir os fins colexiais, así como aqueles que redunden en beneficio da protección dos intereses dos/das consumidores/as e usuarios/as dos servizos dos seus colexiados.

De conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, o colexio non poderá establecer baremos orientativos nin calquera outra orientación, recomendación, directriz, norma ou regra sobre honorarios profesionais, salvo nos casos previstos na disposición adicional cuarta da dita lei.

2. O colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, deberá elaborar unha memoria anual que conteña ao menos a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e por tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta no seu caso, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos/as pacientes, consumidores/as e usuarios/as ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, no seu caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos seus códigos deontolóxicos, no caso de dispor deles.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros da xuntas de goberno.

Esta memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre de cada ano.

Para os efectos de que o Colexio Xeral faga pública, xunto coa súa memoria, a información estatística a que fai referencia este artigo de forma agregada para o conxunto da organización colexial, o colexio facilitaralle a información necesaria para elaborar a memoria anual.

Artigo 6

O artigo 6 pasa a ter a seguinte redacción:

No Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo incorporarase con carácter obrigatorio e con igualdade de dereitos corporativos quen posúa o correspondente título universitario de grao en enfermaría ou equivalente (título de diplomado/a en enfermaría, ATS, practicante regulado polo Decreto do 27 de novembro de 1953, matronas/es, enfermeiras/os especialistas) ou calquera outro que no futuro se poida establecer en relación e vinculado á profesión de enfermaría, que teña o propósito de exercer a súa profesión e cumpra cos demais requisitos que poida establecer o Consello Xeral ou o Consello Autonómico, ou o propio colexio nestes estatutos, tendo en conta a ordenación da profesión e a práctica profesional de acordo coas normas deontolóxicas.

Cando o domicilio profesional principal dos profesionais de enfermaría radique na provincia de Lugo, estes deberán incorporarse ao Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo.

Se o colexio tiver coñecemento de que algún profesional esta desenvolvendo tal actividade no seu ámbito territorial sen estar colexiado, procederá á súa colexiación de oficio para que, velando pola garantía e seguridade dos pacientes, a exerza legalmente e non incorra en actos ilegais. Para tal efecto, a Xunta de Goberno colexial acordará a iniciación do correspondente expediente, notificándollo ao/á interesado/a e requiríndoo/a para que nun prazo de 15 días hábiles facilite a documentación necesaria para a súa colexiación e efectúe as alegacións que teña por conveniente.

Con toda a información recadada, a Xunta de Goberno resolverá sobre a súa colexiación, notificándollo ao/á interesado/a.

Tamén se poderá incorporar voluntariamente como colexiado/a non exercente, no caso de posuír algún dos títulos referidos no parágrafo anterior, quen non estivese exercendo a profesión no ámbito territorial do colexio.

Ademais dos/das colexiados/as a que se refiren os parágrafos anteriores deste artigo, poderán ser colexiados de honor aquelas persoas que, a pesar de non reuniren estas condicións, reciban este nomeamento por acordo da Xunta Xeral, atendendo aos méritos ou servizos prestados a favor da profesión ou da sociedade en xeral. Os/as colexiados así nomeados non poderán formar parte da Xunta de Goberno.

As/os profesionais que exerzan ocasionalmente en territorio diferente ao da colexiación non necesitan habilitación ningunha nin pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que se exixan habitualmente aos colexiados pola prestación de servizos de que sexan beneficiarios e non se encontren cubertos pola cota colexial. Isto sen prexuízo de que os estatutos xerais ou autonómicos poidan obrigar os profesionais que exerzan en lugar distinto ao da súa colexiación á comunicación aos colexios distintos da súa colexiación, á súa inscrición ou actuación no seu ámbito territorial.

Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que correspondan ao colexio, en beneficio dos/das consumidores/as e usuarios/as, utilizaranse os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, se é o caso, por este colexio producirán efecto en todo o territorio español.

No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, observarase ao disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

Artigo 9

O artigo 9 pasa a ter a seguinte redacción:

Para adquirir a condición de colexiado/a será necesario presentar a correspondente solicitude, dirixida ao presidente do colexio, presencialmente, por correo certificado ou a través do portelo único da páxina web colexial, xuntando os documentos seguintes:

a) Certificado de nacemento ou calquera outro documento oficial que acredite a idade e a identidade do/da interesado/a.

b) Título profesional ou, se é o caso, certificación académica que acredite a finalización dos estudos, que deberá incorporar o número do Rexistro Nacional de Titulados Universitarios Oficiais e será asinado polo reitor, co xustificante de pagamento dos dereitos de expedición do título, ata a entrega deste, que deberá ser presentado no colexio para o seu rexistro.

Respecto aos títulos estranxeiros, terase en conta o previsto no Real decreto 967/2014, do 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para a homologación e declaración de equivalencia á titulación e ao nivel académico universitario oficial, e para a validación de estudos estranxeiros de educación superior, e o procedemento para determinar a correspondencia aos niveis do marco español de cualificacións para a educación superior dos títulos oficiais de arquitecto, enxeñeiro, licenciado, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico e diplomado, desenvolvido pola Orde ECD/2654/2015, do 3 de decembro.

c) Recibo que acredite ter pagada a cota de ingreso. Esta contía será fixada anualmente nos orzamentos do exercicio aprobado pola Xunta Xeral.

d) Declaración xurada na cal se afirme non estar inhabilitado, nin suspendido para o exercicio profesional da enfermaría nin das súas especialidades, se é o caso.

e) No caso de que o/a solicitante estivese colexiado/a noutro colexio de diferente ámbito territorial da provincia de Lugo, será suficiente a certificación do colexio de procedencia que acredite o período de colexiación ou pagamento das cotas que lle correspondesen por tal período.

f) Títulos profesionais de especialistas de enfermaría, no caso de dispoñer dos mesmos.

A Xunta de Goberno resolverá sobre a súa solicitude, dentro do prazo máximo de trinta días posteriores á súa prestación, e notificará ao solicitante a resolución adoptada, que deberá ser motivada en todo caso, a través de correo certificado ou a través do sistema de portelo único, se este for o medio elixido polo interesado ao presentar a súa solicitude. Contra a resolución poderá interpoñerse o recurso correspondente.

Artigo 13

O artigo 13 pasa a ter a seguinte redacción:

Os/as colexiados/as teñen os deberes seguintes:

a) Cumprir o disposto nestes estatutos e as demais normas aplicables ao exercicio da profesión, mantendo unha conduta, en materia de comunicacións comerciais, axustada ao disposto na lei, coa finalidade de salvagardar a independencia e integridade da profesión, así como, se é o caso, o segredo profesional.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais, tanto ordinarias como extraordinarias.

c) Denunciar ante o colexio todo acto de intrusión que se produza na provincia ou que chegue ao seu coñecemento. Así como os casos de exercicio ilegal, tanto pola non colexiación como por encontrase suspendido/a ou inhabilitado/a o/a denunciado/a.

d) Comunicarlle ao colexio o seu cambio de domicilio ou de residencia, así como as ausencias superiores a catro meses.

e) Emitir o seu informe ou dar o seu parecer cando fosen convocados para iso polo colexio.

f) Cumprir as prescricións do código deontolóxico da enfermaría española.

g) Aceptar, salvo xusta causa, desempeñar fielmente os cargos colexiais para os cales foron nomeados ou escollidos.

h) Mostrar o documento de identidade profesional cando legalmente sexa requirido para iso.

Artigo 15

O artigo 15 pasa a ter a seguinte redacción:

A Xunta Xeral é o órgano soberano de decisión do colexio. A Xunta Xeral reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano, no primeiro trimestre, para examinar e aprobar o orzamento, prorrogaranse os aprobados anteriormente ata a realización desta, e para proporcionar información xeral sobre a marcha do colexio en todos os seus aspectos.

Artigo 22

O artigo 22 pasa a ter a seguinte redacción:

A Xunta de Goberno estará constituída polo Pleno e a Comisión Permanente.

O Pleno estará integrado polos seguintes membros: presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e cinco vogais.

O presidente, secretario e tesoureiro da Xunta de Goberno tamén o son do colexio.

Nos casos de ausencia, enfermidade, recusación ou vacante, o presidente será substituído polo vicepresidente e o secretario ou o tesoureiro ou os vogais, segundo a súa orde, sempre e cando cumpran os requisitos previstos na alínea a) do artigo 35 dos presentes estatutos.

No caso de producirse vacante nos cargos de vogais, a Xunta de Goberno designará un substituto entre os suplentes que, así mesmo, deberá cumprir os requisitos previstos na alínea a) do artigo 35 dos presentes estatutos.

