BDNS (Identif.): 488111.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 11 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poden participar nos premios á cooperación as cooperativas galegas que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo.
Segundo. Obxecto e finalidade
Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega.
Outorgaranse premios nas seguintes categorías:
• Premio aos valores cooperativos, á cooperativa galega que máis destacase no impulso dos valores e principios cooperativos.
• Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade igual ou menor de corenta e dous meses e que destacase nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.
• Premio á traxectoria cooperativa, á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade maior de corenta e dous meses e que destacase pola súa traxectoria no ámbito económico e social.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
Cuarto. Contía
O orzamento total ascende a quince mil euros (15.000,00 €).
Outorgarase un premio de cinco mil euros (5.000,00 €) en cada unha das categorías.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes remata o 30 de abril de 2020. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2019
Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria