A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, regula no seu artigo 20 a forma de elección do reitor e dispón que será nomeado polo órgano correspondente da comunidade autónoma.
Pola súa banda, os estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, dispoñen, no seu artigo 35, que o reitor será elixido pola comunidade universitaria e nomeado pola Xunta de Galicia.
Recibida na Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional certificación do secretario xeral da Universidade da Coruña en que consta que, realizadas as eleccións a reitor o 4 de decembro de 2019, Julio Ernesto Abalde Alonso acadou o apoio proporcional de máis da metade dos votos validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes, e realizouse a proclamación definitiva como reitor electo o 13 de decembro de 2019.
Na súa virtude e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por instancia da Universidade da Coruña, por proposta da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xaneiro de dous mil vinte,
DISPOÑO:
Artigo único. Nomear reitor magnífico da Universidade da Coruña o profesor doutor Julio Ernesto Abalde Alonso.
Santiago de Compostela, nove de xaneiro de dous mil vinte
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional


