Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 9 de xaneiro de 2020 Páx. 846

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se acorda o plan de auditorías das contas anuais de 2019 das federacións deportivas galegas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica ten atribuída a competencia de realizar ou solicitar auditorías externas ás federacións deportivas galegas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar no rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Segundo o establecido no artigo 4 da Resolución do 21 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regula o plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia, concrétase nesta resolución cales son as federacións obrigadas a presentar auditoría das súas contas correspondentes ao exercicio 2019.

Por tanto, en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é determinar as federacións deportivas galegas que deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2019, nos termos fixados no plan de auditorías aprobado pola Resolución do 21 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regula o plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia.

Artigo 2. Das federacións deportivas galegas

Deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2019 as seguintes federacións deportivas galegas:

Federación Galega de Actividades Subacuáticas.

Federación Galega de Aeronáutica.

Federación Galega de Federación Galega de Béisbol e Sófbol.

Federación Galega de Billar.

Federación Galega de Boxeo.

Federación Galega de Caza.

Federación Galega de Chave.

Federación Galega de Columbicultura.

Federación Galega de Esquí Náutico.

Federación Galega de Halterofilia.

Federación Galega de Montañismo.

Federación Galega de Motociclismo.

Federación Galega de Patinaxe.

Federación Galega de Pelota.

Federación Galega de Pesca e Casting.

Federación Galega de Tiro ao Voo.

Artigo 3. Das contas que se van auditar

1. Serán obxecto de auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio 2019.

2. A auditoría efectuarase conforme a Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas, e o Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve o texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, en todo o que non se opoña á Lei 22/2015.

3. Segundo a disposición adicional segunda do Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos, as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos non serán de aplicación ás federacións deportivas españolas e federacións territoriais de ámbito autonómico integradas nelas nin aos clubs profesionais e asociacións deportivas declarados de utilidade pública que, atendendo aos termos da disposición transitoria quinta do Real decreto 1514/2007, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, se rexerán pola Orde do Ministerio de Economía e Facenda do 2 de febreiro de 1994 para o caso das federacións deportivas, e pola Orde do Ministerio de Economía do 27 de xuño de 2000 no caso dos clubs profesionais e asociacións deportivas, sen prexuízo de que nas contas anuais se inclúa a información que, cando teña o carácter de utilidade pública, se require na adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos. En concreto, incluirán na memoria das contas anuais información relativa:

a) Á actividade da entidade.

b) De ser o caso, ás bases de presentación e á información da liquidación do orzamento.

c) Ao excedente do exercicio.

d) Aos ingresos e gastos.

e) Á aplicación de elementos patrimoniais a fins propios.

f) Aos cambios no órgano de goberno, dirección e representación.

g) Á información sobre autorizacións outorgadas pola autoridade administrativa correspondente que sexan necesarias para determinadas actuacións.

h) A calquera outra información que sexa significativa.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación

1. A presentación será obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, con código PR947B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas entrega a súa solicitude presencialmente, será requirida para que realice a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a súa presentación electrónica.

Para a presentación das contas auditadas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das contas anuais auditadas nos termos establecidos nesta resolución rematará o 30 de xullo de 2020.

Artigo 5. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas representantes de cada federación deportiva deberán achegar o informe de auditoría das contas anuais de 2019 da súa respectiva federación.

2. A documentación deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente o NIF da entidade solicitante e o DNI o NIE da persoa representante.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos demais medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a esta disposición, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional primeira. Contratación

Para a realización do informe de auditoría das contas anuais de 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte iniciará un procedemento de contratación. A empresa ou persoa auditora contratada contactará coas federacións relacionadas no artigo 2 para a análise e o informe das contas anuais de 2019, e deberá tamén emitir recomendacións referentes a aspectos detectados no sistema de control para establecer as medidas que se consideren necesarias para mellorar, corrixir ou eliminar as deficiencias atopadas. As federacións deportivas galegas deberán colaborar coa empresa ou persoa auditora facilitando o seu labor e achegando a documentación que lles sexa requirida.

Disposición adicional segunda. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta secretaría xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, no xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral para o Deporte, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte