Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 27 de decembro de 2019 Páx. 55356

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 2 de decembro de 2019 pola que se regula a xestión das contas bancarias onde se depositan os fondos integrantes da Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, dedica o seu título IV á Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 89.3, o réxime xeral de autorizacións para a situación e colocación de fondos, a natureza das contas, o control e a disposición dos fondos e dos servizos de colaboración que se vaian concertar coas entidades financeiras en que a Tesouraría da Comunidade Autonoma deposite os seus fondos, establecerao a Consellería de Facenda.

O Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, no seu artigo 21, asigna á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, baixo a dependencia da persoa titular da Consellería de Facenda, a xestión da Tesouraría da Comunidade Autónoma e, en canto estea atribuída á Comunidade, a dos outros entes públicos, en especial a autorización da apertura de contas nas entidades de crédito e o seu réxime de disposición, de acordo coa Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Partindo da necesidade de racionalizar e regular a xestión da Tesouraría da Comunidade Autónoma, cómpre actualizar a normativa que regula as funcións de verificación sobre as contas e o seu réxime de funcionamento, os tipos de contas permitidas, o procedemento que se seguirá na apertura e cancelación de contas, a instrumentación das relacións de colaboración coas entidades de crédito e a necesidade de dispoñer dun rexistro de contas autorizadas cun contido mínimo para un adecuado control.

No artigo 12 desta orde faise referencia aos centros con autonomía de xestión económica coa finalidade de remarcar a aplicación desta, dado o elevado número de centros deste tipo que existen na Administración da Comunidade Autónoma e a variedade de contas existentes, co fin de establecer así un criterio unitario.

O contido da presente orde adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.

Como consecuencia, por proposta da dirección xeral competente en materia de tesouraría, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, cos informes preceptivos e de acordo co Consello Consultivo de Galicia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto determinar os requisitos das contas bancarias onde se depositan os fondos da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a súa xestión.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta orde aplicarase a todas as contas en que se depositan os fondos que integran a Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Será de aplicación á Administración xeral da Comunidade Autónoma, aos organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento.

Artigo 3. Depósito dos fondos

1. Con carácter xeral, a Tesouraría da Comunidade Autónoma depositará os seus fondos no Banco de España e en entidades de crédito e aforro (en diante entidades de crédito) que operen en Galicia, en contas das cales, en todo caso, posuirá a súa titularidade.

Así mesmo, os fondos dos organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento situaranse en contas diferenciadas, coa autorización expresa e baixo o control da dirección xeral competente en materia de tesouraría.

2. Para operar coa Tesouraría da Comunidade Autónoma, as entidades de crédito deberán aceptar as condicións de funcionamento das contas, conforme se establece nesta orde.

Artigo 4. Inembargabilidade e imprescritibilidade

Os fondos públicos depositados nas contas a que se refire esta orde son inembargables e imprescritibles. Sobre eles non se poderá realizar ningunha operación de compensación.

Artigo 5. Requisitos de funcionamento das contas correntes en que a Tesouraría deposita os seus fondos

1. Con carácter xeral, as contas en que se depositan os fondos da Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia deben ser correntes e nelas non poderá efectuarse ningún cargo sen a previa autorización das persoas autorizadas para dispoñer dos fondos, nin se producirán descubertos que, se for o caso, serán por conta exclusiva da entidade de crédito. De producirense descubertos, procederase á súa recuperación en período voluntario e, se for o caso, en vía de constrinximento.

2. As persoas autorizadas para o manexo dos fondos, vixiarán que os aboamentos e cargos nas contas, se realizan coa máxima dilixencia e de acordo coa data de valoración que lles corresponda, de acordo coas regras ditadas nesta materia polo Banco de España.

3. Estas contas non poderán xerar cargos por gastos nin comisións de ningún tipo derivados da súa xestión.

Así mesmo, non se cargarán gastos nin comisións aos perceptores das transferencias, sexan Administración pública ou persoas ou entidades privadas.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 9.4 desta orde, a disposición de fondos destas contas efectuarase por transferencia e requirirá a sinatura mancomunada de polo menos dúas das persoas autorizadas. A entidade de crédito realizará a operación debitando en conta o importe total de cada relación de transferencias.

A dirección xeral competente en materia de tesouraría poderá autorizar, precedendo xustificación do órgano ou entidade solicitante, que determinadas disposicións ou pagamentos se realicen mediante cheque nominativo ou calquera outro medio de pagamento legalmente establecido.

5. No caso de que a entidade de crédito non poida cumprir unha orde de pagamento por algunha causa debidamente xustificada, procederá ao seu aboamento na conta do ordenante coa mesma data de valoración que o cargo realizado. Neste caso, no xustificante do aboamento bancario incluiranse os seguintes datos:

• Número da relación a que pertence.

• Nome e apelidos ou razón social ou denominación do destinatario e o seu NIF.

• Importe da orde de pagamento non cumprida e o motivo da súa devolución.

6. Os xestores das contas diariamente deberán ter toda a documentación xustificativa, de ser o caso, dos movementos que houber nelas polo procedemento que se determine. Así mesmo, a entidade de crédito en que esté aberta a conta enviará diariamente ao Centro Informático para a Xestión Económico-Financeiro e Contable (Cixtec) ou órgano ou entidade que asuma as súas funcións nesta materia un ficheiro cos movementos diarios das contas, os saldos e outros documentos xustificativos, coas especificacións requiridas por este.

7. Dentro dos 5 primeiros días hábiles de cada mes, os xestores das contas deberán dispor dun certificado acreditativo do saldo existente nelas referido ao último día do mes inmediato anterior. No caso de dispor do servizo de banca electrónica, este certificado poderao obter o xestor a través deste servizo.

8. Con carácter xeral, as contas que teña abertas a Tesouraría da Comunidade Autónoma, os organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento deben ser retribuídas, como mínimo, ao tipo de xuro fixado mensualmente pola dirección xeral competente en materia de tesouraría.

Os xuros devindicados faranse efectivos por trimestres naturais vencidos e aboaranse de acordo coas instrucións que para tal efecto dite esta dirección xeral.

9. No caso de producirse algunha incidencia no funcionamento das contas ou erros nas liquidacións, os órganos xestores requirirán á entidade de crédito correspondente para que as emende. Se a entidade non atende o requirimento, os xestores porano en coñecemento da dirección xeral competente en materia de tesouraría.

10. A dirección xeral competente en materia de tesouraría poderá solicitar da entidade de crédito datos tendentes a comprobar o cumprimento das condiciones establecidas na presente orde.

11. Entenderase que as entidades de crédito aceptan as condicións de funcionamento das contas coa sinatura do contrato da conta.

CAPÍTULO II

Contas da Tesouraría

Artigo 6. Tipos de contas

1. Son contas da Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que teña abertas a Administración xeral, os seus organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento.

2. A Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia poderá operar cos seguintes tipos de contas:

a) Contas da Tesouraría da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

b) Contas suxeitas a réxime de autorización.

Artigo 7. Contas da Tesouraría da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Son contas da Tesouraría da Administración xeral as contas de que dispón a Comunidade Autónoma para situar os seus fondos para o cumprimento das función encomendadas á Tesouraría no artigo 88 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. Teñen esta consideración as seguintes:

a) Contas operativas da Administración xeral. Estas contas terán a denominación de «Xunta de Galicia. Conta Operativa Tesouro Comunidade Autónoma de Galicia». Son aquelas de que dispón a Tesouraría para a xestión recadatoria dos recursos e o pagamento das obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Conta operativa do Servizo Financeiro de Débeda Anotada, denominada «Comunidade Autónoma de Galicia, Servizo Financeiro de Débeda Anotada», utilizada para atender os cobramentos e pagamentos correspondentes ás emisións de débeda realizadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, representada mediante anotacións en conta e negociada no mercado de débeda pública en anotacións. Autorízase a súa apertura con base no convenio asinado entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Banco de España, de acordo co previsto na Lei 13/1994, do 1 de xuño, de Autonomía do Banco de España.

c) Contas financeiras de colocación de excedentes de tesouraría. Terán a denominación «Xunta de Galicia. Conta Asociada de Tesouraría Periódica» e son as destinadas a recoller o investimento dos excedentes temporais de tesouraría.

3. Ademais das contas descritas, poderán existir outras cuxa apertura sexa exixible por razóns contables, legais, regulamentarias ou en virtude de convenios con outras administracións públicas ou entidades.

Artigo 8. Contas suxeitas a réxime de autorización

Son aquelas contas que requiren autorización expresa para a súa apertura. Será necesaria a autorización expresa da dirección xeral competente en materia de tesouraría para a apertura dos seguintes tipos de contas:

a) Contas de habilitación de pagamentos.

b) Contas de tesouraría de organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento.

c) Contas restrinxidas de recadación.

d) Contas de centros con autonomía de xestión económica.

e) As contas sinaladas no artigo 13 desta orde.

Artigo 9. Contas de habilitacións de pagamentos

1. Son aquelas contas abertas coa finalidade de situar fondos a favor das habilitacións para atender obrigacións, de acordo coas normas que regulan os pagamentos «en firme» e «a xustificar».

A apertura destas contas requirirá a autorización da dirección xeral competente en materia de tesouraría.

Estas contas deberán conter, polo menos, a seguinte denominación:

– «Habilitación de persoal da … (consellería ou organismo autónomo, axencia pública autonómica, entidade pública empresarial ou entidade pública instrumental de consulta ou asesoramento)».

- «Habilitación da ... (consellería ou organismo autónomo, axencia pública autonómica, entidade pública empresarial ou entidade pública instrumental de consulta ou asesoramento)» Conta corrente por fondos librados en firme».

- «Habilitación da ... (consellería ou organismo autónomo, axencia pública autonómica, entidade pública empresarial ou entidade pública instrumental de consulta ou asesoramento)» Conta corrente por anticipos de fondos a xustificar».

2. As contas a que se refire este artigo só poderán admitir ingresos da Tesouraría da Administración xeral ou da tesouraría da entidade correspondente das sinaladas no artigo 2.2 de que dependa, así como os reintegros derivados de pagamentos indebidos realizados por ela.

3. A disposición de fondos e o pagamento de obrigas efectuarase de acordo co establecido no artigo 5.4 desta orde e requirirá a sinatura mancomunada de, polo menos, dúas persoas, unha delas o habilitado pagador, con sinaturas autorizadas.

4. Como previsión para o aboamento directo de indemnizacións por razón do servizo e outras atencións de menor contía, a dirección xeral competente en materia de tesouraría poderá autorizar a existencia dunha cantidade en metálico que será detraída da conta autorizada de habilitación de pagamentos. Na solicitude para esta autorización deberase indicar a persoa responsable da custodia destes fondos, prevéndose a consellería das medidas de seguridade axeitadas.

5. Da conciliación das contas será responsable o habilitado. As conciliacións trimestrais das contas renderanse á oficina contable da intervención que corresponda, con anterioridade á finalización do mes inmediato posterior ao que vai referida.

As conciliacións realizadas a 31 de decembro de cada ano serán enviadas á dirección xeral competente en materia de tesouraría, con anterioridade á finalización do mes de xaneiro do exercicio seguinte, sen prexuízo de que este centro directivo poida requirir en calquera momento a remisión das conciliacións trimestrais realizadas.

6. O remanente do exercicio será ingresado na conta operativa da Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia ou da tesouraría da entidade de que dependa.

7. Cando se produza a supresión dunha habilitación de pagamentos e exista saldo na conta, o habilitado deberá reintegrar á Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia ou á tesouraría da entidade de que dependa o saldo existente na conta, sen que poida realizarse o traspaso dos ditos fondos á habilitación que, se for o caso, asuma as súas funcións. Traspasado o saldo, o habilitado deberá solicitar á dirección xeral competente en materia de tesouraría a cancelación da conta corrente adscrita a habilitación. Se a conta por cancelar dispuxer de saldo e este non for traspasado polo habilitado, a dirección xeral competente en materia de tesouraría ordenará o seu traspaso a unha conta operativa de tesouraría.

Se a conta por cancelar non tiver saldo, a dirección xeral competente en materia de tesouraría poderá proceder de oficio á súa cancelación.

Artigo 10. Contas de tesouraría de organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento

1. Os organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento situarán os seus fondos en contas diferenciadas que terán a denominación «Entidade (organismo autónomo, axencia pública autonómica, entidade pública empresarial ou entidade pública instrumental de consulta ou asesoramento). Conta operativa».

2. Para a apertura dunha conta operativa de tesouraría por parte destas entidades, requírese a autorización da dirección xeral competente en materia de tesouraría. A súa cancelación será efectuada polo órgano xestor da conta, logo de autorización desta dirección xeral, de acordo co procedemento que se establece no artigo 16 desta orde.

Artigo 11. Contas restrinxidas de recadación

1. Son contas restrinxidas de recadación as contas correntes destinadas á recadación dos tributos e demais ingresos de dereito publico e privado a través de entidades colaboradoras, nas cales só se poden efectuar anotacións en concepto de aboamentos polas ditas recadacións e en concepto de débitos, para o ingreso do saldo delas na conta da tesouraría destinada á centralización destes cobramentos.

2. O réxime de funcionamento destas contas será o establecido na Ordo do 21 de xuño de 2006 que regula os procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras.

Artigo 12. Contas de centros con autonomía de xestión económica

1. Os centros dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con autonomía de xestión económica abrirán as contas de acordo co procedemento establecido nesta orde.

Para efectos desta orde, por autonomía de xestión económica enténdese que o centro conte cun orzamento propio que lle permita a realización das súas funcións e o cumprimento dos seus fins.

2. A apertura e cancelación destas contas requirirá a autorización da dirección xeral competente en materia de tesouraría a solicitude da consellería a que estea adscrito o centro.

3. O funcionamento destas contas rexerase polo establecido nesta orde e, se for o caso, pola súa regulación especifica.

Artigo13. Outras contas autorizadas

1. Excepcionalmente, cando circunstancias especiais así o xustifiquen, poderán autorizarse contas distintas ás referidas nos artigos anteriores.

2. O seu réxime de funcionamento será o xeral das contas da Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, a dirección xeral competente en materia de tesouraría, ao autorizar a súa apertura, poderá establecer as condicións específicas de funcionamento de cada conta, necesarias para o cumprimento dos fins que motivaron a autorización.

CAPÍTULO III

Réxime de autorización de apertura e cancelación

Artigo 14. Autorización de apertura

1. A autorización para a apertura ou cancelación dunha conta, así como para a determinación das condicións do seu funcionamento en cada caso concreto, é competencia exclusiva da dirección xeral competente en materia de tesouraría.

2. A solicitude de apertura deberá dirixirse á dirección xeral competente en materia de tesouraría pola Secretaría Xeral Técnica da consellería ou órgano equivalente do organismo autónomo, axencia pública autonómica, entidade pública empresarial ou entidade pública instrumental de consulta ou asesoramento.

Na solicitude indicarase o tipo de conta, a finalidade ou motivo que xustifique a necesidade da apertura, as persoas con sinatura autorizada para dispoñer dos fondos e a entidade de crédito en que se propón a apertura.

Se existiren xa autorizadas unha ou varias contas da mesma natureza que a solicitada e non se xustificar a necesidade da súa coexistencia, será precisa a cancelación da anterior ou anteriores. A dirección xeral competente en materia de tesouraría poderá iniciar de oficio o expediente de cancelación.

3. En todo caso, para a apertura dunha conta nunha entidade de crédito, o titular do órgano que solicita a apertura deberá presentar na entidade de crédito a autorización asinada pola dirección xeral competente en materia de tesouraría.

Artigo 15. Modificacións e incidencias

1. Calquera modificación que se produza nos elementos identificativos dunha conta contidos na autorización deberá ser comunicada pola Secretaría Xeral Técnica ou órgano equivalente á dirección xeral competente en materia de tesouraría para a súa autorización, se procede, ou para a súa anotación no rexistro de contas.

2. Os nomeamentos e cesamentos dos habilitados, pagadores ou persoas con sinatura autorizada, efectuados polos órganos xestores das contas deberán ser comunicadas pola Secretaría Xeral Técnica ou órgano equivalente á entidade de crédito, co obxecto de proceder ao recoñecemento da nova sinatura, e á dirección xeral competente en materia de tesouraría. Todo isto sen prexuízo da responsabilidade directa da consellería ou entidade do sector público autonómico no seguimento e control do persoal con sinatura autorizada.

