Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 7 de xaneiro de 2020 Páx. 604

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de decembro de 2019, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Alto da Croa, modificado como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 5 de decembro de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Modificación del proyecto sectorial aprobado definitivamente tras a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 4 de outubro de 2019. Parque eólico Alto da Croa. Novembro de 2019, promovido por Greenalia Wind Power Alto da Croa, S.L.U.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no concello de Vimianzo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial do parque eólico Alto da Croa modificado.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente.

O parque eólico que se proxecta afecta o termo municipal de Vimianzo (A Coruña).

Os terreos situados no termo municipal de Vimianzo réxense polas Normas subsidiarias de planeamento do 1 de xullo de 1994. De acordo con esta normativa, os terreos ocupados polo parque atópanse clasificados como solo non urbanizable común.

Débese indicar que no devandito plan non se atopa recollido o solo rústico de especial protección de infraestruturas implantado polo proxecto sectorial do parque aprobado definitivamente o 27 de setembro de 2013.

Dado que o planeamento non se atopa adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, nin á Lei 9/2002, do 30 de decembro, será de aplicación a disposición transitoria 1ª, punto 2.d) da Lei 2/2016. Acorde con isto, aos terreos incluídos na área de afección urbanística da modificación do proxecto sectorial aplicaráselles o réxime do solo rústico da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

En concordancia cos artigos 34 e 49.2 da Lei 2/2016, as categorías de solo rústico aplicables aos terreos concretaranse tendo en conta o carácter complementario e subsidiario do plan municipal que teñen as determinacións e afeccións recollidas no Plan básico autonómico, aprobado definitivamente o 26 de xullo de 2018.

Para estes efectos poden consultarse os planos P08 e P09 do presente proxecto sectorial, onde se recolle a ordenación proposta, sobre o Plan básico autonómico.

De acordo cos devanditos planos, o solo afectado polas infraestruturas do presente proxecto sectorial atópase clasificado como:

– Solo rústico de protección ordinaria.

– Solo rústico de especial protección patrimonial.

– Solo rústico de especial protección de augas.

1.1. Solo rústico de protección ordinaria.

O solo rústico de protección ordinaria:

a) Os que non resulten susceptibles de transformación urbanística polo perigo para a seguridade das persoas e os bens, motivada pola existencia de riscos de calquera índole.

b) Aqueles que o plan considere innecesarios ou inapropiados para a súa transformación urbanística.

Na ordenanza reguladora de solo non urbanizable das normas urbanísticas (tomo 2) do concello de Vimianzo recóllese a definición do solo non urbanizable común e establécense os usos permitidos neste tipo de solo.

Tal e como se comentou no punto anterior, ao ser un planeamento non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, nin á Lei 9/2002, do 30 de decembro, aos terreos incluídos na área de afección urbanística da modificación do proxecto sectorial aplicaráselles o réxime do solo rústico da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Os terreos ocupados por esta clasificación correspóndense con aeroxeradores, plataformas de montaxe, vías e gabias de interconexión. Na ordenanza reguladora destes terreos, estes usos non se atopan previstos.

1.2. Solo rústico de protección patrimonial.

O solo rústico de especial protección patrimonial é o constituído polos terreos protexidos pola lexislación de patrimonio.

Tal e como se comentou no punto anterior, ao ser un planeamento non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, nin á Lei 9/2002, do 30 de decembro, aos terreos incluídos na área de afección urbanística da modificación do proxecto sectorial aplicaráselles o réxime do solo rústico da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Os terreos ocupados por esta clasificación correspóndense con vías do parque que transcorren sobre vías existentes por acondicionar, así como a gabia de interconexión.

A gabia de interconexión trázase polo lado do camiño existente oposto ao da localización dos elementos catalogados.

1.3. Solo rústico de protección de augas.

O solo rústico de especial protección das augas é o constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano definidos como dominio público hidráulico na respectiva lexislación sectorial, as súas zonas de policía e as zonas de fluxo preferente.

Este tipo de solo non se atopa afectado pola implantación das infraestruturas, pero si pola área de protección eólica do aeroxerador AE02. Nese sentido, aplicaranse os diferentes réximes existentes de forma complementaria.

1.4. Conclusión.

Á vista das cualificacións-clasificacións de solo existentes, obsérvase que nalgúns terreos a clasificación actual onde se sitúan os elementos do aproveitamento eólico non son adecuados para a súa futura implantación.

Con todo, débese ter en conta que os terreos ocupados están recollidos como unha área de desenvolvemento eólico prevista no Plan sectorial eólico de Galicia, o cal prevalece sobre as ordenacións municipais.

De maneira adicional, a compatibilidade do presente proxecto sectorial xustifícase polo artigo 36.1 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, en que se indica que as instalacións de produción e transporte de enerxía son admisibles en calquera categoría de solo rústico. Ademais, o artigo 36.5 da citada lei indica que se poderán implantar en solo rústico aqueles usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio.

Desta maneira e de acordo co tipo de cualificacións do solo que se conteñen na Lei 2/2016, e co tipo de infraestrutura que se pretende levar a cabo, ao amparo do Plan sectorial eólico, débese de recualificar o solo en solo rústico de protección especial de infraestruturas, cuxo uso permitido é o de parque eólico. Este solo defínese no artigo 34, punto 2.e), da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia:

«e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de plan urbanístico e de ordenación do territorio».

Tal e como se establece no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, cando un terreo, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de solo rústico, aplicaranse os distintos réximes de forma complementaria.

2. Regulación detallada do uso pormenorizado.

As obras contidas no presente proxecto desenvolvéronse ao amparo do Plan sectorial eólico, e aproveitan unha área de desenvolvemento eólico de especial valor enerxético. De acordo con iso, faise necesaria a articulación dunha nova categoría de ordenamento de solo dentro da normativa urbanística do concello por onde se desenvolve a infraestrutura.

Así, e atendendo ao que estipula a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no artigo 34, a nova cualificación do solo afectado pola instalación deberá ser solo rústico de protección de infraestruturas, cuxo uso permitido é o de parque eólico, e as infraestruturas asociadas.

2.1. Ámbito de aplicación.

A nova cualificación de solo proposta aplicarase ás zonas sinaladas no plano de ordenación urbanística proposta deste proxecto, da seguinte maneira para os distintos elementos do parque eólico:

Parte de obra

Superficie cualificada

Aeroxeradores

200 m, distancia a partir da cal o ruído producido por un aeroxerador se confunde co vento

Liñas eléctricas

As resultantes da aplicación da fórmula A=1,5 + V(kV)/100, cun mínimo de 2 m

Edificacións secundarias

5 m

Redes de condución

3 m a cada lado do eixo da rede, que se pode eliminar nas marxes que discorren paralelas a camiños de servizo

2.2. Condicións de uso e licenzas.

Nesta categoría de solo permítese a instalación das infraestruturas necesarias, así como as zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como fonte de produción de enerxía.

As condicións de uso para o solo afectado pola nova clasificación e cualificación serán compatibles coas recollidas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

O proxecto construtivo do parque eólico, deberá contar coa correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nos terreos cualificados como solo rústico de protección especial de infraestruturas permitirase o uso agrícola e gandeiro sempre que non exista afección ou desviación do funcionamento das infraestruturas enerxéticas. En todo caso, estableceranse as seguintes condicións:

Non se permitirá a existencia de plantacións a menos de 200 m de calquera aeroxerador.

Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m de calquera aeroxerador.

2.3. Condicións de edificación estéticas e de servizos.

Recóllense a seguir as condicións que deberán cumprir as infraestruturas que se instalen neste tipo de solo, en referencia á edificación, á estética e aos servizos.

Así mesmo, xustifícase o cumprimento das devanditas condicións polas instalacións para executar no parque eólico Alto da Croa.

a) Garantir o acceso rodado de uso público adecuado á implantación, o abastecemento de auga, a evacuación e tratamento de augas residuais, a subministración de enerxía eléctrica, a recolla, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos e, se for o caso, a previsión de aparcadoiros suficientes, así como corrixir as repercusións que produza a implantación na capacidade e funcionalidade das redes de servizos e infraestruturas existentes. Estas solucións deberán ser asumidas como custo a cargo exclusivo do promotor da actividade, formulando expresamente o correspondente compromiso en tal sentido e achegando as garantías exixidas para o efecto pola Administración na forma que regulamentariamente se determine.

O acceso rodado está garantido polos camiños de acceso proxectados e existentes e cuxa rodadura e condicións de trazado se melloran no presente proxecto, mantendo basicamente o trazado e implantación existente. O largo do camiño é de 5 m.

O abastecemento de auga realizarase no centro de seccionamento do parque eólico Alto da Croa II, mediante a execución dun pozo, e un grupo de bombeo e tratamento de auga, para o seu acondicionamento para o consumo humano segundo os parámetros establecidos no Real decreto 104/2003.

As augas residuais xeradas trátanse nunha fosa séptica disposta para o efecto, no centro de seccionamento.

A subministración de enerxía eléctrica está resolta mediante a producida no propio parque e dada a interconexión coa rede por realizar.

Prevese a localización dun contedor para residuos xerados polo persoal de mantemento, que recollerá o mesmo persoal.

O parque eólico Alto da Croa estará automatizado de modo que só puntualmente haberá un reducido número de persoas nas instalacións (2-3 persoas), polo que os servizos urbanísticos e as prazas de aparcadoiro previstas serán suficientes nas condicións de funcionamento habitual do parque.

Non se prevé ningunha afección á rede de servizos existente, salvo a mellora das vías existentes.

b) Prever as medidas correctoras necesarias para minimizar a incidencia da actividade solicitada sobre o territorio, así como todas aquelas medidas, condicións ou limitacións tendentes a conseguir a menor ocupación territorial e a mellor protección da paisaxe, os recursos produtivos e o medio natural, así como a preservación do patrimonio cultural e a singularidade e tipoloxía arquitectónica da zona.

Con relación á ocupación territorial é de sinalar a escasa incidencia que supón a actuación. A edificación do centro de seccionamento do parque eólico Alto da Croa II, a que se conecta o parque eólico Alto da Croa, implantarase nunha parcela propiedade do promotor. A nova actuación permitirá realizar unha ordenación e unha restauración xeral da zona e o acondicionamento dos accesos, e supón, neste sentido, unha incidencia positiva.

c) Cumprir as seguintes condicións de edificación:

– As características tipolóxicas estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural e as construcións da contorna, sen prexuízo doutras propostas que se xustifiquen pola súa calidade arquitectónica. Como xa se comentou, no presente proxecto non se prevé a construción de ningunha edificación. A conexión do parque eólico realízase a través do centro de seccionamento do parque eólico Alto da Croa II.

– O volume máximo da edificación será similar ao das edificacións tradicionais existentes, salvo cando resulte imprescindible superalo por exixencias do uso ou actividade. En todo caso, deberán adoptarse as medidas correctoras necesarias para garantir o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración do relevo natural dos terreos. Non se realizará a construción de edificación.

– Os peches de fábrica non poderán exceder 1,5 metros de altura e deben adaptarse ao medio en que se sitúen. Non se prevé a execución de peches no presente proxecto. O centro de seccionamento de Alto da Croa II, ao cal se conecta o parque, ten previsto un peche de tea metálica de simple torsión de 2,75 m de altura, que non resultará opaco, e permitirá unha mellor integración das infraestruturas na contorna.

– A altura máxima das edificacións non poderá exceder dúas plantas nin de 7 metros medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior da vertente de cuberta. No presente proxecto non se prevé a construción de edificación ningunha. O parque eólico conectarase a través do centro de seccionamento do parque eólico Alto da Croa II.

d) Cumprir as seguintes condicións de posición e implantación:

– Deberá de xustificarse suficientemente a idoneidade da localización elixida e a imposibilidade ou inconveniencia de localizalas en solo urbano ou urbanizable con cualificación idónea. Tal xustificación non será necesaria cando se trate das construcións sinaladas no artigo 35.1, letras g), h), i), l) e m). No presente proxecto non se realizará construción de edificación.

– A superficie mínima da parcela sobre a cal se emprazará a edificación será de 2.000 metros cadrados, salvo para os usos regulados no artigo 35.1.m) e para a ampliación de cemiterios. Para estes efectos, non será admisible a adscrición doutras parcelas. Non é de aplicación ao non executarse construción de edificación.

– A superficie máxima ocupada pola edificación en planta non excederá o 20 % da superficie do predio. En caso de invernadoiros con destino exclusivo ao uso agrario que se instalen con materiais lixeiros e facilmente desmontables, explotacións gandeiras, establecementos de acuicultura e infraestruturas de tratamento ou depuración de augas, poderán ocupar o 60 % da superficie da parcela e a ampliación de cemiterios a súa totalidade. Excepcionalmente, os instrumentos establecidos pola lexislación de ordenación do territorio poderán permitir unha ocupación superior a estas actividades, sempre que se manteña o estado natural, polo menos, nun terzo da superficie da parcela. Non é de aplicación ao non existir edificación asociada no proxecto.

– Os edificios situaranse dentro da parcela e adaptaranse no posible ao terreo e lugar máis apropiado para conseguir a maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo. Non se proxecta edificación, xa que o parque eólico se conecta a través do centro de seccionamento do parque eólico Alto da Croa II.

– Os recuamentos das construcións respecto aos lindes da parcela deberán garantir a condición de illamento e en ningún caso poderán ser inferiores a 5 metros. Este punto non é de aplicación ao non existir edificación.

– As condicións de socalcamento obrigatorio e de acabamento dos socalcos resultantes haberán de definirse e xustificarse no proxecto, de modo que quede garantido o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración da topografía natural dos terreos. Non se prevé a execución de edificación, polo que non é de aplicación ao presente proxecto.

– Manterase o estado natural dos terreos ou, se for o caso, o uso agrario destes ou con plantación de arboredo ou especies vexetais en, polo menos, a metade da superficie da parcela, ou nun terzo cando se trate de infraestruturas de tratamento ou depuración de augas. Non se executará construción de edificación, xa que o parque eólico se conectará a través do centro de seccionamento do parque eólico Alto da Croa II.

e) Farase constar no Rexistro da Propiedade a vinculación da superficie exixible á construción e uso autorizados, expresando a indivisibilidade e as concretas limitacións ao uso e edificabilidade impostas polo título habilitante de natureza urbanística ou autorización autonómica.

f) As edificacións destinadas a uso residencial complementario da explotación agrícola ou gandeira deberán estar intimamente ligadas a elas. Para ese efecto, deberá acreditarse que o solicitante é titular dunha explotación das sinaladas e que esta cumpre os requisitos que regulamentariamente se determinen.

g) As novas explotacións gandeiras sen base territorial non poderán situarse a unha distancia inferior a 500 metros dos núcleos rurais ou urbanos e a 100 metros da vivenda máis próxima, salvo que o plan municipal motive, en atención ás circunstancias propias do territorio, outras distancias diferentes, sempre salvagardando a calidade ambiental da contorna. Cando se trate de novas explotacións con base territorial, a distancia mínima aos asentamentos de poboación e á vivenda máis próxima será de 100 metros. A distancia á vivenda non será tida en conta se esta e a explotación son do mesmo titular. Para os efectos da presente lei, considérase explotación gandeira a unidade técnico-económica caracterizada pola existencia dunhas instalacións e un conxunto de animais, así como outros bens que, organizados polo seu titular, sirvan para a cría, produción e reprodución de animais e a obtención de produtos gandeiros ou prestación de servizos complementarios.

A localización elixida é idónea para a actividade que se vai desenvolver con base en:

Os aeroxeradores están situados nunha zona cun gran potencial eólico, suficiente para proporcionar segundo as previsións 3.585 horas equivalentes de produción. As plataformas dos aeroxeradores, sitúanse na súa maioría preto de vías existentes, o que permite unha menor afección ao terreo.

As afeccións visuais causadas polos aeroxeradores son escasas, xa que se minimiza a súa visibilidade debido á existencia de pendentes e vexetación no terreo, que forman unha pantalla visual.

As vías do parque son en parte vías existentes que haberá que acondicionar, polo que a afección se minimiza en gran medida. A lonxitude total de vías é de 1.785 m, dos cales 1.181 m corresponden a vías existentes.

As canalizacións sitúanse paralelas, na medida do posible, ás vías, evitando cruzamentos innecesarios.

Non se executa edificación, xa que o parque se conectará a través do centro de seccionamento do parque eólico Alto da Croa II.

Con todo iso, considérase que a localización é a idónea para a execución do parque eólico.

A necesidade de situar a instalación no punto de dispoñibilidade do recurso imposibilita, por outra banda, a súa implantación en solo urbano.

3. Eficacia.

As determinacións contidas no presente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente (artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo).

Así, na primeira modificación, revisión ou redacción do seu plan, o Concello deberá recoller as determinacións recollidas ao longo do presente proxecto sectorial, conforme calquera dos seguintes fitos:

– A primeira revisión de carácter puntual que por calquera causa acorde o Concello, que, obviamente, pode ser expresamente para a adaptación que aquí se expón.

– A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

– A redacción ou adaptación do plan urbanístico municipal vixente á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

4. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

O presente proxecto sectorial redactouse ao amparo do Plan sectorial eólico de Galicia.

No artigo 11.1 do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais, establécese que:

As determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 11.4 do citado decreto, as construcións e instalacións de marcado carácter territorial previstas de modo concreto e detallado nun proxecto sectorial non necesitarán da autorización urbanística autonómica a que fai referencia o artigo 77.3 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Ante o marco legal que expón a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aplicarase o disposto no artigo 36.5, onde se indica:

Poderán implantarse en solo rústico aqueles usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, logo da obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.