Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2020 Páx. 1302

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 169/2019, do 5 de decembro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma Galega, transfírese no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución na materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia lei orgánica prevé, tal e como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 74/2018, do 5 de xullo).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a aprobación e modificación dos seus estatutos, sen más límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia acordou, en asemblea xeral, a aprobación dos seus estatutos que foron presentados ante esta Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante o Decreto do Consello da Xunta, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia que figuran como anexo.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos que foron aprobados polo Decreto 323/2009, do 14 de maio, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia é una corporación profesional de dereito público, recoñecida e amparada polo artigo 36 da Constitución, e regulada pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, así como pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia. É unha corporación de carácter social e interese público, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Relacións coa Administración

1. O Colexio relacionarase coa Administración autonómica de Galicia, nos aspectos institucionais e corporativos, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, ou aquela que en cada lexislatura teña competencias sobre colexios profesionais e en todo o que incumba aos contidos da profesión de enxeñeiro agrónomo, coas consellerías que teñan competencias en Medio Rural, Medio Ambiente, Ordenación do Territorio, Mar e con aqueloutras que corresponda por razón da materia. Así mesmo, o Colexio relacionarase coas demais administracións públicas a través do departamento ou organismo competente.

2. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia intégrase no Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeneiros Agrónomos, como órgano representativo e coordinador a nivel do Estado español da profesión de enxeñeiro agrónomo, e desempeña a preceptiva representación nel.

Nos aspectos non recollidos pola lexislación xeral, as relacións entre o Colexio e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeneiros Agrónomos rexeranse polos estatutos xerais dos colexios oficiais de enxeñeiros agrónomos e do seu Consello Xeral, aprobados polo Real decreto 727/2017, do 21 de xullo, así como mediante os acordos adoptados entre ambos.

CAPÍTULO II

Dos colexiados

Artigo 3. Clases de colexiados e outras figuras colexiais

1. Os colexiados poden ser de número, de honra, ou sociedades profesionais.

2. Terá dereito a ser admitido como colexiado de número quen estea en posesión dos títulos que, de acordo coa normativa vixente, habiliten para o exercicio da profesión de enxeñeiro agrónomo, e non se encontre incluído en causas de suspensión ou inhabilitación legal para o exercicio da profesión de enxeñeiro agrónomo.

Para a colexiación de enxeñeiros agrónomos que non teñan a nacionalidade española observarase o que determinen en cada caso as disposicións legais vixentes sobre o exercicio da actividade profesional no Estado español.

En todo caso, o acceso e exercicio da profesión de enxeñeiro agrónomo rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación, en particular por razón de sexo, nacemento, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, podendo ser recorrida a denegación de colexiación ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. Os colexiados de número poden ser de colexiación obrigatoria ou voluntaria. Estes últimos son aqueles que se encontran nalgunha das situacións recollidas no artigo 17.2 dos estatutos xerais dos colexios oficiais de enxeñeiros agrónomos e do seu Consello Xeral aprobados polo Real decreto 727/2017, do 21 de xullo, e a corrección de erros do Real decreto 727, publicada o 14 de febreiro de 2018.

4. O exercicio da profesión na súa forma societaria observará o disposto nos artigos 15 e 16 dos estatutos xerais dos colexios oficiais de enxeñeiros agrónomos e do seu Consello Xeral, aprobados polo Real decreto 727/2017, do 21 de xullo, e a corrección de erros do Real decreto 727, publicada o 14 de febreiro de 2018.

5. Outras figuras colexiais: poderán acceder ao Colexio en calidade de pre-colexiados aqueles que se encontren cursando os estudos conducentes á obtención dalgún dos títulos que, de acordo coa normativa vixente, habiliten para o exercicio da profesión de enxeñeiro agrónomo. Os pre-colexiados non terán dereitos de sufraxio activo nin pasivo, pero poderán utilizar os servizos do Colexio, e non terán por iso, obrigacións económicas.

Artigo 4. Solicitude de colexiación

1. Para ser admitido como colexiado de número, a persoa que cumpra os requisitos establecidos no artigo 3 dirixirá a solicitude ao decano, acompañada da documentación que acredite os ditos requisitos. O Colexio, en execución do artigo 10.bis da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e 3.2 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, adoptará as medidas necesarias para garantir a realización por vía electrónica dos trámites necesarios para a súa incorporación no correspondente rexistro.

2. O enxeñeiro agrónomo subscribirá os impresos de solicitude de ingreso, así como calquera outro documento que, por acordo da Xunta de Goberno, establecese o Colexio. Xuntarase á solicitude en documento normalizado o correspondente título orixinal ou testemuña notarial del e certificación académica. O xustificante pola universidade de procedencia do aboamento dos dereitos de expedición do título poderá suplir a ausencia do orixinal. Acompañarase, igualmente, unha declaración responsable de non estar incurso en causa ningunha que o inhabilite para o seu exercicio profesional.

3. Se o solicitante procede doutro colexio de enxeñeiros agrónomos de España, deberá achegar certificación acreditativa de ter cumprido correctamente os seus deberes profesionais, con indicación das sancións que fosen ser impostas e non rehabilitadas, ter satisfeito as súas cotas colexiais e levantadas as demais cargas económicas que puidesen existir. Caso de concorrer algunha destas circunstancias desfavorables, a Xunta de Goberno poderá denegar a súa colexiación ou deixar en suspenso a solicitude de colexiación ata que se resolvan os compromisos pendentes con outros colexios.

4. Os profesionais estranxeiros os que presenten un título de enxeñeiro agrónomo expedido no estranxeiro, ao efectuar a colexiación, deberán achegar a documentación prevista nas disposicións legais vixentes. A colexiación destes profesionais entenderase sen prexuízo da necesidade de cumprir os requisitos exixidos polas normas de estranxeiría e inmigración para o establecemento e traballo dos estranxeiros en España.

Artigo 5. Aprobación ou denegación da solicitude de colexiación

1. Recibida a solicitude de colexiación, o decano dará conta dela na primeira reunión da Xunta de Goberno, a cal concederá a colexiación a cantos reúnan os requisitos establecidos, e denegaraa, polo menos, nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se formalizasen ou emendasen no prazo sinalado para o efecto.

b) Cando sufrise algunha condena por sentenza firme dos tribunais que, no momento da solicitude, o inhabilite para o exercicio profesional.

c) Cando fose expulsado doutro colexio sen ter sido rehabilitado.

d) Cando, ao formular a solicitude, estivese suspenso no exercicio da profesión, en virtude de sanción disciplinaria corporativa firme.

2. Nos casos de urxencia, o decano poderá outorgar a colexiación con carácter provisional.

3. Resolta favorablemente a solicitude, para facer efectiva a colexiación, o enxeñeiro agrónomo deberá aboar a cota de incorporación colexial que, se é o caso, sexa establecida pola Xunta de Goberno do Colexio.

4. Cumpridos todos os trámites de colexiación, o Colexio comunicará cada alta e de forma inmediata ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeneiros Agrónomos de España, para o seu coñecemento, para os efectos de exercer a profesión en todo o territorio nacional.

Artigo 6. Exercicio da profesión

1. A colexiación no Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia faculta para exercer a profesión en todo o territorio nacional.

2. Será requisito indispensable para o exercicio da profesión de enxeñeiro agrónomo estar incorporado a un colexio oficial de enxeñeiros agrónomos, cando unha lei estatal así o estableza, de acordo co artigo 2.3 de la Lei 11/2001, do 18 de setembro, e o artigo 3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro.

Do mesmo modo e en iguais termos será requisito indispensable para o exercicio da profesión en forma societaria estar incorporado a un colexio oficial de enxeñeiros agrónomos. En caso de desprazamento temporal exercer a profesión noutro país da Unión Europea ou dun nacional doutro Estado membro que se despraza a España, observarase o disposto na normativa vixente na aplicación do dereito comunitario relativa ó recoñecemento de cualificacións profesionais.

3. O exercicio da profesión queda suxeito ao réxime de incompatibilidades que, en cada caso, estableza a lei. En especial, os enxeñeiros agrónomos terán o deber de abstención nos casos de conflito entre os seus propios intereses e os dos destinatarios dos seus servizos. Así mesmo, os enxeñeiros agrónomos ao servizo das administracións públicas, xa sexa a través dunha relación de carácter funcionarial ou laboral, deberán absterse en casos de incompatibilidade entre a dita condición e o exercicio libre da profesión.

4. Os enxeñeiros agrónomos poderán exercer a súa profesión conxuntamente con outros colexiados, baixo calquera forma lícita recoñecida en dereito. Tamén poderán, de ser o caso, exercer conxuntamente a súa profesión con profesionais doutras disciplinas. Se a actividade profesional se desenvolve baixo forma societaria, estará suxeita aos termos que se preverán na vixente Lei de sociedades profesionais. As sociedades profesionais inscribiranse obrigatoriamente no correspondente Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos, sen cuxo requisito non poderán realizar actividade profesional ningunha baixo a razón ou denominación social. A inscrición supón a incorporación da Sociedade ao Colexio e a súa suxeición ás competencias que a Lei de colexios profesionais, os estatutos xerais do Consello Xeral de Enxeñeiros Agrónomos e os presentes estatutos atribúen aos colexios sobre os profesionais incorporados a eles.

5. Nos supostos de exercicio profesional no territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao Colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, en beneficio dos consumidores e usuarios, os colexios deberán utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro. No marco deste sistema de cooperación, os colexios non poderán exixir aos profesionais que exerzan baixo forma societaria nun territorio diferente ao de colexiación comunicación nin habilitación ningunha, nin o pagamento de contra prestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente os seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.

6. Os colexios comunicarán ao Consello Xeral todas as inscricións practicadas para os efectos da súa anotación no rexistro central de sociedades profesionais. O Consello Xeral, no marco das obrigas de asistencia recíproca que recolle o artigo 9.v) da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e o artigo 5.u) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, e nos termos previstos nesta, facilitará ás autoridades competentes a información que estas lles demanden sobre as sociedades inscritas nel.