A Comisión Permanente estará integrada polos seguintes membros: presidente, vicepresidente, secretario e tesoureiro; que deben ser elixidos de entre os propios membros da Xunta de Goberno, excepto un deles, que non terá que ser membro da Xunta de Goberno e que nunca poderá ocupar o cargo de presidente da Comisión Permanente. En todos os casos deberán cumprir os requisitos previstos na alínea a) do artigo 35 dos presentes estatutos.

No suposto en que se produza unha vacante de máis da metade dos membros do órgano de goberno, este limitarase unicamente a adoptar decisións ou resolver sobre cuestións de extrema urxencia, e procederá á inmediata convocatoria de eleccións para a cobertura das prazas vacantes.

Artigo 35

O artigo 35 pasa a ter a seguinte redacción:

a) Poderán ser membros da Xunta de Goberno todos/as os/as colexiados/as non comprendidos no artigo 26 destes estatutos, que se encontren ao día do pagamento das súas obrigas co colexio, e colexiados no Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo cunha antigüidade mínima de 5 anos para o cargo de presidente e vicepresidente, de 2 anos para o cargo de secretario e tesoureiro, e de 1 ano para os restantes cargos.

b) A elección dos membros da Xunta de Goberno e a dos suplentes será por votación persoal, directa e secreta dos colexiados, polo que poderán acudir á sede colexial a depositar persoalmente o voto ou ben emitilo por correo certificado. Os sobres para emitir o voto por correo serán editados en formato único oficial pola Xunta de Goberno do colexio, seguindo as características que figuran neste artigo.

c) A Xunta de Goberno anunciará na páxina web do colexio, e na propia sede colexial, que se vai a proceder á convocatoria de eleccións, cun mes de antelación a efectuarse esta. Así mesmo, tamén se notificará a cada colexiado por correo electrónico ou correo postal ou outro medio de comunicación.

Esta convocatoria non poderá efectuarse nos meses de xullo e agosto nin no período do 15 de decembro ao 10 de xaneiro do ano correspondente, que se considerarán inhábiles para estes exclusivos efectos.

A convocatoria de eleccións deberá realizala a Xunta de Goberno. Nela deberá sinalarse a data ou datas en que estas terán lugar, en concordancia cos prazos establecidos na alínea d) do presente artigo, así como as horas de apertura e fin da votación e a relación de cargos e suplentes que conforman a candidatura pechada e completa da Xunta de Goberno que se establece nos presentes estatutos. Neste acto, a Xunta de Goberno nomeará o presidente e os dous vogais da mesa electoral, así como cada un dos substitutos entre os colexiados que se encontren ao día das súas obrigas co colexio. A composición da mesa electoral publicarase xunto coa convocatoria.

d) As candidaturas deberán presentarse na sede central do colexio, en listas pechadas e completas, cos/coas colexiados/as que se presenten como candidatos para a elección, en relación por cargos; e cos suplentes, no formato determinado pola Xunta de Goberno, dentro dos oitos días hábiles seguintes a aquel en que se publique a convocatoria, e unha vez transcorridos eses oito días, a Xunta de Goberno, dentro dos tres días hábiles seguintes, deberá publicar as candidaturas, co nome e apelidos dos/das candidatos/as suplentes, así como os cargos a que opten estes en cada candidatura.

e) Ao publicar as candidaturas, a Xunta de Goberno deberá publicar o censo colexial, que conterá o nome e os apelidos dos/das colexiados/as, así como o seu DNI e o número de colexiado/a. Este censo deberá estar exposto, para consultalo os/as interesados/as, no local ou locais que ocupa o colexio, durante o prazo de sete días naturais, durante os cales, quen o considere necesario, poderá formular unha reclamación para corrixir os erros en que se puidese incorrer. Despois de corrixir estes erros, para o que terán un prazo máximo de tres días hábiles, será publicado, na mesma forma que o anterior, o censo definitivo, do que se entregará, logo de que o solicitase cada candidatura, un exemplar que será o único censo válido para efectuar as eleccións. As candidaturas receptoras deste censo válido para efectuar eleccións deberán empregalo respectando en todo caso a normativa en vigor en materia de trato de datos de carácter persoal.

f) Se por calquera circunstancia algún dos candidatos a membros da Xunta de Goberno, unha vez proclamado, decidise retirarse antes de que tivese lugar o proceso electoral, a candidatura conxunta deberá comunicar á Xunta de Goberno o nome do/da colexiado/a que o/a deberá substituír.

g) O feito de que algunha candidatura resulte incompleta, unha vez presentada, por renuncia de ata o corenta por cento dos seus candidatos iniciais e suplentes, antes da data de votación, non implica a anulación da candidatura.

h) No día e na hora sinalados na convocatoria, constituirase na sede do colexio ou nas dependencias escollidas para o efecto, que en tal caso serán concretadas na convocatoria, a mesa electoral única, que estará composta polas persoas designadas pola Xunta de Goberno. Así mesmo, a Xunta de Goberno designará a mesa electoral con todos os medios informáticos e o persoal auxiliar e xurídico que considere necesarios.

i) O presidente da mesa que, dentro do local electoral ten a autoridade en exclusiva para asegurar a orde, garantir a liberdade dos electores e a observancia da lei, poderá ordenar a expulsión inmediata das persoas que de calquera modo entorpezan o desenvolvemento das votacións ou o escrutinio.

j) As candidaturas poderán, pola súa parte, designar entre os colexiados un interventor que os represente no desenvolvemento das votacións e o escrutinio, polo que lle deberán notificar o nome do representante á Xunta de Goberno cunha antelación mínima de cinco días naturais anteriores á data en que teña lugar a elección.

k) Na mesa electoral deberá haber dúas urnas: a primeira destinada aos votos dos/das colexiados/as que acudan persoalmente (urna xeral); e a segunda, destinada aos votos que foron emitidos por correspondencias ata o momento do escrutinio, no cal se procederá conforme o establecido na letra t) do presente artigo.

l) As urnas deberán estar pechadas e deixarán unha rañura para depositar os votos. O contido de cada urna deberá estar sinalado claramente no exterior: urna xeral, urna por correo.

m) Tras constituír a mesa electoral, o seu presidente, á hora fixada na convocatoria, indicará o comezo da votación, que finalizará á hora, así mesmo, sinalada para tal efecto na convocatoria. Será ese presidente da mesa quen así o comunique ao chegar ao final, antes do escrutinio.

n) As papeletas de voto deberán ser todas brancas, do mesmo tamaño e da mesma cor, para estes efectos, a Xunta de Goberno fixará un formato único para todas as candidaturas, que deberán levar impresos correlativamente os cargos e nomes que procede elixir, así como a lista numerada dos suplentes, para os efectos previstos nestes estatutos, e que serán editadas gratuitamente polo colexio. Igualmente, a Xunta de Goberno establecerá o modelo único dos sobres que conteñan as papeletas de voto, que será o mesmo tanto para os votos que sexan emitidos por correo como para os que sexan emitidos persoalmente. Serán brancos, do mesmo tamaño e sen ningún tipo de inscrición. As diversas candidaturas poderán, se o cren conveniente, solicitarlle ao colexio, ao presentalas, a impresión das papeletas en número igual ao de colexiados/as que figure no censo, cos nomes dos candidatos e o cargo a que cada un destes aspira, así como a lista de suplentes para os efectos destes estatutos, estas serán editadas gratuitamente polo colexio.

o) Na sede en que teñan lugar as eleccións deberá haber sobres e papeletas de votación suficientes que deberán estar de acordo coas urnas xa sinaladas e estarán en filas debidamente separadas.

p) Os votantes que acudan persoalmente a exercer o seu dereito a votar deberán acreditarlle á mesa electoral a súa identidade co carné de colexiado, documento nacional de identidade, pasaporte ou carné de conducir. A mesa comprobará a súa inclusión no censo establecido para as eleccións e pronunciará en voz alta o nome e os apelidos do votante, co que indica que vota, momento en que introducirá o sobre coa papeleta dobrada no seu interior na urna correspondente.

q) Os colexiados que desexen emitir o seu voto por correo ou o solicitasen por escrito, persoalmente ou por correo certificado dirixido ao presidente da mesa electoral, domiciliada na sede central do colexio, no prazo de oito días hábiles a partir de publicar a convocatoria de eleccións, no cal se indicará o nome, os apelidos, o número de colexiado e o enderezo a que quere que se lle envíen os sobres e as papeletas para exercer o voto por correo.

r) Despois de que o presidente da mesa electoral reciba a solicitude de voto por correo e tras comprobar que esa solicitude cumpre todos os requisitos previstos no punto anterior e a súa inscrición no censo electoral, remitiralle ao/á elector/a, ao domicilio designado por el/ela na solicitude, as papeletas e os sobres electorais.

s) Os votantes que queiran exercer o dereito a voto por correspondencia deberán introducir a papeleta de votación, dobrada, nun sobre branco, o cal se introducirá pola súa vez noutro sobre, no seu anverso constará a palabra eleccións e no reverso o nome, os dous apelidos e o enderezo do/da votante e a súa sinatura; o formato único de ambos os sobres e da papeleta serán os establecidos pola Xunta de Goberno. Estes votos deberán dirixirse ao presidente da mesa electoral, o cal se responsabilizará da súa custodia ata o momento de iniciar as eleccións, cando se introducirán na urna designada para o efecto. Serán válidos os sobres de voto por correspondencia que se reciban ata o momento do escrutinio. Serán declarados nulos sen máis trámite os votos por correo que sexan emitidos en sobres diferentes aos oficiais, así como os que non lle fosen facilitados á mesa electoral segundo o regulado nas letras q) e r) deste artigo.

t) Unha vez que o presidente da mesa electoral sinale a finalización das votacións, en público e nun mesmo acto, abriranse as urnas e seguirase a orde que a seguir se sinala. En primeiro lugar, abrirase unha urna destinada aos votos emitidos por correo e, logo de comprobar que o/a votante se encontra inscrito no censo electoral, e non votou en presenza, abrirase o sobre exterior e introducirase o sobre interior na urna xeral. Despois de rematar esta primeira operación, desprecintarase a urna xeral, a seguir abrirase cada un dos sobres que conteñan as papeletas do voto e nomearanse as candidaturas para o seu escrutinio.

u) Deberán ser declarados nulos ademais do xa sinalado para os votos por correspondencia, todos aqueles votos que aparezan asinados ou raspados, ou con expresións alleas ao contido estrito da votación.

v) Tras finalizar o escrutinio, o presidente da mesa publicará os votos por cada unha das candidaturas, de todo isto redactarase a acta que será asinada polo/a presidente/a da mesa e os vogais; nela anotarase o número de votos obtidos por cada candidatura, o número de votos en branco e o número de votos nulos, así como as reclamacións efectuadas e os incidentes habidos que afectasen a orde da votación ou da redacción da acta. Seguidamente, proclamaranse todos os candidatos escollidos, con indicación dos suplentes da candidatura máis votada.

Os sobres e as papeletas extraídas das urnas destruiranse, en presenza dos concorrentes, logo de proclamar a candidatura ganadora, con excepción daqueles outros a que se lles negase ou que fosen obxecto dalgunha reclamación, os cales se unirán á acta e se arquivarán unha vez que a rubricasen os membros da mesa.

w) Cando no proceso electoral concorrese unha candidatura soa ou se retirasen as xa presentadas, co que só queda unha delas, a mesa electoral proclamará esta sen máis trámites.

x) O presidente da mesa, tras declarar finalizada a xornada electoral, entregaralle a acta do proceso ao secretario do colexio, quen a rexistrará e inserirá no libro de actas e publicaraa no taboleiro de anuncios.

y) Seguidamente, e no prazo de dez días, toman posesión os candidatos escollidos. Logo disto, o secretario redactaralles as credenciais oportunas aos membros da Xunta de Goberno, nas cales figurará o visto e prace do presidente e, no mesmo prazo, contado a partir desta toma de posesión, deberá dárselle a coñecer ao organismo competente da Comunidade Autónoma de Galicia, do Consello Autonómico e do Consello Xeral. En todo caso, a Xunta de Goberno terá a obriga de exercer os seus cargos e funcións ata a toma de posesión da nova xunta de goberno.

Artigo 36

O artigo 36 pasa a ter a seguinte redacción:

Todos os nomeamentos de cargos directivos terán un mandato de duración de catro anos e poderán ser reelixidos, como máximo, en catro ocasións consecutivas.

Artigo 44 bis

O artigo 44 bis pasa a ter a seguinte redacción:

Realizarase unha auditoría ou un informe pericial económico, segundo determine a Xunta de Goberno, da actividade económica do colexio cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.