Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 30 de decembro de 2019 Páx. 55946

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 160/2019, do 19 de decembro, polo que se modifica o Decreto 60/2019, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, foi modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 108, do 10 de xuño.

Entre as modificacións introducidas atópase a consistente na incorporación de medios electrónicos na xestión de listas, regulando un novo sistema de citación electrónica. Na disposición derradeira terceira do Decreto 60/2019, do 23 de maio, preveuse a súa entrada en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, a nova redacción dos artigos 14 e 16 entraría en vigor o 1 de xaneiro de 2020 e a do artigo 5.1 o 1 de xuño de 2020.

A complexidade técnica da implantación do novo sistema de citación electrónica puxo de manifesto a necesidade de modificar a data de entrada en vigor da nova redacción dos artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, dada polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, co fin de asegurar que se produza cando estea garantida a viabilidade técnica do novo sistema.

O contido do presente decreto adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e das administracións públicas. Así, en cumprimento dos principios de necesidade, de eficacia e de proporcionalidade, esta norma está xustificada pola necesidade de asegurar que a nova redacción dos artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, entre en vigor cando estea garantida a viabilidade técnica do novo sistema de citación electrónica, sendo a regulación introducida a adecuada e imprescindible para iso. Cúmprese, así mesmo, o principio de seguridade xurídica, pois a nova regulación introdúcese a través dunha modificación do Decreto 60/2019, do 23 de maio, de xeito que o marco normativo resultante resulta estable, predicible, integrado, claro e de certidume. Por outra banda, en cumprimento do principio de transparencia, explicítanse os obxectivos da nova regulación e na tramitación da norma posibilitouse a participación da cidadanía a través da publicidade no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia. Por último, respéctase o principio de eficiencia, pois non se impoñen cargas innecesarias ou accesorias e permítese unha xestión racionalizada dos recursos públicos.

Na súa virtude, oída a Comisión de Persoal, por proposta do conselleiro de Facenda e de acordo co Consello Consultivo, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 60/2019, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia

O parágrafo segundo da disposición derradeira terceira do Decreto 60/2019, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, queda redactado como segue:

«Non obstante, na súa nova redacción, o artigo 5.1 entrará en vigor o 1 de xuño de 2020 e os artigos 14 e 16 entrarán en vigor na data que expresamente se determine por orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, tan pronto quede garantida a viabilidade técnica do sistema de citacións electrónicas, mantendo ata entón a vixencia dos referidos artigos na súa redacción anterior. Esta orde deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda