Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 27 de decembro de 2019 Páx. 55371

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 159/2019, do 21 de novembro, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo.

De conformidade co disposto no artigo 27.21 do Estatuto de autonomía, a Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída a competencia en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, enumera no seu artigo 55 os tipos de establecementos de aloxamento turístico, entre os cales se atopan os campamentos de turismo. O artigo 66 da lei define os campamentos de turismo e dispón que a dotación de instalacións e servizos se establecerán regulamentariamente.

Este decreto ten por obxecto establecer unha regulación do aloxamento temporal na modalidade de campamentos de turismo ou cámpings.

En relación cos campamentos de turismo ou cámpings, Galicia conta xa co Decreto 144/2013, do 5 de setembro, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo de Galicia, que desenvolve a vixente Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de forma que o que se pretende coa regulación contida neste decreto é mellorar aqueles aspectos que se demostren necesitados dunha revisión ou reconsideración.

En canto á regulación dos campamentos de turismo, as principais novidades que se introducen no decreto son:

1. En uso da remisión contida no artigo 66.3 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, procédese a fixar unha clasificación en cinco categorías, que se identificarán con estrelas, e que recolle unha tendencia xeneralizada para este tipo de establecementos tanto noutras comunidades autónomas como na Unión Europea.

Fíxase un réxime transitorio para o paso do actual sistema, no cal se prevén tres categorías, ao novo, con cinco.

Así mesmo, optouse por fixar os requisitos de clasificación en función do número de prazas e non de parcelas. Deste xeito, considérase que os servizos do cámping estarán mellor dimensionados en relación co número de persoas usuarias do mesmo, ao ser unha correspondencia máis exacta.

2. Elimínase a exixencia de inscrición da autorización de uso para campamento de turismo no Rexistro da Propiedade, considerando que a dita exixencia pode supoñer unha barreira inxustificada á libre prestación de servizos, á luz da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre libre acceso ás actividades e servizos e o seu exercicio, de transposición da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior e, así mesmo, tendo en conta o Acordo do 19 de xullo de 2012, da Comisión Bilateral de Cooperación Administrativa Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

3. Introdúcese a posibilidade de que as instalacións estables nos campamentos de turismo poidan ser explotadas directa ou indirectamente polas persoas titulares daqueles, abrindo de este xeito a porta a novas formas de explotación comercial, como son os tour operadores, xa plenamente consolidadas noutros ámbitos turísticos. Neste senso tívose tamén en conta a necesidade de respectar as exixencias legais de libre acceso á prestación de servizos e actividades.

4. Trátase de delimitar da forma máis precisa posible cando nos atopemos ante modificacións de carácter substancial ou non, nos termos previstos nos artigos 42 e 43 da Lei 7/2011, do 27 de outubro. Para estes efectos, consideraranse cambios substanciais os que afecten a clasificación turística, é dicir, que a realización do cambio determinará a necesidade de cambiar a clasificación turística do campamento de turismo. No resto dos casos, os cambios consideraranse como non substanciais. As primeiras darán lugar á necesidade de tramitar e obter a correspondente autorización. Nas segundas bastará coa comunicación á área provincial da Axencia Turismo de Galicia que corresponda.

5. Mantense a regulación dos campamentos de turismo con distintivo verde, contida no Decreto 144/2013, do 5 de setembro, e engádese a posibilidade doutros distintivos en razón da especialización temática do campamento de turismo. As especialidades que se recoñecen son campamento de turismo verde, campamento de turismo temático e campamentos para caravanas e autocaravanas.

6. En canto ao réxime transitorio, os campamentos en funcionamento poderán continuar en activo nas condicións nas que estean autorizados, sen prexuízo da súa reclasificación conforme as categorías establecidas neste decreto. A obriga de adaptarse á nova normativa xurdirá no momento en que pretendan un cambio de categoría. Neste caso, prevé a posibilidade de que soliciten a dispensa do cumprimento dalgún ou dalgúns dos requisitos legalmente exixidos, sempre que se acredite a imposibilidade ou dificultade extrema de cumprilos, así como que se propoñan medidas compensatorias.

Este decreto consta de trinta e sete artigos, estruturados en seis capítulos, tres disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, baixo a rúbrica «Disposicións xerais», regula o obxecto, ámbito de aplicación do decreto, o concepto de campamento e os distintivos.

O capítulo II establece os requisitos xerais, de instalacións, equipamentos e servizos que, con independencia da súa categoría, deben cumprir todos os campamentos de turismo.

O capítulo III regula o réxime de autorización dos campamentos de turismo.

O capítulo IV ocúpase do funcionamento.

O capítulo V dispón a clasificación dos campamentos en cinco categorías por estrelas, e as especialidades: campamentos de turismo verde, campamentos de turismo temático e campamentos para caravanas e autocaravanas.

Finalmente, no capítulo VI regúlase o réxime sancionador.

As disposicións adicionais primeira, segunda e terceira refírense, respectivamente, ao tratamento dos datos de carácter persoal por parte da Axencia, á modificación dos formularios co fin de mantelos actualizados de conformidade coa normativa vixente e aos modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa a disposición das persoas interesadas.

As disposicións transitorias establecen a posibilidade de que os campamentos autorizados á entrada en vigor deste decreto poidan continuar funcionando sen adaptarse a el, salvo no relativo á seguridade. Non obstante, establécese que dentro do prazo de cinco anos deberán axustarse ás categorías establecidas no decreto, prevendo a posibilidade de pedir dispensa daquelas condicións que resulten de imposible cumprimento.

O decreto someteuse ao preceptivo informe do Consello do Turismo de Galicia, así como á consulta das organizacións máis representativas do sector e do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, de conformidade co Consello Consultivo e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de novembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto a ordenación do aloxamento turístico na modalidade de campamento de turismo ou cámping a que se refire o artigo 66 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste decreto os aloxamentos a que se refire o artigo 53, números 2 e 3 da Lei 7/2011, do 27 de outubro; os campamento xuvenís, albergues, centros e colonias de vacacións escolares, as áreas provisionais de acampada por eventos culturais, recreativos ou deportivos, así como toda clase de acampadas non turísticas que estean reguladas polas súas normas específicas.

3. Os procedementos regulados neste decreto, cuxos modelos específicos de presentación de solicitudes son obrigatorios, son os seguintes:

– Informe potestativo previo para a instalación de campamentos de turismo (TU984P).

– Autorización de apertura e clasificación turística de campamentos de turismo (TU984G).

– Modificacións substanciais de campamentos de turismo (TU984M).

– Comunicación de baixa ou modificacións non substanciais dos campamentos de turismo (TU984N).

4. Queda prohibida a acampada turística fóra dos campamentos de turismo autorizados pola Administración turística de Galicia. Para estes efectos, a acampada turística é toda aquela que proporciona aloxamento de forma temporal ás persoas.

Artigo 2. Concepto

1. Considérase campamento de turismo o establecemento de aloxamento turístico que, ocupando un espazo de terreo debidamente delimitado e dotado das instalacións e servizos que se establezan neste decreto, estea destinado a facilitar a estadía temporal en tendas de campaña, caravanas, autocaravanas ou calquera outro elemento semellante facilmente transportable, así como doutras instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal que sexan explotadas polo mesmo titular do campamento.

2. Enténdese por instalacións estables, destinadas a aloxamento temporal, as instalacións de elementos fixos prefabricados de madeira ou similares tipo cabana, bungaló ou outros elementos transportables e/ou desmontables, sempre que se trate de edificacións independentes ou pareadas, de planta baixa. Estas instalacións deberán contar coa homologación correspondente á normativa UNE que resulte aplicable.

Artigo 3. Distintivos

1. En todos os campamentos será obrigatoria a exhibición, ao pé da entrada principal, dunha placa normalizada, na cal figurará o distintivo correspondente á clase de establecemento de aloxamento turístico, a súa categoría e, se for o caso, especialidade.

2. O distintivo deberá ser exhibido tamén na entrada da recepción do campamento e terá que figurar, de forma destacada, con semellante grafismo e nas dimensións que resulten adecuadas en cada caso, nos xustificantes de pagamento e en calquera outro material impreso, incluída a propaganda que utilice a empresa.

3. As características e dimensións das placas identificativas son as que figuran no anexo II deste regulamento.

CAPÍTULO II

Requisitos xerais dos campamentos de turismo

Artigo 4. Requisitos xerais

1. Todos os campamentos de turismo, con independencia da súa categoría, deben cumprir os requisitos de instalacións, equipamentos e servizos que se establecen neste capítulo, coas excepcións previstas no artigo 36 deste decreto.

2. Con carácter xeral, deberán cumprir as obrigas que deriven das disposicións vixentes en materia de accesos, accesibilidade, construción e edificación, instalación e funcionamento de maquinaria, protección e prevención contra incendios forestais, inundacións, contaminación acústica e calquera outra normativa que lles sexa de aplicación, e deberán procurar a integración co medio natural.

Artigo 5. Superficie e capacidade

1. Os campamentos de turismo terán que situarse nunha ou varias parcelas contiguas entre si onde se sitúen a totalidade dos servizos comúns e con acceso a eles. A superficie mínima de terreo destinada a un campamento de turismo en solo rústico será de cinco mil metros cadrados.

2. Da superficie total do campamento de turismo poderá destinarse ata un máximo do 75 % a zona de acampada e a superficie restante destinarase a vías interiores, zonas verdes, deportivas e outros servizos de uso común. En todo caso, a zona de acampada con instalacións estables non poderá ser superior ao 50 % da superficie total do campamento de turismo.

3. A capacidade do campamento de turismo virá determinada polo número de prazas asignado, que deberá respectar, en todo caso, a superficie mínima por persoa en función da categoría do establecemento que se establece no anexo I deste decreto.

Artigo 6. Zona de acampada

1. Enténdese por zona de acampada o conxunto das parcelas existentes nas zonas de aloxamento en que se divide a superficie do campamento de turismo.

2. Dentro da zona de acampada permitiranse os seguintes usos:

a) A estadía en tendas de campaña, caravanas, autocaravanas e calquera elemento semellante e facilmente transportable.

b) A estadía temporal en instalacións estables.

3. A superficie da zona de acampada estará dividida en parcelas de terreo destinadas á instalación de tendas de campaña, caravanas, autocaravanas e outros elementos semellantes facilmente transportables, ás instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal e ao estacionamento dun vehículo por parcela. Cada parcela terá convenientemente sinalizadas, mediante fitos, marcas ou separacións vexetais, os seus límites e o número que lle corresponda.

As instalacións estables tipo bungaló ou mobil home deberán contar polo menos con conexión de subministración eléctrica e toma de auga apta para o consumo humano. A capacidade das instalacións estables non poderá ser inferior a 6 metros cadrados por praza e un máximo de 8 prazas. Deberán contar, ademais, con aseo propio e ventilación directa. Estas instalacións estables non poderán ocupar máis do 80 % da superficie total da parcela.

No caso de instalacións estables distintas das anteriores como cabanas nas árbores, flotantes e, en xeral, aquelas que non encaixen na tipoloxía de bungaló, as dotacións de servizos e espazo exixiranse motivadamente atendendo ás súas circunstancias concretas.

4. Non obstante o sinalado no número anterior, poderase permitir, por solicitude do interesado, que se deixe sen parcelar ata un 20 % da superficie da zona de acampada. Nesta zona unicamente se permitirá a ocupación de pequenas tendas de campaña garantindo, en todo caso, unha ratio mínima de 12 metros cadrados por campista e deberá estar debidamente sinalizada e identificada respecto ao resto da zona de acampada.

Enténdese por pequenas tendas de campaña aquelas cunha capacidade non superior a catro persoas.

5. A ordenación do campamento de turismo deberá preverse de forma tal que cada un dos usos establecidos no número 5 se sitúe en zonas diferenciadas, debidamente separadas e identificadas.

6. A zona de estacionamento de vehículos poderá dispoñerse en lugar distinto á prevista para o aloxamento. En tal caso, a dita zona deberá estar individualizada e deberá identificarse o número de parcela de acampada a que corresponda.

7. Nos campamentos aos cales non é posible o acceso en vehículos debido ás condicións xeográficas ou limitacións ambientais, aqueles en que estea restrinxido con carácter permanente o citado acceso pola normativa vixente, así como os campamentos que conten con zona de estacionamento para vehículos en lugar distinto ao previsto para o aloxamento, as parcelas non terán que contar coa previsión de superficie reservada para o estacionamento de vehículos.

Artigo 7. Limitacións á disposición de parcelas e instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal

1. Prohíbese, nos campamentos de turismo, a venda de parcelas e instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal, así como o seu aluguer cando exceda do tempo máximo permitido neste decreto. Terminado o período da estadía, as parcelas deben quedar desaloxadas totalmente, salvo no que respecta ás instalacións estables, que poderán permanecer nas parcelas, pero sen ocupantes.

2. Non obstante a prohibición anterior, a comercialización e promoción das zonas destinadas a instalacións estables poderá facerse a través de empresas de intermediación. O titular do campamento de turismo deberá acreditar, en todo caso, a dispoñibilidade das instalacións estables e será o responsable fronte ás persoas usuarias do cumprimento das condicións establecidas neste decreto e na normativa turística, sen prexuízo doutras responsabilidades concorrentes que poidan existir.

Artigo 8. Valamento

1. Os campamentos de turismo deberán estar pechados en todo o seu perímetro.

2. Nos peches empregaranse materiais e cores que permitan unha integración harmónica co contorno e a paisaxe e darase preferencia a sebes ou outras pantallas vexetais.

Artigo 9. Accesos e vías interiores

1. Tanto os accesos como as vías interiores do campamento de turismo deberán ter as condicións e dimensións adecuadas para o tránsito con seguridade de vehículos e peóns e garantir as debidas condicións de accesibilidade e, como mínimo, un largo de 3,5 metros os dun só sentido de circulación de vehículos e 6 metros os de dobre sentido. A circulación rodada non superará a velocidade máxima de 10 km/hora. Para os efectos de informar de tal limitación, deberá instalarse a sinalización correspondente.

2. En todo caso, os accesos e as vías interiores deberán ter as condicións adecuadas para o acceso de servizos de emerxencia.

Artigo 10. Sistema de seguridade e protección

1. Todos os campamentos de turismo deberán dispor das medidas e instalacións de prevención, protección e seguridade para casos de incendio, asolagamento e outras emerxencias previstas na normativa vixente.

2. Para estes efectos, todos os campamentos de turismo deberán contar cun plan de emerxencia e evacuación nos termos establecidos polo específico réxime xurídico que o delimite, e deberá realizarse polo menos un simulacro anual daquel.

3. Se pola súa capacidade o campamento de turismo estiver dentro do ámbito da normativa vixente reguladora da exixencia de redacción de normas básicas de autoprotección, deberá dispoñer do dito plan nos termos establecidos na lexislación vixente.

4. En todo caso, deberán garantirse, como mínimo, as seguintes medidas de seguridade:

a) Extintores de po antibrasa de seis quilogramos de capacidade, en número de un por cada vinte parcelas ou fracción, situados en lugares visibles de fácil acceso e a unha distancia máxima de 40 metros entre eles.

b) Luces de emerxencia nos lugares previstos para a saída de persoas ou vehículos en caso de incendio, así como en todos os lugares de uso común.

c) Existencia na recepción do campamento e nun lugar ben visible dun plano do terreo con indicación dos lugares en que estean os extintores e as saídas, acompañado do seguinte aviso escrito en galego, castelán e inglés: situación dos extintores e saídas para caso de incendio.

d) Nos campamentos de turismo situados en zoas forestais deberán cumprirse as disposicións que diten os organismos competentes para a prevención de incendios forestais.

e) A titularidade do campamento só poderá autorizar a cociña á grella ou á prancha e en xeral calquera forma de cociñar alimentos fóra dun recipiente que os conteña nunha zona habilitada para isto. A titularidade do campamento habilitará esta zona de forma que teña un chan estable e plano, protexido do vento e a unha distancia segura das parcelas que evite o risco de incendio por cinzas e faíscas. Esta zona deberá dispor dun extintor portátil de uso exclusivo. Só nesta zona poderá permitirse facer lume.

f) As portas situadas nas vías de evacuación abriranse no sentido de saída ou ben en dobre sentido.

g) A almacenaxe de materiais líquidos, especialmente de botellas de gas, non se poderá efectuar sen as correspondentes instalacións de seguridade, conforme a normativa específica sobre a materia.

h) Os traballos que se deban realizar e poidan supoñer riscos de incendio, sobre todo o transporte de materiais inflamables e a soldadura, requirirán a autorización expresa previa, por escrito, da persoa titular do establecemento, quen tomará as medidas de precaución adecuadas a cada caso.

i) O persoal do campamento de turismo deberá coñecer o uso dos extintores e realizar, como mínimo unha vez ao ano, ao comezo da tempada, exercicios prácticos de extinción de incendios.

j) Garantir a dispoñibilidade de auga para o suposto de emerxencia acorde coa capacidade e características do campamento de turismo.

5. Os campamentos de turismo deberán presentar ao inicio de cada tempada turística unha certificación subscrita por técnico/a competente da vixencia e cumprimento dos plans de emerxencia ou autoprotección a que se refire este precepto, na cal se faga constar a data do último simulacro de emerxencia e os seus resultados.

Artigo 11. Instalacións e servizos

Os campamentos de turismo deberán dispoñer das seguintes instalacións e servizos:

1. Instalación eléctrica.

2. Subministración de auga.

3. Tratamento e evacuación de augas residuais.

4. Tratamento e recolla de lixo.

Artigo 12. Instalación eléctrica

1. A capacidade de subministración eléctrica determinarase, despois do informe do organismo competente, en función das parcelas con toma de corrente, das instalacións e de todos os servizos con que conte o campamento, segundo o anteproxecto das obras. En todo caso, deberase garantir unha capacidade mínima de 660 vatios por parcela e día.

2. O campamento de turismo disporá dun sistema de iluminación de emerxencia que deberá abranguer, como mínimo, as instalacións e locais de uso común, as vías de evacuación e accesos do campamento de turismo e as vías de paso común.

3. O campamento de turismo contará cun sistema de iluminación nocturna en lugares estratéxicos como os accesos, servizos comúns, recepción ou outros análogos que permita o tránsito polo campamento de turismo sen entorpecer o normal descanso dos/das campistas.

4. A rede de distribución interior deberá estar soterrada e prohibense os tendidos aéreos.

5. O proxecto de instalación eléctrica do campamento de turismo deberá contar coa inscrición correspondente na consellería competente en materia de industria.

Artigo 13. Subministración de auga

1. A subministración de auga apta para o consumo humano ao campamento de turismo deberá efectuarse mediante enganche ás redes xerais existentes. De non existir tal posibilidade, poderase realizar mediante o recurso a pozos ou mananciais de acordo coa lexislación en materia de augas.

En caso de que non exista posibilidade de enganche á rede xeral existente, o campamento de turismo deberá dispor duns depósitos de reserva que garantan a subministración de auga durante tres días.

