Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 3 de xaneiro de 2020 Páx. 207

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento SI431A).

A trata de seres humanos é, sen dúbida, a escravitude do noso tempo e, lamentablemente, unha realidade en Europa e no noso país. Supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa e constitúe unha forma de delincuencia grave, que na maioría das ocasións implica organizacións delituosas ás cales proporciona importantes beneficios baseados na utilización das persoas con distintos fins de explotación.

Este atentado contra os dereitos das persoas adquiriu enormes dimensións, sendo a trata con fins de explotación sexual unha das súas expresións máis crueis e denigrantes, e a forma de trata de maior magnitude no noso país. A este respecto, a Organización Internacional do Traballo (OIT) estima, no seu informe Traballo forzoso, tráfico humano e escravitude do ano 2014, que o número total de persoas nesta situación de escravitude moderna, entre as que están incluídas as vítimas da explotación sexual, ascende a preto de 21 millóns de persoas en todo o mundo, das que o 80 % son mulleres e nenas.

As vítimas da trata son captadas, transportadas ou aloxadas mediante engano, aproveitando a súa situación de vulnerabilidade ou utilizando a forza, co propósito de obter un beneficio da súa explotación.

O concepto de «trata de seres humanos» é moi amplo e fai referencia aos diferentes propósitos de explotación das súas vítimas. Así, a trata de seres humanos pode estar referida á extracción e comercio de órganos, á utilización de persoas con fins de explotación laboral, ou á explotación para realizar actividades delituosas ou á explotación sexual.

Ademais, os informes emitidos polas distintas organizacións internacionais que traballan no ámbito da loita contra a trata de seres humanos (OIT, Oficina contra a Droga e o Delito de NNUU, Unión Europea, etc.) recollen datos que poñen de manifesto unha realidade ineludible: a trata de persoas é un crime que non é neutral en termos de xénero: a trata de seres humanos afecta as mulleres de xeito desproporcionado, non só por rexistrar a maior parte das vítimas, senón porque as formas de explotación a que son sometidas acostuman ser máis severas, especialmente a trata con fins de explotación sexual, e todo isto motivado pola súa maior vulnerabilidade, que vén determinada, entre outros, polos seguintes factores: un sistema de organización social que perpetúa os modelos de desigualdade por razón de xénero e permite a devaluación de mulleres e nenas con carácter xeral e, en particular, en situacións de conflitos armados, os desprazamentos de poboacións, a pertenza a minorías étnicas, a feminización da pobreza, a desigualdade na educación e no ámbito laboral, así como a explotación do desexo de emigrar para mellorar as súas condicións de vida e as do seu contorno.

Todos os datos apuntan, ademais, a que a trata, a prostitución e a explotación sexual, en calquera das súas manifestacións, se atopan fortemente interrelacionadas entre si. Son moitos os instrumentos internacionais que inciden nesta dobre cuestión. Por iso, dentro da violencia de xénero e da desigualdade en xeral entre homes e mulleres, a trata con fins de explotación sexual, a prostitución e outras formas de explotación sexual teñen una especial gravidade, pois supoñen a redución máxima dunha persoa a un mero obxecto, e a persoa reducida a esta condición está exposta a un trato vexatorio e incluso violento.

En xeral, a prostitución non é unha expresión de liberdade sexual das mulleres senón que ten que ver coa violencia, a marxinación, as dificultades económicas e, sobre todo, cunha cultura sexista e patriarcal. Como tal, a prostitución non é ilegal no noso ordenamento, aínda que si o é o lucro ou explotación da prostitución allea, así como a prostitución de menores. En calquera caso si resultan punibles numerosas situacións vexatorias e violentas que sofren as vítimas: agresións físicas, violacións, ameazas ou insultos.

O II Plan integral para a loita contra a trata de mulleres e nenas con fins de explotación 2015-2018, aprobado polo Consello de Ministros o 18 de setembro de 2015, constitúe un salto adiante para combater o negocio da vulneración dos dereitos das mulleres. Un plan que supón un esforzo conxunto de todas as administracións e das organizacións especializadas en dar apoio ás vítimas.

