Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Martes, 24 de decembro de 2019 Páx. 54483

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 12 de decembro de 2019 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Orde do 12 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para a concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20.

Mediante a Orde do 12 de novembro de 2019, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, publicada no Diario Oficial de Galicia do 25 de novembro de 2019, establecéronse as bases reguladoras e procedeuse á convocatoria para a concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20.

O punto 2 do artigo 4 da mencionada orde establece que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

O 9 de novembro de 2017, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan de excelencia do Sistema universitario de Galicia (SUG) para o trienio 2018-2020 co obxectivo de fixar unha estratexia que lles permita ás universidades galegas dar un salto de calidade e seguir avanzando nun camiño de vangarda e procura da excelencia.

O dito plan recolle un decálogo de actuacións dirixidas á consecución destes obxectivos. Entre esas medidas inclúese a distinción dos másteres universitarios de excelencia, acción pioneira a nivel estatal que trata de recoñecer os elevados niveis docentes e científicos de determinadas titulacións de máster ofertadas no Sistema universitario de Galicia (SUG).

A excelencia require dun esforzo de autoavaliación e xestión continua, para o cal a concesión da mención de Máster Universitario Excelente, obxecto desta orde, introduce un instrumento de carácter voluntario para a mellora progresiva da oferta académica especializada do Sistema universitario de Galicia (SUG), recoñecendo a solvencia científico-técnica e a capacidade formadora de determinadas titulacións.

Por publicitarse a orde mencionada nun momento de temporalidade no cal se concentran diversas tarefas de programación académica das titulacións e de xestión dos centros de fin de semestre nas propias universidades, e para favorecer a excelencia académica, procédese, por petición das propias universidades, á ampliación do prazo establecido no número 2 do artigo 4, unha vez constatado que non existe ningunha solicitude recibida das universidades, ao abeiro do disposto na Orde do 12 de novembro de 2019 (DOG do 25 de novembro).

Por todo o anterior, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros, esta consellería, no uso das atribucións que lle foron concedidas,

DISPÓN:

Artigo 1. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar ata o día 15 de febreiro de 2020, incluído, o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto 2 do artigo 4 da Orde do 12 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para a concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20.

Artigo 2. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional