Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 23 de decembro de 2019 Páx. 54253

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 17 de decembro de 2019 pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para os exercicios 2020-2021 (código de procedemento TR301P) e á primeira convocatoria dos incentivos á contratación vinculados (código de procedemento TR349X) para o exercicio 2020.

A través da Orde do 13 de agosto de 2019 (Diario Oficial de Galicia do 6 de setembro), a Consellería de Economía, Emprego e Industria estableceu as bases reguladoras e convocou axudas para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, e na dita orde preveu a realización de múltiples convocatorias ao longo das anualidades 2019 e 2020.

Esta segunda e primeira convocatoria axústanse aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, así como ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de

contratación inmediata (código de procedemento TR301P)

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto proceder á segunda convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para o financiamento das accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas nas empresas e da actividade laboral asociada, dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas, a través do Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (código de procedemento TR301P).

As bases reguladoras desta convocatoria son as que constan na devandita Orde do 13 de agosto de 2019 para o período 2019-2021, coas especificacións que se establecen nesta orde.

Artigo 2. Orzamentos

1. As axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, que figuran nos estados de gastos do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2019:

Aplicación

Código proxecto

Importe anualidade 2020

Importe anualidade 2021

09.41.323A.471.0

2013 00545

2.000.000 €

2.000.000 €

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde de 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro), modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, así como polo disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. O crédito excedente desta convocatoria poderá incorporarse ao crédito asignado a convocatorias futuras.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria.

O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude referida ao Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (anexo I-A) a seguinte documentación:

a) Ficha do curso de formación profesional para o emprego (anexo I-B).

b) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude, en nome e representación da entidade.

c) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude, en nome e representación da agrupación, no caso de agrupacións temporais de empresas.

d) Compromiso de contratación do alumnado, asinado pola persoa ou persoas representantes da empresa ou empresas vinculadas inicialmente no proxecto presentado, no cal se detallen categorías profesionais e localidades en que serán obxecto de contratación laboral. Este compromiso, de conformidade co artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, deberano adquirir as empresas beneficiarias con respecto a si mesmas, salvo que se trate de entidades de formación, caso en que serán estas as que asumirán a responsabilidade do cumprimento do compromiso da contratación, así como da execución da actividade formativa subvencionada.

e) Cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a certificados de profesionalidade, as entidades deberán, ademais, achegar un convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que realizarán o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídas no certificado de profesionalidade, ou declaración de dispoñibilidade para que se fagan nas instalacións da solicitante. Nos termos do artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, se as empresas beneficiarias son entidades de formación, asumirán a responsabilidade, entre outras, do cumprimento deste convenio.

f) Para todas as especialidades, e salvo no caso de que a formación se desenvolva en centros xa inscritos para esa especialidade, relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres en que se indiquen metros cadrados e se xunten os planos oficiais das instalacións onde se imparta a formación que, nos casos de certificados de profesionalidade, deberán estar visados pola persoa técnica do colexio oficial competente.

g) Cando se soliciten especialidades formativas non vinculadas con certificados de profesionalidade ou itinerarios formativos que non estean incluídos no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal a que se refire o artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, as entidades solicitantes deberán achegar a documentación que a seguir se relaciona, nos termos recollidos na Orde TMS/283/2019, do 12 de marzo, pola que se regula o Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

Para estes efectos, e de acordo co establecido na disposición transitoria única da Orde TMS/283/2019, ata que o Servizo Público de Emprego Estatal habilite o sistema informático de xestión do Catálogo de especialidades formativas previsto nesta orde, e sexa posto ao dispor das comunidades autónomas, a actualización do citado catálogo e as correspondentes altas e baixas de especialidades continuaraas realizando o Servizo Público de Emprego Estatal, utilizando o procedemento establecido na Resolución do 12 de marzo de 2010, do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se establece o procedemento para a inclusión de novas especialidades no ficheiro de especialidades formativas. A adecuación do sistema informático poderase realizar de acordo co establecido nesta orde, no prazo de vinte e catro meses contados desde a súa entrada en vigor.

• Proposta de alta ou modificación da especialidade formativa, consonte o anexo 2 da Orde TMS/283/2019, de ser o caso.

• Proposta de alta do itinerario formativo, consonte o anexo 3 da Orde TMS/283/2019, de ser o caso.

• Proposta de reactivación da especialidade ou itinerario formativo, consonte o anexo 4 da Orde TMS/283/2019, de ser o caso.

• Programa formativo elaborado pola propia entidade consonte o anexo 5 da Orde TMS/283/2019 e, subsidiariamente, seguindo a maqueta que figura como anexo IV da referida Resolución do 12 de marzo de 2010.

• Informe motivado da necesidade de impartición da especialidade formativa solicitada.

Deberá ser remitido inescusablemente en soporte informático e virá redactado en lingua galega e castelá, para o seu posterior envío ao Servizo Público de Emprego Estatal.

Os programas deberán ser remitidos inescusablemente en soporte informático editable e virán redactados en lingua galega e castelá, para poder efectuar a correspondente xestión dos procesos de alta, modificación e reactivación, segundo proceda, da especialidade ou itinerario formativo, nos termos do artigo 6 da Orde TMS/283/2019.

As accións formativas obxecto de financiamento non poderán comezar con carácter previo á finalización favorable do proceso de alta, modificación ou reactivación que corresponda.

h) Importe da subvención económica solicitada en función do número de persoas alumnas para as cales se solicita o proxecto formativo.

i) Acreditación, de ser o caso, de dispor dun sistema ou modelo de calidade para a xestión/actividade da formación vixente na data límite de presentación de solicitudes e a súa data de vixencia.

j) Compromiso de colaboración na xestión de bolsas e axudas do alumnado.

k) No caso de solicitudes conxuntas de agrupacións temporais de empresas, deberá achegarse:

• Convenio entre as partes que fan a solicitude conxunta.

• Autorización para a comprobación de datos para pluralidade de solicitantes (anexo I-C).

• Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar o convenio, en nome e representación da entidade, para cada unha das entidades que formen parte da agrupación.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 6. Data de inicio e fin das accións formativas. Prazos de xustificación

1. A data de comezo das accións formativas figurará na solicitude e non poderá ser anterior á data do resultado de engadir tres meses á data de finalización do prazo límite de presentación de solicitudes.

2. O remate das accións formativas terá como data límite o 20 de novembro de 2021.

3. A xustificación final dos gastos subvencionables deberase realizar dentro do prazo dun mes desde o remate de cada curso.

Os prazos para a xustificación dos gastos axustaranse, en calquera caso, aos seguintes límites:

a) Para os gastos subvencionables das accións formativas xerados ata o 20 de novembro de 2020, a data límite para a presentación da xustificación dos cursos será o 20 de decembro de 2020.

b) Nas accións formativas realizadas na anualidade de 2020, respecto dos gastos subvencionables xerados despois do 20 de novembro e antes do 31 de decembro de 2020, deberá realizarse unha xustificación con data límite de 31 de xaneiro de 2021.

c) Nas accións formativas realizadas na anualidade de 2021, os gastos subvencionables deberán ser xustificados antes da data de 20 de decembro de 2021.

CAPÍTULO II

Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (código de procedemento TR349X)

Artigo 7. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto proceder á primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para a concesión de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (código de procedemento TR349X).

As bases reguladoras desta convocatoria son as que constan na Orde do 13 de agosto de 2019, coas especificacións que se establecen nesta orde.

Artigo 8. Orzamentos

1. As axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, que figuran nos estados de gastos do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2020: 09.40.322C.470.1, código de proxecto 2017 00020, cun crédito de 500.000 euros.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro), modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, así como polo disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

A concesión das subvencións estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego ata o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que se presentase a correspondente solicitude. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade estará determinada pola hora de presentación.

O crédito excedente desta convocatoria poderá incorporarse ao crédito asignado a convocatorias futuras.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 9. Solicitude e documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, deberase achegar unha declaración ante un notario ou secretario municipal, que adquirirá a categoría de documento público, e poderá ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.

b) Informe de vida laboral dun código da conta de cotización correspondente ao mes anterior ao mes en que se realiza a contratación pola cal se solicita subvención, máis o correspondente ao mes en que se realiza a dita contratación.

c) Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia no mes anterior ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada pola cal se solicita a subvención, segundo o modelo anexo II-B cando se trate de contratacións indefinidas iniciais, e segundo o modelo anexo II-C, cando se trate de contratacións temporais. De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras que causaron baixa polas causas previstas nos artigos 53.3 e 59.3 da Orde do 13 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata para os exercicios 2020-2021.

d) Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita a subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola cal se solicita subvención, anexo II-D e a nómina do mes de contratación.

e) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia).

f) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada, anexo II-E.

g) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vinculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

h) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

i) No caso de que as persoas polas cales se solicita subvención teñan a condición de trans e opten polo incremento do 25 %, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun sexo diferente ao rexistrado ao nacer.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da empresa solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

g) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.

h) Certificado de empadroamento, de ser o caso.

i) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

j) Informe da vida laboral da persoa traballadora contratada.

k) Contratos de traballo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro indicado no formulario de solicitude, como figura no anexo II-A e anexo II-E e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa; respectarase en todo caso o límite máximo do 14 de decembro de 2020.

Artigo 12. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

1. Os incentivos previstos nesta convocatoria serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais e temporais que realicen as empresas e persoas empregadoras con persoas desempregadas participantes nos proxectos de acción formativa con compromiso de contratación, formalizadas desde o 15 de decembro de 2019 ata o 14 de decembro de 2020.

2. A xustificación da subvención concedida, será en todo caso, antes do 30 de decembro de 2020. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. Todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento do expediente se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento de 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Artigo 13. Forma de presentación das solicitudes

1. De conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, para o Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (código de procedemento TR301P), a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos, a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.

Para o Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (código de procedemento TR349X), as solicitudes deberán presentarse pola vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para presentar as solicitudes en ambos os procedementos (TR301P e TR349X) será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

No relativo ao procedemento TR349X, para a presentación das solicitudes tamén se poderá empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

2. A documentación complementaria, tanto a presentada na solicitude como noutras fases do procedemento e en ambos os procedementos, presentarase electronicamente, mediante a presentación do documento orixinal de se tratar dun documento dixital, ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de se tratar dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos. As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do Catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou escala de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento de orixe (respectará a xeometría do documento de orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia, exclusivamente, no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Se a persoa solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados.

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación do procedemento TR301P deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, e a presentación de documentación derivada das notificacións practicadas pola Administración debe adecuarse ao disposto no artigo 9.3 da Orde do 13 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2019-2021 (DOG núm. 169, do 6 de setembro de 2019).

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación do procedemento TR349X deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 14. Resolución, notificación e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención Delegada da Consellería de Economía, Emprego e Industria da proposta emitida polo correspondente servizo instrutor, a resolución ditaraa o órgano competente, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e seralle notificada á persoa interesada. As resolucións de concesión ou denegación serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar en ambos os procedementos é de tres meses.

No caso do Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (código de procedemento TR301P), o dito prazo computarase desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No que se refire ao Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (código de procedemento TR349X), o cómputo do prazo de resolución e notificación comezará na data de presentación da correspondente solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos de ambos os procedementos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Para o caso concreto do procedemento TR301P, a presentación de documentación derivada das notificacións practicadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático SIFO, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración. Unicamente no caso de que non fose posible por problemas técnicos, o interesado podería realizar a súa presentación por medio dos trámites comúns da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Logo de notificar a resolución definitiva o órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles para a súa aceptación a través da aplicación SIFO; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente rexeitada.

A aceptación da concesión da subvención, no marco desta orde, implica que a entidade interesada recoñece que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, para asumir na súa totalidade a execución completa dos cursos que solicita, así como que se compromete a dispor deles ao longo de todo o período de execución da actividade subvencionable.

No suposto de que as entidades ás cales se propoña como beneficiarias decidan renunciar posteriormente á súa aceptación desta condición a través da aplicación SIFO, só se considerarán causas xustificadas a imposibilidade de atopar alumnado suficiente para comezar o curso, a imposibilidade de contratar persoal docente que cumpra os requisitos exixidos para impartir a especialidade ou circunstancias de gravidade e excepcionalidade acreditada, e estarán obrigadas a comunicar a súa renuncia no prazo de cinco días hábiles desde que se produza a circunstancia causante a través do formulario «renuncia á acción formativa» na aplicación SIFO.

A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral deberá ditar unha resolución expresa sobre a renuncia, nos termos preceptuados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de non producirse unha renuncia expresa, se a acción formativa non dá comezo na data de inicio prevista, inicialmente ou nas sucesivas solicitudes de cambio aceptadas pola Administración, transcorridos cinco días hábiles desde o día en que debería terse iniciado, entenderase feita unha renuncia tácita, polo que o órgano xestor poderá iniciar a tramitación da dita renuncia, coas consecuencias que se establecen neste artigo.

Tanto nos supostos de rexeitamento expreso como no de renuncias sobrevidas, poderán ditarse novas resolucións nos termos da disposición adicional cuarta, coa finalidade de seleccionar outras accións formativas segundo a puntuación obtida. As accións formativas da entidade renunciante serán excluídas na súa totalidade do novo proceso de selección.

Se a renuncia foi tramitada de oficio tras a renuncia tácita por non comezo do curso na data prevista ou, no caso de ser sobrevida, se non se motiva adecuadamente, poderá dar lugar a unha minoración da puntuación en sucesivas convocatorias, especialmente naqueles casos en que se produza por ter solicitado cursos por riba da capacidade da entidade ou centro de formación.

5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, se o acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se o acto non for expreso, de conformidade co que preceptúan os artigos 112, 122 e 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia con finalidade estatística e dun eficaz tratamento tecnolóxico da información.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltanse as persoas titulares da Secretaría Xeral de Emprego e da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que diten, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file