Artigo 16. Bloqueo e cancelación de contas

1. A cancelación de calquera clase de conta aberta nunha entidade de crédito requirirá a previa autorización da dirección xeral competente en materia de tesouraría.

2. Xunto coa solicitude de cancelación achegarase un xustificante de transferencia do saldo preexistente á correspondente conta da tesouraría, un extracto bancario onde se reflicten os últimos movementos efectuados e un certificado de saldo cero expedido pola entidade de crédito.

3. Una vez cancelada, será dada de baixa no rexistro de contas, o que se comunicará ao órgano xestor da conta.

4. A dirección xeral competente en materia de tesouraría, de oficio ou por instancia da correspondente secretaría xeral técnica ou órgano equivalente, poderá dispoñer o bloqueo ou a cancelación dunha conta cando se produzan feitos que dificulten ou impidan o seu normal funcionamento ou se advirtan incumprimentos ou circunstancias que así o aconsellen.

Artigo 17. Responsabilidade e control

1. A Consellería de Facenda, a través da dirección xeral competente en materia de tesouraría, con independencia da obriga de render as contas e rexistros contables a cargo dos seus responsables directos, efectuará as comprobacións que considere oportunas da totalidade das contas da tesouraría.

2. Os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades sinaladas no artigo 2.2, así como os outros centros dependentes da Administración xeral con autonomía de xestión económica, a cuxa disposición se atopen as contas correntes autorizadas serán responsables da xestión dos seus fondos.

3. Das conciliacións e análises das contas serán responsables os órganos a cuxa disposición estea adscrita a conta. Estas conciliacións estarán sempre á disposición da dirección xeral competente en materia de tesouraría e deberán ser presentadas no momento en que esta o solicite.

4. As actuacións previstas nos puntos anteriores deberanse entender sen prexuízo das funcións de control da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO IV

Rexistro de contas

Artigo 18. Do Rexistro de contas

1. A dirección xeral competente en materia de tesouraría levará un rexistro de contas correntes da tesouraría en que se inscribirán todas aquelas contas cuxa existencia ou apertura sexa autorizada por ela, con indicación de:

a) Denominación e titularidade da conta, indicando o NIF do titular.

b) Identificación, mediante o código conta cliente normalizado e o IBAN.

c) Tipo de conta, conforme o establecido no capítulo II desta orde.

d) Destino ou finalidade, con mención das condicións de funcionamento da conta.

e) Órgano a cuxa disposición estea adscrita a conta e enderezo para os efectos de notificacións.

f) No caso de conta de habilitación, indicarase o código de identificación correspondente (AUT).

g) Persoas responsables da súa xestión e custodia, indicando o seu NIF e o posto de traballo que ocupan, así como, se for o caso, os importes máximos a que se encontra limitada a súa xestión e os termos particulares en que foron autorizadas.

2. As variacións nas circunstancias a que se refire o punto anterior serán comunicadas ao servizo xestor do rexistro pola secretaría xeral técnica da consellería ou órgano equivalente da entidade do sector público.

3. Unicamente poden ser xestionadas contas polas persoas e nas condicións que figuran no rexistro.

A designación e cesamento dos autorizados nas contas terá efecto desde o momento no que se inscriba no rexistro, sen prexuízo da perda automática das facultades cando se extinga a relación que permitiu a súa designación.

Disposición adicional primeira. Entidades instrumentais incluídas na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro

O disposto na presente orde será tamén de aplicación ás entidades instrumentais a que fai referencia a disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en tanto non se adapten a esta lei as súas normas de organización e funcionamento.

Disposición adicional segunda. Consorcios autonómicos e outras entidades instrumentais

O réxime de autorizacións, cancelacións e disposicións de fondos e pagamento de obrigas disposto nesta orde será aplicable respecto dos consorcios autonómicos, as Sociedades mercantís públicas autonómicas e as fundacións do sector público autonómico.

