Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2020 Páx. 1400

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 22 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do curso académico 2019/20, teña dificultades económicas para continuar estudos (código de procedemento ED433A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda coa finalidade de cubrir, na medida do posible, as necesidades do alumnado universitario, liñas que, en prol da súa eficacia e eficiencia, deben adaptarse ás cambiantes circunstancias do seu contorno socioeconómico.

Neste marco, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional considera prioritario continuar coa súa política de apoio económico ao alumnado universitario a través desta orde de axudas de carácter especial, destinadas a paliar a urxente necesidade de recursos económicos que xorden por causas sobrevidas e imprevistas que requiren dunha atención perentoria na obtención deses recursos, para que o alumnado afectado poida continuar cos seus estudos universitarios, sen pretender solucións plenas á problemática que poidan presentar.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas destinadas ao alumnado matriculado en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, no curso académico 2019/20, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas durante o actual curso académico que lle impida ou dificulte a continuidade dos seus estudos (código de procedemento ED433A).

Artigo 2. Orzamento

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e para ela existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2020, cunha contía global de 100.000 euros, sen prexuízo de que poida ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista ocorrida no actual curso académico (orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; condición de emigrante retornado; vítima de violencia de xénero; vítima de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).

b) Que a situación sobrevida e imprevista acontecese durante o actual curso académico 2019/20. Entenderase por curso académico o comprendido entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020.

c) Estar matriculado, no curso académico 2019/20, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, agás o alumnado ao que lle falte un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, que deberá estar matriculado, como mínimo, de 30 créditos.

d) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2020, multiplicada por 1,50.

e) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiraas directamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. Prazo de presentación das solicitudes:

– Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

– Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo. Nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes será o 31 de xullo de 2020, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b).

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

b) Anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas para a consulta de datos dos membros da unidade familiar distintos da persoa solicitante.

c) Xustificación da causa sobrevida e imprevista ocorrida no actual curso académico en que fundamenta a petición da axuda, para o cal presentará todos os documentos que a proben.

d) Informe do/da traballador/a social do concello en que estea empadroada a persoa solicitante que recolla a causa sobrevida e imprevista, así como a situación socioeconómica da unidade familiar, anterior e posterior á causa, que motive a necesidade urxente de recursos económicos.

e) Certificado de convivencia emitido polo Concello de todas as persoas que compoñan a unidade familiar que residan coa persoa solicitante no domicilio habitual actualizado á data da publicación desta orde.

f) Documentación acreditativa (nóminas, certificacións bancarias, etc.) dos ingresos ou rendas da unidade familiar durante o ano 2019 e dos ingresos ou rendas mensuais de cada membro computable da unidade familiar durante o ano 2020.

g) Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá presentar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en aluguer e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e dos demais membros computables da unidade familiar maiores de idade.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Certificado do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), da persoa solicitante e de cada membro computable da unidade familiar, de prestacións de desemprego percibidas nun período.

d) Certificado do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), da persoa solicitante e de cada membro computable da unidade familiar, de prestacións de desemprego percibidas na data actual.

e) Certificado do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que indique se a persoa solicitante e os demais membros computables da unidade familiar son ou foron perceptores de pensións/prestacións do sistema da Seguridade Social, indicando, se procede, a contía actualmente recoñecida, así como aquelas percibidas desde o 1 de xaneiro de 2019 ata a data de emisión da certificación, sempre que entre esta data e a de presentación da solicitude da axuda non medie máis dun mes.

f) Certificado emitido pola universidade correspondente en que deberá constar o número de créditos en que estea matriculada no curso académico 2019/20 e se son os últimos para rematar o grao e, se é beneficiaria da bolsa matrícula e doutros compoñentes da bolsa do Ministerio de Educación e Formación Profesional 2019/20.

g) Informe de vida laboral dos últimos doce meses de cada membro computable da unidade familiar.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

j) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e no anexo II e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Instrución do procedemento

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, se non está debidamente cuberta a solicitude ou non se presentou a documentación exixida, requirirá a persoa interesada para que no prazo de dez días poida emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 8. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/ha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 9. Criterios de avaliación e contía da axuda

1. Para os efectos previstos nesta orde, e con referencia á situación familiar á data de presentación da solicitude, considérase que:

a) Conforman a unidade familiar:

– A persoa solicitante.

– Os pais non separados legalmente e, se é o caso, o titor ou titora, ou a persoa encargada da garda e protección do menor.

– Os/as irmáns/ás solteiros/as menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar ou os maiores de idade cando se trate de persoas con discapacidade.

– Os ascendentes que convivan no domicilio familiar.

– No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, consideraranse membros computables a persoa solicitante e o seu cónxuxe, a súa parella, rexistrada ou non, unida por análoga relación. Tamén serán membros computables os fillos, se os houber, e conviven no mesmo domicilio.

b) Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes e ascendentes que convivan con eles.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai do solicitante.

d) No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co solicitante da axuda.

e) No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentenza xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

f) Nos casos en que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá probar que conta con medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia. Se os ingresos acreditados resultan inferiores aos gastos soportados considerados indispensables (vivenda, manutención, etc.), entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo da renda para os efectos desta axuda, se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia aos cales se refire este artigo.

2. Para os efectos previstos nesta orde, deducirase da renda familiar o 50 % dos ingresos achegados por calquera membro computable da familia distinto dos sustentadores principais.

3. Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, a comisión avaliadora, examinada a documentación presentada, terá en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 5.000 €

2.750 euros

De 5.001 € a 5.700 €

2.250 euros

De 5.701 € a 6.400 €

1.750 euros

De 6.401 € ao importe da pensión non contributiva individual que estableza a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2020, multiplicada por 1,5

1.500 euros

4. A repartición da axuda efectuarase en función dos anteriores criterios ata esgotar a asignación orzamentaria ou o seu incremento, de ser o caso.

Artigo 10. Proposta de resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para a adxudicación das bolsas mediante a correspondente resolución.

2. A comisión avaliadora reunirase polo menos cada dous meses e elevará o correspondente informe-proposta das solicitudes completas ata ese momento, sempre que nese período se completasen os trámites administrativos da solicitude referidos no artigo 6 para a súa resolución.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Resolución

1. As resolucións que serán notificadas ás persoas interesadas de acordo co establecido na lei, estarán debidamente motivadas e expresarán, cando menos, o número de expediente, os datos de identificación da persoa solicitante, o importe e condicións da axuda e, se é o caso, a desestimación e causa de denegación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro da Xunta de Galicia. No caso de se teren producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data en que a última destas teña entrada no citado rexistro. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, que en todo caso deberá producirse no exercicio orzamentario vixente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución ditada ao abeiro desta orde pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 13. Pagamento

1. Segundo o disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselle ás persoas beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda segundo as contías determinadas no artigo 9 desta orde, unha vez notificada a resolución de concesión. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Seguir durante o curso académico os estudos en que estea matriculada.

b) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

c) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de que a persoa interesada se opoña á consulta. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 15. Compatibilidade, alteración, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son compatibles coas bolsas de matrícula de estudos universitarios outorgadas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional para o curso académico 2019/20 e co compoñente da variable mínima e incompatibles co resto dos compoñentes desas bolsas.

Tamén son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial pola persoa beneficiaria das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puideren corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivasen a súa concesión.

5. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Porén, non será necesaria a publicación cando o órgano concedente xulgue que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas bolsas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file