7. Os rexistros colexiais de sociedades profesionais rexeranse polas previsións contidas na Lei 2/2007, do 15 de marzo, polos estatutos xerais dos colexios oficiais de enxeñeiros agrónomos e do seu Consello Xeral, aprobados polo Real decreto 727/2017, do 21 de xullo, así como pola normativa común aprobada polo Consello Xeral.

8. En ningún caso o exercicio mediante sociedades profesionais poderá comportar a imposición de cargas o tratamento discriminatorios en relación ao exercicio individual.

9. A sociedade profesional inscrita no Rexistro de Sociedades Profesionais será titular dos dereitos e deberes que se recoñecen nos artigos 7 e 8 destes estatutos, con excepción dos dereitos electorais e de participación en órganos colexiais que se reservan exclusivamente aos colexiados persoas físicas, incluídos os colexiados pertencentes á sociedades profesionais.

Así mesmo, a sociedade profesional inscrita poderá utilizar os servizos colexiais nas mesmas condicións que os enxeñeiros agrónomos colexiados.

Artigo 7. Dereitos dos colexiados

1º. Os colexiados terán os seguintes dereitos:

1. Exercer a profesión, a que os habilita o seu título, en todo o territorio nacional, en réxime de libre competencia de acordo coa lexislación e os presentes estatutos.

2. Participar no uso e desfrute dos bens do Colexio e dos servizos e prestacións que este teña establecidos na forma e condicións fixadas para o efecto.

3. Tomar parte nas deliberacións e votacións previstas nestes estatutos; en particular o dereito de sufraxio para a elección dos cargos e membros aos órganos de goberno, de acordo con estes estatutos.

4. Formar parte dos órganos de goberno.

5. Remover os titulares dos órganos de goberno, mediante voto de censura, de acordo con estes estatutos.

6. Solicitar o amparo da Xunta de Goberno, cando consideren lesionados ou menoscabados os seus dereitos ou intereses profesionais, colexiais ou da corporación.

7. Levar a cabo os traballos profesionais que sexan solicitados ao Colexio por entidades ou particulares e que lle correspondan de acordo coas quendas previamente establecidas.

8. Promover actuacións dos órganos de goberno.

9. Crear agrupacións representativas de intereses específicos no seo do Colexio, con sometemento en todo caso aos órganos de goberno.

10. Interpoñer os recursos legalmente procedentes.

11. Ser representados e axudados pola Xunta de Goberno e a asesoría xurídica cando necesiten presentar reclamacións ás autoridades, á Administración, tribunais e particulares, en relación co exercicio da profesión, e serán a cargo do colexiado interesado os gastos e custas que estes procedementos ocasionen.

12. A información regular sobre a actividade corporativa e de interese profesional e o exame dos documentos contables que reflictan a actividade económica do Colexio, nas condicións que se establezan.

13. Examinar arquivos, rexistros e contas do Colexio conforme o procedemento que a súa normativa interna estableza.

14. A obtención de información e, de ser o caso, a certificación dos documentos e actos colexiais que os afecten persoalmente.

15. Cantos se lles recoñezan nos presentes estatutos.

Artigo 8. Deberes dos colexiados

1º. Os colexiados terán as seguintes obrigacións:

1. Cumprir estritamente cantas prescricións conteñen estes estatutos, así como os acordos que adopten a Xunta de Goberno ou Xunta Xeral.

2. Observar, nos traballos profesionais, cantos preceptos e normas establezan as disposicións legais correspondentes e aqueloutras encamiñadas a manter e elevar a dignidade, prestixio, decoro e ética profesional, dentro do espírito que dimana dos presentes estatutos e do código deontolóxico vixente.

3. Satisfacer puntualmente as cotas colexiais ordinarias, extraordinarias, derramas ou de calquera outra orde, de pagamento obrigado na forma, tempo e contía que se teña establecido.

4. Notificar ao Colexio o cambio de residencia ou domicilio profesional único ou principal, así como as modificacións que se produzan na documentación de ingreso.

5. Denunciar ante o Colexio os que exerzan a profesión de enxeñeiro agrónomo sen posuír o título que para iso os autoriza, así como os que, aínda téndoo, non cumpran a legalidade vixente e os que, sendo colexiados, falten ás obrigas que como tales contraian.

6. Someterse, nas cuestións de carácter profesional que se susciten entre os enxeñeiros agrónomos, á arbitraxe e conciliación do Colexio.

7. Cumprir, con respecto aos órganos directivos do Colexio, os deberes de disciplina e respecto, e con respecto aos colexiados, os de harmonía profesional.

8. Presentar para o seu visado aqueles traballos cuxa materia principal sexa a do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos e sexan de visado obrigatorio de acordo co artigo 2 do Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre visado obrigatorio, ou sexan de visado voluntario a petición expresa dos clientes, incluídas as administracións públicas cando actúen como tales, con base no artigo 13 da Lei 2/1974, sobre colexios profesionais. O profesional poderá presentar os seus traballos en calquera colexio de calquera demarcación.

9. Cumprir o deber de segredo profesional.

10. Estar cubertos, mediante un seguro, dos riscos de responsabilidade en que poidan incorrer durante o exercicio da profesión, ou garantía equivalente, cando unha norma con rango de lei así o estableza. O Colexio adoptará as medidas necesarias para promover e facilitar o cumprimento do deber de aseguramento dos seus colexiados.

11. Observar as incompatibilidades profesionais establecidas con rango de lei.

12. Manter un adecuado nivel de cualificación profesional a través da actualización dos seus coñecementos e capacidades.

2º. Estes deberes configuran o réxime necesario da actuación profesional e corporativa do colexiado. A súa observancia constitúe o obxecto propio das potestades colexiais de control e disciplina reguladas nestes estatutos e no código deontolóxico.

Artigo 9. Perda da calidade de colexiado

1. A calidade de colexiado pérdese:

a) Colexiados persoas físicas:

1º. Por petición propia, solicitada por escrito ao decano do Colexio, sempre que non se teñan obrigacións profesionais ou corporativas de contido non económico pendentes de cumprimento, caso en que a Xunta de Goberno poderá denegar a solicitude. Contra a resolución que desestime a solicitude de baixa caben os mesmos recursos que contra a resolución dunha solicitude de ingreso.

2º. A causa de sanción disciplinaria, por incumprimento dos deberes colexiais, a teor dos dispostos nestes estatutos.

3º. Condena penal firme que supoña a inhabilitación nos termos que determine a sentenza conforme o Código penal.

4º. Cando, transcorrido máis dun ano natural, e logo de notificación, non se teñan aboado as cotas periódicas de colexiado e demais cargas colexiais a que viñese obrigado. Se, posteriormente, solicita a alta, o Colexio terá dereito a percibir o importe das cotas citadas e os gastos xerados por impago.

5º. Por morte ou declaración de falecemento.

6º. Por incapacidade legal.

7º. Por traslado a outro Colexio.

b) Colexiados sociedades profesionais:

1º. A renuncia voluntaria do colexiado, manifestada por escrito, salvo que o solicitante estea obrigado a pertencer ao Colexio por razón do seu exercicio profesional, caso en que a Xunta de Goberno poderá denegar a solicitude. Contra a resolución que desestime a solicitude de baixa, caben os mesmos recursos que contra a resolución dunha solicitude de ingreso.

2º. Se procedese á súa disolución. Non obstante, será posible a nova inscrición da sociedade profesional cando se procedese á súa reactivación por ser legalmente posible.

3º. Se ao colexiado pertencente á Sociedade lle impuxese o Colexio unha sanción firme que comportase a súa expulsión, e na sociedade non houbese outro socio profesional que teña a condición de colexiado.

4º. Se se elimina do obxecto social a actividade profesional propia dos colexiados, naquelas de carácter multidisciplinar.

5º. Polo impago das cotas ordinarias o extraordinarias correspondentes a un ano natural.

A perda de tal condición supoñerá a baixa no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

2. Recuperarase a condición de colexiado:

a) Cando se solicite a reincorporación, se a baixa foi por renuncia voluntaria.

b) Cando se posúan os requisitos para a colexiación, se os incumpría.

c) Cando se obteña a rehabilitación ou caducase a sanción de calquera clase que dese lugar á perda, se solicite a admisión e sexa aceptada pola Xunta de Goberno do Colexio.

d) Cando se aboen as cotas pendentes, se foi por falta de pagamento.

3. Os colexiados que teñan dereito á baixa voluntaria obteraa na primeira reunión do órgano competente do colexio que se celebre desde que o soliciten de forma adecuada, e cesarán no pagamento da cota desde a data de presentación da solicitude.

4. Os servizos que presta o Colexio poderanse suspender aos colexiados, logo de notificación, polo impago da cota periódica correspondente a un período de tres meses, consecutivos ou non, e mentres non satisfagan ou xustifiquen o aboamento das cotas pendentes.

Artigo 10. Atribucións

As competencias e atribucións profesionais dos colexiados de número no exercicio libre da profesión serán as que correspondan de acordo coas disposicións legais vixentes e as que se diten no sucesivo.

CAPÍTULO III

Ámbito e funcións do colexio

Artigo 11. Ámbito territorial

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia desenvolve a súa actuación dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa sede radica na cidade de A Coruña, na rúa Luis López Casanegra, nº 5, baixo (15006); poderá ser modificada por acordo da Xunta Xeral por proposta da Xunta de Goberno, a través da correspondente modificación estatutaria.

Artigo 12. Alteración do ámbito territorial do Colexio

1. O ámbito territorial do Colexio poderá ser alterado por escisión. A fusión ou absorción con un ou máis colexios non é posible, porque iso implicaría superar o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o que consta expresamente prohibido na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia.

2. A escisión territorial do Colexio ten, segundo lei, carácter excepcional e soamente se permitirá por razóns, debidamente xustificadas, de mellor cumprimento das funcións públicas que ten encomendadas.

O acordo de escisión aprobarao a Xunta Xeral Extraordinaria do Colexio convocada para o efecto, tanto se se produce por división como por segregación, e require o voto favorable dos dous terzos dos colexiados presentes que conformen polo menos a maioría absoluta dos colexiados de pleno dereito. O acordo aprobarase, logo de informe do Consello Xeral, mediante decreto da Xunta, que valorará a súa oportunidade e conveniencia, atendendo ao impacto na organización colexial.

No caso de escisión por segregación, será necesaria unha petición previa escrita, razoada, dirixida á Xunta de Goberno e subscrita pola maioría da metade máis un dos colexiados de pleno dereito residentes á porción de territorio que se vai segregar. Estableceranse, de ser o caso, os termos nos cales se efectuará a segregación aprobada, coa denominación do novo Colexio, texto dos novos estatutos dun Colexio e do outro, denominación do Colexio matriz a partir dese momento e previsión do nomeamento dunha xestora ata que non sexa convocada unha xunta xeral e sexan elixidos os novos cargos.

Artigo 13. Fusión ou segregación con colexios de diferentes profesións

A fusión do Colexio cun Colexio doutra profesión e a segregación do Colexio que comporte a creación dun Colexio novo para o exercicio dunha profesión que requira unha titulación diferente á do Colexio requirirán lei da Comunidade Autónoma de Galicia, cos requisitos e efectos previstos na lei, logo de informe do correspondente Consello Xeral ou consellos de colexios profesionais.

O acordo desta fusión ou segregación deberá de ser adoptado pola Xunta Xeral Extraordinaria do Colexio, por maioría absoluta dos colexiados asistentes.

Artigo 14. Fins e funcións

Son fins esenciais do Colexio:

A ordenación do exercicio da profesión, cando estea suxeita a colexiación obrigatoria.

A defensa dos intereses profesionais e intereses profesionais dos colexiados.

A protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos profesionais dos seus colexiados.

A representación exclusiva da profesión de enxeñeiro agrónomo cando sexa de colexiación obrigatoria.

A colaboración coas administracións e institucións nacionais e internacionais.

Como funcións xerais do Colexio ao servizo destes fins, enuméranse, a título enunciativo e non limitativo, as seguintes:

1º. De ordenación do exercicio profesional.

a) O rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado, e que conterá, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais en que está en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

O colexio facilitará aos órganos xurisdicionais e ás administracións públicas, de conformidade coas leis, a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos ou designalos directamente.

Por solicitude de calquera dos seus colexiados, o colexio poderá autenticar a súa sinatura, certificar que esta concorda coa rexistrada e, en consecuencia, que o asinante está legalmente habilitado para o exercicio profesional.

b) O rexistro das sociedades profesionais con domicilio social no ámbito territorial do Colexio, de acordo co disposto na Lei de sociedades profesionais.

c) A vixilancia da actividade profesional para que esta se someta, en todo caso, á ética e dignidade da profesión e ao debido respecto aos dereitos dos cidadáns.

d) O exercicio, no orde profesional e colexial, da potestade disciplinaria no caso de incumprimento das prescricións legais ou deontolóxicas.

e) O visado dos traballos profesionais, de acordo co disposto no presente Estatuto.

f) A vixilancia do cumprimento das normas que regulan o exercicio profesional, as normas estatutarias e corporativas, e demais resolucións dos órganos colexiais.

g) A adopción das medidas conducentes a evitar o intrusión profesional e a competencia desleal, así como o exercicio irregular da profesión.

h) A persecución dos actos de competencia desleal.

i) A mediación en vía de conciliación ou arbitraxe, por petición das partes, en cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre profesionais.

j) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados, así como sobre as sancións firmes que lles impuxese e as peticións de comprobación, inspección ou investigación sobre aqueles, que lles formulen as autoridades competentes dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular, no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se use unicamente para a finalidade para a que se solicitou.

k) Adoptar as medidas necesarias para que nos rexistros de colexiados consten datos suficientes dos prestadores de servizos dos Estados membros, para os efectos de que os destinatarios teñan garantías para a resolución de litixios de conformidade co artigo 27.1 da Directiva 2006/123/CE do Parlamento e do Consello, do 12 de decembro de 2006.

2º. De representación e defensa da profesión e dos seus colexiados.

a) Exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión ante as administracións públicas, os tribunais e demais poderes públicos, así como ante calquera institución, entidade e particular.

b) Actuar ante os xulgados e tribunais en cuantos litixios afecten os intereses profesionais, coa lexitimación que a lei lles outorga, e facelo ben en representación ben en substitución procesual dos seus membros.

c) Emitir informe nos procedementos, administrativos ou xudiciais en que se discuta calquera cuestión profesional, cando sexan requiridos para iso ou cando se prevea a súa intervención con arranxo á lexislación vixente.

d) Emitir informe, de conformidade coas normas reguladoras, sobre os proxectos de disposicións normativas que regulen ou afecten directamente as condicións xerais das funcións profesionais.

e) Cooperar á mellora do ensino e investigación da profesión, para o que poderá crear institucións científicas, educativas ou culturais, ou colaborar con elas.

f) Participar na elaboración dos plans de estudo, emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión e manter permanente contacto con estes, nos termos que determinen as disposicións reguladoras de tales materias.

g) Participar nos consellos, organismos consultivos, comisións e órganos análogos das administracións públicas e das organizacións, nacionais ou internacionais, cando sexa requirido para iso.

h) Establecer e manter relacións e intercambios con organismos de carácter técnico, científico ou profesional, nacionais ou estranxeiros, dedicados a actividades que teñan afinidade cos fins e as funcións do colexio.

i) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas administracións públicas, de conformidade coa lexislación sobre procedemento administrativo, e colaborar con elas mediante a realización de estudos, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que poidan serlles solicitadas ou acorde formular por iniciativa propia.

j) Realizar peritaxes, ben por conta propia, ben por petición dos colexiados, das administracións, dos xulgados e tribunais ou doutras entidades públicas e privadas.

k) Desenvolver outras funcións que redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

l) Atender as queixas ou reclamacións presentadas polos seus colexiados.

ll) Realizar aquelas actuacións que consideren oportunas ou lles encomenden os poderes públicos de acordo coa lei.

3º. De servizo.

O Colexio poderá ofrecer, entre outros, os servizos seguintes:

a) A resolución mediante laudo, de acordo coa lexislación vixente sobre arbitraxes, dos conflitos e discrepancias que lle fosen sometidos. A dita arbitraxe será de equidade.

b) A organización de actividades e servizos de interese para os colexiados de índole profesional, formativa, cultural, médico-profesional, asistencial, de previsión e outros análogos, ou colaborar, de ser o caso, con institucións deste carácter.

c) O asesoramento e a organización de cursos de formación continuada e especialización.

d) A colaboración e participación na creación dun sistema de cobertura de responsabilidades civís contraídas polos profesionais no desempeño da súa actividade, de libre subscrición por parte dos colexiados, e sometido á Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

e) A elaboración e posta á disposición dos colexiados dun modelo de nota de encargo, que os profesionais poderán presentar aos seus clientes que conterá, polo menos, a determinación suficiente do obxecto da prestación e do seu custo previsto ou previsible, en razón da actividade que se vai realizar ou método para a súa determinación, respectando a Lei 15/2007, do 3 de xullo. Os colexiados non comunicarán ao colexio, para o seu control ou visado, a nota de encargo do traballo profesional, salvo requirimento xustificado no curso dun procedemento disciplinario. O Colexio non poderá fixar baremos orientativos nin calquera outra orientación, recomendación, directriz, norma ou regula sobre honorarios profesionais.

f) O cobramento dos honorarios profesionais a través do Colexio, para o caso en que o colexiado así o solicite, nas condicións que se determinen nestes estatutos.

4º. O Colexio, ademais, deberá:

a) Dispoñer dun portelo único nos termos previstos no artigo 10.bis da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 10 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, e na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

O portelo único establecerase como un punto de acceso electrónico único na páxina web, gratuíto e a distancia. Este punto permitirá os procedementos e a obtención da información previstos no artigo 10.1 bis da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como no artigo 10.1 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro.

Ademais, e para a mellor defensa dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a través do mencionado portelo único de maneira clara, inequívoca e gratuíta a información prevista no artigo 10.2 bis da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como no artigo 10.2 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro.

b) Dispor dun servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios, segundo o disposto no artigo 10 quater da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e no artigo 12 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro. Este servizo será accesible a través da páxina web do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (www.coiag.es) e da do seu Consello Xeral (www.ingenierosagronomos.org ou www.cgcoia.org) onde existe un formulario e que será resolto polo Colexio se é da súa competencia polo procedemento que establecen estes estatutos.

c) Elaborar e facer pública unha memoria anual, conforme o establecido no artigo 10.ter da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e no artigo 11 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro.

d) Colaborar coas autoridades competentes dos estados membros da Unión Europea para o cumprimento do principio de asistencia recíproca establecido no artigo 9.v) da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e no artigo 5.u) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro.

e) Visar os traballos profesionais dos colexiados, nos termos e supostos previstos nos artigos 9 e 10 quinquies da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e nos artigos 5.q) e 13 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, así como no Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre visado colexial obrigatorio, ou por petición expresa do cliente.

f) Facilitar aos órganos xurisdicionais e ás administracións públicas, de conformidade coas leis, a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos ou designalos directamente.

g) Dispor a publicación obrigatoria da documentación que se relaciona no artigo 8.1.1 e 2, de maneira que sexa accesible tanto aos colexiados como aos consumidores e usuarios en xeral, sen necesidade de identificación.

h) Velar pola protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos profesionais.

O Colexio deberá adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para iso as tecnoloxías precisas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade.

5º. De autoorganización.

Os colexios, no exercicio da súa potestade de autoorganización interna, exercerán as seguintes funcións:

a) Aprobar os seus propios estatutos, para a súa aprobación polo Consello Xeral.

b) Aprobar o Regulamento de réxime interior en desenvolvemento e aplicación dos seus estatutos, que será visado polo Consello Xeral.

c) Aprobar e executar os seus orzamentos.

Artigo 15. Visado dos traballos

1. O colexio visará os proxectos e demais traballos profesionais nos termos e supostos previstos nos artigos 9 e 10 quinquies da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e nos artigos 5.q) e 13 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, e no Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, ou por petición expresa do cliente.

2. O visado é un acto de control da actividade profesional no ámbito das competencias propias do Colexio.

O visado colexial deberá expresar cal é o seu obxecto, que aspectos se someten a control e cal é a responsabilidade que asume o Colexio, e comprenderá, como mínimo, a comprobación dos seguintes aspectos:

a) A identidade e habilitación profesional do autor do traballo.

b) A corrección e integridade formal da documentación do traballo profesional de acordo coa normativa aplicable a el.

3. O visado non comprenderá en ningún caso os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación se deixa ao libre acordo das partes, nin tampouco comprenderá o control técnico dos elementos facultativos do traballo profesional.

Os dereitos económicos derivados do exercicio da función colexial do visado deberán ser razoables e nunca abusivos nin discriminatorios.

4. A responsabilidade colexial derivada do exercicio da función de visado colexial, así como o custo económico dos visados e da súa publicidade rexérase polo disposto no artigo 10 quinquies da Lei 11/2001, do 18 de setembro, no artigo 13 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, e no Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre visado colexial obrigatorio.

5. Nos traballos profesionais que se sometan a visado colexial de acordo co disposto nos artigos 9 e 10 quinquies da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e nos artigos 5.q) e 13 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, este poderá expedirse tamén a favor da sociedade profesional.

6. O regulamento de réxime interno do colexio detallará, de ser o caso, o procedemento a que se debe suxeitar o exercicio da función de visado, que poderá tramitarse por vía telemática.

CAPÍTULO IV

Dos recursos económicos do Colexio

Artigo 16. Recursos ordinarios

1º. Fundamentalmente, os recursos ordinarios do Colexio para a debida atención dos seus fins e funcións corporativas son os seguintes:

1. As cotas de incorporación colexial, así como as cotas periódicas ordinarias e extraordinarias, incluídas as derramas. As cotas de percepción periódica e as de incorporación colexial, as derramas e cotas de carácter extraordinario serán propostas pola Xunta de Goberno e aprobadas pola Xunta Xeral.

2. Os dereitos de visado de traballos, que serán percibidos de todos os traballos visados, de acordo cos criterios establecidos pola Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

3. Os produtos, rendas e intereses dos bens ou dereitos que integran o patrimonio do Colexio.

4. Os dereitos que corresponda percibir ao Colexio por expedición de certificacións, ditames, informes, asesoramento e a prestación doutros servizos, os cales serán fixados pola Xunta de Goberno.

5. Os que se obteñan pola venda de publicacións e impresos.

2º. O Colexio elabora e aproba o seu propio orzamento, que será aprobado pola Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno. A corrección das súas contas e a realidade dos seus ingresos e gastos deberá ser auditada, mediante informe emitido por persoa externa ao Colexio, habilitada legalmente, como mínimo cada catro anos que é cando se produce a renovación total dos cargos da Xunta de Goberno. O informe do auditor deberase xuntar á presentación do balance económico da Xunta Xeral e deberá estar á disposición dos colexiados para o seu exame polo menos vinte días antes da celebración da Xunta Xeral.

Artigo 17. Recursos extraordinarios

Os recursos extraordinarios do Colexio estarán constituídos por:

1. As subvencións, donativos, herdanzas ou legados que outorguen o Estado, comunidades autónomas, corporacións oficiais, entidades públicas ou privadas e particulares.

2. O produto da venta dos seus bens, acordado en Xunta Xeral Extraordinaria convocada para o efecto.

3. Os que, por calquera outro concepto, procedan legalmente.

CAPÍTULO V

Organización do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia

Artigo 18. Organización

O Colexio estará rexido e administrado pola Xunta Xeral e pola Xunta de Goberno, formadas polos colexiados de número.

Artigo 19. Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral é o órgano superior de expresión da vontade do Colexio; forman parte dela a totalidade dos colexiados non suspendidos no exercicio dos seus dereitos corporativos.

2. Os acordos da Xunta Xeral obrigan a todos os colexiados.

Artigo 20. Funcións da Xunta Xeral

Corresponden á Xunta Xeral as seguintes funcións:

1ª. O coñecemento e aprobación da memoria ou informe anual que a Xunta de Goberno lle someterá resumindo a súa actuación e a dos demais órganos e comisións do Colexio, así como a información sobre os acontecementos profesionais de maior relevo.

2ª. A aprobación de orzamentos, balances e gastos extraorzamentarios, así como as cotas ordinarias e extraordinarias.

3ª. A aprobación ou modificación do proxecto dos estatutos do Colexio e o Regulamento de Réxime Interior, se procede, por proposta da Xunta de Goberno.

4ª. A promoción e organización de servizos colexiais e de previsión.

5ª. A decisión e discusión de cantos asuntos se lles sometan por proposta da Xunta de Goberno ou dun grupo de colexiados de número, non inferior ao 10 por cento dos colexiados e sempre que este número no sexa inferior aos 10 colexiados.

6ª. A aprobación da moción de censura, se procede, sobre a actuación de calquera membro da Xunta de Goberno.

7ª. O acordo sobre a disposición ou venda de bens.

8ª. O nomeamento de colexiados de honra, así como a proposta ao Organismo competente doutro tipo de distincións.

9ª. Ratificar os membros electos da Xunta de Goberno, de conformidade co previsto no capítulo VI dos presentes estatutos.

10ª. Acordar a segregación e disolución do Colexio Profesional.

11ª. Todas as demais atribucións que non teñan sido expresamente conferidas a outros órganos.

Artigo 21. Reunións da Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ao ano: a) unha no primeiro semestre, en que na orde do día se incluirá obrigatoriamente tanto a aprobación de balances do exercicio anterior como a información en xeral sobre a marcha do Colexio, na cal se incluirá a relación de altas e baixas; b) Outra reunión realizarase obrigatoriamente no último trimestre do ano, na cal, con carácter obrigatorio, se procederá ao exame e aprobación, se procede, do orzamento para o exercicio seguinte, incluídas cotas ordinarias e extraordinarias, así como a proclamación, de ser o caso, de candidatos electos á Xunta de Goberno.

2. A Xunta Xeral reunirase con carácter extraordinario

a) Por proposta do decano.

b) Por proposta da maioría simple dos membros da Xunta de Goberno.

c) Cando se pretenda modificar os estatutos ou o Regulamento de réxime interior.

d) Cando o solicite coa súa sinatura un número de colexiados non inferior ao 10 por 100 do total de colexiados, ou ao 25 por 100 se se solicita con obxecto de promover unha moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros. Esta reunión, da Xunta Xeral terá lugar no prazo máximo de trinta días contados desde a data de entrada da petición no Rexistro do Colexio.

3. Todas as reunións da Xunta Xeral deberán ser anunciadas por escrito mediante notificación individual, cun prazo mínimo de dez días hábiles, ou ben a través do portelo único do Colexio en aplicación do artigo 10.bis da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Naqueles casos en que, a xuízo da Xunta de Goberno, a urxencia dos temas que se van tratar o requira, esta poderá convocar a Xunta Xeral nun prazo mínimo de cinco días hábiles.

4. A Xunta Xeral constituirase de acordo co especificado nos estatutos e o Regulamento de réxime interior do Colexio.

5. A Xunta Xeral celebrará as súas sesións presididas polo decano e, na súa ausencia, polo decano accidental previsto no artigo 26 destes estatutos. En caso de ausencia de ambos, será presidida polo vogal da Xunta de Goberno de máis antiga colexiación, de entre os presentes.

6. Os acordos da Xunta Xeral adoptaranse por maioría de votos dos colexiados presentes ou representados. Será necesaria a maioría cualificada de dous terzos para adoptar acordos sobre o contido do punto 2 do artigo 17 e dos puntos 3, 6 e 7 do artigo 20. Será, así mesmo, necesaria una maioría cualificada dos dous terzos dos colexiados presentes, para adoptar o acordo de escisión do Colexio –sen prexuízo de requirir así mesmo a maioría absoluta dos colexiados de pleno dereito– e de disolución do Colexio.

7. Cando se presente unha moción de censura contra a Xunta de Goberno en pleno ou contra algún dos seus membros, esta deberá ser instada polo menos por un 25 por 100 dos colexiados, que deberán, ademais, presentarlle á Xunta Xeral Extraordinaria a proposta de composición para a nova Xunta de Goberno en Pleno ou, de ser o caso, para substituír os membros contra os cales se presenta a moción. A Xunta Xeral convocada por este procedemento terá lugar nun prazo máximo de 30 días hábiles a partir da data de rexistro de entrada da petición dos colexiados na Secretaría da sede central do colexio. A moción de censura poderá tratarse nunha Xunta Xeral Extraordinaria convocada con ese único asunto na orde do día e que só quedará validamente constituída cando asista un 25 por 100 do censo de colexiados en primeira convocatoria ou un 10 por 100 deste en segunda convocatoria.

Así mesmo, a Xunta de Goberno poderá elevar a moción de censura duns dos seus membros á Xunta Xeral, de acordo co establecido do artigo 23.14 destes estatutos.

En calquera dos dous casos, a moción entenderse aprobada co voto favorable de dous terzos dos votos emitidos polos colexiados presentes na Xunta Xeral Extraordinaria validamente constituída. A duración do mandato da nova Xunta de Goberno será, en calquera caso, polo mesmo período de tempo que lle restaba de lexislatura á anterior Xunta de Goberno ata a convocatoria de novas eleccións. En caso de non reunirse o quórum necesario ou non resultar aprobada, darase por desestimada a moción e non poderán os mesmos avalistas promover unha nova moción de censura durante o resto da lexislatura.

8. Os acordos da Xunta Xeral serán adoptados en votación a man alzada; realizarase votación secreta sempre que afecte persoas, cando así o determine o decano ou cando o solicite o 10 por 100 dos colexiados presentes o representados.

9. En ningún caso se poderán adoptar acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día.

10. Desde a data en que se realice a convocatoria e durante o horario de oficina estarán á disposición dos colexiados, na Secretaría do Colexio, os antecedentes dos asuntos que se van deliberar na Xunta Xeral convocada, así como o documento da acta da reunión anterior.

Artigo 22. Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano encargado da execución dos acordos da Xunta Xeral e asume a dirección e administración do Colexio, con suxeción ao establecido nos presentes estatutos.

2. A Xunta de Goberno estará integrada polo decano, o secretario, o interventor, un delegado por cada provincia e dous vogais. Un dos cargos de vogal poderá reservarse a colexiados que non se encontren en activo no exercicio da profesión.

3. Os membros da Xunta de Goberno, Comisión Permanente e outras comisións ou serano a título gratuíto, aínda que non oneroso.

Artigo 23. Funcións da Xunta de Goberno

Corresponden á Xunta de Goberno as seguintes funcións:

1. A dirección e vixilancia do cumprimento das funcións colexiais, dos presentes estatutos e do Regulamento de réxime interior.

2. A representación xudicial e extraxudicial do Colexio, con facultades para delegar e apoderar.

3. A emisión de informes nos casos establecidos na normativa vixente ou cando sexa requirido o Colexio para que exprese a súa opinión.

4. A designación das comisións ou relatorios encargadas de preparar ditames, informes e estudos, laudos ou arbitraxes, así como o establecemento das correspondentes quendas e a designación de representantes do Colexio en tribunais, xurados e outros.

5. A proposta á Xunta Xeral da memoria ou informe anual de actividades, os orzamentos e canto concirne á xestión económica do Colexio.

6. Vixiar o desenvolvemento da xestión económica e orzamentaria do Colexio.

7. Nomear os representantes da Xunta de Goberno ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos de España.

8. Nomear e separar o persoal administrativo do Colexio.

9. Aprobar as altas e baixas de colexiados de número e as propostas de colexiados de honra, e notificarllo ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeneiros Agrónomos de España.

10. Acordar a celebración das reunións da Xunta Xeral, tanto ordinarias como extraordinarias.

11. Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno e designar provisionalmente, de ser o caso, os colexiados que cubran as vacantes que se produzan na súa composición. Designar os compoñentes da mesa electoral.

12. Adoptar as medidas pertinentes para o cumprimento dos acordos da Xunta Xeral.

13. Velar pola boa conducta profesional e incoar e resolver os oportunos expedientes disciplinarios.

14. A proposta da moción de censura a calquera membro da Xunta de Goberno requirirá o apoio de dous terzos de membros da Xunta de Goberno para prosperar e implicará, no dito caso, a elevación desta á Xunta Xeral.

15. Elaborar a proposta de estatutos e do Regulamento de réxime interior do Colexio.

16. Manter actualizados os rexistros de colexiados e o Rexistro de Sociedades Profesionais.

17. Todas as demais atribucións que se lle asignen nos presentes estatutos e no Regulamento de réxime interior.

Artigo 24. Reunións da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase polo menos unha vez ao trimestre, cantas veces estime necesario o decano e cando o solicite polo menos unha terceira parte dos seus compoñentes, quen expresaran as razóns de solicitude da reunión en escrito dirixido ao decano.

2. Os compoñentes da Xunta de Goberno poderán delegar o seu voto noutro membro dela, pero cada membro non poderá ter más dunha delegación de voto. Os delegados provinciais poderán nomear un suplente, sempre que exista xusta causa xustificada.

3. Todas as reunións da Xunta de Goberno deberán ser convocadas por escrito con cinco días de anticipación, como mínimo, xuntándose o proxecto de acta da reunión anterior. No caso en que se solicite a reunión por unha terceira parte dos compoñentes da Xunta de Goberno, a reunión terá lugar dentro dos quince días seguintes desde a data de entrada da petición no Rexistro do Colexio.

4. As decisións da Xunta de Goberno serán aprobadas por maioría simple. No caso de empate na votación, o decano disporá de voto de calidade.

5. Non poderán adoptarse acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día, excepto nos casos previstos na lei.

6. A Xunta de Goberno celebrará as súas sesións presididas polo decano e na súa ausencia polo decano accidental previsto no artigo 26 destes estatutos. No caso de ausencia de ambos, será presidida polo vogal de máis antiga colexiación, de entre os presentes.

7. A Xunta de Goberno pode delegar o exercicio das funciones públicas de conformidade coas normas de procedemento administrativo. Para o resto das funcións, pode delegar nun ou mais dos seus membros, ou nomear apoderados xerais ou especiais. Non son delegables os actos que teñan que ser autorizados ou aprobados pola Xunta Xeral.

Artigo 25. Comisións delegadas

1. Por acordo da Xunta Xeral ou da Xunta de Goberno, poderanse constituír comisións que actúen sobre áreas específicas de traballo. Estas comisións teñen como función desenvolver as actividades que se lles encomendase, asesorar e informar da súa actividade o órgano que as creou.

2. Para alcanzar a maior continuidade e eficacia nas súas funcións, a Xunta de Goberno estará asistida pola Comisión Permanente, constituída polo decano, o secretario, que o será da Comisión, o interventor e un vogal designado pola Xunta de Goberno.

3. A Comisión Permanente reunirase cantas veces sexa convocada polo decano, o soliciten polo menos dous dos seus compoñentes, ou cando, estando presentes todos os seus membros, así o acorden.

4. A Comisión Permanente entenderá dos asuntos que lle sexan encomendados pola Xunta de Goberno, así como aqueles que sexan de notoria urxencia, dando conta do actuado a esta, na reunión inmediata posterior.

5. Os acordos adoptaranse por maioría dos asistentes e, no caso de empate, decidirá o voto de calidade do decano.

Artigo 26. Decano

1. Corresponde ao decano a presidencia e representación oficial do Colexio en todas as súas relacións coas autoridades, administracións públicas, tribunais de xustiza, entidades e persoas físicas, sen prexuízo que en casos concretos poda tamén a Xunta de Goberno, no nome do Colexio, encomendar as ditas funcións a determinados colexiados ou comisións constituídas para o efecto.

2. O decano presidirá as reunións da Xunta Xeral, Xunta de Goberno, Comisión Permanente, e, todas as comisións ás cales asista, nas cales dirixirá as deliberacións. Así mesmo, correspóndelle a execución e cumprimento dos acordos da Xunta Xeral e Xunta de Goberno, así como a execución dos acordos co Consello Xeral.

3. Consideraráselle investido de facultades para requirir dos que sexan denunciados que cesen na súa actuación e instruír o oportuno expediente de comprobación, terminado o cal e comprobada a denuncia, a Xunta de Goberno, no nome do Colexio, emprenderá as actuacións legais que correspondan.

4. No caso de ausencia ou enfermidade será substituído polo decano accidental, designado polo propio decano, entre os compoñentes da Xunta de Goberno e, na falta de ambos, polo membro da Xunta de Goberno de mais antigüidade no cargo.

5. O decano poderá propoñer á Xunta de Goberno a designación provisional de membros para cubrir as vacantes producidas, ata que se realice a elección correspondente.

6. O decano poderá autorizar as contas correntes bancarias e ordenar as imposicións que se realicen e os talóns ou cheques para retirar cantidades, así como outras formas de pagamento das cantidades que corresponda satisfacer polo Colexio.

7. Exercerá cantas outras funcións no estean especialmente atribuídas aos demais compoñentes da Xunta de Goberno.

Artigo 27. Secretario

1. Corresponde ao secretario do Colexio:

1ª. Preparar a relación de asuntos que servirá ao decano para determinar a orde do día de cada convocatoria.

2ª. Redactar as actas das reunións das xuntas, Xeral e de Goberno, así como da Comisión Permanente.

3ª. Expedir as certificacións de oficio ou por instancia de parte interesada.

4ª. Expedir e tramitar comunicacións e documentos, dando conta deles ao decano.

5ª. Exercer a xefatura do persoal necesario para a realización das tarefas colexiais.

6ª. Velar polo cumprimento das decisións do decano, os acordos das xuntas, Xeral e de Goberno, e da Comisión Permanente.

7ª. Visar os traballos profesionais, de acordo co estipulado na lexislación vixente.

8ª. Levar os libros de actas das reunións e levar o control dos visados.

9ª. Convocar, por orde do decano, as reunións das xuntas xerais e de Goberno, así como da Comisión Permanente.

10ª. Redactar e organizar todo tipo de comunicacións da Xunta Xeral e de Goberno, así como da Comisión Permanente.

11ª. Manter actualizada a relación de colexiados.

12ª. Ordenar, en ausencia do decano, os pagamentos previamente autorizados.

2. Nos casos de ausencia ou enfermidade ou impedimento de calquera clase, será substituído polo membro da Xunta de Goberno de máis recente colexiación.

3. No desenvolvemento das súas funcións poderá estar auxiliado polo secretario técnico e, de ser o caso, polo persoal adscrito aos servizos administrativos do Colexio.

Artigo 28. interventor

Corresponde ao interventor do Colexio:

1. Preparar os proxectos de orzamentos, estado de contas e balances.

2. Intervir as actividades económicas do Colexio.

3. Fiscalizar a xestión económica, inspección e control regular da contabilidade do Colexio.

4. Autorizar os talóns ou cheques e outras formas de pagamento das cantidades que corresponda satisfacer ao Colexio, e, no caso de ausencia do decano, ordenar os ditos pagamentos.

5. No desenvolvemento das súas funcións poderá estar auxiliado polo secretario técnico e, de ser o caso, polo persoal adscrito aos servizos administrativos do Colexio.

Artigo 29. Vogais e delegados provinciais

a) Os vogais que forman parte da Xunta de Goberno teñen as seguintes funcións:

1. A xestión dos asuntos que lle sexan encomendados, polo decano ou pola Xunta de Goberno.

2. Formar parte das comisións que se constituían segundo o establecido no artigo 25.

3. Substituír o decano ou o secretario, segundo se dispón nos artigos 26 e 27, destes estatutos.

b) Pola súa parte, aos delegados provinciais corresponden as seguintes funcións:

1. Representar o decano por expresa delegación deste.

2. A xestión daqueles asuntos que no ámbito provincial lle sexan encomendados pola Xunta de Goberno.

3. Velar polo cumprimento das funcións corporativas e dos presentes estatutos.

4. Como membro da Xunta de Goberno, servirá de enlace entre esta e os colexiados da súa provincia e informará a dita Xunta da problemática profesional e colexial da súa demarcación.

Artigo 30. Secretario técnico

1. O secretario técnico do Colexio é un cargo profesional e de xestión, que deberá ser desempeñado obrigatoriamente por un enxeñeiro agrónomo colexiado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia; será seleccionado e nomeado pola Xunta de Goberno.

2. Corresponden ao secretario técnico as seguintes funcións:

1ª. Substituír o secretario nas funcións que lle sexan encomendadas, no caso de ausencia ou enfermidade, asumindo as funcións que, por delegación e por escrito lle delegue o secretario.

2ª. Exercer a organización material dos servizos administrativos e técnicos do Colexio.

3ª. Realizar todas aquelas funcións que lle sexan encomendadas polo decano ou o secretario.

4ª. Asistir ás reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto, sempre que sexa convocado.

5ª. Propoñer os gastos que se van efectuar na execución do orzamento, así como autorizar os gastos de escasa transcendencia.

CAPÍTULO VI

Réxime electoral

Artigo 31. Duración dos cargos e sistema electivo

1. A duración de todos os cargos será de 4 anos, sen que exista límite ningún para a reelección.

2. Cada dous anos convocarase eleccións para cubrir, alternativamente, por unha parte os cargos de decano, interventor dous delegados provinciais e un vogal, e, por outra, o cargo de secretario así como os dos delegados provinciais e os vogais restantes.

3. Os cargos de decano, secretario, interventor e vogais serán de libre elección por votación da totalidade dos colexiados de número. Na elección dos delegados correspondentes a cada provincia intervirán exclusivamente os colexiados residentes no seu ámbito territorial.

4. As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno serán cubertas en forma regulamentaria, no prazo máximo de dous meses, podendo ser cubertas de forma provisional pola Xunta de Goberno, que designará os colexiados que deban substituír temporalmente os cesantes por proposta do decano.

Ao cubrirse calquera destes cargos por elección, a duración no cargo alcanzará soamente ata as próximas eleccións, en que, de acordo co calendario de eleccións, tivese que renovarse o cargo.

5. Cando se produzan as vacantes de máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno, esta Xunta deberá convocar inmediatamente eleccións para os cargos vacantes, o cal se fará seguindo os trámites e procedementos establecidos nestes estatutos para o caso de renovación dos cargos da Xunta.

Artigo 32. Condicións para ser elixible

1. Para todos os cargos, o colexiado debe estar ao día das súas obrigacións co Colexio e non incorrer en prohibición ou incapacidade legal o estatutaria.

2. Para ser candidato ao cargo de decano é necesario ter estado colexiado como exercente de forma ininterrompida como mínimo durante os últimos cinco años.

3. Para ser candidato aos cargos de secretario e interventor é necesario ter estado colexiado como exercente de forma ininterrompida como mínimo durante os últimos tres anos. Para delegados provinciais e vogais terá que levar pertencendo ao Colexio durante dous años.

Artigo 33. Convocatoria

1. A convocatoria de eleccións realizarase por acordo da Xunta de Goberno; o secretario dirixirá unha circular a todos os colexiados informando dos cargos para os que se convoca o proceso electoral, establecendo un prazo mínimo de vinte días naturais para a presentación de candidaturas, contados desde o día seguinte ao da notificación. Na mesma circular informarase sobre as condicións para o desenvolvemento das eleccións e incluirase o calendario electoral.

2. Ao formular a convocatoria de eleccións, a Xunta de Goberno designará a Mesa electoral.

Artigo 34. Mesa electoral

1. Designada pola Xunta de Goberno, a mesa electoral terá como misión levar a termo todo o proceso electoral, vixiando o exacto cumprimento dos prazos previstos, resolver os recursos que se presenten e subscribir as actas.

2. Estará constituída como mínimo por tres colexiados, que non serán candidatos á elección, dos que polo menos un deberá ser membro da Xunta de Goberno, salvo que todos os seus compoñentes sexan candidatos. Presidirá a mesa o membro da Xunta de Goberno, noutro caso, o colexiado máis antigo entre os designados. De cada un dos compoñentes da mesa electoral designarase o correspondente suplente.

3. A mesa electoral constituirase no prazo de sete días naturais, desde a data de designación pola Xunta de Goberno.

Artigo 35. Admisión de candidaturas

Calquera colexiado que reúna as condicións de elixibilidade establecidas no artigo 32 poderá presentar por escrito a súa candidatura aos cargos de decano, secretario, interventor e vogal, con indicación do cargo concreto.

A candidatura será admitida pola mesa electoral, sempre que o colexiado sexa proposto polo número de colexiados que despois se indica, facendo manifestación expresa da súa aceptación do cargo para o caso de resultar elixido.

a) Para a admisión da candidatura de decano, requirirase ser proposto por un número non inferior a vinte colexiados ou o 20 por cento cando o colexio no chegue á cifra de cen colexiados.

b) Para a admisión da candidatura de secretario e interventor requírese ter sido proposto polo menos por dez colexiados ou o 10 por cento cando o colexio no chegue á cifra de cen colexiados.

c) Para a admisión da candidatura de vogal e delegado provincial requírese ter sido proposto polo menos por cinco colexiados, sempre que, con respecto a este último cargo, os colexiados propoñentes residan na provincia correspondente.

Artigo 36. Proclamación de candidatos

1. No día e hora establecidos como prazo límite para a presentación das candidaturas, a mesa electoral, despois de comprobar as solicitudes presentadas, aprobará a relación de candidatos que reúnen as condiciones de elixibilidade, levantando acta en que se farán constar motivadamente, se procede, os fundamentos de exclusión das candidaturas non admitidas.

2. No momento en que sexa adoptada a resolución de admisión de candidaturas pola mesa electoral, expoñerase no taboleiro de anuncios do Colexio e comunicarase a cada un dos solicitantes, quen disporá dun prazo de corenta e oito horas para a presentación de alegacións ante a mesa electoral. Se se presentan alegacións, a mesa electoral resolverá nun prazo máximo de corenta e oito horas.

3. A lista definitiva coa relación de candidatos será remitida a todos os colexiados, confirmando as condicións do seu desenvolvemento, a data e o horario en que terá lugar a votación, que non será antes de transcorridos quince días naturais desde a proclamación de candidatos. A propaganda electoral, que poderá iniciarse unha vez proclamados os candidatos, cesará vinte e catro horas antes do día sinalado para a votación.

4. Cada candidato poderá designar un colexiado, como representante ante a mesa electoral, que terá dereito a asistir aos actos electorais e formular, de ser o caso, as observacións e reclamacións que procedan.

5. Se para ocupar algún dos cargos vacantes non se presenta máis que un só candidato, farase a súa designación directamente, sen necesidade de votación nin escrutinio.

Artigo 37. Desenvolvemento da votación

1. A elección dos membros da Xunta de Goberno efectuarase por votación libre, directa, igual e secreta, na cal poderán participar todos os colexiados, no día e no horario sinalado no calendario electoral e en presencia da mesa electoral. Para a votación utilizaranse as papeletas e sobres facilitados polo Colexio.

2. Os colexiados poderán votar persoalmente, logo de identificación, entregando as papeletas á mesa electoral, para que na súa presencia sexan introducidas na urna prevista para o efecto.

3. Aqueles colexiados que non depositen o voto persoalmente o día da votación, poderán facelo chegar anticipadamente por calquera medio á Secretaría do Colexio. O procedemento para garantir a fiabilidade e o segredo dos votos emitidos por este sistema será regulado pola mesa electoral. Todos os sobres remitidos para a votación deberán ter entrada no Colexio antes de iniciarse o acto electoral e serán custodiados, garantindo o secreto, pola propia mesa electoral.

4. Cando o Colexio teña os medios necesarios, a votación poderase facer por voto telemático.

Artigo 38. Escrutinio

1. Levarase a cabo publicamente ao finalizar o período de votación. Serán nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren nas candidaturas aprobadas, as papeletas que conteñan frases ou expresións distintas do nome e cargo do candidato proposto, ou as que, a xuízo da mesa electoral, resulten ilexibles ou infundan dubidas xustificadas do nome do candidato votado.

2. O desenvolvemento da votación e o resultado do escrutinio quedarán reflectidos na acta correspondente que, despois da sinatura polos membros da mesa electoral, se fará pública de forma inmediata á finalización do escrutinio.

3. Os candidatos disporán dun prazo de sete días para a presentación de alegacións ante a mesa electoral, sobre o desenvolvemento das eleccións. Se se presentaran alegacións, a mesa electoral resolverá nun prazo máximo de corenta e oito horas.

Artigo 39. Toma de posesión

1. Os colexiados que fosen elixidos tomarán posesión do cargo na primeira reunión da Xunta de Goberno posterior á Xunta Xeral do último semestre, seguindo en funcións os cesantes ata ese día.

2. Os nomeamentos serán comunicados ao Rexistro de Colexios Profesionais de Galicia e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeneiros Agrónomos de España.

CAPÍTULO VII

Réxime de honras, premios e distincións

Artigo 40. Colexiados de honra

O título de «Colexiado de honra» poderá outorgarse á persoa que rendese servizos destacados ao Colexio ou á profesión, sexa ou non enxeñeiro agrónomo, mediante proposta razoada da Xunta de Goberno elevada á Xunta Xeral que, de ser o caso, deberá aprobala por maioría.

O título de colexiado de honra confire ás persoas que o obtivesen, o dereito de pertencer ao Colexio, sen estar obrigado a pagar os dereitos de incorporación nin as cotas periódicas. Non confire, polo contrario, o dereito a voto nin o de presentarse aos cargos electos da Xunta de Goberno. Así mesmo, poderá asistir ás xuntas xerais, pero non terá dereito de voto nelas.

Artigo 41. Premios e distincións

A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, poderá regular a concesión de premios e distincións, tanto entre os enxeñeiros agrónomos colexiados como a outras persoas que reúnan os méritos o calidades regulamentadas.

CAPÍTULO VIII

Réxime xurídico dos actos corporativos

Artigo 42. Actas

1. De cada sesión das xuntas, Xeral e de Goberno, levantarase acta en que se fará constar lugar, data e horas en que comeza e termina, nome e apelidos dos asistentes, os puntos principais de deliberación, forma e resultado das votacións e o contido dos acordos adoptados.

2. As actas poderanse aprobar ao finalizar cada sesión, na reunión seguinte do mesmo órgano ou mediante a designación dos interventores en cada sesión, con facultades para levar a cabo a aprobación delas nun prazo non superior a quince días hábiles seguintes á súa celebración.

3. As actas serán asinadas, en todas as súas follas, polo secretario, co visto e prace do decano; posteriormente, serán debidamente arquivadas, con rexistro no libro correspondente, custodiado polo secretario.

4. Os acordos de execución urxente deberán redactarse ao final da reunión en que se tomen, ser sometidos á Xunta para que unha vez aprobada a redacción sexa certificada polo secretario, co visto e prace do decano, para que a resolución poida ser executada. A redacción aprobada será trasladada á acta.

Artigo 43. Réxime xurídico

1. O réxime xurídico dos actos e resolucións do Colexio, prazos, e recursos contra eles será o previsto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia; será, así mesmo, supletoria na súa aplicación a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

2. Os actos e disposicións dos colexios suxeitos ao dereito administrativo serán impugnables directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, unha vez esgotados os recursos corporativos.

3. Os acordos e resolucións dos órganos colexiais, excepto os adoptados pola Asemblea Xeral, Xunta Xeral de colexiados ou órgano equivalente, e a Xunta de Goberno, son recorribles en alzada ante a Xunta de Goberno.

4. As resolucións dos recursos corporativos e os acordos e resolucións da Asemblea Xeral, Xunta Xeral de colexiados ou órgano equivalente, e da Xunta de Goberno serán recorribles en alzada ante o Consello Xeral, ao non esgotar a vía corporativa. Os ditados por órganos do Consello Xeral que poñan fin á vía corporativa poderán ser recorridos potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa.

5. A interposición e resolución dos recursos, así como os seus prazos, rexeranse polo disposto na lexislación sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. No exercicio de súas funcións privadas e no relativo ao patrimonio, o Colexio queda sometido ao dereito privado. Tamén quedan incluídos neste ámbito os aspectos relativos á contratación e relacións con seu persoal, que se rexerá pola lexislación laboral.

CAPÍTULO IX

Réxime disciplinario

Artigo 44. Ámbito da función disciplinaria

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia sancionará disciplinariamente as accións ou omisións dos seus colexiados e, de ser o caso, das sociedades profesionais que vulneren as disposicións reguladoras da profesión, os seus estatutos, normas de deontoloxía profesional e demais normas e regulamentos profesionais.

Artigo 45. Competencia

1. O exercicio da potestade disciplinaria corresponderá no Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, á Xunta de Goberno.

2. Corresponde ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeneiros Agrónomos o exercicio da potestade disciplinaria por infraccións cometidas ademais de polos seus propios membros, polas cometidas polos órganos de goberno do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, cando esta competencia non estea atribuída pola lexislación autonómica a outra instancia colexial.

3. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, no marco das obrigacións de asistencia recíproca que demanda a Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo do Consello, do 12 de decembro de 2006, e nos termos previstos no seu artigo 28, atenderá as solicitudes de información e as peticións de inspección ou investigación que lle insten motivadamente as autoridades competentes.

Artigo 46. Infraccións

1. As infraccións clasificaranse en leves, graves ou moi graves.

2. Son infraccións leves:

a) A falta de consideración ou menosprezo aos colexiados.

b) A desconsideración non ofensiva cara os membros da Xunta de Goberno.

c) O incumprimento dos deberes colexiais e profesionais regulados nos estatutos, no Regulamento de réxime interior e nas normas deontolóxicas, sempre e cando non sexan infraccións graves ou moi graves.

3. Son infraccións graves:

a) O incumprimento dos deberes colexiais e profesionais regulados nos estatutos, no Regulamento de réxime interior e nas normas deontolóxicas, cando diso resulte un prexuízo para o Colexio, para outros colexiados ou para as persoas destinatarias do servizo.

b) A realización de traballos profesionais con omisión do visado colexial no suposto de que este sexa esixible de acordo co disposto nos artigos 9 e 10 quinquies da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e nos artigos 5.q) e 13 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, ou a imposición de visar os traballos colexiais aos clientes cando non sexa legalmente exixible.

c) A realización de actos de competencia desleal no exercicio da profesión, cando fosen apreciados por órgano xudicial en sentenza firme.

d) O falseamento ou inexactitude grave da documentación profesional.

e) Os actos de desconsideración ofensiva cara os compoñentes da Xunta de Goberno e cara os demais colexiados.

f) A realización de actividades profesionais incompatibles por razón do cargo ou función desempeñada, ou en asociación ou colaboración con quen estean afectados pola situación de incompatibilidade, cando o coñecese.

g) A realización de actuacións profesionais ocasionando un prexuízo aos intereses dos consumidores e usuarios ou á profesión ou a comisión de delitos dolosos, en calquera grado de participación, cuxa execución fose realizada valéndose da súa condición profesional, logo de pronunciamento xudicial firme.

h) A falta de atención ou de dilixencia no desempeño dos cargos colexiais, ou o incumprimento dos deberes correspondentes ao cargo.

i) O incumprimento ou desatención reiterada dos requirimentos dos órganos colexiais ou das sancións impostas por infraccións disciplinarias, unha vez que sexan exixibles.

j) A falta de subscrición dun seguro de responsabilidade civil ou outra garantía equivalente, cando iso veña exixido pola lei.

k) A vulneración do segredo profesional, por culpa ou neglixencia, con prexuízo para terceiros.

l) A vulneración da obrigación de poñer á disposición dos usuarios toda a información exixida no artigo 22.2 da Lei 17/2009, do 23 de novembro.

m) Ter sido sancionado en tres ocasións por infraccións leves no prazo de cinco anos.

n) Ocasionar danos que supoñan un prexuízo económico grave para o patrimonio do Consello Xeral ou os colexios, dos seus órganos reitores ou dos colexiados, así como ocasionarlles danos que afecten gravemente a súa imaxe e bo nome.

ñ) A falta de comunicación ao Rexistro Mercantil ou ao Colexio da constitución dunha sociedade profesional ou das modificacións posteriores de socios, administradores ou do contrato social.

o) O incumprimento das previsións legais en relación cos requisitos de capital, composición de órganos de administración, e representación das sociedades profesionais, xa sexa mediante acordos públicos xa sexa mediante acordos privados ou actuacións concertadas entre os socios.

4. Son infraccións moi graves:

a) O encubrimento da intrusión profesional, ou a colaboración na realización de actividades propias da profesión por quen non reúna a debida aptitude legal para iso, cando as ditas conductas fose previamente apreciadas por sentenza firme.

b) As actuacións profesionais constitutivas de delito apreciadas por sentenza xudicial firme, con independencia da responsabilidade penal ou civil que puidese exixírselle.

c) A emisión de facturas ou minutas por conceptos inexistentes ou por actuacións profesionais non realizadas.

d) A práctica profesional baixo os efectos de drogas, alcohol ou calquera sustancia que afecte gravemente a aptitude física ou psíquica requirida para o desempeño da súa función.

f) A reiteración no incumprimento dos deberes colexiais e profesionais regulados nos estatutos, no Regulamento de réxime interior e nas normas deontolóxicas, cando diso resulte un prexuízo para o Colexio, para outros colexiados ou para as persoas destinatarias do servizo.

g) Ter sido sancionado pola comisión de, polo menos, dous infraccións graves no prazo de dous anos.

Artigo 47. Sancións

1. Poderán imporse as seguintes sancións disciplinarias para os colexiados persoas físicas:

1ª. Apercibimento por oficio.

2ª. Multa de ata 300 €.

3ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo de ata seis meses.

4ª. Multa desde 301 a 6.000 €.

5ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo entre seis meses e un día e un ano.

6ª. Multa desde 6.001 a 12.000 €.

7ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo entre un ano e un día e dous anos.

8ª. Expulsión do Colexio.

2. Poderán imporse as seguintes sanciones disciplinarias para os colexiados sociedades profesionais:

1ª. Apercibimento por oficio.

2ª. Multa de ata 300 €.

3ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo de ata seis meses, o que comportará simultaneamente a baixa da sociedade no Rexistro de Sociedades Profesionais polo mesmo período da súa duración.

4ª. Multa desde 301 a 6.000 €.

5ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo entre seis meses e un día e un ano, o que comportará simultaneamente a baixa da sociedade no Rexistro de Sociedades Profesionais polo mesmo período da súa duración.

6ª. Multa desde 6.001 a 12.000 €.

7ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo entre un ano e un día e dous anos, o que comportará simultaneamente a baixa da sociedade no Rexistro de Sociedades Profesionais polo mesmo período da súa duración.

8ª. Perda da condición de colexiado e, consecuente, baixa definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais con prohibición de exercicio profesional, sen prexuízo da posibilidade de solicitar a readmisión nos termos previstos no artigo 18.3 c).

Artigo 48. Correspondencia entre infraccións e sancións

1. Ás infraccións leves corresponderanlles as sancións 1ª e 2ª descritas no punto primeiro e segundo, respectivamente, do artigo anterior; ás graves, as sancións 3ª, 4ª, e 5ª, e ás moi graves, as sancións 6ª, 7ª e 8ª.

2. Na a aplicación das sancións teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) Grao de culpa.

b) Beneficio económico obtido polo infractor.

c) Desobediencia reiterada a acordos ou requirimentos colexiais.

d) Intensidade do dano ou prexuízo causado.

e) Estar no exercicio de cargo público ou colexial ao cometer a infracción, cando prevaleza esta condición.

f) Incorrer en conflito de intereses.

g) Ter sido sancionado anteriormente por resolución colexial firme non cancelada, a causa dunha infracción grave.

3. Con carácter xeral, as sanciones graduaranse en función das circunstancias que concorran en cada caso e axustaranse aos principios xerais da potestade sancionadora recollidos na lexislación de réxime xurídico do sector público.

Artigo 49. Eficacia e execución das sancións. Comunicación autoridades competentes

1. As sancións 3ª a 8ª implican accesoriamente a suspensión dos dereitos electorais polo mesmo período da súa duración, así como, de ser o caso, o cesamento nos cargos colexiais que se exercesen.

2. De todas as sancións, excepto da 1ª, así como da súa cancelación, deixarase constancia no expediente colexial do interesado e darase conta ao Consello Xeral.

3. O Consello Xeral, no marco das obrigacións de asistencia recíproca que impón o artigo 9.v) da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e o artigo 5.u) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, comunicará ás autoridades competentes dos Estados membros que o soliciten motivadamente as sancións firmes impostas polos colexios de enxeñeiros agrónomos a os seus colexiados.

4. As sancións impostas polo Colexio en que se exerza a actividade profesional terán efectos en todo o territorio nacional.

5. As sancións que se impuxeren ás sociedades profesionais consistentes na baixa temporal ou na exclusión definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais serán comunicadas ao Ministerio de Xustiza e ao Rexistro Mercantil en que a sociedade sancionada estivese inscrita.

Artigo 50. Extinción da responsabilidade disciplinaria

1. A responsabilidade disciplinaria extinguirase polo cumprimento da sanción, o falecemento do infractor, a prescrición da infracción ou a prescrición da sanción.

2. As infraccións leves prescribirán ao ano, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.

3. As sancións impostas por infraccións leves prescribirán ao ano, as correspondentes a infraccións graves aos dous anos e as impostas por infraccións moi graves aos tres anos.

4. Os prazos de prescrición das infraccións comezarán a contar desde o día da comisión da infracción e os das sancións desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza en vía corporativa a resolución sancionadora.

5. A prescrición das infraccións interromperase por calquera actuación colexial, expresa e manifesta, dirixida a investigar a presunta infracción co coñecemento do interesado. A realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción con coñecemento do interesado interromperá o prazo da súa prescrición. En todo caso, reiniciarase o prazo se o expediente sancionador estivese paralizado durante más dun mes por causa non imputable ao presunto responsable ou infractor.

6. As sancións cancelaranse de oficio ao ano se a infracción é leve, aos dous anos é fóra grave e aos tres anos se é moi grave. Os prazos anteriores contaranse a partir do cumprimento efectivo da sanción. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador a todos os efectos, incluíndo o da reincidencia. Se a cancelación polo Colexio non se practicase, o interesado poderá instala e o Colexio deberá proceder de inmediato. En todo caso, as sancións non canceladas de oficio, transcorridos os correspondentes prazos, carecerán de efectos.

Artigo 51. Procedemento disciplinario

Non poderán impoñerse sancións disciplinarias se non é en virtude de expediente instruído para o efecto, logo de audiencia do interesado.

1. O procedemento disciplinario iniciarase de oficio polo órgano titular da función disciplinaria, por propia iniciativa, por petición razoada do decano ou por denuncia asinada por un colexiado ou un terceiro con interese lexítimo, en que deberán indicarse as infraccións presuntamente cometidas. Cando medie denuncia de calquera outra persoa, disporase a apertura dun trámite de información previa, practicado este ordenarase o arquivamento das actuacións ou a incoación dun expediente disciplinario. O órgano titular da función disciplinaria será a Xunta de Goberno ou a Xunta de decanos, segundo corresponda.

2. O acordo de iniciación do expediente disciplinario deberá recoller a identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables, os feitos sucintamente expostos que motivan a incoación do expediente, a súa posible cualificación e as sancións que puidesen corresponder, sen prexuízo do que resulte da instrución, así como a indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento e dos prazos para o seu exercicio. O acordo notificarase aos interesados.

3. O órgano titular da función disciplinaria designará un órgano instrutor, diferente daquel, que se encargará da instrución do expediente disciplinario. Tras as oportunas dilixencias indagatorias, o instrutor propoñerá o sobresemento do expediente se non encontra indicios de ilícito disciplinario ou formulará prego de cargos, no caso contrario. A resolución que declare o sobresemento do expediente disciplinario será inmediatamente notificada aos interesados. O expedientado poderá recusar o instrutor no prazo de sete días.

4. No prego de cargos indicarase, con precisión, claridade e debidamente motivados, os actos profesionais ou colexiais que se presumen ilícitos, a cualificación do tipo de infracción en que incorre aquela conducta e a sanción a que, de ser o caso, poida ser acredora.

5. Concederase ao interesado un prazo de quince días hábiles para que conteste por escrito e formule o oportuno prego de descargos, achegue documentos e informacións, propoña as probas que xulgue oportunas e concrete os medios que considere convenientes para a súa defensa. Poderán utilizarse todos os medios de proba admisibles en dereito. O instrutor practicará as que xulgue pertinentes entre as propostas ou as que el poida acordar. Das audiencias e probas practicadas deixarase constancia escrita no expediente.

6. O instrutor formulará unha proposta de resolución, que fixará con precisión os feitos imputados ao expedientado, indicará a infracción ou infraccións cometidas e as sancións que correspondan. Desta proposta darase traslado ao interesado, ao que se concederá novo trámite de audiencia por prazo de quince días hábiles para que poida alegar canto estime oportuno ou conveniente ao seu dereito.

7. Concluída a instrución do expediente disciplinario, o instrutor dará conta da súa actuación e remitirá a proposta de resolución, xunto con todos os documentos, testemuñas, actuacións, actos, notificacións e demais dilixencias que se realizasen no procedemento, ao órgano titular da función disciplinaria para que este acorde a resolución que xulgue conveniente. Na adopción da correspondente resolución deberá absterse calquera membro que, de ser o caso, participase na fase instrutora.

O órgano encargado de resolver, antes de ditar resolución, poderá devolver ao instrutor o expediente mediante acordo motivado para a práctica das dilixencias que sexan imprescindibles para a adopción da resolución.

8. A resolución será motivada e decidirá todas as cuestións formuladas e aquelas outras derivadas do procedemento. Non poderá versar sobre feitos distintos dos que serviron de base á proposta de resolución. Na notificación da resolución indicarase o recurso que proceda contra ela, o órgano competente para a súa resolución e o prazo para a súa interposición.

9. O prazo máximo para resolver e notificar será de seis meses.

10. Os acordos sancionadores serán executivos cando poñan fin á vía corporativa. Non obstante, no caso de que a dita execución puidese causar prexuízos de imposible ou difícil reparación, o órgano sancionador poderá acordar motivadamente e de oficio ou por instancia de parte a suspensión da execución do acto impugnado.

11. En todo o non regulado no presente artigo aplicaranse as leis 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

CAPÍTULO X

Disolución do colexio

Artigo 52. Causas de disolución

Son causas de disolución:

a) A perda dos requisitos legais necesarios para que a profesión teña carácter colexial.

b) A baixa das persoas colexiadas, se o número dos colexiados queda reducido a un número inferior ao das persoas necesarias para prover todos os cargos da Xunta de Goberno.

c) A fusión mediante a constitución dun novo colexio profesional ou a absorción por outro colexio.

d) A escisión por división.

e) O acordo da Xunta Xeral, que deberá ser expresamente convocada para esta finalidade.

Artigo 53. Procedemento de disolución e réxime de liquidación

1. No caso de acordarse a disolución, designarase unha Comisión Liquidadora, composta por un número impar de membros, que actuará con plenos poderes. Os liquidadores terán as funcións seguintes:

a) Velar pola integridade do patrimonio do Colexio e levar as contas.

b) Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas operacións que sexan necesarias para a liquidación.

c) Cobrar os créditos do Colexio.

d) Liquidar o patrimonio e pagar as débedas.

e) Aplicar os bens sobrantes da liquidación ás finalidades estatutariamente establecidas.

f) Solicitar a cancelación dos asentos no Rexistro de Colexios Profesionais.

2. Unha vez realizada a liquidación, a cantidade sobrante que resulte será destinada á realización de actividades análogas en interese doutras entidades sen ánimo de lucro, con finalidades similares ás do Colexio. O que se dispuxo anteriormente non será aplicable ás achegas condicionais, que se rexerán polo seu réxime propio.

3. A disolución do Colexio requirirá un decreto da Xunta, o cal deberá establecer, segundo o previsto no presente artigo, o procedemento para a liquidación do patrimonio, o nomeamento da Comisión Liquidadora o destino do remanente, todo de acordo cos presentes estatutos e a lei.