O titular do campamento de turismo deberá acreditar que o establecemento está sometido a vixilancia pola autoridade sanitaria competente, de acordo co establecido no artigo 19 do Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano.

2. No caso de subministración de auga apta para o consumo humano mediante pozos ou mananciais, o titular do establecemento deberá acreditar a súa potabilidade na forma establecida pola normativa vixente e, como mínimo, unha vez ao ano e antes do inicio da tempada turística, mediante certificado expedido por un laboratorio público ou privado, acreditado ou certificado, que especifique que a auga no punto de entrega ao consumidor ou usuario é apta para o consumo humano. A dita acreditación deberase presentar na área provincial correspondente da Axencia Turismo de Galicia.

Os puntos de subministración e/ou fontes de auga apta para o consumo humano deberán estar debidamente sinalizados mediante os correspondentes rótulos, polo menos, en galego, castelán e inglés.

3. No caso de uso de augas non aptas para o consumo humano destinadas a outros usos, os puntos de utilización das ditas augas deberán estar debidamente sinalizados tanto coa correspondente simboloxía como textualmente, polo menos, en galego, castelán e inglés.

4. Os campamentos de turismo deberán cumprir os criterios hixiénico sanitarios para a prevención e control da lexionelose, co fin de protexer a saúde dos usuarios das instalacións de auga quente sanitaria, de conformidade co disposto no Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, polo que se establecen os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose.

Artigo 14. Tratamento e evacuación de augas residuais

O tratamento e evacuación de augas residuais do campamento de turismo deberá efectuarse mediante enganche ás redes xerais existentes. De non existir tal posibilidade, deberase instalar un sistema de depuración propio que cumpra coa normativa vixente na materia e que conte coas preceptivas autorizacións de verteduras, se for o caso.

Artigo 15. Tratamento e recolla de lixo

1. Os campamentos de turismo deberán contar cos colectores necesarios para efectuar a recolla selectiva de lixo na forma prevista nas ordenanzas municipais do concello respectivo ou, na súa falta, no sistema previsto para esa zona polo Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia.

2. Os colectores situaranse en lugar non visible e nunha localización o máis afastada posible da zona de acampada.

CAPÍTULO III

Réxime de autorización dos campamentos de turismo

Artigo 16. Forma de presentación das solicitudes e comunicacións e documentación

1. As solicitudes, comunicacións e declaracións responsables reguladas neste decreto presentaranse preferiblemente pola vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, e para as persoas que representen unha persoa interesada obrigada á presentación electrónica.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, solicitaráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, solicitaráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse, preferentemente, por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou papel). As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar, en calquera momento, que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. No caso de que persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida ni produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente escollida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polo medios alternativos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Informe potestativo previo

1. Quen proxecte instalar un campamento de turismo, antes de iniciar calquera tipo de actuación ou trámite ante o concello correspondente, poderá solicitar da área provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento un informe relativo ao cumprimento dos requisitos mínimos de infraestrutura e servizos, utilizando o modelo normalizado que figura no anexo III.

O informe limitarase a indicar se a proposta é autorizable como campamento de turismo na categoría máis baixa. Ademais, indicará se cumpre para a súa clasificación nunha categoría determinada se o solicitante así o pedira expresamente na súa solicitude.

A validez do informe será dun ano ata a presentación da solicitude de autorización e vincula a Administración ás declaracións realizadas no dito informe sempre que na solicitude de autorización non se varíen as circunstancias trasladadas á Administración ao pedir o informe e que permaneza en vigor a normativa turística respecto á cal se emitise o informe.

2. A solicitude de informe potestativo previo deberase acompañar, como mínimo, da seguinte documentación:

a) Plano de situación do campamento a escala 1:2.000, sinalando as vías de comunicación, tipos de edificacións nos arredores, distancia aos núcleos habitados máis próximos e accidentes topográficos máis importantes.

b) Plano do campamento a escala 1:500 en que figure a situación das diferentes instalacións, edificacións, vías e superficies debidamente delimitadas e reservadas para zonas de acampada, marcando as correspondentes parcelas e espazos verdes.

c) Plano de planta dos diferentes edificios e instalacións estables destinadas a aloxamento temporal, a escala 1:100.

d) Memoria asinada por facultativo competente en que se fagan constar os requisitos técnicos de que dispón o campamento, a idoneidade da localización, certificando que non está afectado por prohibicións ou limitacións de uso que impiden o emprazamento; as instalacións e servizos do establecemento, o cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade, incendios, asolagamento e ordenación urbanística, así como calquera outra que resulte de aplicación.

3. Do mesmo xeito, na tramitación das perceptivas licenzas municipais, o concello correspondente poderá solicitar o dito informe á área provincial da Axencia Turismo de Galicia que corresponda.

4. En ningún caso este informe será suficiente para a apertura do campamento de turismo e deberá contar con autorización de apertura e clasificación turística segundo o disposto neste decreto.

5. O prazo máximo para emitir este informe será de dous meses contados desde a entrada da documentación completa no rexistro do órgano competente para a súa emisión.

Artigo 20. Solicitude de autorización de apertura e clasificación turística

1. É requisito previo para o inicio e desenvolvemento da actividade de campamento de turismo, en calquera das categorías previstas legalmente, a obtención da autorización de apertura e clasificación turística outorgada pola Axencia Turismo de Galicia.

2. A solicitude de autorización de apertura deberá conter, polo menos, a seguinte documentación e información:

a) No caso de actuar a través do representante, deberase xuntar a documentación acreditativa da suficiencia do poder con que se actúa.

Se a titularidade do establecemento corresponde a unha persoa xurídica, escritura de constitución da sociedade e poderes da persoa solicitante para o caso de que non se deduza claramente da escritura social.

b) Documentación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos sobre os cales se proxecta o campamento de turismo e, se for o caso, das instalacións estables.

c) Certificado expedido por un laboratorio público ou privado, que estea acreditado ou certificado, de que a auga no punto de entrega ao consumidor é apta para o consumo, cando se prevexa o uso de auga distinta á procedente da rede de abastecemento municipal.

d) Documento que acredite a subscrición dun seguro de responsabilidade civil nos termos previstos neste decreto.

e) Proxecto técnico asinado por persoa facultativa competente, con planos e memoria, que será o mesmo proxecto que o presentado ante o concello para a obtención da licenza ou título administrativo habilitante, e no cal se identificarán expresamente as zonas e parcelas.

f) Relación das parcelas numeradas con indicación das súas características, capacidade e superficies respectivas.

g) Título administrativo habilitante do concello e autorizacións sectoriais que, se for o caso, sexan perceptivas.

h) Plan de emerxencia e evacuación.

i) Documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes.

Artigo 21. Procedemento e resolución de apertura e clasificación turística

1. O expediente de autorización de apertura e clasificación turística iniciarase por solicitude presentada pola persoa interesada seguindo o modelo normalizado que figura no anexo IV, e debe indicar o período de funcionamento para o cal se solicita a autorización.

2. O expediente será instruído pola área provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento. Unha vez instruído o expediente, elevarase á dirección da Axencia Turismo de Galicia para que dite a resolución procedente.

3. O procedemento axustarase ao disposto neste decreto e á normativa sobre procedemento administrativo común. Na instrución do expediente deberá solicitarse o informe da Inspección de Turismo e garantirase, en todo caso, o trámite de audiencia á persoa interesada, de conformidade co disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. O prazo para instruír e resolver o expediente será de tres meses contados desde a entrada da documentación completa no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. A documentación entenderase completa cando no momento da presentación da solicitude non se requira a súa emenda ou complementación. Transcorrido o dito prazo sen que se produza a notificación da resolución expresa, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude.

5. A autorización e clasificación turística é independente doutras que deban ser concedidas por outros órganos administrativos, en virtude das súas respectivas competencias.

Artigo 22. Clasificacións e modificacións

1. Os campamentos de turismo deberán manter desde o momento da súa autorización as condicións que a determinaron e a súa clasificación nunha categoría determinada.

2. Calquera modificación que afecte as condicións en que se outorgou a autorización de apertura e clasificación do campamento de turismo deberá ser comunicada á área provincial da Axencia Turismo de Galicia competente, acompañada da documentación correspondente que permita coñecer o alcance e incidencia da modificación na actividade autorizada e na clasificación e xustifique que cumpre coa normativa aplicable.

3. Se a modificación determina o cambio de clasificación turística, considerarase que ten carácter de substancial e requirirá da autorización expresa da dirección da Axencia Turismo de Galicia, tramitada conforme o procedemento previsto para a autorización de apertura e clasificación do campamento de turismo consonte o modelo normalizado que figura no anexo V. A documentación requirida virá determinada polo propio contido da modificación substancial que se pretenda. En todo caso, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Se a titularidade do establecemento corresponde a unha persoa xurídica, escritura de constitución da sociedade e poderes da persoa solicitante para o caso de que non se deduza claramente da escritura social.

b) Documentación acreditativa da suficiencia do poder con que actúa a persoa representante, no caso de actuar a través desta.

c) Documentación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos onde se proxecta o campamento de turismo e, se for o caso, das instalacións estables.

d) Certificado expedido por un laboratorio público ou privado, que estea acreditado ou certificado, de que a auga no punto de entrega ao/á consumidor/a é apta para o consumo, cando se prevexa o uso de auga distinta á procedente da rede de abastecemento municipal.

e) Documento que acredite a subscrición dun seguro de responsabilidade civil segundo o disposto neste decreto.

f) Proxecto técnico asinado por persoa facultativa competente, con planos e memoria, que será o mesmo proxecto que o presentado ante o concello para a modificación que se pretende realizar.

g) Título administrativo habilitante e autorizacións sectoriais que, se for o caso, sexan preceptivas.

h) Relación de parcelas numeradas con indicación das súas características, capacidade e superficies respectivas.

i) Plan de emerxencia e evacuación.

j) Documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes.

4. No resto dos casos, a modificación considerarase como non substancial (cambios de titularidade, cambios na escritura social e aqueloutros que non supoñan reformas substanciais), e tan só requirirán da súa comunicación á área da Axencia da provincia en que estea situado o establecemento. A comunicación efectuarase mediante modelo normalizado, previsto no anexo VI, no prazo máximo de 10 días desde que se producisen para os efectos da súa anotación no REAT. A comunicación dos cambios non substanciais elevarase, xunto cun informe, á dirección competente por razón da materia da Axencia Turismo de Galicia, que procederá á anotación no REAT dos cambios producidos. A referida comunicación virá acompañada do xustificante do pagamento das taxas correspondentes, así como, se for o caso:

– Dunha memoria explicativa dos cambios e planos actuais e estado final, cando se modifique a distribución do campamento de turismo.

– Dun proxecto técnico asinado por persoa facultativa competente, con planos e memoria, que será o mesmo proxecto que o presentado ante o concello para a obtención da licenza ou título administrativo habilitante e no cal se identificarán expresamente as zonas e parcelas, sempre que a modificación implique a realización de obras que requiran a elaboración do dito proxecto técnico.

5. O prazo para instruír e resolver en ambos os casos será de tres meses, contados desde a entrada da documentación completa no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. A documentación entenderase completa cando no momento da presentación da solicitude non se requira a súa emenda ou complementación. Transcorrido o dito prazo sen que se produza a notificación da resolución expresa, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude.

6. En todo o non previsto expresamente, o procedemento axustarase á normativa sobre procedemento administrativo común.

Artigo 23. Dispensas

1. Con carácter excepcional, logo de solicitude da persoa interesada e atendendo ás especiais circunstancias que se poidan dar, ponderadas en conxunto as condicións exixidas aos campamentos de turismo e ao número e calidade dos servizos ofrecidos, poderá dispensarse os citados establecementos dos requisitos relativos a:

a) Disposición de conexión á internet nos casos de campamentos de turismo situados en lugares onde non exista ningunha cobertura que permita a prestación do servizo.

b) Reservas de espazo para prazas de aparcadoiro cando pola súa situación non sexa posible o acceso de vehículos, xa sexa por razóns legais ou de feito.

c) No caso de campamentos de turismo situados en illas ou espazos naturais protexidos declarados como tales, aqueles requisitos cuxo cumprimento non sexa posible por razón da insularidade ou pola normativa establecida nos seus instrumentos de planificación.

2. En ningún caso se poderá dispensar do cumprimento daqueles requisitos que afecten a seguridade ou salubridade.

3. A solicitude de dispensa, que irá xunto á de autorización cando se refira a un campamento de nova apertura, deberá concretar o requisito ou requisitos respecto dos cales se solicita a dispensa, as circunstancias que imposibilitan o seu cumprimento e as medidas compensatorias que se proxectan.

4. O procedemento para a concesión da dispensa será o mesmo que o previsto para a autorización dos campamentos de turismo. A dispensa outorgarase, logo do informe técnico da inspección turística, mediante resolución motivada da persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia, que se ditará no prazo de dous meses contados desde a entrada da solicitude de dispensa. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase estimada a solicitude.

Artigo 24. Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas

1. Os campamentos de turismo autorizados inscribiranse no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia previsto no artigo 50 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

2. A dita inscrición cancelarase polo cesamento da actividade turística.

Artigo 25. Cesamento da actividade

1. O cesamento da actividade por instancia do titular do campamento turístico requirirá unicamente da comunicación a área provincial correspondente da Axencia Turismo de Galicia onde estea situado o establecemento. A comunicación do cesamento da actividade efectuarase mediante modelo normalizado previsto no anexo VI e elevarase, xunto cun informe, á dirección competente por razón da materia da Axencia Turismo de Galicia, que procederá a súa anotación no REAT.

2. Se o interesado incumpre co seu deber de comunicar o cesamento da actividade, a mesma declararase de oficio por resolución da dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo de tramitación do oportuno expediente con audiencia da persoa interesada, sen prexuízo das responsabilidades de tipo sancionador a que poida dar lugar a omisión de tal deber.

CAPÍTULO IV

Funcionamento dos campamentos de turismo

Artigo 26. Carácter público

Os campamentos de turismo teñen o carácter de establecementos públicos, ben que o acceso poderá condicionarse ao cumprimento das normas ou regulamento de réxime interno que determine o propio campamento de turismo.

Artigo 27. Regulamento de réxime interno

1. O regulamento de réxime interno é o conxunto de normas fixadas pola dirección do campamento de turismo que teñen por obxecto establecer as condicións de admisión e, se for o caso, expulsión; as normas de convivencia e funcionamento que regulan, entre outros, o posible uso de lume, a presenza de animais de compañía, actividades permitidas en horario nocturno e a recolla de residuos; o réxime da permanencia e uso das instalacións por persoas non aloxadas no campamento de turismo; o período e o horario de apertura dos servizos de restauración e tendas do campamento de turismo así como, en xeral, todos aqueles aspectos que permitan o mellor desenvolvemento da actividade de acampada e do uso dos servizos do campamento.

2. As ditas normas non poderán dar lugar, en ningún caso, a discriminación prohibida legalmente nin contravir o ordenamento xurídico vixente, e deberán cumprir coa normativa vixente en materia de prezos e reservas.

3. O regulamento de réxime interno deberá estar á disposición de todas as persoas usuarias nun lugar accesible e visible e, polo menos, na recepción do campamento de turismo.

Artigo 28. Período de funcionamento

1. O titular do campamento de turismo deberá comunicar á área provincial correspondente o período de funcionamento, así como calquera cambio que se produza nel.

2. Fóra do período de funcionamento debidamente comunicado, o campamento de turismo non poderá desenvolver ningunha actividade de campamento. Poderá, non obstante, prestar un servizo exclusivamente de depósito de caravanas, autocaravanas e outros elementos facilmente desmontables e transportables en zonas debidamente acondicionadas para tal efecto.

En caso de prestarse este servizo, a zona de depósito deberá identificarse no proxecto presentado para solicitar a autorización de apertura do campamento de turismo ou comunicarse mediante a correspondente comunicación previa se se pretendese habilitar con posterioridade á apertura.

3. O pechamento dentro do período de funcionamento deberá ser comunicado no prazo dos 10 días seguintes a que se produza, indicando a súa causa e duración. Cando este exceda nove meses, producirá a baixa do establecemento no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

4. Así mesmo, logo de instrución do oportuno procedemento en que se oirá a persoa interesada, a Administración turística tramitará de oficio a baixa do establecemento cando comprobe a súa inactividade inxustificada dentro do período de funcionamento comunicado.

5. En ambos os casos, o reinicio da actividade exixirá a solicitude dunha nova autorización nos termos regulados neste decreto.

Artigo 29. Seguro de responsabilidade civil

1. Os campamentos de turismo deberán ter en vigor un seguro de responsabilidade civil durante todo o tempo en que a actividade estea en funcionamento.

2. A cobertura do dito seguro deberá alcanzar os danos corporais, materiais e a os prexuízos económicos que poidan derivar do desenvolvemento da actividade.

Artigo 30. Información

1. A recepción do campamento de turismo constituirá o centro de encontro coa clientela para efectos administrativos e de reunión.

2. Na recepción exporanse os seguintes documentos, que deberán poder ser consultados libre e facilmente polas persoas usuarias:

a) Autorización de apertura e clasificación turística, expedida pola Axencia Turismo de Galicia, a capacidade e os símbolos de calidade normalizados.

b) Período anual de funcionamento.

c) Plano de campamento, en que conste a situación e os límites de cada unha das parcelas, así como a numeración correspondente e a situación dos diferentes servizos.

d) Lista de prezos dos diferentes servizos.

e) Certificado de que a auga no punto de entrega ás persoas consumidoras é apta para o consumo ou, se for o caso, indicación de que a auga do campamento conta con abastecemento a través da rede municipal.

f) Información dos horarios de funcionamento dos distintos servizos e o horario de descanso e silencio, que terán unha duración mínima de oito horas, dentro do período comprendido entre as 23.00 e as 9.00 horas.

g) Aviso da existencia de follas de reclamación de turismo á disposición da clientela.

h) Réxime de uso de servizos e instalacións e, se for o caso, o regulamento de réxime interior.

i) Plano de situación dos elementos de seguridade contra incendios e rutas de saída do campamento de turismo no caso de emerxencia.

3. Ademais do anteriormente sinalado, na recepción deberá estar:

a) O rexistro de entradas e saídas de clientes/as á disposición dos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado con competencias na materia.

b) O libro de visitas da inspección turística á disposición do persoal inspector de turismo.

CAPÍTULO V

Clasificación e especialidades

Artigo 31. Clasificación

1. Os campamentos de turismo clasifícanse, de conformidade co establecido no artigo 66.3 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en cinco categorías: cinco estrelas, catro estrelas, tres estrelas, dúas estrelas e unha estrela.

2. A inclusión en cada unha das categorías sinaladas efectuarase en función das instalacións, equipamentos e servizos ofertados conforme o anexo I.

Artigo 32. Requisitos de clasificación

De conformidade co disposto nos artigos 40 e 45 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, a clasificación dos campamentos de turismo na forma prevista no artigo anterior realizarase segundo os requisitos mínimos que se indican no anexo I e manteranse en tanto perduren e se conserven en bo estado de uso as instalacións e servizos que a xustificaron, que poden, en todo caso, ser revisados de oficio ou por instancia da persoa interesada.

Artigo 33. Especialidades

1. Todo campamento de turismo deberá estar incluído nalgunha das categorías fixadas neste decreto. Engadidamente, con base na prestación de servizos específicos ou na existencia de determinadas instalacións, o establecemento poderá solicitar e obter da Axencia Turismo de Galicia o recoñecemento dalgunha das especialidades que se recollen neste decreto.

As ditas especialidades identificaranse mediante un distintivo único que deberá figurar xunto ao correspondente á categoría do establecemento.

2. Recoñécense as seguintes especialidades:

a) Campamento de turismo verde.

b) Campamento de turismo temático.

c) Campamentos para caravanas e autocaravanas.

Artigo 34. Campamento de turismo verde

Recibirán o distintivo de campamento de turismo verde aqueles que conten con algunha das seguintes certificacións:

a) Certificación baixo a norma UNE 184001:2007 Cámpings e cidades de vacacións ou norma que a substitúa.

b) Acreditación de ter concedida a etiqueta ecolóxica da UE aos servizos de campamento de turismo, ao amparo do disposto no Regulamento (CE) nº 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE (LCEur 2010,91).

c) Ter concedida polo Instituto para a Calidade Turística Española a marca de calidade turística española; marca «Q» a campamentos de turismo.

d) Contar, de acordo co Regulamento (CE) nº 1221/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009 (LCEur 2009, 2029), coa implantación do sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental e a inscrición no rexistro EMAS.

e) Certificación baixo norma UNE-EN ISO 14001:2004 Sistemas de xestión ambiental ou norma que o substitúa.

Artigo 35. Campamento de turismo temático

1. Os campamentos de turismo cuxas instalacións e servizos, ou normas de uso, respondan a un tema ou materia específicos que os identifique e diferencie do resto de establecementos, tipo cultural, deportivo ou calquera outra circunstancia, poderán obter a especialidade de campamento de turismo temático.

2. Os campamentos de turismo que obteñan a especialidade deberán especificar, claramente, na súa publicidade e demais soportes de comunicación, a temática que os identifique, sobre todo cando implique unhas normas de uso que leven consigo condicións especiais para o goce das súas instalacións.

Artigo 36. Campamentos de turismo para autocaravanas

1. Son os campamentos de turismo que están reservados para uso exclusivo de vehículos vivenda (autocaravanas e campers) e vehículos análogos, estando prohibida a instalación nelas de calquera tipo de tendas de campaña ou instalacións fixas ou móbiles para o aloxamento de persoas usuarias. Nestes campamentos estará permitida a apertura de toldos, mesas, cadeiras, así como a nivelación do vehículo e a apertura de ventás superando o perímetro deste, sempre que se faga dentro dos límites da mesma parcela.

2. Quedan excluídas deste tipo de campamentos de turismo as zonas especiais de acollida para caravanas e autocaravanas en tránsito a que se refire o artigo 66.5 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, cuxa regulación corresponderá á Administración local onde se sitúen, nas cales o tempo máximo de estadía estará limitado a unha noite.

3. Os campamentos de turismo para autocaravanas quedan obrigados ao cumprimento do disposto no capítulo II deste decreto, coas excepcións dos artigos 4.1, 5.3, 6.7 e 12.1.

4. A zona de acampada dividirase en parcelas individuais debidamente sinalizadas nos seus vértices con indicación do numero de parcela. Calquera delimitación adicional das parcelas, xa sexa mediante valados ou pantallas vexetais, deberá ser homoxénea na totalidade do establecemento e integrada na contorna.

5. O firme das parcelas deberá estar achaiado e asfaltado ou compactado, e as parcelas expeditas ata unha altura mínima de catro metros.

6. Como mínimo, o 90 % das parcelas terá unha superficie de 40 m2, e para o 10 % restante, a superficie mínima será de 30 m2.

7. Como mínimo, o 50 % das parcelas disporá de subministración de electricidade cunha capacidade mínima de 6 amperios.

8. Ademais, e atendidas as súas especiais características, deberán contar con:

a) Un punto limpo por cada 40 parcelas ou fracción que será a zona de tratamento de residuos e baleiramento das augas grises e augas negras conectada á rede de saneamento ou fosa séptica, e que disporá dunha zona de porto que será o espazo acondicionado para realizar as tarefas de mantemento das autocaravanas ou campers, contando polo menos cunha superficie de formigón lisa ou similar dun mínimo de 3×2 m cun sumidoiro. Ademais, e na mesma proporción, deberán dispor de billas de auga potable para o enchemento do depósito da auga e outro para o lavado dos depósitos dos WC que deben estar debidamente identificadas e diferenciadas.

b) Os materiais do revestimento da zona de porto e punto limpo deberán ser antiadherentes e de fácil limpeza.

c) Os puntos limpos estarán separados da zona de parcelas e dotados dalgún sistema de ocultación, preferiblemente mediante elementos naturais, para evitar malos olores e impacto visual na zona de parcelas.

d) Servizo de vixilancia permanente presencial ou automático do establecemento adaptado á súa extensión e capacidade.

9. Así mesmo, deberán contar cos seguintes servizos para as persoas usuarias:

a) Máquina expendedora de bebidas ou vending.

b) Lavabos independentes para homes e mulleres, a razón dun por cada 50 prazas de aparcadoiro ou fracción de que dispoña o establecemento.

c) WC independentes para homes e mulleres, a razón dun por cada 50 prazas de aparcadoiro ou fracción de que dispoña o establecemento.

d) Duchas independentes para homes e mulleres, a razón dunha por cada 50 prazas de aparcadoiro ou fracción de que dispoña o establecemento.

e) Servizo de auga quente nas duchas e lavabos.

f) Servizos hixiénicos para persoas con discapacidade.

CAPÍTULO VI

Réxime sancionador

Artigo 37. Infraccións e sancións

Os incumprimentos do disposto neste decreto serán sancionados de conformidade coa Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional terceira. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio dos expedientes

Os expedientes en curso na data de entrada en vigor deste decreto tramitaranse e resolveranse conforme as disposicións vixentes no momento da súa iniciación.

Para estes efectos consideraranse expedientes en trámite aqueles en que se emitise informe potestativo e se solicite a autorización dentro do seu prazo de vixencia.

Disposición transitoria segunda. Campamentos autorizados á entrada en vigor deste decreto

1. Os campamentos de turismo debidamente autorizados á entrada en vigor deste decreto poderán seguir funcionando sen necesidade de adaptarse ás prescricións deste, salvo as relativas á seguridade.

2. Non obstante, dentro do prazo de cinco anos, deberán axustarse ás categorías establecidas neste decreto. Para estes efectos deberán dirixir a correspondente instancia á Axencia Turismo de Galicia e solicitar, de forma xustificada, a súa clasificación nalgunha das categorías fixadas neste decreto, que deberá ser resolta no prazo de seis meses.

3. Os campamentos de turismo a que se refire a presente disposición transitoria deberán adaptarse integramente ao contido do decreto cando pretendan un cambio de categoría ou a realización de obras substanciais de ampliación ou rehabilitación que afecten a clasificación do campamento.

Disposición transitoria terceira. Dispensas para campamentos autorizados á entrada en vigor deste decreto

1. Non obstante a obriga que con carácter xeral se establece de que os campamentos de turismo en funcionamento á entrada en vigor deste decreto se adapten integramente ao seu contido, no momento en que pretendan un cambio de categoría ou a realización de obras substanciais de ampliación ou rehabilitación que afecten a clasificación, as persoas titulares poderán solicitar, con carácter excepcional, a dispensa do cumprimento dalgunha ou dalgunhas das condicións exixidas no mesmo no momento en que procedan a adaptarse ás súas exixencias cando concorran circunstancias que así o xustifiquen, como poden ser a insularidade ou a especial orografía.

2. A dispensa só poderá ser outorgada logo de petición da persoa interesada, que deberá xuntar unha memoria xustificativa das razóns polas cales se solicita a dispensa do cumprimento dun ou varios dos requisitos establecidos con carácter xeral para os campamentos de turismo e as medidas alternativas ou compensatorias que se propoñan.

3. A resolución sobre a concesión ou denegación da dispensa corresponde ao órgano competente para a autorización do campamento de turismo, logo do informe dos servizos técnicos correspondentes sobre os impedimentos ou dificultades para cumprir a condición ou condicións respecto das cales solicita a dispensa e a suficiencia das medidas complementarias e alternativas propostas para compensala.

A resolución deberá ser, en todo caso, motivada, e pode, para tal efecto, partir da valoración conxunta das instalacións, servizos e melloras que se incorporen en compensación a aquelas condicións respecto de cuxo cumprimento se solicita a dispensa.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 144/2013, do 5 de setembro, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Habilítase a persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo para o desenvolvemento das disposicións contidas neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de novembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Estrelas

5*****

4****

3***

2**

1*

Prazas

Superficie mínima por persoa en zona de acampada

23 m2

20 m2

18 m2

16 m2

14 m2

Parcelas 

Delimitación das parcelas

Separadas por sebes, pantalla vexetal ou outros elementos que faciliten a intimidade

Separadas por sebes, pantalla vexetal ou outros elementos que faciliten a intimidade

Separación con fitos ou marcas

Separación con fitos ou marcas

Separación con fitos ou marcas

Parcelas con conexión de subministración eléctrica

75 %

50 %

35 %

25 %

10 %

Tomas de auga apta para consumo

1/80 prazas

1/90 prazas

1/100 prazas

1/110 prazas

1/120 prazas

Vías interiores

Compactación

Compactación e asfaltadura, con sistema de drenaxe, salvo nos casos derivados de limitacións impostas pola normativa sectorial

Grava miúda ou similar

Grava miúda ou similar

Grava miúda ou similar

Grava miúda ou similar

Aseos, non incluídos nas cabanas, casas móbiles ou bungalós (as reservas son sempre dun para homes e outro para mulleres)

Lavabos auga quente muller/home

1/24 prazas

1/32 prazas

1/40 prazas

1/45 prazas

1/50 prazas

Duchas independentes, con porta, espazo para vestidor e auga quente. Separación muller/home

1/30 prazas

1/40 prazas

1/45 prazas

1/50 prazas

1/60 prazas

Inodoros independentes con porta. Separación muller/home

1/20 prazas

1/30 prazas

1/40 prazas

1/45 prazas

1/50 prazas

• Requisitos dos equipamentos.

En función da categoría, os equipamentos deberán cumprir os seguintes requisitos:

Estrelas

5*****

4****

3***

2**

1*

Piscina exterior

Si

Si

Non

Non

Non

Piscina climatizada

Si

Non

Non

Non

Non

Parque infantil

Si

Si

Non

Non

Non

Salón de lecer ou xogos

Si

Si

Non

Non

Non

Instalacións deportivas

Si

Si

Non

Non

Non

Fontes ou puntos de toma de auga apta para o consumo a menos de 100 metros de cada parcela

Si

Si

Si

Si

Non

Lavadoras automáticas

Si

Si

Non

Non

Non

Lavalouzas

Si

Non

Non

Non

Non

Secadoras e ferro de pasar

Si

Si

Non

Non

Non

Escorredoiros 75 % con auga quente

1/60 prazas

1/60 prazas

1/70 prazas

1/75 prazas

1/80 prazas

Lavadoiros 75 % auga quente

1/65 prazas

1/65 prazas

1/60 prazas

1/70 prazas

1/75 prazas

• Requisitos dos servizos.

En función da categoría, os servizos deberán cumprir os seguintes requisitos:

Estrelas

5*****

4****

3***

2**

1*

Restaurante

Si

Non

Non

Non

Non

Cafetaría/bar

Si

Si

Si

Non

Non

Bar

Non

Non

Non

Si

Non

Máquina expendedora de comida/bebida

Non

Non

Non

Si

Si

Supermercado

Si

Si

Non

Non

Non

Tenda de venda produtos primeira necesidade

Non

Non

Si

Si

Si

Internet

Ordenadores con conexión á internet e áreas de conexión sen fíos

Ordenadores con conexión á internet e áreas de conexión sen fíos

Conexión á internet

Conexión á internet

Conexión á internet

Programa de animación

Si

Si

Non

Non

Non

Servizo de gardaría

Si

Non

Non

Non

Non

Servizo de recepción: atención telefónica

Si

Si

Si

Si

Si

Servizo de recepción: atención presencial

Si

Si

Non

Non

Non

missing image file

Estrelas e pictograma brancos sobre fondo verde (pantone 355)

Colocación das estrelas

missing image file

ANEXO II

ANEXO II

(continuación)

Cámpings

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file