Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2020 Páx. 1389

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 27 de decembro de 2019 pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local, o espazo denominado Torre de Hércules, no concello da Coruña.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza recoñece os espazos naturais de interese local (en diante, ENIL) como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que por petición dun concello e despois do informe da consellería con competencias en política territorial e urbanismo, a consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderá declarar como tal aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da consellería competente en materia de conservación da natureza, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos, nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

A regulación dos ENIL recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a consellería competente en materia de conservación da natureza de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos, prazo no que o concello promotor debe presentar, como requisito imprescindible para a declaración definitiva do dito ENIL, o seu plan de conservación.

O 31.1.2018 o Concello da Coruña solicitou a declaración como ENIL do espazo denominado Torre de Hércules. O expediente de declaración consta dunha memoria, planos e do Acordo adoptado polo Pleno do Concello do 5.6.2017, no que se inclúe o compromiso formal de poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais que motivan a declaración, así como de elaborar o Plan de conservación.

En canto á calidade ambiental do espazo, os valores naturais máis salientables que xustifican a proposta son de tipo paisaxístico e ecolóxico. A pesar da pequena extensión da área considerada, acolle unha extraordinaria mostra de diversidade no contexto do Concello da Coruña. As pozas permanentes e estacionais que se atopan nos rochedos litorais e nos campos son interesantes a nivel municipal. O rego da Lagoa é dos escasos que se conservan no concello.

Os valores naturais son, a grandes liñas, os seguintes: foron catalogados sete hábitats de interese comunitario na área considerada: 1110 bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña pouco profunda, 1160 grandes calas e baías pouco profundas, 1170 arrecifes, 1210 vexetación anual sobre argazos, 1220 vexetación perenne de coídos, 1230 cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas e 4030 queirogais secos europeos. Destaca a presenza de Armeria maritima e pubigera, indicadoras do hábitat 1230 cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas, asociadas as formacións Crithmo-Armerion maritimae (Gehu 1968) e Crithmo maritimi-Armerietum pubigerae (Rivas-Martínez 1978).

En canto á fauna, destaca a diversidade de aves (100 especies), insectos (231 especies), fungos (50 especies) e plantas (195 especies). Entre os insectos, sinalamos a Danaus plexippus por encontrarse no Apéndice II do Convenio de Bonn e a vacaloura (Lucanus cervus) especie recollida no anexo II da Directiva 92/43/CEE e no Apéndice III do Convenio de Berna. Entre os mamíferos, encontramos representado o ourizo (Erinaceus europaeus) e o morcego común (Pipistrellus pipistrellus), incluído no Listado de especies de interese especial e no anexo IV da Directiva 92/43/CEE, no Apéndice II (1985) do Convenio de Bonn e no Apéndice III do Convenio de Berna. O anfibio Discoglossus galganoi, endemismo incluído nos anexos II e IV da Directiva 92/43/CEE e no Apéndice II do Convenio de Berna. Cincuenta e cinco especies de aves inclúense nos anexos do Convenio de Bonn, Convenio de Berna, Directiva 2009/147/CE, Catálogo Galego de Especies Ameazadas, Catálogo Español de Especies Ameazadas ou na Lista Vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN).

Por último, a zona é relevante por ser un espazo natural moi concorrido e apreciado pola cidadanía coruñesa e por turistas como lugar de paseo e de observación da natureza.

Polo que se refire ao réxime urbanístico, o PXOM 2013 dispón que o ámbito que se vai protexer está incluído na Área de planeamento PEQ14, no que haberá que redactar un plan especial, cuxo réxime de solo está regulado na sección 3ª, capítulo 2 do título III da normativa do PXOM 2013 e se concreta na sección 4ª do capítulo 1 do título IV. En tanto non se aprobe o dito plan, aplícanse as determinacións do Plan especial de ordenación, protección, conservación e mellora da península da Torre de Hércules, aprobado o 14 de marzo de 1997, coas modificacións derivadas do desenvolvemento do POL-H2.01-Ronda de Monte Alto do Plan xeral de 1998. O Plan especial de ordenación, protección, conservación e mellora da península da Torre de Hércules formulouse ao abeiro do establecido no artigo 20 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español polo que se determinaba a obriga da redacción dun Plan especial de protección. O ámbito proposto tamén pertence á Zona Primeira e Zona de Respecto desa Zona Primeira do Conxunto Histórico Artístico da Coruña (DOG núm. 57, do 22.3.1984). Existe ademais un expediente da modificación puntual do PXOM 2013 vixente no ámbito do PEQ14-Parque de Torre de Hércules, cuxa identificación é 631/2016/283 – MPX 2/2016.

Ao tratarse dun plan adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística de Galicia (Louga), aplícase a disposición transitoria 1ª.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG), sendo a regra que, para o solo rústico, se aplicará o réxime de solo rústico contido na mesma lei mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías de solo contidas no plan; para o solo urbano consolidado aplicaráselle integramente o disposto no plan. Polo tanto,

a) Na zona de solo rústico de protección aplicaranse os distintos réximes de forma complementaria (artigo 34.4 da LSG). Trátase dun solo rústico de protección de costas, de protección da paisaxe e de protección patrimonial e o seu réxime de usos é o regulado no artigo 36 da LSG. De forma complementaria, haberá que atender á ordenación establecida no Plan especial de ordenación, protección, conservación e mellora da península da Torre de Hércules (sección 4ª do capítulo 1 do título IV da normativa PXOM 2013).

Ademais, cómpre considerar que, a partir da declaración do espazo Torre de Hércules como ENIL, aplicarase ao ámbito declarado o réxime de solo rústico de protección de espazos naturais por tratarse dun espazo natural protexido. Neste contexto, sinalamos que o artigo 3.4.1 do PXOM 2013 non recolle esta categoría de solo rústico (SREPg), o que deberá considerarse na adaptación do Plan urbanístico para incorporar as consideracións ambientais, facendo efectivo o compromiso de conservación adquirido.

b) Na zona de solo urbano consolidado que comprende o viario que vai desde o límite do ámbito ata a plataforma e ten cualificación de Sistema local de viario público, así como a plataforma onde se asenta a Torre de Hércules, están cualificadas como equipamento público.

Na tramitación do expediente observáronse as normas establecidas no artigo 17 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Decreto 124/2005, do 6 de maio. Durante a tramitación recibíronse os informes preceptivos da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña (informe do 9.4.2018), da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (informe do 21.6.2018), da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica (informe do 30.7.2018) e da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica (informe do 30.1.2019). Tamén emitiu informe a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informe do 10.9.2018) e o Instituto de Estudos do Territorio (informe do 3.7.2018).

O informe preceptivo da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña considera que a documentación presentada se axusta aos requisitos que establece o artigo 3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, e ratifica a viabilidade da declaración do ENIL, ben que matiza que se deben concretar os orzamentos estimados para o espazo en particular.

O informe preceptivo da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo confirma que o PXOM aprobado o 25.2.2013 é a normativa urbanística de aplicación e que presenta as clasificacións de solo rústico, con diferentes categorías de especial protección, e de solo urbano consolidado. Ao solo rústico seralle de aplicación o réxime de solo rústico contido na mesma lei mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías de solo contidas no Plan; ao solo urbano consolidado aplicaráselle integramente o disposto no Plan (disposición transitoria 1ª.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro). No tocante aos usos e aproveitamentos dos recursos naturais, prevense actividades que xa se veñen desenvolvendo a día de hoxe, ben que o Plan de conservación será a ferramenta que deberá detallar as propostas concretas para acadar os obxectivos de conservación deste espazo protexido.

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica informa que no ámbito do espazo non consta autorizado ningún establecemento de acuicultura e considera procedente a declaración do ENIL. Sobre os aproveitamentos dos recursos marisqueiros, pesqueiros e de acuicultura, sinala determinados aspectos que se deberán incorporar ao Plan de conservación e que aparecen detallados no artigo 3.

A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica sinala que o ámbito do ENIL se encontra afectado polos expedientes de deslindamento DL-181-LC (aprobado por Orde ministerial do 28 de xaneiro de 2004) e DL-106-LC (aprobado por Orde ministerial do 11 de marzo de 2004) e inclúe terreos de dominio público marítimo-terrestre, estando parcialmente afectado polas servidumes de tránsito e de protección, e totalmente afectado pola zona de influencia de 500 metros de largura. Consideran os usos expostos (sendeirismo, ciclismo, paseo, etc.) como compatibles coa normativa sectorial de costas e formulan indicacións para cada zona do borde litoral que aparecen detalladas no artigo 3.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural menciona a existencia de elementos de especial relevancia arqueolóxica como petróglifos, declarados bens de interese cultural e a Torre de Hércules declarada ben de interese cultural e Patrimonio da Humanidade. Esta dirección xeral lembra que as actuacións encamiñadas á preservación, conservación e percepción dos xacementos delimitados e do seu contorno figuran nun Plan especial do PXOM, no que se marcan as directrices de xestión.

En relación aos accesos e gravames sobre o espazo natural, os accesos consisten no viario existente no seu perímetro, realizado polo Ministerio de Fomento, con carácter de Paseo Marítimo da Coruña. O ámbito está afectado pola regulación sectorial da lexislación de costas e de sinalizacións marítimas, de protección do litoral, lexislación de protección do patrimonio cultural, lexislación de protección do ambiente e da natureza, lexislación de protección da paisaxe e calquera outra a ter en conta en relación a posibles actuacións, como a lexislación de accesibilidade universal, protección contra o ruído, contaminación do aire ou da iluminación.

Considerando o exposto e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Declaración provisional do espazo denominado Torre de Hércules como ENIL

Declárase provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, como ENIL, o espazo denominado Torre de Hércules, no termo municipal da Coruña, por proposta do Concello da Coruña.

Segundo. Extensión e límites

O ENIL Torre de Hércules ocupa unha superficie de 39,48 ha e os seus límites son os sinalados no anexo I desta orde.

Terceiro. Plan de conservación

1. Durante o prazo da declaración provisional do ENIL Torre de Hércules e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o Concello da Coruña deberá de achegar á consellería con competencia en materia de conservación da natureza o Plan de conservación deste espazo. O Plan deberá ter en conta as consideracións feitas e recollidas nos informes sectoriais aos que se alude na parte expositiva desta orde e deberá garantir que a xestión que se propoña para o ENIL teña coherencia e sexa compatible coa conservación dos valores existentes.

2. No caso de que o Concello da Coruña non achegue o Plan de conservación do ENIL Torre de Hércules no prazo sinalado, teráselle por desistido da súa solicitude de declaración, producíndose desde ese momento a extinción dos efectos da declaración provisional como ENIL.

3. De conformidade coas prescricións indicadas no informe sectorial da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, o Plan de conservación deberá considerar:

a) Que as actuacións que vaia desenvolver sobre terreos de dominio público marítimo-terrestre deberán contar co correspondente título habilitante e estarán suxeitas ao disposto no título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

b) Na zona de servidume de protección os usos axustaranse ao disposto nos artigos 24 e 25 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, debendo ter en conta que «con carácter ordinario, só se permitirán nesta zona as obras, instalacións e actividades que, pola súa natureza, non podan ter outra localización, como os establecementos de cultivo mariño, as salinas marítimas ou aqueles que o presten servizos ou sexan necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre, así como as instalacións deportivas descubertas». En todo caso, os usos permitidos na zona de servidume de protección estarán suxeitos á autorización da Comunidade Autónoma, sen prexuízo dos informes preceptivos regulados na normativa sectorial de costas.

c) Deberase garantir o respecto ás servidumes de tránsito e de acceso ao mar establecidas nos artigos 27 e 28 da Lei 22/1988, do 28 de xullo e, en calquera caso, haberá que aterse ao disposto no título ll da devandita lei.

d) En canto ás obras e instalacións existentes á entrada en vigor da Lei 22/1988, do 28 de xullo, no dominio público marítimo-terrestre e na súa servidume de protección, estas regularanse polo especificado na disposición transitoria 4ª da Lei 22/1988, do 28 de xullo, debendo ter en conta que tan só «poderanse realizar obras de reparación, mellora, consolidación e modernización sempre que non impliquen aumento do volume, altura nin superficie das construcións existentes, e sen que o incremento de valor que aquelas comporten poidan ser tidos en conta para efectos expropiatorios».

e) Nos planos do Plan de conservación deberán representarse as liñas conforme o regulado no artigo 227.4.a) do Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas, todo iso con independencia de considerar que, perante calquera desaxuste na representación das citadas liñas, prevalecerán os datos dos planos de deslindamento sobre os reflectidos no Plan urbanístico.

4. O Plan de conservación deberá integrar as seguintes prescricións da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica:

a) Os establecementos de acuicultura destinados á produción de mexillón requiren de semente para o inicio dos cultivos nos viveiros. A Orde do 26 de outubro de 2000 pola que se regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais, establece que a recollida de mexilla nestas zonas da provincia da Coruña poderá ser realizada polas propias persoas concesionarias ou ben por acordo subscrito coas confrarías de pesca ou agrupacións de marisqueo entre o 1 de decembro e o 30 de abril. As persoas ou entidade concesionarias de bateas e liñas de cultivo autorizadas para o cultivo de mexillón que desexen recoller mexilla en bancos naturais para abastecer aos seus viveiros, deberán solicitar autorización á Xefatura Territorial da Consellería do Mar correspondente en función do domicilio social da empresa.

b) Segundo o estudo titulado «Cartografado e dinámica de poboacións dos bancos naturais de semente de mexillón nas costas atlánticas galegas (Brea Bermejo, E, 2009. Memoria para optar ao título de Doutor da Universidade de Santiago de Compostela)» no ámbito da Confraría de Pesca da Coruña, a potencia media das poboacións de mexilla é de 13,2 m ± 9,84, cun recubrimento medio de 24,3 % ± 15,45, e unha abundancia subxectiva media de 5,3. A biomasa para a zona oscila entre 836 Tm e 1.574 Tm. Un dos bancos naturais máis importantes desta confraría está situado nas proximidades de Punta Herminia. O recubrimento de mexilla na zona oscila entre o 10 e o 20 %.

5. Respecto da protección do patrimonio cultural, o Plan deberá considerar:

a) Que será necesario manter libres de vexetación, excepto herba, os enclaves de interese arqueolóxico, histórico e etnográfico en sintonía coas prescricións técnicas do informe sectorial. Así mesmo, integraranse as actuacións e directrices de xestión definidas para eles no Plan especial do PXOM 2013.

b) Que no ámbito do espazo natural protexido existen elementos singularizados como patrimonio cultural:

– A Torre de Hércules está na Zona segunda e na Zona de Respecto desta Zona Segunda do Conxunto Histórico Artístico da Coruña (DOG núm. 57, do 22.3.1984).

– A Torre de Hércules foi declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1931 (Decreto do 3.6.1931) e desde o 27.6.2009 está declarada Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO e inscrita na Lista do Patrimonio Mundial.

– O ámbito do espazo protexido está na Zona Core de protección do Ben do Patrimonio Mundial-Torre de Hércules (ficha CH do Catálogo do PXOM 2013) xunto con outros elementos das fichas 004, 007 e 008.

Cuarto. Réxime de protección preventiva

A declaración provisional do ENIL Torre de Hércules implicará a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, e da protección cautelar do artigo 23 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do ENIL levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores existentes que motivaron a súa declaración.

Quinto. Xestión

Será responsabilidade e competencia do Concello da Coruña a xestión do espazo natural Torre de Hércules.

O concello comprométese a consignar, con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano, as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.

Sexto. Efectos

1. A declaración provisional do espazo denominado Torre de Hércules como ENIL non leva aparellada a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos.

2. A declaración provisional do espazo denominado Torre de Hércules como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. A declaración deste espazo protexido non implicará a cesión do dominio público marítimo-terrestre nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais do Estado. As medidas de información ambiental realizaranse fóra do dominio público marítimo-terrestre e deberán recollerse ademais, as exixencias do título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo, e, particularmente, a esixencia de dispoñer dos correspondentes títulos que habiliten para levar a cabo actuacións en dominio público marítimo-terrestre. Respecto das actividades non tradicionais, non poderá outorgarse autorización municipal para ningunha actuación se non queda acreditado o outorgamento previo da autorización do uso ou ocupación do dominio público, no caso de que sexa preceptivo.

4. Por tratase dun espazo natural protexido, a partir da declaración de Torre de Hércules como ENIL aplicarase ao ámbito declarado o réxime de solo rústico de protección de espazos naturais, de acordo co artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro. Neste contexto, cómpre sinalar que o artigo 3.4.1 do PXOM 2013 non recolle esta categoría de solo rústico (SREPg), polo que deberá considerarse a adaptación do Plan urbanístico para incorporar as consideracións ambientais, facendo efectivo o compromiso de conservación adquirido.

Sétimo. Extinción

1. Mediante orde da consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderase poñer fin para os efectos da declaración provisional do espazo Torre de Hércules como ENIL se desaparecesen as causas que motivaron a súa protección e non fosen susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional no suposto recollido no artigo terceiro desta orde.

Oitavo. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Límites do espazo natural protexido

1. O ENIL Torre de Hércules localízase na folla 21.III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional e ocupa unha superficie de 39,48 ha.

2. A delimitación, de oeste a leste, abranguería desde a marxe esquerda da praia das Lapas, pasando pola contorna da Torre de Hércules, Punta Herminia e Campo dos Menhires, ata a marxe dereita da Cala de Durmideiras:

– O límite interior sería o determinado polo paseo marítimo e a senda que vai desde a antiga Cárcere Provincial ata a rotonda da Torre de Hércules.

– O límite exterior sería o mar, considerando a liña do deslindamento DL-181-LC (aprobado por Orde ministerial do 28 de xaneiro de 2004) e DL-106-LC (aprobado por Orde ministerial do 11 de marzo de 2004), así como a franxa intermareal e os cantís que emerxen na máxima baixamar. O ámbito do ENIL inclúe terreos de dominio público marítimo-terrestre, estando parcialmente afectado polas servidumes de tránsito e de protección e totalmente afectado pola zona de influencia de 500 metros de anchura.

3. Planos.

missing image file