Mediante a Orde do 19 de xullo de 2019 (DOG núm. 156, do 20 de agosto), publicáronse as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e outros contornos laborais e convocáronse en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2019 e 2020.
De conformidade co artigo 17 da antedita orde, a resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, corresponde, por delegación, á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.
Así mesmo, o artigo 17 da mesma orde, establece que se publicarán no Diario Oficial de Galicia de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entre outras, as correspondentes resolucións. Esta publicación producirá os efectos de notificación.
Polo exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 13 de decembro de 2019, ditada no procedemento BS403D, de concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e outros contornos laborais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que se xunta á presente resolución no anexo.
Segundo. Comunicar que a Resolución do 13 de decembro de 2019 que finaliza este procedemento esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días computado a partir do día seguinte ao da publicación para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019
Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
ANEXO
Resolución do 13 de decembro de 2019 ditada no procedemento BS403D
de concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3
en polígonos industriais e outros contornos laborais cofinanciadas
polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do
programa operativo Feder Galicia (2014-2020)
Vista a proposta de resolución da Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación de conformidade co disposto no artigo 15 da Orde do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e outros contornos laborais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2019 e 2020 (DOG do 20.8.2019).
RESOLVO:
Primeiro. Conceder a axuda solicitada á entidade que se relaciona na alínea A) do anexo con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.781.0.
Esta liña de axudas está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10-Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e unha aprendizaxe permanente, prioridade de investimento 10. 5 Infraestruturas de educación e formación, obxectivo específico 10.5.1-Mellorar as infraestruturas de educación e formación, actuación 10.5.1.4b- Axudas ao investimento en centros de atención á primeira infancia de 0-3 anos e casas niño.
O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a Orde HPF/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.
A concesión desta axuda supón que o beneficiario acepta ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Así mesmo, o beneficiario deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do devandito Regulamento (UE) nº 1303/2013.
O método aplicado para determinar o importe subvencionable e o importe da subvención é o de custos reais.
A axuda concedida condicionarase ao cumprimento de todas as obrigas establecidas na Orde do 19 de xullo de 2019.
A xustificación da subvención realizarase de acordo co establecido no artigo 22 da orde de convocatoria.
Coa solicitude de pagamento a entidade beneficiaria deberá informar sobre o nivel de logro dos indicadores de produtividade asociados a esta convocatoria de axudas.
O pagamento da subvención realizarase de acordo co establecido no artigo 23 da Orde do 19 de xullo de 2019.
Segundo. Declarar desistidas e excluídas as solicitudes relacionadas na alínea B) do anexo polas causas indicadas.
Terceiro. Esta resolución que finaliza o procedemento esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019. A conselleira de Política Social; P.D. (Artigo 17 da Orde do 19.7.2019; DOG núm. 156, do 20 de agosto; Mª Amparo González Méndez, directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
Anexo
A) Concesións:
Axuda concedida: 1.
Núm. expediente: BS403D-2019/1-0.
Entidade beneficiaria: Entidade Urbanística de Conservación da Granxa.
NIF: G36381929.
Axuda solicitada: 321.800,00 euros.
Valoración: 83 puntos.
Axuda concedida 2019-2020: 200.000,00 euros.
Anualidade 2019: 50.000,00 euros.
Anualidade 2020: 150.000,00 euros.
B) Solicitudes desistidas e excluídas:
– Núm. de expediente: BS403D-2019/2-0.
Entidade solicitante: Estudios Rafer, S.L.
NIF: B27239136.
Causa de exclusión: incumprimento dos requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria.
– Núm. de expediente: BS403D-2019/6-0.
Entidade solicitante: Escuela Infantil Kekos, S.C.
NIF: J27507995.
Causa de exclusión: incumprimento dos requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria.
– Núm. de expediente: BS403D-2019/3-0.
Entidade solicitante: Asociación de Empresarios de Deza.
NIF: G36187169.
Causa de desistencia: desistencia expresa.
– Núm. de expediente: BS403D-2019/4-0.
Entidade solicitante: Asociación Área Empresarial do Tambre.
NIF: G15037112.
Causa de desistencia: incumprimento do requisito de emenda ou achega da documentación preceptiva.
– Núm. de expediente: BS403D-2019/5-0.
Entidade solicitante: Cofraría de Pescadores de Malpica.
NIF: G15031511.
Causa de desistencia: incumprimento do requisito de emenda ou achega da documentación preceptiva.