Disposición adicional terceira. Contas bancarias das delegacións da Administración da Xunta de Galicia no estranxeiro

As disposicións da presente orde serán de aplicación ás contas bancarias das delegacións da Administración autonómica de Galicia no estranxeiro en tanto non contradigan a lexislación nacional que resulte de aplicación.

Disposición adicional cuarta. Subscrición de acordos coas entidades de crédito

Non obstante o sinalado en relación co réxime de funcionamento e autorización das contas, a Consellería de Facenda, a través da dirección xeral competente en materia de tesouraría, poderá subscribir acordos con entidades de crédito, co obxecto da prestación de servicios de determinados pagamentos de obrigacións.

Estes acordos poderán alcanzar unha parte ou a totalidade dos pagamentos realizados tanto a través das contas de tesouraría como das contas suxeitas ao réxime de autorización, e fixarán o tipo de pagamentos que se van realizar e as condicións de prestación dos servizos, o réxime de funcionamento das contas, os medios e tipos de pagamento asociados a elas e as obrigas de información asumidas polas entidades de crédito, así como as demais condicións de funcionamento.

Disposición adicional quinta. Réxime especial das contas e fondos procedentes de patrimonios herdados por sucesión ab intestato

1. As contas, valores e demais recursos financeiros da Comunidade Autónoma de Galicia procedentes de patrimonios herdados por sucesión legal ab intestato rexeranse pola súa regulación especial en canto a competencia, natureza, disposición, cancelación e destino dos seus fondos.

De conformidade co disposto no artigo 46.4 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, as operacións realizadas neste marco terán a consideración de operacións extraorzamentarias.

2. O órgano directivo competente en materia de patrimonio, para a xestión de cada patrimonio hereditario, manterá activa algunha das contas bancarias que fose da persoa causante, integrando nela, ademais dos cartos, os rendementos e o resultado das liquidacións patrimoniais que se vaian practicando, así como xirando contra a dita conta os gastos derivados do patrimonio hereditario.

De non existir saldo suficiente na conta ou de resultar necesario por outra causa, os custos poderán ser atendidos con créditos da consellería competente en materia de patrimonio ou, excepcionalmente, con cargo aos depósitos doutras herdanzas en tramitación, sen prexuízo da súa posterior compensación na conta da liquidación da herdanza.

Cando a herdanza non dispoña de contas ou depósitos hábiles para a realización dos referidos actos de xestión, imputación de ingresos e gastos, ou non for posible a utilización dalgunha das contas sobrantes saldadas doutras herdanzas intestadas, solicitarase do Tesouro a apertura dunha conta bancaria para eses efectos.

O control das operacións financeiras realizadas para a xestión e liquidación da herdanza efectuarase a través da presentación da conta xeral de liquidación a informe da Intervención e da súa aprobación por orde da consellería competente en materia de patrimonio.

3. No momento de adquirir firmeza a resolución de liquidación, procederase a imputar ao orzamento os dereitos e obrigas que correspondan á Comunidade Autónoma.

4. Das contas, depósitos e demais efectos bancarios da herdanza, así como dos autorizados darase comunicación á dirección xeral competente en materia de tesouraría.

Disposición adicional sexta. Prazo para a actualización e adaptación das contas

Dentro do prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta orde, a dirección xeral competente en materia de tesouraría e os órganos responsables das contas das entidades sinaladas no artigo 2.2, así como dos consorcios autonómicos, as sociedades mercantís públicas autonómicas e as fundacións do sector público autonómico, deberán realizar as actuacións necesarias para a adaptación e rexistro das contas.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 18 de outubro de 1991 pola que se ditan instrucións provisionais sobre contabilidade e xestión de créditos do Servizo Galego de Saúde

Modifícase o parágrafo segundo do artigo 8 da Orde do 18 de outubro de 1991 pola que se ditan instrucións provisionais sobre contabilidade e xestión de créditos do Servizo Galego de Saúde, que queda redactado como segue:

Tramitaranse como pagamentos extraorzamentarios os impagamentos que se produzan como consecuencia de devolucións de pagamentos orzamentarios.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para ditar instrucións

Autorízase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de tesouraría e a titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para ditar, no marco das súas respectivas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2019

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda