Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 9 de xaneiro de 2020 Páx. 881

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR802Q).

A Constitución española no seu artigo 129.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando neste sentido, considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación.

O Consello Galego de Cooperativas emitiu informe sobre as bases reguladoras dos premios á cooperación, así como sobre a súa convocatoria para o ano 2020.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras dos premios á cooperación

Artigo 1. Finalidade

Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega. O código do procedemento para a tramitación destes premios é o TR802Q.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Destinatarios

1. Poderán optar a estes premios as cooperativas galegas que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo.

2. Será requisito necesario para participar estar ao día nas obrigas rexistrais co Rexistro de Cooperativas de Galicia.

3. Non poderán resultar premiadas aquelas cooperativas que resultasen premiadas en anos anteriores nos premios á cooperación cando os méritos alegados sexan substancialmente os mesmos.

4. Tampouco poderán resultar premiadas as cooperativas en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Premios

Outorgaranse os seguintes premios:

• Premio aos valores cooperativos.

• Premio ao mellor proxecto cooperativo novo.

• Premio á traxectoria cooperativa.

Artigo 5. Premio aos valores cooperativos

1. Outorgarase á cooperativa galega que máis destacase no impulso dos valores e principios cooperativos.

2. O tribunal valorará a traxectoria das candidatas, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos valores e principios cooperativos, a súa comunicación e difusión, así como a súa adecuación ao marco socioeconómico galego. Os principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional son:

a) Adhesión voluntaria e aberta.

b) Xestión democrática por parte dos socios.

c) Participación económica dos socios.

d) Autonomía e independencia.

e) Educación, formación e información.

f) Cooperación entre as cooperativas.

g) Interese pola comunidade.

Os valores cooperativos son:

a) Axuda mutua.

b) Responsabilidade.

c) Democracia.

d) Igualdade.

e) Equidade.

f) Solidariedade.

g) Transparencia.

Artigo 6. Premio ao mellor proxecto cooperativo novo

1. Outorgarase á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade igual ou menor de corenta e dous meses e que destacase nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

2. O tribunal terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada, entre outros, polo seu carácter innovador, para a súa sustentabilidade ou pola súa repercusión positiva no seu contorno, especialmente nos eidos económico, social, cultural e laboral.

Artigo 7. Premio á traxectoria cooperativa

1. Outorgarase á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade maior de corenta e dous meses e que destacase pola súa traxectoria no ámbito económico e social.

2. O tribunal terá en conta especialmente a solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Se algunhas das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Datos identificadores da cooperativa: data de constitución, número e clase de persoas socias, número de traballadores/as, actividade e volume de negocio anual.

b) Memoria explicativa dos méritos que distinguen a candidatura, que permitan apreciar os criterios de valoración correspondentes á modalidade ou modalidades ás cales se presente. Esta memoria non poderá exceder as 20 páxinas e deberá incluír un índice e unha ficha resumo.

c) Documentación xustificativa dos méritos alegados en formato texto, vídeo, fotografía, etc., de modo que o tribunal poida obter unha visión o máis completa posible.

d) Documentación acreditativa da representación da persoa que asina como solicitante.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución e notificacións

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21, en relación co artigo 68, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Poderase requirir dos interesados aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados.

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Tribunal

1. Para a concesión dos premios á cooperación actuará como tribunal a comisión permanente do Consello Galego de Cooperativas, que emitirá proposta razoada sobre as candidaturas segundo os criterios sinalados nos artigos 5, 6 ou 7, segundo corresponda.

2. O tribunal poderá propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. Á vista da deliberación do tribunal, contida na acta da comisión permanente do Consello Galego de Cooperativas en que se concrete a súa valoración para o outorgamento dos premios, a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a concesión dos premios, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na web http://ceei.xunta.gal/, e notificaráselles ás entidades premiadas.

2. O prazo para ditar e notificar as resolucións será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Unha vez notificada a resolución, as entidades premiadas dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Aceptación e pagamento

1. A entrega das distincións aos gañadores terá lugar no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do Día do Cooperativismo Galego.

2. O pagamento ás cooperativas gañadoras será realizado de oficio pola Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 15. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Emprego nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Condicións xerais de participación

A participación nos premios supón a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido no seu articulado e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias, compatibilidade e reintegro

1. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II

Convocatoria dos premios á cooperación para o ano 2020

Artigo 19. Convocatoria

Convócanse os premios á cooperación para o ano 2020.

Artigo 20. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de abril de 2020. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Contía dos premios

Outórganse os seguintes premios:

• Premio aos valores cooperativos, cunha dotación económica de 5.000 euros.

• Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, cunha dotación económica de 5.000 euros.

• Premio á traxectoria cooperativa, cunha dotación económica de 5.000 euros.

Artigo 22. Financiamento

A concesión das axudas económicas e dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324C.472.1 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2020, ata un importe máximo de 15.000 euros.

Artigo 23. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2019

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file