En Galicia, pola súa banda, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, recolle, no seu artigo 3, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como unha forma de violencia de xénero e, ademais, Galicia é pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizada no ano 2012, do protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. As últimas reformas lexislativas no marco do Estado español e o vixente Protocolo marco de protección das vítimas de trata de seres humanos configuran un impulso vital na persecución deste delito e no apoio e protección das súas vítimas. Nesa liña enmárcase tamén a presente resolución.

Esta resolución de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e dáse debido cumprimento á normativa aplicable, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, e no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2016 do Consello, modificados ambos polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68.bis e 68.ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013».

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para o ano 2020 as subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

2. O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 1 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

4. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI431A.

Artigo 2. Financiamento

1. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 no momento da resolución.

2. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de catrocentos cincuenta mil euros (450.000 €), e que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.11.313D.481.1 (código de proxecto 2016 00019).

Esta convocatoria está financiada ao 80 % con fondos do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático 9 Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación, prioridade de investimento 9.3. A loita contra todas as formas de discriminación e a promoción da igualdade de oportunidades, obxectivo específico 9.3.1. Aumentar a integración sociolaboral das persoas pertencentes a colectivos máis vulnerables, a través de actuacións que fomenten a igualdade de xénero e a conciliación da vida persoal e laboral, evitando, pola súa vez, a discriminación múltiple, e liña de actuación 121. Loita contra a explotación sexual e o tráfico de seres humanos, e apoio ás súas vítimas.

O método de xustificación empregado será o de custos simplificados consonte o disposto nos artigos 67.1.b), 67.5.d), 68.bis.2 e 68.ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo do informe favorable do OI do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos). A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación de gasto.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución e normativa xeral de subvencións e, de xeito particular, deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.

2. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.

Artigo 5. Actuacións subvencionables e contía da axuda

1. Será subvencionable o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral, e que deberán incluír, polo menos, dous tipos de actuacións dos sinalados nos seguintes puntos:

a) Atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes, xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral en asistencia social, legal ou psicolóxica.

b) Asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións coas distintas entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos de diversa índole: sociais, sanitarios, policiais, xudiciais, laborais, de formación, etc., e que permitan ás persoas beneficiarias iniciar o seu proceso de normalización social, así como atención, información e asesoramento continuado sobre os recursos; e acompañamento, apoio e seguimento no proxecto persoal de cada persoa usuaria.

c) Atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou condutuais e na procura da súa recuperación persoal. Esta actuación só poderá ser realizada por profesionais con titulación en psicoloxía.

d) Asesoramento xurídico sobre os seus dereitos e deberes, así como para a tramitación de procedementos administrativos de diversa índole: autorizacións de residencia e traballo, revogacións de ordes de expulsión, reagrupamento familiar, retorno ao país de orixe, cuestións laborais e civís, procesos de denuncia, xestións policiais, procesos penais, etc. Esta actuación só poderá ser realizada por profesionais con titulación en dereito, ciencias xurídicas ou equivalente.

e) Orientación e asesoramento laboral, incluídas as actividades formativas: como formación básica (habilidades sociais, alfabetización, economía doméstica, etc.) e formación prelaboral e laboral, coa finalidade de facilitar e mellorar a súa empregabilidade e a súa inserción laboral.

f) Atención e asesoramento en traballo de rúa, co obxectivo de achegamento a aqueles lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos, en situación de explotación, para establecer encontros iniciais, achegándolles información sobre os recursos existentes e/ou información hixiénico-sanitaria, xurídica, social, etc., de xeito que se permita o seu acceso ás actuacións normalizadas previstas neste artigo.

A atención personalizada a través dos servizos sinalados nos puntos anteriores comprenderá tanto as actuacións presenciais coa persoa participante, de forma individual ou grupal, coma aqueloutras actuacións que non requiran a presenza da persoa e que se consideren necesarias para o cumprimento do obxectivo de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral.

2. Serán gastos subvencionables os derivados da realización do programa obxecto de subvención, referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos relacionados no artigo 6 desta resolución, e segundo os termos establecidos no dito artigo.

Para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención establécese o sistema de custo simplificado segundo custo unitario por hora efectivamente traballada por cada un/unha dos/das profesionais que leven a cabo actuacións de atención ás persoas usuarias. Segundo a actividade profesional que se vai desenvolver, o custo unitario por hora efectivamente traballada será de:

a) 17,97 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por profesionais con formación universitaria, titulación superior de FP complementada con experiencia profesional e/ou formación especializada ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á formación referida. En todo caso, respectaranse as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión, en todos os postos en que así estea establecido pola normativa legal.

b) 16,00 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por profesionais con formación profesional superior ou de grao medio, ou formación académica equivalente, complementada con coñecementos adquiridos por demostrada experiencia no seu posto de traballo e complementado con formación específica necesaria para desenvolver a función.

c) 13,96 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por profesionais con competencia derivada da formación académica e/ou profesional de grao medio, ou equivalente, completados cunha experiencia ou titulación profesional necesaria para o desenvolvemento da súa función.

O correspondente custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase ata un máximo de 1.720 horas por profesional, correspondente a unha dedicación dunha ou dun profesional a xornada completa durante un período de doce meses, de acordo co previsto no artigo 68.bis.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 40 persoas atendidas das cales o 60 % (24) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no punto 1 deste artigo. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

3. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención será o resultado da aplicación do método de custos simplificados, cun importe máximo subvencionable de 70.000 €, e sen que en ningún caso se poida superar a contía solicitada. Sobre o importe máximo anterior, aplicaranse as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a seguir, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución:

– Entre 100 e 90 puntos: 100 % do importe máximo subvencionable.

– Entre 89 e 79 puntos: 85 % do importe máximo subvencionable.

– Entre 78 e 68 puntos: 70 % do importe máximo subvencionable.

– Entre 67 e 57 puntos: 55 % do importe máximo subvencionable.

– Entre 56 e 46 puntos: 40 % do importe máximo subvencionable.

– Entre 45 e 35 puntos: 25 % do importe máximo subvencionable.

Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 35 puntos.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de agarda, poderá repartirse entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, e sen que en ningún caso se poida superar a contía solicitada.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Serán subvencionables os gastos derivados do desenvolvemento das actuacións que configuren o proxecto de atención integral, segundo o disposto no artigo 5, e referidos a gastos directos de persoal e outros gastos directos e gastos indirectos, nos termos establecidos a seguir:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coas actuacións subvencionadas e que se refiran de forma inequívoca e constatable a ela, en particular os seguintes:

a) Gastos directos de persoal: serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria, correspondentes ao desenvolvemento do proxecto obxecto desta subvención, e que realice atención ás persoas usuarias, segundo o previsto no artigo 5.1 desta resolución. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

No caso de contratación mercantil ou externa, os honorarios ou retribucións salariais correspondentes á execución do programa dos/das profesionais contratados/as co dito fin, logo de asignación de funcións vinculadas ás actuacións, segundo o previsto no artigo 5.1 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación a dita actuación. Conforme o artigo 6.1 da Orde ESS/1924/2016, o custo de persoal externo deberá detallarse de forma expresa e por separado na factura.

Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, no desenvolvemento do programa, realizadas por profesionais adscritas/os a el, tales como traballadoras/es sociais, psicólogas/os, asesoras/es xurídicas/os, educadoras/es, terapeutas, orientadoras/es ou calquera outro que leve a cabo actuacións das recollidas no programa obxecto da subvención.

b) Outros gastos directos:

– Gastos de seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, segundo calquera das previstas no artigo 5.1.

– Axudas de custo e gastos de locomoción do persoal que desenvolve as actuacións, necesarias para a súa realización.

– Axudas económicas directas ás persoas usuarias de calquera das actuacións previstas no artigo 5.1, para cubrir necesidades básicas e puntuais de aloxamento, alimentación e hixiénico-sanitarias, para os casos de urxente desamparo, ou para cubrir gastos ocasionados polos traslados das mulleres usuarias do programa como consecuencia dos procesos xudiciais derivados da súa situación de explotación sexual e/ou trata con fins de explotación sexual e/ou laboral.

2. Gastos indirectos: terán esta consideración os gastos correntes que non se correspondan en exclusiva ás actuacións subvencionadas por ter carácter estrutural pero que resulten necesarios para o seu desenvolvemento:

– Gastos indirectos de persoal (coordinación e tarefas auxiliares).

– Gastos en bens consumibles e en material funxible.

– Gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, conexión á internet, limpeza e seguridade).

3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás axudas reguladas nesta resolución será do 1 de novembro de 2019 ao 31 de outubro de 2020.

4. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello, modificados ambos polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

5. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

Así mesmo, non terán a consideración de subvencionables aqueles outros gastos que non respondan ás categorías e conceptos expresamente recollidos neste artigo.

6. Para os efectos desta resolución, non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

Cando, de acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe de cada un dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

7. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 7. Prazo e solicitude

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que ten a representación da entidade solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade.

Quedarán exentas de presentar esta documentación as entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, agás que a representación se atribúa a persoa distinta á designada no dito rexistro.

b) Anexo II: memoria da entidade que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

c) Anexo III: memoria descritiva de actuacións que deberá conter, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

d) Anexo IV: ficha individualizada do/da profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no programa, asinada por esta e pola persoa responsable da entidade.

No caso de que a entidade resulte beneficiaria da subvención, e durante o desenvolvemento do programa se incorporen profesionais non previstos na solicitude, deberán remitir esta ficha individualizada do/da profesional, no momento en que se produza a citada incorporación.

e) Certificación emitida polo órgano responsable da entidade, que acredite que a dita entidade conta con recursos propios de acollemento residencial temporal, específicos ou xenéricos, para as persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.1º) e de acordo co modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

f) Acreditación documental suficiente da experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.2º).

g) Certificación/Informe emitida pola Administración pública competente, que acredite a colaboración da entidade coa dita Administración, no desenvolvemento de programas de atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.2º) e de acordo co modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

h) Certificación/Informe emitida polo órgano responsable da entidade, ou responsable dalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, que acredite a integración da entidade na dita estrutura ou organización, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.4º) e de acordo co modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

i) Certificación/Informe emitida por calquera administración pública, entidades ou axentes sociais que acrediten a coordinación e a cooperación da entidade solicitante con servizos sociais comunitarios, con outras entidades ou axentes sociais e/ou coa Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero, o desenvolvemento de actuacións con persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.5º) e de acordo co/cos modelo/s que figuran na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refiere o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica, por parte da persoa solicitante ou representante, supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, procedéndose ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

– Vogais: a persoa titular da Xefatura do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, a persoa titular da Xefatura do Servizo de Fomento, a persoa titular do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo, da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral da Igualdade, por proposta da persoa titular da Presidencia.

Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da Comisión de Valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída polo/a funcionario/a designado/a para o efecto polo/a seu/súa presidente/a.

3. A Comisión de Valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Unha vez avaliados os expedientes segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou a denegación da axuda solicitada, propoñendo a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito.

5. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de que quedase crédito libre por producirse algunha renuncia, ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. A comisión valorará os expedientes segundo os seguintes criterios:

1º. Pola dispoñibilidade da entidade solicitante para ofrecer con recursos propios, acollemento residencial temporal ás persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral na Comunidade Autónoma de Galicia: ata 25 puntos, coa seguinte desagregación:

– Dispoñibilidade de acollemento residencial temporal específico para persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: 18 puntos.

– Dispoñibilidade de acollemento residencial temporal xenérico: 7 puntos.

2º. Pola experiencia da entidade, nos últimos oito anos, na realización e desenvolvemento de proxectos específicos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

– Experiencia da entidade no ámbito da atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: 2 puntos por ano, ata un máximo de 16 puntos.

– Colaboración con calquera Administración pública no desenvolvemento de programas de atención a persoas en situación de explotación sexual e/ou a vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: 4 puntos.

3º. Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.1 desta convocatoria: ata 20 puntos, coa seguinte desagregación:

– Obxectivos propostos pola entidade solicitante en relación á mellora da situación persoal e laboral das persoas usuarias, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.1: ata 7 puntos.

– Xustificación da necesidade social detectada pola entidade solicitante en relación coa situación das persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: ata 7 puntos.

– Carácter innovador das actuacións que vai desenvolver a entidade solicitante, segundo as recollidas no artigo 5.1, incluída a atención a vítimas de trata de seres humanos menores de idade, con respecto ás outras propostas desta convocatoria: ata 6 puntos.

4º. Pola integración da entidade solicitante nalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral na Comunidade Autónoma de Galicia: 14 puntos.

5º. Pola coordinación e cooperación acreditada da entidade con outros servizos no desenvolvemento de actuacións con persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, ata 21 puntos, coa seguinte desagregación:

– Coordinación cos servizos sociais comunitarios: 7 puntos.

– Coordinación con outras entidades ou axentes sociais: 7 puntos.

– Coordinación coa Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero: 7 puntos.

A puntuación máxima total será de 100 puntos, sendo preciso acadar unha puntuación mínima de 35 puntos para resultar beneficiaria desta subvención.

2. No caso de empate na puntuación e/ou cando algunha solicitude quede na lista de agarda, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios recollidos neste artigo, empezando polo punto 1, e se persiste o empate, o desempate establecerase pola data de presentación da solicitude.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución destas subvencións correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Na notificación da resolución da subvención comunicarase ao beneficiario o financiamento con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate.

Os titulares de solicitudes aprobadas serán informados de que a resolución implica a súa inclusión na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidos os beneficiarios derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación, comprometéndose a executar o programa ou actuación subvencionado no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases, habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 18. Obrigas das entidades subvencionadas

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas esixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao/á beneficiario/a en cada caso, e manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do programa, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

En todo caso, nos espazos de atención ás usuarias e nas comunicacións contarán co emblema da Unión Europea e coa referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o programa e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada. As características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo deberán axustarse ao establecido nos artigos 3, 4 e 5 do Regulamento (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo.

4. Informar, de ser o caso, ás persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Igualdade) e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, así como dos obxectivos dos fondos, figurando os emblemas de ambos organismos, como mínimo nos seguintes documentos, de ser o caso:

• Partes de asistencia e/ou de participación.

• Enquisas de avaliación.

• Certificados de asistencia.

5. Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento Xeral de protección de datos) e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Os datos persoais das persoas usuarias participantes nas actuacións subvencionadas trataranse pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) na súa condición de responsable, coa finalidade de xestionar o adecuado desenvolvemento desta resolución e poderán ser comunicados ás administracións públicas competentes cando sexa necesario para a tramitación do procedemento, aos organismos financiadores e ás entidades colaboradoras na xestión do proxecto. A base lexitimadora do tratamento é o cumprimento dunha misión realizada en interese público e a prestación de asistencia de tipo social. As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, a rectificación e a supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar, no seu caso, o consentimento outorgado, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna ás destinatarias finais, do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, recabando o seu consentimento explícito, de ser o caso. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.

6. Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiarias ás fórmulas que, de ser o caso, propoña a Secretaría Xeral da Igualdade, realizando as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Os indicadores de produtividade refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao día posterior á finalización da súa vinculación coa operación. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación da participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seralles facilitado ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa 1420.

7. As entidades subvencionadas deberán axustarse na execución das actuacións aos obxectivos que, de ser o caso, estableza a Secretaría Xeral da Igualdade. En particular e coa periodicidade coa que sexa requirida, deberá comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade o cumprimento das accións subvencionadas por parte das persoas participantes, comunicación na que se fará constar toda a información precisa para dar cumprimento aos requisitos de información asociados aos indicadores de produtividade e de resultados do FSE. En particular e con respecto ás persoas participantes, solicitará información sobre os indicadores de produtividade e de resultado para o programa operativo FSE Galicia 2014-2020. Para a acreditación deste aspecto, a entidade deberá requirir e custodiar unha declaración das persoas participantes e outra documentación análoga que lle permita responsabilizarse da súa declaración conxunta ante a Secretaría Xeral da Igualdade.

8. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

9. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, comprensivas de verificacións administrativas ou sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

10. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

11. Contratar un seguro de cobertura de accidentes para as participantes nas actuacións que cubra os riscos que poidan ter durante a súa participación nas actuacións subvencionadas.

12. Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13. Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta resolución e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19. Prazo e xustificación da subvención

1. A xustificación comprenderá as actuacións realizadas desde o 1 de novembro de 2019 ata o 31 de outubro de 2020, e presentarase con data límite do 5 de novembro de 2020.

2. As medidas e actuacións correspondentes a estes programas xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67.1.b), 67.5.d), 68.bis.2 e 68.ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046.

3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Anexo V: solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que exerce a representación da entidade, na cal se deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o importe total do gasto subvencionable segundo o correspondente custo unitario polas horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa polos/as profesionais adscritos/as a el.

b) Anexo VI: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.

c) Anexo VII: certificación das horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa durante o período subvencionable por cada un/unha dos/das profesionais adscritos/as a el.

d) Memoria xustificativa das actuacións subvencionadas con descrición detallada das actividades desenvolvidas, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

A memoria irá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías, e outros documentos onde deberán figurar os logos da Unión Europea e a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualdade, así como doutras evidencias dos gastos directos realizados, para os efectos de acreditar a realización das actuacións e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 18.3 desta resolución.

e) Follas mensuais das horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, con indicación das tarefas realizadas, asinadas polo/a profesional e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao programa obxecto da subvención, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

No caso de que se tivesen producido novas incorporacións de profesionais deberán remitir a ficha individualizada do/da profesional (anexo IV).

f) Certificación do número total de persoas atendidas, xunto cunha relación desas persoas, acreditativa da atención recibida, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

g) Folla individualizada de seguimento de cada unha das persoas participantes, onde conste a intervención ou intervencións presenciais realizadas coa data de atención, o perfil da usuaria e os resultados obtidos cos datos que figuran no modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Na folla individualizada de seguimento reflectiranse os indicadores de produtividade e os indicadores de resultado inmediato de cada unha das persoas participantes en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral que participaron no programa subvencionado.

A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola persoa participante e pola persoa responsable do programa, e numerada co mesmo ordinal con que figuren na relación indicada na alínea f) anterior.

Para os efectos desta convocatoria, non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non consten os datos dos indicadores de produtividade e de resultado inmediato na aplicación Participa 1420, e das cales non teñan debidamente cubertas as follas individualizadas de seguimento.

4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa prevista nas alíneas d), e), f) e g) do punto anterior, esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos publicados na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade ou, de ser o caso, nos previstos na aplicación Participa1420.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase á entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 20. Anticipo e pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actuacións subvencionadas.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención. O 20 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o/a beneficiario/a, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. De ser o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado subvencionadas, e/ou cando o número de persoas atendidas e/ou o número de persoas atendidas con un mínimo de seis intervencións presenciais, sexa inferior ao número exixido pola convocatoria.

5. Particularmente acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida, o incumprimento das obrigas recollidas nos artigos 18.3 e 18.4 desta resolución.

6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta resolución.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

3. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta resolución. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 23. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, do teléfono: 981 54 53 73 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.gal.

Artigo 24. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá, e segundo as condicións especificadas no artigo 18.5 desta resolución.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión realizada en interese público e no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia, de ser o caso, no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea, na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucional de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello, ambos modificados polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1296/2013, (UE) núm. 1301/2013, (UE) núm. 1303/2013, (UE) núm. 1304/2013, (UE) núm. 1309/2013, (UE) núm. 1316/2013, (UE) núm. 223/2014 e (UE) núm. 283/2014 e a Decisión núm. 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) núm. 966/2012, na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por ésta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Así mesmo, ao abeiro do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano administrativo concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades das subvencións.

Artigo 27. Loita contra o fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, de 3 de abril, do citado servizo.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file